O Ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, ven de ditar unha resolución pola que se declara “ilegal e ilexítimo” o tribunal que xulgou a Plácido Castro , declarando igualmente “ilexítima e nula” a condena que lle fora imposta en 1940 polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, segundo sentencia 13/940: 15 anos de inhabilitación absoluta, 8 anos e un dia de desterro a máis de 100 km de Muxía e 25.000 pesetas de multa.
Queda así expedida a favor de Plácido Castro a Declaración de Recoñecemento e de Reparación Persoal, ao abeiro da lei de Memoria democrática.
O citado proceso fora instado pola Fundación Plácido Castro meses atrás co propósito de obter a reparación moral e a recuperación da dignificación da súa memoria persoal e familiar.
A familia do intelectual galeguista, comezando pola propia presidenta da Fundación Plácido Castro, Susi Castro, celebrou con emoción a noticia que “por fin, fai xustiza” a quen fora condenado no seu día por motivos exclusivamente políticos.
O director da Fundación, Xulio Ríos, salientou que esta declaración foi posible “con este goberno en España”, salientando tamén a importancia de poñer fin ás consecuencias da ditadura fascista tamén a través de mecanismos simbólicos e reparadores como este que son expresión dun proceso necesario de normalización democrática.