“Na tradución literaria galega existe plena normalización”, entrevista con Eva Almazán

“Na tradución literaria galega existe plena normalización”, entrevista con Eva Almazán

Eva Almazán gañou o Premio Plácido Castro de Tradución 2022 pola obra O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking, de Joan Didion. Nesta breve entrevista reflexiona sobre as dificultades do seu labor, os pormenores do oficio e a situación da tradución en Galicia.

Que te levou a traducir esta obra?

Foi unha encarga da editorial, Rinoceronte Editora. Eles pensaron en min para traducir O ano do pensamento máxico, cousa que lles agradecín no seu momento e lles agradezo agora, e eu incluín o proxecto no meu calendario de traballo. Esta explicación soa moi prosaica e quizais pouco interesante, pero ten bastante máis valor do que poida parecer, porque confirma que o sistema editorial galego xa funciona definitivamente coma calquera outro: as editoras deseñan os seus catálogos e recorren ós profesionais (no meu caso da tradución, mais tamén da revisión, da maquetación, etc.) para materializalos. Noutras palabras, revela que na tradución literaria galega existe plena normalización.

Que dificultades tiveches?

A dificultade máis aparente é sen dúbida a inclusión de tipos textuais e discursivos moi diferentes dentro do libro. Didion insire na súa narración desde fragmentos de informes médicos ata citas literarias moi diversas, pasando por extractos do canon freudiano ou dun vello manual de urbanidade. Cada un deses insertos presenta convencións lingüísticas e léxicas específicas que cómpre reproducir fielmente, o que na práctica significa facer moitas traducións pequeniñas dentro dunha grande. Porén, debo dicir que esta dificultade evidente foi para min un dos aspectos máis gratificantes do labor de tradución. Se o proceso de traducir xa é de seu unha especie de viaxe fascinante por distintos mundos lingüísticos e discursivos, “viaxar” dentro do mesmo libro é un regalo extra.

A verdadeira dificultade de traducir esta obra é outra moito menos obvia, que vén sendo o estilo característico de Didion: a falsa naturalidade da súa prosa depurada. Desde o punto de vista técnico, aínda que non o pareza, é bastante máis fácil reproducir un parágrafo dun manual de neuroloxía, por exemplo, ca articular un discurso “sinxelo”, pero que por detrás leva unha armazón de eleccións léxicas, sintácticas e prosódicas medidas ó milímetro e destiladas ata o extremo. O que menos se nota (ou o que menos debería notarse, vaia) é xustamente o que máis traballo deu.

Que importancia ten na túa traxectoria como tradutora?

Se algo descubrín nos vinte e cinco anos que levo na profesión é que todos os traballos son importantes. Para empezar, porque todos os procesos de tradución deixan pouso e son unha aprendizaxe. Para seguir, porque calquera texto merece unha boa tradución, sexa un título excelso do canon universal ou un produto comercial de calidade literaria sospeitosa. Porén, e como tampouco é cuestión de caer na inxenuidade, é evidente que os tradutores “absorbemos” o prestixio dos autores. Perante dúas traducións de igual calidade, non hai dúbida de que a maior prestixio do autor orixinal, maior prestixio da tradutora. Falamos de cuestións extratextuais que non teñen que ver co labor técnico en si, pero que revisten grande importancia á hora de armar un currículo. Nese senso, é indubidable que traducir a obra dunha autora tan eminente come é Joan Didion é unha experiencia profesional salientable.

Ademais de todo anterior, que a miña tradución d’O ano do pensamento máxico reciba o premio Plácido Castro é importantísimo para min tanto no aspecto profesional coma no persoal. Significa pasar a formar parte dunha nómina de premiados en que figuran tradutores que foron os meus profesores, que sempre mereceron a miña admiración ou que son os meus amigos, nalgúns casos as tres cousas simultaneamente. Recibir o premio foi unha inmensa sorpresa, e incluílo no meu currículo ha ser un inmenso honor.

Como valoras a situación actual da tradución en Galicia?

A situación actual da tradución en Galicia é normal, e uso este adxectivo no sentido sociolingüístico ó que me refería na primeira pregunta: de plena normalización. Cando eu terminei a carreira de Tradución e Interpretación e empecei a traballar, a tradución literaria seguía a ser un exercicio de militancia cultural galeguista, o labor dunha intelligentsia que facía un imprescindible investimento persoal de tempo e esforzo á marxe da súa profesión principal. O panorama actual, en cambio, coincide punto por punto coa definición dun sistema de tradución editorial normalizado: existe un corpo profesional de tradutores (e de editores, de revisores, de correctores, de maquetadores…) que moven a máquina decote, que fan o groso do traballo coma en calquera outro oficio, e ao seu labor súmaselle de cando en vez a contribución preciosa dunha figura sobranceira allea ó gremio: unha escritora que verte outra escritora estranxeira, un biógrafo que traduce a obra do seu biografado… ou un excepcional experto nunha lingua morta que asina unha tradución monumental, como é precisamente o caso do outro premiado nesta edición, o profesor Xosé Antón Parada. Neste senso, o xurado que decidiu outorgarnos o premio ex aequo está dando fe da convivencia harmoniosa e frutífera destas dúas maneiras de exercer a tradución, algo polo que temos que felicitarnos todos.

 

 

Arquivos anexos a descargar: