A vixésimo quinta Conferencia Anual Plácido Castro terá lugar o xoves 25 de xaneiro en Catoira ás 20,00 horas, na Sala Celso Emilio Ferreiro, do Edificio Multiusos de Catoira, o mesmo edificio do Concello.
Nesta ocasión, será impartida polo filósofo e escritor Antón Baamonde, un dos mais lúcidos pensadores da Galicia contemporánea.
Colaborador habitual en diversos medios de comunicación, ten formado parte de consellos de redacción de revistas como Luzes de Galicia. Tamén participa na Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, é asesor da Fundación Carlos Casares e membro do Padroado de RadioFusión.
Baamonde é autor dunha importante obra ensaística en lingua galega que inclúe títulos como “Aire para respirar. Memorias dun tempo presente” (2002) ou “Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global” (2021), entre moitos outros(2021). Tamén ten contribuído a moitas obras colectivas.
En castelán ten publicado obras como “El laberinto y sus salidas” (1998). Madrid: Tecnos; “La reinvención de España: una radiografía de la España de hoy” (2001), Barcelona: Ronsel; ou “La rosa sin por qué” (2001). Valencia: Pre-textos.
O tema a abordar nesta edición número 25 será “O ideal de Plácido Castro como fórmula para o futuro de Galicia”, pormenorizando na visión do autor para a transformación e modernización de Galicia, a interpretación da realidade galega e o papel das clases medias e os idearios políticos vixentes para reafirmar unha redistribución do poder cun horizonte razoable que permita preservar a nosa identidade nacional.
Habitualmente, esta conferencia organízase coincidindo co natalicio do autor de Corcubión (25 de xaneiro).
O Concello de Catoira colabora coa Fundación Plácido Castro e ademais da organización do acto, promoverá a edición posterior da conferencia. Ademais, podería anunciar a pronta incorporación do concello ao Padroado da fundación, tal e como foille solicitado por esta ao Alcalde, Xan Castaño.
A Fundación Plácido Castro creouse en 2001 a instancias do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Nela participan tamén os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. Ten por obxecto a reivindicación da vida, obra e pensamento de Plácido Ramón Castro del Río (1902-1967), atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universalista do mundo.
Está presidida por Susi Castro e dirixida por Xulio Ríos.