O Plácido Castro docente, por Xulio Ríos

O Plácido Castro docente, por Xulio Ríos

Regresou de novo Plácido Castro ás aulas de ensino cunha homenaxe longamente debida en Vilagarcía de Arousa. Polígrafo a tempo enteiro, a súa foi unha vocación docente tardía pero tamén por iso a desfrutaría de forma máis consciente e madura.

Foi tralo segundo regreso do Reino Unido, nos anos cincuenta, cando a ensinanza se manifestou como a mellor opción para continuar a súa traxectoria profesional e vital, cando xa pasaran os 15 anos de inhabilitación absoluta que lle foran impostos en 1940 como parte da condena pola súa militancia galeguista. Tras convalidar os seus estudos e acceder ao titulo habilitante correspondente, exercer como profesor de Inglés cos alumnos do Instituto Laboral debeu ser tamén para el un importante desafío persoal. E sen dúbida, para o alumnado, contar con el como profesor numerario de Inglés debeu resultar igualmente unha experiencia de alto valor.

Formado dende moi novo no Reino Unido, era un gran coñecedor da lingua, pero tamén da cultura e da sociedade británicas, e por iso estaba en condicións de transmitir como ninguén o amor e a devoción por ela. Non era moi común iso naquel tempo. E ter un profesor desa excelencia representaba unha enorme oportunidade.

Seguro que esa circunstancia debeu pesar na súa elección para ditar a lección inaugural do curso 56-57 sobre “A importancia do coñecemento do idioma inglés” no vello Instituto Calvo Sotelo. Esas habilidades foron tamén recoñecidas cando se designou como representante de España na V Conferencia de Ministros europeos de educación realizada en Viena en 1964 baixo o titulo “Da civilización do país da lingua que se ensina”.

Naquel entón, apenas había materiais educativos adaptados para a ensinanza de idiomas e foi por iso que se esforzou por elaborar manuais e contidos de aplicación do inglés ao ensino profesional. Toda unha expresión de compromiso coa educación pero igualmente de afecto e respecto cara os seus alumnos, aos que procuraba infundir ese mesmo amor polas linguas que el sentiu e practicou sempre.

Sabendo como era, coido que coincidiría co estadista francés Turgot en que o principio básico da educación é predicar co exemplo. E compre lembrar que esa defensa apaixonada pola súa parte da lingua e cultura inglesas nunca foi obstáculo para recoñecer e gabar a excelencia da lingua galega. Era –e segue sendo- unha contradición carente de sentido. Esa feliz e tamén sabia síntese foi expresada no traballo científico sobre as obras de Christina Rossetti e Rosalía de Castro que debeu realizar xustamente para acceder á condición de docente.

Ese exemplo é o que seguimos precisando en Galicia para exhibir con orgullo a nosa lingua sen prexuízo naturalmente de admirar ao tempo todas as demais. Esa é, probablemente, a lección principal do docente de inglés Plácido Castro que sempre perdurará.

Arquivos anexos a descargar: