O regreso a Catoira de Plácido Castro

O regreso a Catoira de Plácido Castro

O pasado 2 de agosto inaugurouse  no Auditorio de Catoira unha exposición sobre a figura de Plácido Castro abordando diversos aspectos da súa vida, obra e pensamento.

Poderase visitar cando menos até finais do mes de agosto, mais con toda probabilidade vaise prolongar até que remate o verán e comece o curso escolar para facilitar aos veciños e veciñas que se atopan de vacacións que poidan coñecer os principais aspectos dun intelectual que tanto fixo por difundir a cultura galega e, en especial, coñecer a participación de Plácido Castro na creación da Romaría Vikinga de Catoira.

Participaron na presentación o alcalde de Catoira Xoán Xosé Castaño, o concelleiro de Cultura Raúl Gómez, o secretario e presidenta da Fundación, Jacobo Domínguez e Susi Castro, respectivamente. Esta última realizou unha emocionante narración na que destacou a vinculación emotiva do seu pai, Plácido, coa vila de Catoira. Unha vila pola que sentía unha especial simpatía e á que acudiu en moitas ocasións para visitar amigos, a reunirse no Ateneo do Ullán e mesmo a dar algunha que outra conferencia.

Aproveitouse a inauguración para presentar as cuncas que o día grande da festa, o domingo 4 de agosto, se repartiron entre os participantes na romaría vikinga e que levaban sinatura e deseños do propio Plácido Castro, pois o deseño de cerámicas foi outro dos eidos nos que se adentrou o multifacético intelectual.

Acudiron ao acto veciños de Catoira e da contorna así como membros da familia do escritor.

 

Arquivos anexos a descargar: