O Padroado da Fundación Plácido Castro reuniuse o pasado 23 de novembro en Vilagarcía de Arousa para dar o visto e prace á Estratexia 2016-2020, un documento que resume as principais liñas de acción da institución para este período.
Da estratexia cómpre destacar a posta en valor da dimensión tradutora de Plácido Castro coa próxima edición da súa obra completa. Así, no 2015 a Fundación publicou un fascículo da súa tradución de “As Rubbaiyat “de Omar Kayyam, ao que seguirá a tradución en 2016 dos poemas premiados ao autor en 1946 en Bos Aires. Deste xeito, a Fundación quere dignificar o labor de Plácido para instar un maior recoñecemento da nosa sociedade e promover a dedicatoria dun Dia das Letras Galegas para este ilustre universalista, xa que no 2017 cumpriranse 50 anos do seu pasamento.
O documento contempla ademais un impulso ao Premio de Tradución, á investigación de determinadas etapas da súa vida, ós novos modos de difusión da súa obra e ó conmemoración do 85 aniversario da participación de Plácido no Congreso de Nacionalidades Europeas, en Berna en 1933.
No encontro, no que participaron Víctor Caamaño, Sonia Outón, Xavier Senín, Xulio Ríos e Susi Castro, tamén se aprobaron o Plan de Actividades e Orzamento para o 2016.
Lembrar que a Fundación Plácido Castro foi creada en 1999 e actualmente está formada polos concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcia de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI.
Foto: Victor Caamaño, Sonia Outón, Xavier Senín, Xulio Ríos e Susi Castro, reunidos o 23 de novembro.