Don Paco, Robert Burns e Don Plácido, por Xulio Ríos

Don Paco, Robert Burns e Don Plácido, por Xulio Ríos

Houbo unha moi longa relación entre Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e Plácido Castro. Cimentada nunha compartida militancia galeguista desenvolvida en anos de tantas esperanzas arredor da reivindicación do autogoberno para Galicia, acabou desembocando mesmo nunha complicidade persoal e familiar que elevaron espiritualmente o nivel daquela lealdade mutuamente profesada ao país.

Nos anos corenta, con Plácido vivindo en Vigo o seu desterro, ambos os dous compartiron moitos momentos e proxectos, especialmente lúdicos no entorno de Coruxo e na compaña dos Álvarez Blázquez e outros. Aínda baixo os efectos da represión franquista, as afinidades e solidariedades axudaron a todos a atravesar aquel escuro período.

Despois, cando Plácido se trasladou a Londres para exercer na BBC, o contacto con don Paco foi igualmente intenso a través da correspondencia mantida para elaborar os programas en lingua galega, nos que Plácido inventariaba tamén as novidades bibliográficas que chegaban dende Galicia e das que del Riego daba escrupulosa fe.

Ao seu regreso, xa asentado en Cambados, nas súas visitas a Vigo había tempo para retomar os encontros en faladoiros varios; e igualmente don Paco sería un dos asiduos nalgunhas celebracións culturais que tiñan o Salnés como referente, principiando polas festas do Albariño.

Cando eu andaba a preparar a biografía de Plácido para a colección de Galegos na Historia, don Paco, na Penzol, sinaloume trazos importantes daquel home grande e de carácter introvertido, apaixonado e culto, cunha vida tronzada trala guerra civil e a partires de entón abondosa en reveses de todo tipo. Non faltou cando o concello de Cambados dedicoulle unha rúa no municipio ao que tan ligado estivo.

Na andaina que iniciamos no século XXI para recuperar a figura de Plácido contouse sempre coa achega entusiasta de don Paco, que tanto concorría disciplinadamente para conmemorar o seu centenario como para significar o papel que tivo na participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas.

Del Riego e Plácido Castro son dúas figuras salientables dunha mesma época e con influencias mutuas labradas nesa longa relación. Non falta mesmo quen observe na gabanza feita por Plácido das “Burns Nicht”, a propósito do recoñecemento en Escocia do moi admirado poeta Robert Burns, que arrancan do século XVIII, un fundamento que puido servir de guía e inspiración a don Paco para alentar entre nós a institución do propio Día das Letras Galegas a principios dos anos sesenta asociándoo aquí coa figura de Rosalía de Castro. Ambos os dous poetas compartían tanto a defensa dunha lingua entón pouco prestixiada como tamén o senso social da súa misión lírica.

Xa nun artigo publicado no Pueblo Gallego o 11 de marzo de 1927, Plácido, botando man tamén de Burns, suxire a creación dun Día de Rosalía, ilustrando as moitas posibilidades dunha iniciativa semellante entre nós. Tamén apunta a importancia de adquirir a súa casa natal ou a referencia do exemplo escocés para celebrar esa día, o auténtico de Galicia, con forte raíz popular.

Os procesos en Galicia maduran lentamente pero se perseveras, as cousas chegan.

Arquivos anexos a descargar: