“Plácido Castro formou parte activa do núcleo galeguista da posguerra en Vigo”

“Plácido Castro formou parte activa do núcleo galeguista da posguerra en Vigo”

O profesor e investigador Xosé Luís Pastoriza Rozas fixo este venres en Nigrán, no marco da XXI Conferencia Anual Plácido Castro, unha brillante disertación sobre a figura deste intelectual e insigne galeguista.

Segundo Pastoriza, Plácido Castro foi parte activa do núcleo galeguista que se organizou en Vigo nos anos 40, a onde chegara como consecuencia da pena de oito anos de desterro (xunto a unha multa de 25.000 pts da época e 15 anos de inhabilitación absoluta) que lle fora imposta polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas”.

No marco do que chamou “a conspiración de Coruxo”, atribúelle Pastoriza a Plácido Castro un papel especialmente relevante na reconstitución do Partido Galeguista a través da fundación do Servizo de Edicións, Publicacións e Traducións (SEPT), unha tapadeira, na súa opinión, para facilitar a reorganización do galeguismo, descabezado e en desbandada pola guerra civil. SEPT tiña o seu domicilio na rúa Lepanto de Vigo, na morada de Plácido.

Ademais, segundo o profesor da USC, Plácido tivo unha influencia destacada na propagación das ideas liberais en Galicia, analizando polo miúdo a relación establecida con Xaime Isla Couto con quen tivo moitas afinidades.  O liberalismo de Plácido Castro sería de perfil netamente democrático, influenciado pola súa longa estadía británica dende moi rapaz (aos seis anos foi a estudar a Scarborough College), o humanismo e o anti-totalitarismo, o republicanismo, o galeguismo e o universalismo.

Pastoriza tamén especulou sobre a posibilidade de que Plácido fose un informante da espionaxe británica en Vigo, achegando detalles moi reveladores do seu entorno social.

En breve, como en anteriores ocasións, a Fundación publicará o texto íntegro da conferencia.

A Presidenta da Fundación Susi Castro, agradeceu o apoio do Concello de Nigrán para a realización do acto. En representación deste último, a tenente de Alcalde e concelleira de Educación, Marina Vidal, expresou a súa satisfacción pola elección de Nigrán nesta ocasión para celebrar tan prestixiosa conferencia. Numeroso público asistiu ao evento.