Marta Dahlgren, gañadora da XV edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Marta Dahlgren, gañadora da XV edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Marta Dahlgren

Marta Dahlgren é a gañadora da XV edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola súa tradución da obra Kollocaína, de Karin Boye.

O xurado, que se reuniu en Pontevedra a finais do mes de xuño, destacou o feito de que sexa unha interpretación directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego. Igualmente, os membros da xunta subliñaron a mestría da tradución e sinalaron que se trata, ademais, dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras.

Karin Boye

Novelista e poetisa sueca, Karin Boye (1900-1941) ten nesta unha das súas obras mais coñecidas. Está inspirada no apoxeo do nacional-socialismo en Alemaña e narra o empeño dun científico idealista que inventa unha especie de soro da verdade, a kallocaína.

 

Marta Dahlgren

Pola súa parte, Marta Dahlgren é unha tradutora de gran recoñecemento e profesora na Universidade de Vigo, que conta cunha ampla especialización en Literatura Inglesa ou Semántica. Así mesmo, durante décadas contribuíu á formación de xeracións de novos tradutores.

Integraron o xurado desta edición: Xavier Senín (Fundación Plácido Castro),  Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Xosé Antón Palacio (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

A entrega do premio será despois do verán en Cambados. A data aínda está por confirmar.

xurado premio
O xurado.