Plácido Castro, o home que logrou o recoñecemento de Galiza como nación, por Manuel Xestoso

Plácido Castro, o home que logrou o recoñecemento de Galiza como nación, por Manuel Xestoso

Xulio Ríos e Susi Castro veñen de publicar o volume Plácido Castro. Nós mesmos no mundo, que busca deitar luz sobre a obra dunha das personalidades máis orixinais e fascinantes do nacionalismo galego do século XX.

Se cadra, a figura de Plácido Castro é unha das menos recoñecidas do nacionalismo histórico. Talvez por ser unha rara avis, unha personalidade contraditoria e aínda por descubrir en moitas das múltiples tarefas que abordou. O seu pensamento segue ofrecendo numerosos estímulos e encarna valores de grande actualidade: altruísmo, humanismo, pacifismo e, sobre todo, devoción por unha Galiza soberana que estea aberta ao mundo sen renunciar á súa identidade.

Esa complexidade é a que agora intenta descifrar Plácido Castro. Nós mesmos no mundo, un volume editado pola Fundación Plácido Castro e asinado por Xulio Ríos e Susi Castro, filla do galeguista, que se presenta como unha actualización dos coñecementos sobre a súa vida e obra.

Poucas figuras presentan unha traxectoria e un pensamento tan orixinais como a de Plácido Castro. De familia acomodada, pasou gran parte da súa infancia e mocidade no Reino Unido, obtendo unha formación privilexiada en Scarborough e Glasgow. Liberal e progresista, anglófilo e irlandófilo, nacionalista e universalista, a complexidade era para el a única forma de estar no mundo.

O libro fai un percorrido pola traxectoria vital de Castro, mais non queda nun simple relato biográfico, propondo claves e lecturas que poñen ao día as interpretacións sobre a súa obra.

Os autores analizan un percurso que comeza cos seus estudos na primeira etapa británica da súa vida, na que adquire unha inmensa cultura e na que fica convencido de que “un pobo e tanto máis eficiente canto menos se deixa influenciar polo resto do mundo”. A súa admiración pola conservación dos costumes e tradicións propios que cultivaban os británicos levouno a desenvolver, máis que ninguén no seu tempo, a idea da inserción internacional da Galiza cunha personalidade propia.

En Plácido Castro non hai contradición entre ser cidadán do mundo e asumir unha fonda identidade propia, entre ser nacionalista e alentar a unión universal dos pobos, entre apostar polo progreso e dignificar os costumes e tradicións.

A acción galeguista

Esa convicción levouno a militar no Partido Galeguista, facendo parte do seu núcleo principal. Moi influenciado por Antón Villar Ponte, con quen fraguou unha forte amizade, despregou unha intensa actividade política que incluíu o desempeño de cargos na súa Comisión Executiva -especialmente na secretaría de relacións internacionais-, a participación en todas as campañas políticas e, sobre todo, a representación da Galiza no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (organismo adscrito á Sociedade de Nacións), onde por primeira vez Galiza foi recoñecida como unha nacionalidade nun foro internacional.

Paralelamente, Castro desenvolvía un incansábel labor como xornalista e tradutor. Articulista de gran calado, aos 25 anos xa comezara a enviar as súas “Crónicas desde Londres” para El Pueblo Gallego de Portela Valladares e, xa na Galiza, comezou a colaborar tamén en A Nosa Terra e Ser.

Como outros compañeiros da súa xeración, Plácido Castro comprendeu que o xornalismo era unha ferramenta imprescindíbel para transformar o imaxinario social e cultural da cidadanía galega.

Da mesma forma, as súas traducións responden a unha estratexia de estabelecemento de lazos coa cultura universal que dignifiquen e proxecten ao exterior a cultura galega.

A clandestinidade

O golpe de Estado de 1936 obrigou Plácido Castro ao silencio. Detido nun primeiro momento da rebelión militar, logrou pórse a salvo do perigo inmediato de ser “paseado”. Mais non obstante, unha causa aberta na súa contra “pola intensidade e pola eficacia da súa actuación a favor do galeguismo” condenouno a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro e a vinte e cinco mil pesetas de multa.

Comeza daquela un período ao bordo da depresión nun abafante clima de opresión. Instálase en Vigo, onde ocupan os seus días a pintura, a escrita e o contacto con figuras do exilio interior como Ramón Piñeiro, Xosé Sesto, Fernández del Riego, Xaime Illa, os irmáns Álvarez Blázquez… ao tempo que tenta refacer a súa vida sen moito éxito.

Participou na loita clandestina como integrante do Comité Executivo Provisional do Partido Galeguista, como xestor das relacións exteriores do partido e como fundador, con Xaime Illa e Celso Collazo, do Servizo de edicións, Publicacións e Traducións (SEPT) como primeiro paso para a creación dunha editorial galega.

Mais a presión era demasiado abafante e, en 1949, tras pasar uns meses en Estoril, volve a Londres onde traballará para a BBC na sección dos programas en galego, castelán e portugués, ademais de como crítico teatral.

O Galician Programme foi o primeiro programa estábel en galego no mundo da radiodifusión e a súa mera presenza (non trataba directamente temas políticos) molestaba ao réxime pola colaboración habitual de moitas persoas procedentes do mundo cultural e político vencelladas ao galeguismo.

(Publicada en Nós Diario)

Arquivos anexos a descargar: