O Padroado da Fundación aprobou por unanimidade na xuntanza que celebrou en Cambados o pasado 10 de Maio, a designación de Jacobo Dominguez Pedreira como novo secretario e director da entidade. Jacobo, quen se incorporou ao equipo directivo no pasado ano 2023, substitúe a Xulio Ríos. Nacido en Cambados (1977), é historiador e profesor, autor da celebrada «Breve historia de Cambados».
O Padroado agradeceu o labor desenvolvido por Xulio Ríos, quen foi o promotor principal da fundación, un proceso de varios anos de preparación que culminou institucionalmente o lanzamento da primeira biografía de Plácido Castro en 1997, da súa autoría. A fundación constituiuse formalmente o 5 de abril de 2001 e dende entón foi el quen exerceu a dirección ininterrompida da entidade.
Foi baixo o seu alento que ao longo destas máis de dúas décadas puido levarse a cabo un forte impulso de investigación e divulgación da figura de Plácido Castro. Exposicións, publicacións, premio de tradución, videos, seminarios, conferencias, xornadas, centos de artigos, presenza nas redes sociais, reparación da súa memoria, etc…. Se a fundación conta hoxe cun capital documental que explora as múltiples manifestacións da súa rica persoalidade é, en boa medida, grazas ao seu traballo e dinamización, en estreita colaboración cos demais membros do Padroado, moi especialmente coa presidenta Susi Castro.
Neses activos cómpre destacar tamén a formación dunha comunidade intelectual arredor da súa figura, promovendo o achegamento á súa obra e traxectoria de numerosos especialistas dos mais diversos campos. Para moitos deles, Plácido Castro representou entón un feliz descubrimento.
Xulio Ríos fixo valer como principios de actuación da fundación a independencia e o compromiso cos obxectivos fundacionais, sumando ao empeño colectivo a representantes políticos e profesionais das mais diversas tendencias que ao longo destes anos foronse relevando a instancias do mandato dos padroeiros, os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación de Tradutores Galegos ou a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación.
Compre significar tamén a conformación dunha ampla rede de complicidades institucionais, tanto no eido oficial como da propia sociedade civil, sumando aliados de diferentes sensibilidades pero dispostos a arrimar o ombreiro ao afán común de reivindicar a Plácido Castro e o ideario galeguista e universalista.
Próximamente, o IGADI, a entidade que desempeña a secretaría orgánica da fundación, dará a coñecer a identidade do representante que tamén substituirá a Xulio Ríos no Padroado, poñendo fin así a este frutífero periodo de entrega persoal á exaltación dunha figura ata entón esquecida e sen embargo ben destacable do cosmos galeguista.
Susi Castro seguirá á fronte da presidencia da entidade.