“Foi o grao do seu saber sobre Irlanda e a Gran Bretaña, persoalmente experimentado, o que o constituíu en experto nos asuntos irlandeses dentro dos círculos galeguistas”

“Foi o grao do seu saber sobre Irlanda e a Gran Bretaña, persoalmente experimentado, o que o constituíu en experto nos asuntos irlandeses dentro dos círculos galeguistas”

Entrevistamos a Xavier Madrinán, autor da monumental obra “A figuración galega de Irlanda (1840-1936)”, publicada en Laiovento edicións, e recabamos o seu parecer sobre a conexión de Plácido Castro con este país.

  1. Que destacaría da relación de Plácido Castro con Irlanda?

Que adoitou sempre combinar na súa mirada á nación irlandesa o sentimento que nacía da súa convicción nacionalista e mais o coñecemento da realidade insular, elementos a miúdo pouco coincidentes, sen que ningún enturbase o outro. Sen renunciar á fidelidade ideolóxica, soubo acomodar pragmaticamente a súa posición respecto da Irlanda do complexo período de entreguerras ás posibilidades de aproximación ao ideal nacionalista que ofrecía o desenvolvemento do Estado Libre Irlandés, nacido en 1922 da negociación dos rebeldes irlandeses coas autoridades británicas.

  1. Que singularizaría en Plácido en relación a outras figuras do galeguismo que tamén abordaron a cuestión de Irlanda?

Precisamente, o afán por fundamentar na realidade da illa o dogma galeguista da presunta irmandade entre Galicia e Irlanda. Foi o grao do seu saber sobre Irlanda e a Gran Bretaña, persoalmente experimentado, o que o constituíu en experto nos asuntos irlandeses dentro dos círculos galeguistas. Non se conformou con seguir as informacións da prensa sobre a convulsa década irlandesa de 1920, como fixeron os demais nacionalistas galegos, senón que se achegou á illa, en 1928, para poder dar un testemuño veraz do que alí estaba a suceder. Era aquel un tempo no que os galeguistas non se atrevían a tomar partido por ningún dos bandos que se enfrontaran nunha arrepiante guerra civil en 1922-23, despois de se esgallar o republicanismo irlandés por causa das discrepancias sobre o Tratado para o autogoberno concluído coas autoridades de Londres en decembro de 1921. Pero, fronte á incerteza que paralizaba a definición dos galeguistas ao respecto, Castro compuxo un retrato político completo da Irlanda do momento e adoptou unha posición de apoio pleno á obra dos gobernantes do Estado Libre. E tampouco non ocultou a súa severa crítica á corrente contraria ao novo réxime autónomo irlandés, encabezaba por Éamon de Valera, que gozaba dun respecto reverencial entre os galeguistas como suposto legatario do máis puro ideal republicano, val dicir, o que non se conformaba máis que coa ruptura total e inmediata co Reino Unido.

  1. En que medida Irlanda axudou a conformar o seu ideario galeguista?

Axudouno a precisar o seu concepto do que supoñía o nacionalismo, a discernir as súas variantes, a poñer de relevo as razóns que explicaban o seu maior ou menor pulo nas distintas nacións británicas e mais a precisar os fins cara aos que os nacionalistas debían drixir os seus esforzos. Valeulle tamén para contrastar coa realidade insular as retóricas apelacións a seguir Galicia o exemplo de Irlanda, achegando unha descrición do que verdadeiramente estaba a acontecer no país que tantos galeguistas propoñían, de xeito xenérico, como modelo para o país propio.

  1. Como puido equilibrar Plácido as súas dúas admiracións, por Irlanda e polo Reino Unido?

Subliñando as bondades do réxime político do Reino Unido, que coñecía ben por vivencia propia. Castro confiaba na capacidade do sistema liberal británico para avanzar pola vía negociadora como camiño para satisfacer as demandas políticas irlandesas. O seu proxecto para Irlanda coincidía co encarnado polo Estado Libre Irlandés acabado de nacer, que pretendía compaxinar a consolidación da democracia liberal, segundo o modelo institucional británico, e a restauración da cultura nacional irlandesa. Os dous obxectivos expresaban para Castro o mellor de cadanseu país e víaos como os fachos complementarios que habían orientar Irlanda polo carreiro da modernidade.

  1. Recomendaría ler a Plácido para entender a Irlanda desde Galicia?

Para comprender a Irlanda da época de entreguerras, desde logo. A súa situación está admirablemente exposta en todas as súas facianas —tanto nas que lle parecían dignas de admiración e emulación coma nas menos favorables— nos artigos resultantes da súa estadía na illa, publicados en dúas series por El Pueblo Gallego, en 1928. Outra cousa é a Irlanda actual, que, como a propia Galicia, pouco ten que ver coa de case un cento de anos atrás.

Arquivos anexos a descargar: