“Semella como se na nosa Terra a convivencia case familiar nos restase a facultade de perspectiva diante dos nosos grandes homes”. Velaí toda unha sentencia de Plácido Castro que deita luz, unha vez mais, sobre o déficit de autoestima dos galegos mais tamén das dificultades para ponderar o alcance dos que van por diante e aos que non prestamos suficiente atención. Pasou onte e pasará sempre.
Cando se celebran os 120 anos do seu nacemento (1902-1967), a frase é aplicable ao propio Plácido, unha figura senlleira lonxe de estar suficientemente considerada pola nosa sociedade e as institucións que a representan. Non é o único, con certeza, pero sen dúbida é un deles. Cantos nestes últimos 20 anos se teñen achegado á súa figura sen apriorismos nin sectarismos coinciden neste aserto e louvan a súa condición de rara avis.
Fondamente comprometido co seu país, Castro achegou ao galeguismo unha visión propia, ben diferenciada dos seus coetáneos en moitos aspectos, froito dunha sólida formación cultural e política, adquirida baixo o amparo do elitismo educativo británico de comezos do século XX. A importante fortuna familiar, que ben podería levarnos a cualificalo de o único realmente “burgués” nun movemento de extracción basicamente de clase media e pequeno burguesa, nunca foi un impedimento. Liberaldemócrata e progresista, é perceptible nel un fondo substrato de simpatía cun modelo social capaz de prover xustiza aos máis febles.
Se aquela bagaxe económica familiar foi progresivamente liquidada trala guerra, ou a expectativa política pola que o dera todo resultara coutada pola ditadura, a cultural, sen embargo, experimentou na posguerra un desenvolvemento de excelencia que solidificou principalmente nas súas traducións. Só por estas merecería un profundo recoñecemento que aínda, incomprensiblemente, se resiste.
Plácido formou parte do núcleo duro do Partido Galeguista e pese ás limitacións do seu tempo deu vida á proclama universalista que compartira con Bóveda, Tobío e outros. Esa apertura de horizontes impregnou a súa vida, a súa traxectoria e os seus compromisos en todas as ordes.
De non se producir a guerra civil, estaba chamado a ser un dos grandes protagonistas da Galicia do século XX, formando parte dunha xeración irrepetible e á que sempre habemos regresar para recoñecer a Galicia que puido ser.
Mentres, bo sería que releramos a miúdo a máxima do comezo e perseveremos no que nos toca á hora de dignificar a súa memoria.