O Concello de Corcubión acollerá este venres 27 de Setembro ás 20,00 h na Capela do Pilar, o acto de entrega do premio Plácido Castro de Tradución, que chega á súa 18ª edición.
Nesta ocasión, o galardón recae na tradutora Antía Veres Gesto pola obra A Lost lady/Unha muller perdida, de Willa Cather.
O xurado destacou a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela. Ademais chamou a atención sobre a significación da autora e obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos EUA como a nivel mundial.
O xurado desta edición estivo integrado por: Xosé Luís Franco Grande, Olga López López, Ana Luna Alonso, Fernando Moreiras, Víctor Caamaño e Xulio Ríos.
O premio conta cunha dotación económica de 2.000 euros, un diploma e unha obra escultórica, o “Babelio”, da autoría de Xaquín Chaves.
Ao acto asistirá o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Entre os galardoados con este premio en anteriores edicións figuran autores como Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Valentín Arias, Isabel Soto, Mona Imai ou Marta Dahlgren, entre outros.
O premio quere reivindicar a dimensión tradutora de Plácido Castro (1902-1967), significar a importancia da tradución no sistema literario galego e recoñecer a excelencia do labor dos tradutores contemporáneos.
A Fundación Plácido Castro está integrada polos concellos de Cambados, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación de Tradutores Galegos, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI.
Plácido Castro foi un profesor, tradutor, xornalista e político galeguista, símbolo da universalidade do nacionalismo galego.