Xurado do XXIII Premio Plácido Castro de tradución

Xurado do XXIII Premio Plácido Castro de tradución

A pasada semana constituíse o xurado do XXIII Premio Plácido Castro de tradución. Vai estar formado por Raquel Senra Fernádez en representación da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), Xavier Senín pola Real Academia Galega, Domingo Tabuyo pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Silvia Montero Küpper pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, e Ánxela Gracián en nome da Xunta de Galicia. Actuará como secretario, con voz e sen voto, Jacobo Domínguez, secretario da Fundación Plácido Castro.
Os autores ou as editoriais poden propoñer aos seus candidatos contactando por correo electrónico a presidencia@agpti.orgou info@igadi.gal, antes do 1 de maio. Igualmente, os membros do xurado tamén poderán formular propostas por propia iniciativa.
A deliberación e entrega do galardón terá lugar en setembro, ao redor do Día Internacional da Tradución. Consistirá nun trofeo denominado Babelio, realizado polo escultor Xaquín Chaves, e nun premio en metálico de 3.000€.

O Premio de tradución Plácido Castro, vénse celebrando dende o ano 2001. Nesa primeira edición foron premiados os tradutores Lois Tobío pola tradución de Fausto de Goethe e a Valentín Arias pola tradución de O sobriño de Rameau de Diderot, ata chegar á do pasado ano na que as premiadas foron Oriana Méndez e Tamara Andrés pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud.
Neste 2025, na XXIII edición, poderanse presentar obras publicadas no ano 2024 de calquera xénero traducida ao galego. Como novidade, quedarán excluídos aqueles que recibiran o premio nalgunha das últimas 5 edicións.

Plácido Castro foi un importante intelectual que dende diversos eidos sempre defendeu a cultura galega e o amor polo país. E fíxoo dende múltiples campos. Destaca por ser un precursor da tradución ao galego, sendo este o motivo polo que se vén convocando o premio con grande éxito de participación, gañando en calidade as obras presentadas edición tras edición.

Arquivos anexos a descargar: