Rehabilitar a Plácido Castro, por Xosé Castro Ratón

Rehabilitar a Plácido Castro, por Xosé Castro Ratón

Plácido Castro. Nós mesmos no mundo

Plácido Ramón Castro del Río, relevante galeguista, mediador teimudo a prol da identidade galega no mundo, xornalista resistente na diáspora dunha emigración forzada, tradutor literario eximio e sosegado profesor de ensino medio que impartiu aulas de inglés, ata a súa xubilación, no antigo instituto vilagarciá, realizando aquí, entre nós, un labor  pedagóxico que, foi posíbel grazas a facelo no tempo unha vez cumpridos os quince anos de inhabilitación absoluta á que foi condenado, en 1940, polo Tribunal de Responsabilidades Políticas da Coruña, pena sumada ao desterro da localidade onde residía e unha cuantiosa multa. Co golpe militar do franquismo, foi detido, procesado e condenado naquel sistema de pantomima de xuízos coa sentenza ditada de antemán ao formar parte dun sistema de represión perfectamente calculado co obxectivo de exterminar ás persoas e colectivos, neste caso pola militancia galeguista ao cualificar de especial gravidade a “súa presidencia do Partido Galeguista da Coruña, a súa condición de fundador das Mocidades Galeguistas nesta cidade ou o feito de ser compromisario para as eleccións de presidente da República e participante activo nas accións da Fronte Popular, entre outros, significándose publicamente e con eficiente intensidade no desenvolvemento deses cometidos”.

Por iso, coa norma legal vixente de Memoria Democrática, e máis que todo polo dereito de reparación que ampara ás vítimas que padeceron persecución polas súas conviccións e fidelidade á causa dos galegos, exíxese a anulación expresa da sentencia de condena ditada contra el no ano 1940; e, en consecuencia, a completa rehabilitación da súa figura a todos os niveis. Xusto.

Pedimento formal, solicitado perante o Ministerio de Xustiza, que fai a Fundación consagrada a súa obra; promovida polo IGADI, os Concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía; o do lugar de nacemento o da casa familiar na que achou a súa temperá morte e o do centro de ensino do seu último destino como docente; xunta participación fundamental da Asociación de Tradutores Galegos que configuran un padroado, presidido por Susi Castro Sineiro, a filla de Plácido militante a porfía na causa da divulgación da obra do seu pai, que vén achegando unha impagábel edición da obra rescatada deste devanceiro das nosas letras. No só iso, dende esta entidade cultural con sede oficial e arquivo permanente no Pazo do Torrado da “vila do albariño”, o labor de divulgación e recoñecemento esténdese á publicación sistemática de materiais que permitan un mellor coñecemento dunha figura que non ten a consideración debida á súa importancia, no ámbito cultural, social e político galego. Unha outra débeda de memoria que está pendente de saldar.

Pasados os 120 anos do seu nacemento, o libro conmemorativo  “Plácido Castro, nós mesmos no mundo” é imprescindíbel biografía interpretativa “que foxe da mera enumeración descritiva das peripecias vitais para se comprometer coa análise do discurso, as claves do seu ideario, as múltiples facetas da súa personalidade e as accións que revelan o compromiso do noso autor”.

(Diario de Arousa, 2 de Marzo de 2023)