
Antía Veres Gesto licenciouse no 2013 en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, co Premio Extraordinario Fin de Carreira. Dende entón, dedícase á tradución, ámbito no que traballa en varios proxectos, entre os cales destacan os de tradución literaria.
O xurado da XVIIIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución resolveu premiar a súa tradución da novela A Lost Lady ou Unha muller perdida, de Willa Cather.
Valorouse especialmente “a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela. Ademais chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos EUA como a nivel mundial”.
- Que supón para ti gañar o Premio Plácido Castro de Tradución?
Cando mo anunciaron, non podía nin crelo. Foi toda unha honra e unha nova moi feliz que me enche de forzas para seguir por este camiño que emprendín aínda non hai moitos anos. Cando andaba estudando, soñaba con dedicarme á tradución editorial, pero era consciente das enormes dificultades que existían e existen para entrar neste mercado tan selecto e reducido. Hoxe, despois de moitas horas de esforzo, conseguín facerme cun oquiño e poder centrar o meu desenvolvemento profesional neste labor tan gratificante. Este premio, que é o máis importante e prestixioso de Galicia no eido da tradución, significa o recoñecemento de todos eses esforzos, e non podo máis ca estar agradecida ao xurado por valorar o traballo que con tanta ilusión e agarimo fixen.
- Xa coñecías a figura de Plácido Castro? Que opinión che merece, especialmente, no campo da tradución?
Coñecina cando estudaba a carreira de Tradución e Interpretación. Foi neses anos cando algún profesor nos falou da existencia dunha placa nas rúas de Vigo dedicada ao tradutor e tamén do premio e dalgunhas persoas premiadas. Foi unha figura clave, tanto para o galeguismo coma para a tradución en lingua galega, e unha das cousas que me parecen máis salientables del é que, malia botar tantos anos da súa vida fóra, nas illas británicas, e a pesar de nacer nun ambiente acomodado, nunca esqueceu as súas orixes e loitou por defender o prestixio da nosa lingua e da nosa identidade en numerosos contextos, a través do seu labor político e tamén da tradución. Iso vai moi en liña co valor que eu lle dou á tradución como ferramenta para contribuír ao reforzo da nosa identidade e á normalización lingüística do galego. A través dela, traes literaturas doutras linguas ao teu contexto e aprendes e enriquéceste doutras culturas. Non obstante, a importancia da tradución non se detén aí: a través dela, tamén espallas a túa valiosa literatura alén das túas fronteiras, de xeito que te reafirmas e te dás a coñecer como pobo con identidade e lingua propias, con capacidade de influenciar e de enriquecer outros sistemas literarios.
Ademais, Castro coidaba que a lingua galega era especialmente axeitada para a poesía, que foi a clase de literatura na que centrou o seu traballo como tradutor. Este tipo de tradución leva aínda máis dificultades engadidas (coa conseguinte satisfacción engadida, claro está): ademais de coidar en extremo a escolla de cada palabra, tes que poñer un ollo na métrica e mesmo nalgunhas ocasións na rima. Así e todo, coido que Castro soubo capear con moita habelencia todas estas dificultades, así como a da falta de normativización do galego da época, grazas ao seu perfeccionismo e meticulosidade. Disto é proba o feito de que non daba as traducións por rematadas, senón que moitas veces as revisaba e creaba novas versións, algo que amosa as infinitas posibilidades que ten un texto para verterse nunha lingua diferente, posibilidades coas que traballamos (e moitas veces lidamos) a diario as tradutoras.
- Cal foi a principal motivación á hora de traducir ‘A Lost Lady’ de Willa Cather?
Unha muller perdida naceu dunha proposta da editorial Hugin e Munin. Foi Alejandro Tobar quen me suxeriu a tradución desta novela curta da autora estadounidense aló a comezos de 2017. Dende o primeiro momento, pareceume unha moi boa escolla. A editora, que se dedica exclusivamente á publicación de obras traducidas, sempre tira por títulos singulares que teñen unha enorme valía literaria, como é o caso, así que é para confiar cegamente no seu criterio. A autora, Willa Cather, demostra unha gran mestría coa pluma, á que lle dedicou boa parte da súa vida profesional, e, malia a brevidade da novela, consegue levarnos a un contexto xeográfico e temporal moi distinto do noso cunhas descricións e cun uso da linguaxe excepcionais. Ademais, o feito de que a narración se centre na figura dunha muller atraeume dende o principio. As dúas primeiras traducións que publicara coa editora, Un amante fantasma e Detrás da máscara, tiñan tamén protagonistas femininos. Aínda que entre elas tres existen grandes diferenzas e aínda que a súa singularidade radica en distintas actitudes, todas coinciden en demostrar unhas fortes personalidades que actúan como imáns para o resto de personaxes que rebolen ao seu redor e que, en certo modo, contrastan coa idea de muller submisa que existía na época na que se publicaron as obras (no caso desta novela de Willa Cather, a comezos do século XX). Penso que agora vivimos un momento histórico moi propicio para esta literatura, que é clásica, si, pero á vez está de plena actualidade, posto que a xente quere coñecer este tipo de personaxes femininos con selo propio.
- Cal é o significado deste título no conxunto da obra de Willa Cather?
Cando se fala de Willa Cather, os títulos que se adoitan mencionar son My Ántonia, ante todo, e One of Ours, que foi gañadora dun Premio Pulitzer, malia que digamos que non gozou dunha acollida positiva de todo. Porén, a noveliña Unha muller perdida, de 1923, que se publicou pouco despois, serviulle á autora para afianzarse e para recuperar a confianza desas voces críticas, pois tivo unha moi boa valoración xa no seu tempo. Está perfectamente aliñada co resto da obra da autora, que se centra sobre todo na descrición da súa época, da sociedade estadounidense e das súas xentes. Para iso, crea personaxes singulares, coma a protagonista desta obra, a señora Forrester, aos que nos achega dunha maneira moi vívida, expoñéndonos as súas luces e as súas sombras.
