Unha análise sobre as tendencias liberais de Plácido Castro e a súa significación nas diferentes orientacións que coexistían no seo do Partido Galeguista será o tema central da XXI Conferencia Anual Plácido Castro que se celebrará o vindeiro 24 de Xaneiro en Nigrán. É esta a segunda ocasión en que esta prestixiosa conferencia se desenvolve no Val Miñor. A vez anterior foi en 2008, na veciña vila de Baiona.
A conferencia será impartida por Xosé Luís Pastoriza Rozas e leva por título “Rara avis: Plácido Castro e o liberalismo galeguista”. Natural de Vigo (1977) pero con raíces maternas en O Valado (Bueu) e paternas en Castrillón, parroquia de Coiro (Cangas de Morrazo), Pastoriza é Licenciado en Filosofía e Máster en Desenvolvemento Local pola Universidade de Santiago de Compostela. Msc NGOs and Development pola London School of Economics & Political Science, traballou no sector das ONGD como técnico na Coordinadora Galega de ONGD e na Fundación Entreculturas. Consultor especializado en política pública de cooperación descentralizada, planificación estratéxica e avaliación, actualmente, está contratado como profesor interino no Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC.
No eido do galeguismo, Pastoriza Rozas forma parte do padroado da Fundación Isla Couto e ten traballado no estudo biográfico da familia Isla Couto, especialmente dos irmáns Ramiro e Xaime Isla Couto. A este último está a dedicar a súa Tese de Doutoramento titulada “O pensamento militante de Xaime Isla Couto: galeguismo, humanismo e desenvolvemento” e aparte de diversos artigos, editou a fotobiografía “Xaime Isla Couto: raíz e utopía de Galicia” (Fundación Isla Couto-Editorial Galaxia, 2015).
A Conferencia é unha iniciativa da Fundación Plácido Castro que arredor de cada 25 de xaneiro, coincidindo co natalicio deste autor, quen fora tamén secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista, xornalista, profesor e tradutor, aborda algunha cuestión relacionada coa súa traxectoria ou o seu ideario.
A Fundación, creada en 2001, está constituída polos concellos de Corcubión (onde naceu en 1902), Vilagarcía de Arousa (onde traballou trala súa segunda volta de Londres), e Cambados (onde faleceu en 1967), así como pola Asociación de Tradutores Galegos, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).
Plácido Castro foi unha figura poliédrica que se desenvolveu, principalmente, no campo do xornalismo (dende El Pueblo Gallego á BBC), da tradución (cunha versión excepcional de As Rubaiyat de Omar Kayyam, por exemplo) ou na política (formando parte da dirección do Partido Galeguista dende a súa creación ata 1936). Foi represaliado trala guerra civil e exiliouse en Londres ata 1956.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Nigrán.