Fondo Xoán Bernárdez Vilar

Fondo Xoán Bernárdez Vilar

O pasado venres 14 de marzo Sabela Bernárdez, en nome do seu pai, o académico Xoán Bernárdez Vilar, acudiu á sede da fundación para recibir un sentido acto de agradecemento na presentación do fondo doado polo escritor e historiador.

Trátase dunha importante doazón que de seguro vai enriquecer os fondos da institución. Está formada por parte da biblioteca persoal do membro da Real Academia Galega, Xoán Bernárdez Vilar. O escritor e historiador decidiu espallar a súa inxente biblioteca por diversas institucións do país, elixindo entre elas a Fundación Plácido Castro. Os máis de 250 exemplares doados teñen en común uns temas nos que Plácido era tamén un bo coñecedor. Trátase principalmente de libros de ensaio de temática céltica, artúrica, e en xeral, sobre as illas británicas. Os libros comprenden publicacións do pasado século con valiosa información das historias e lendas que configuran o mundo céltico, as sagas nórdicas ou a cultural anglosaxoa. Obras escritas en castelán, galego, francés, gaélico ou inglés.

Xoán Bernárdez escribiu diversas novelas (Un home de Vilameán, O ano do cometa, Big-Bang), numerosos ensaios, artigos e mesmo traducións. Recórdanos indubidable ao polifacético Plácido Castro, co que compartiu afeccións e intereses: a militancia no galeguismo activo, a faceta xornalística, o gusto polo mundo anglosaxón e polas lendas nórdicas, ou a realización de traducións ao galego.

As publicacións foron doadas grazas á inestimable colaboración do avogado cambadés Iago Pillado e da filla do académico, Sabela Bernárdez, que pensaron na nosa fundación como adecuado custodio de parte da biblioteca de Xoán Bernárdez.

Agradecemos profundamente a doazón que dende hoxe está a disposición do tódolos que se acheguen á sede da fundación na Rúa Nova de Cambados.