Nesta peza reflíctese o cambio que experimentan os Estados Unidos nunha época na que se van pouco a pouco perdendo os valores dos primeiros colonos que instalaron o ferrocarril neses novos territorios cun grande esforzo e sacrificio, tal e como se describe en maior profundidade noutras novelas da autora. Esta viraxe déixase ver como unha decadencia que se desenvolve en paralelo á doenza e ao solpor da vida do capitán Forrester, outro dos personaxes principais. Así, en toda a obra respiramos un sentimento de morriña por unha época pasada, sentimento do que, por outra parte, está impregnada a sensibilidade colectiva da sociedade galega. Canda este cambio na sociedade, os distintos personaxes individuais irán mudando e evolucionando en distintas direccións para adaptarse aos novos tempos e ás novas condicións ás que deben enfrontarse.
- Cal é a relevancia da autora nos Estados Unidos de América?
Nos Estados Unidos, Willa Cather é unha autora clásica de culto que goza dun gran recoñecemento. Ademais, malia que as mulleres o tivemos ao longo da historia moito máis difícil ca os homes para facernos cun oco en determinados ámbitos tradicionalmente ligados a figuras masculinas, ela conseguiu destacar xa nos seus tempos. Estudou na Universidade de Nebraska e traballou nunha revista e na docencia antes de dedicarse por completo á literatura, e escribiu tanto novelas coma relato, ensaio e poesía. Cather segue espertando a día de hoxe moito interese e sendo obxecto de numerosos estudos, como demostra a recente publicación das súas cartas, en 2013. Como curiosidade, cabe salientar que esta publicación se opón á vontade da propia Cather, que deixou escrito no seu testamento que non quería que se publicase nin se citase o seu contido.
- Que importancia ten a súa incorporación ao sistema literario galego?
O sistema literario galego é un sistema nunha situación anómala por mor da discriminación que sufriu a nosa lingua e que lle impediu evolucionar de maneira natural coma tantas outras. Esa é unha cuestión dun gran peso á hora de sopesar as obras que deben traerse ao noso idioma. Hai moitos baleiros que encher, así que, ademais de traducir as últimas novidades en literatura, cómpre mirar os clásicos que outros sistemas literarios nunha situación normal, como é o español, xa incorporaron mediante a tradución hai moitos anos. Porén, gústame pensar que, malia as deficiencias das que partimos, nós gozamos dunha importante vantaxe: hoxe, as tradutoras contamos con máis ferramentas ca nunca que nos permiten obter resultados de maior calidade ca as publicadas no seu momento en sistemas literarios veciños. Iso por non falar do noso compromiso coa lingua, que coido que en xeral nos fai coidar moito cada escolla, cada palabra. As persoas que traducimos literatura ao galego, dende Plácido Castro até o último estudante de tradución que se esforza diante do ordenador na soidade do seu cuarto, facémolo con fortes convencementos de que debemos darlle ao noso o lugar que merece.
Por outra banda, o feminismo cobrou nos últimos anos unha forza moi significativa que nos recorda que os clásicos non son só aquelas obras que nos adoitan chegar como clásicos: entre todos eles, hai obras de autoras que quedaron á sombra das dos seus compañeiros e que temos o deber como sociedade de rescatar e de darlles o valor que teñen. Por iso, creo que obras deste tipo, como comentaba antes, chegan nun momento máis ca propicio para atopar un lectorado aberto e disposto a recibir estas pequenas xoias da literatura clásica universal.
- A túa traxectoria académica e profesional demostra un forte compromiso coa lingua galega, como ves a situación do galego no ámbito da tradución e en Galicia en xeral?
Con moita tristeza. Na mocidade, vivín nunha aldea e nunha vila, onde, malia a enorme forza da diglosia, convivían o galego e o castelán. Máis adiante, mudeime a Vigo, onde agora resido, para estudar, e batín de fociños cunha cidade na que o galego é un acto de resistencia practicamente excepcional. E vexo que a enfermidade se estende, grazas en boa medida a uns políticos que moitas veces nin se esforzan en facer as declaracións na lingua propia da súa sociedade (o que, por certo, non debería ser un esforzo, senón algo natural) e á falta do apoio institucional que temos as persoas e as entidades que traballamos día a día por promover o noso idioma e a nosa cultura.
Porén, pese ao inevitable pesimismo (realismo), tamén estou día a día en contacto con persoas que teñen moita gana de cambiar as cousas e que están cargadas de enerxía para conseguilo con moitos proxectos e ideas. No eido da tradución literaria, teño a sorte de colaborar con editoras que poñen o galego nun posto de prestixio con títulos moi diversos, e non deixan de nacer novos proxectos autofinanciados ou sustentados nun mecenado colectivo. Por todo isto, quero cambiar o pesimismo que antes describía por un pulo renovado para continuar traballando polo galego. Fronte á diglosia, asociacións coma Trabalingua, que fundei canda varios compañeiros e compañeiras da universidade para promover o uso do galego entre un estudantado que, ao chegar á cidade, de súpeto deixa a súa lingua nai aparcada. Fronte á falta de apoio institucional, iniciativas de mecenado nas que colabora a cidadanía. Pode non soar á situación ideal, pero hai maneiras de loitar contra a corrente.