María Alonso Seisdedos, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución na súa vixésima edición

María Alonso Seisdedos, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución na súa vixésima edición

A obra premiada é unha tradución do catalán: Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá

Reuniuse o 2 de setembro en Cambados o xurado da XXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución, integrado por D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), Dª. Beatriz Fariñas (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), D. Ramón Caride Ogando (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), D. Alberte Álvarez Lugrís (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.

Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgar o premio Plácido Castro 2021 á tradutora María Alonso Seisdedos pola obra Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá.

O xurado salientou o valor da novela, de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión. Así mesmo, destaca que logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal.

Con 44 traducións literarias dende 1980 ata a actualidade, María Alonso Seisdedos traduce do inglés, alemán, castelán e catalán. Tivo o Premio Nacional á mellor tradución de 2014 e tamén o Premio Xela Arias.

SINOPSE DA OBRA: Co eco da tradición, da memoria e da natureza, unha fermosa novela coral ambientada no Pirineo catalán e distinguida, entre outros recoñecementos, como Mellor Libro Europeo de 2020.

O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio”  deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica, de 2.000 euros, é procurada pola empresa Lugar da Santiña, baixo a xerencia de Paco Feixó.

Este Premio tense consagrado como un referente no sistema literario galego. Na edición de 2020 resultou gañador Laureano Araujo e na nómina de premiados en edicións anteriores figuran persoeiros como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto ou Antía Veres.

A cerimonia de entrega do premio terá lugar o próximo 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no concello de Vilagarcía.

 

Arquivos anexos a descargar: