Discurso de Xosé Luís Franco Grande no acto de inauguración da nova sede da Fundación Plácido Castro

Discurso de Xosé Luís Franco Grande no acto de inauguración da nova sede da Fundación Plácido Castro

A figura de Plácido Castro é merecente da máxima atención, polo que significa por si mesma, pola súa entidade e dimensión, e porque pode ser no noso tempo símbolo de modernidade e, polo tanto, de interese pedagóxico polo moito que nos pode ensinar.

A súa obra abarca tenzas tan dispares como poden ser a poesía e o xornalismo, as  traducións e o ensaio, e aínda o debuxo e a pintura. Entre todas estas dedicacións, subliñaremos as tradución ao galego de textos doutras linguas e o seu constante e teimudo informar ao público galego do mundo céltico. Non deixa de ser curioso que, nun momento en que o celtismo era unha moda entre a intelectualidade galega,  só Plácido Casto estivera nun país celta.

Todo o mundo sabe, polo demais, que foi Plácido Castro, quen tivo ao seu cargo a representación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna no ano 1933, no que Galicia foi recoñecida como nación europea.

Plácido Castro foi, como correspondía ao seu tempo, un nacionalista. Pero pode que o máis internacionalista de todos os seus compañeiros de xeración. O seu pensamento é o menos excluínte que se pode imaxinar. E, pola contra, é esencialmente incluínte, porque é esencialmente internacionalista.

Como xa teño exposto noutras ocasións, Plácido Castro vén ao galeguismo, en xeral, e ao nacionalismo, en concreto, procedente da Gran Bretaña, onde aos seis anos, iniciara os estudos. Como ben ten sinalado Xulio Ríos “Este primeiro período de formación foi decisivo para interiorizar as ideas básicas do seu pensamento político (democracia, liberalismo e identidade, sobre todo identidade) ás que nunca renunciaría, exhibíndoas cunha coherencia  que non sempre resultará do agrado de todos”.

Coñecedor da Gran Bretaña e de que para os seus habitantes  á un valor  moi forte a defensa da súa identidade, quere que Galicia afonde nos seus sinais de identidade, porque pensa que poden e deben constituír unha forza que alente o nacionalismo. Ou sexa, un intento  de enxertar no país o que estima mellor para a súa modernización e libre desenvolvemento, que foi o que sempre fixo o mellor nacionalismo galego.

A súa visión nacionalista de Galicia está amasada na súa experiencia británica e no seu coñecemento directo, de primeira man, do mundo  irlandés e escocés. Nada ten que ver coa política española de entón. Outros nacionalistas galegos procuraban un guieiro en Cataluña; para el, o nacionalismo galego tiña que ter como alicerce unha tradición e non reducirse a un nacionalismo económico. Pensaba máis en Irlanda  ca en Cataluña.

Quero dicir que é moito o que P.C. nos pode ensinar nesta hora de confusión e desconcerto. É importante ter claro o que se pensou onte para ver o que hoxe nos pode axudar. A tradición verdadeira é iso: continuidade. Pero nunca repetición, porque as circunstancias do mundo de hoxe son outras. Tiña razón Eugenio d’Ors cando dixo que o que non é tradición é plaxio Confío, pois, que P.C. nos axude a todos a iluminar o noso camiño por un país mellor.. Por iso ten tanta importancia este centro que inauguramos hoxe: para que todos poidan chegar a un cabal coñecemento de figura tan senlleira da nosa cultura.

 

Arquivos anexos a descargar: