Entrada de Plácido Castro no Álbum de Galicia
A publicación, que está á disposición da cidadanía a través do web do Consello da Cultura Galega, preséntase acompañada da introdución da entrada de Plácido Castro no Álbum de Galicia.
Naceu en Corcubión un 25 de xaneiro de 1902 e faleceu en Cambados un 17 de xullo de 1967. Seu pai, empresario de minas, armador de buques e abastecementos de carbón, foi vicecónsul de Suecia e Noruega en Corcubión. Iniciou os seus estudos con seis anos no Colexio Scarborough de Glasgow e despois continuou nesa universidade. Ademais de manter frecuentes contactos cos intelectuais da época, realizou viaxes por aquelas illas e por Irlanda, vivencias que influíron na conformación do seu pensamento.
Nos anos inmediatamente anteriores á proclamación da II República regresou a Galicia coa intención de participar na vida política. Fíxoo a través das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. A súa erudición e coñecemento de idiomas obrigaríano a desempeñar un significativo papel nas relacións que o galeguismo mantivo cos medios estranxeiros. Representou ao Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), realizado no hotel Savoy de Berna os días 16, 17 e 18 de setembro de 1933. Este foi, sen dúbida ningunha, o evento que determinará a inevitable presenza de Plácido Castro na historia moderna de Galicia.
A Guerra Civil sorprendeuno na Coruña. Uns familiares ocultárono en Muxía, onde foi detido, procesado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e ao aboamento dunha multa de 25.000 ptas.
En 1944 Casou en Cambados, tivo oito fillos e en 1949 regresou a Londres, onde exerceu como locutor-redactor na BBC, na sección dos programas en lingua galega, española e portuguesa, ademais de como crítico-teatral en lingua inglesa. Así mesmo, enviará algunhas colaboracións periodísticas a xornais de Portugal (o “Jornal de Notícias” de Porto). Ao cumprir integramente a pena de quince anos de inhabilitación absoluta, volveu a Galicia e incorporouse como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía.
O seu regreso supuxo tamén a súa volta ás colaboracións xornalísticas, principalmente no “Diario de Pontevedra”, “El Pueblo Gallego” e desde 1960 no “Faro de Vigo”.
Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia é unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. O obxectivo do Consello da Cultura Galega é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Todo nesta ligazón:
http://consellodacultura.gal/especiais/vocacions-e-ideais-de-placido-castro/