Isabel Soto, gañadora da XVI edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Isabel Soto, gañadora da XVI edición do Premio Plácido Castro de Tradución

A viguesa Isabel Soto é a gañadora da XVIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola obra Fosca, de Iginio Ugo Tarchetti.

Isabel Soto é unha tradutora consolidada cunha longa traxectoria profesional. A obra premiada, Fosca, é a máis importante de Tarchetti, escritor italiano scapigliato. A scapigliatura foi un movemento artístico e literario desenvolvido no norte de Italia sobre todo entre os anos sesenta e oitenta do século XIX, e no cal aniñaba un espírito de rebeldía contra a cultura tradicional e o bon senso burgués.

O xurado destacou da tradución a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo da autora por reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior; e con respecto á calidade da tradución, os membros do xurado destacaron o acerto de Isabel Soto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.

Con este premio, a Fundación Plácido Castro quere reinvidicar a dimensión tradutora de Plácido Castro -de quen neste ano se cumpren os 50 anos do seu pasamento- así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras e da súa achega ao sistema cultural e literario galego.

O premio entregarase o vindeiro 30 de setembro no Concello de Vilagarcía de Arousa coincidindo co Día Internacional da Tradución.

Arquivos anexos a descargar: