“Ninguén pode saír indemne de traducir Rimbaud”, din Tamara Andrés e Oriana Méndez

“Ninguén pode saír indemne de traducir Rimbaud”, din Tamara Andrés e Oriana Méndez

Nesta breve entrevista queremos achegar o punto de vista de Tamara Andrés e Oriana Méndez, gañadoras da XXII edición do Premio Plácido Castro de Tradución, sobre as dificultades do labor tradutor, os pormenores do oficio e a situación da tradución en Galicia.

Traducir poesía é realmente un reto diferencial significativo respecto a outros ámbitos da tradución, non?

É sabido que adoitamos distinguir entre “tradución técnica” ou “tradución xeral” e “tradución literaria”. Temos, pois, unha etiqueta de seu para a literatura dado que este ámbito comporta os seus propios desafíos; numerosos e diversos por ser a literatura a esfera do posible, do incerto, da liberdade, en suma, que un autor desenvolve coa súa voz e co seu estilo. E, dentro do literario, a poesía é, dalgún xeito, un caso extremo pola súa propia natureza: esa forma de linguaxe que vai máis alá de si mesma, que tende a rebordarse con tropos de todo tipo, que aspira a comunicar o incomunicable. “A poesía pon a linguaxe en estado de excepción”, dixo Gaston Bachelard. Efectivamente, xa que logo, traducir poesía implica un reto diferencial e significativo. Tanto máis se falamos de Rimbaud, autor dono dun pensamento profundo de singularidade única, e desta obra, As iluminacións, na que, alén da sensibilidade estética, interfiren tamén a distancia histórica e os referentes culturais. Todo un universo mental rimbaudián no que nos mergullamos para o trasladar á lingua meta, ao galego. Non obstante, esta tradución, como todo acto de comunicación verbal, precisará da interpretación do lector, da lectura que cada quen faga coa súa propia bagaxe, e mesmo contará con zonas ambiguas e sombrizas, pois desconfiamos da utopía da comprensión total dun texto ou da equivalencia perfecta como obxectivo único dunha tradución.

Que vos levou a traducir esta obra en concreto?

Nun momento dado, estaba no horizonte a celebración do Ano Rimbaud, en 2023, por ser o 150 aniversario da publicación de Une saison en enfer, e iso fíxonos pensar que se trataba dunha boa oportunidade para traer, outra volta, o autor ao galego. Produciuse unha coincidencia feliz porque Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, tamén o estaba a pensar e apoiou o proxecto dende o primeiro momento. Os azos que nos deron dende a editora e o seu labor impecable foi fundamental. Velaí está a nota editorial, de Luís Rei, responsable da colección Tambo, que fai un percorrido esclarecedor sobre as traducións de Rimbaud ao galego xa existentes, recoñecéndoas no marco da cultura galega e póndoas en valor. Sen o apoio e o traballo conxunto coa editorial, nada sería posible.

Que dificultades destacariades?

Como mencionamos antes, Rimbaud xa foi vertido ao galego en distintas ocasións e, polo tanto, a nosa tradución tiña que presentar algún avance. Esa foi unha dificultade para a que intentamos procurar unha estratexia xa de partida. Desde o comezo  tiñamos claro que as iluminacións rimbaudianas debían ser reveladas desde unha óptica contemporánea, ao tempo que decidimos asumir a encomenda como unha oportunidade para o xogo e mais para o risco. Quixemos facer dos poemas en francés poemas en galego, con todo o que iso comporta. Ao tempo que deixamos que as nosas lecturas persoais permeasen no texto meta, tiñamos ben presente que a obra que estabamos a traducir forma parte do imaxinario colectivo. En termos xerais, a tarefa consistiu, sobre todo, en procurar un equilibrio, e procuralo en moitos niveis e direccións distintas. Algo que nos ocupou tamén moito foi a sonoridade e a textura do texto en galego.

Que importancia ten na vosa traxectoria como tradutoras?

Pensamos que valorar esa cuestión quizais corresponda máis ao lectorado que a nós mesmas. En todo caso, a persoa que traduce é un vaso comunicante, e no transvase sempre fica certo pouso, que, por suposto, opera a nivel literario, mais tamén a nivel vital. Ninguén pode saír indemne de traducir Rimbaud. A tradución, ao igual que a literatura, excede o meramente lingüístico. Se nos sentimos afortunadas por ser as últimas tradutoras ao galego de Rimbaud, tamén por recibir este premio. Somos plenamente conscientes do seu significando e da súa relevancia. Ademais de nos sentir honradas e felices, esforzarémonos, actualizarémonos e procuraremos mellorar para estar á altura nos vindeiros traballos, como non podería ser doutro xeito.

Como valorades a situación actual da tradución en Galicia?

Esa pregunta ben merecería unha resposta moito máis extensa da que aquí podemos ofrecer. De forma xeral, e restrinxíndonos ao eido literario, poderiamos afirmar que a mellora é notable se comparamos a situación actual coa de hai apenas tres décadas, onde o oficio apenas comezaba a se profesionalizar. Na actualidade contamos cunha asociación ben activa como é a AGPTI, con selos especializados como Hugin e Munin, Irmás Cartoné ou Rinoceronte, ou coa actividade de grandes profesionais nos que ollamos grandes referentes. Tamén é bo síntoma, abofé, que sigan existindo galardóns coma o Plácido Castro. Ao mesmo tempo, as voces alófonas son cada vez máis vizosas, e as importacións conxugan as autorías clásicas coas contemporáneas. No ano 2023, ao tempo que chegaban ás librarías Rimbaud ou T. S. Eliot, no caso da poesía, tamén o facían Anne Carson ou Rebecca Nelson.

Oriana Méndez e Tamara Andrés, setembro de 2024

Arquivos anexos a descargar: