É moi emotivo para min como presidenta da Fundación que leva o nome do meu pai, Plácido Castro, inaugurar esta exposición fotobiográfica que amosa as diferentes etapas da súa traxectoria vital, da súa obra e do seu pensamento.
E repito, é moi emotivo este acto porque Catoira era para el un lugar de ledicia naqueles tempos de escuridade.
En Catoira moito lle gustaba xuntarse con persoas de semellantes inquedanzas culturais no Ateneo do Ullán, concretamente na cantina da estación de ferrocarril.
Gustaríame moito ter podido asistir a algunha daquelas reunións.
O que si teño na miña memoria é cando viñen con el a unha das primeiras Romarías vikingas onde tanto gozaba.
Escribiu sobre Catoira en diferentes artigos de prensa, e nun deles dicía:
“Sempre que teño ocasión de ir a Catoira, divírtome moito e xeralmente atopo alguha agradable sorpresa. Non dispoño de espazo para explicar este feito, nin para investigar en que consiste o segredo de tan simpática vila.”
Continúa dicindo:
“Eu teño ido a Catoira, non poucas veces, por mor de diversos motivos; xantares entrañables, festividades e incluso para actuar como conferenciante no Ateneo do Ullán. Entre as miñas gratas lembranzas sobresaen as da primeira Festa Vikinga.
Nesta vila hai un ambiente de simpatía que non sempre se atopa en outros pobos semellantes”
Meu pai era amante da nosa historia, do noso patrimonio, da nosa cultura, da nosa língua e das nosas tradicións. E por iso promovía a Romaría Vikinga.
No ano do seu pasamento andaba a cavilar sobre a orientación cultural da festa como deixou sentado nalgún dos seus escritos.
Estaría satisfeito ao ver que segue a ser unha festa do pobo para o pobo, na que non se deixou de lado a faceta cultural.
Cando paso ou veño a Catoira lembro sempre o que significou este lugar para el.
No meu nome, no da miña familia e no da Fundación, quero amosar o noso agradecemento ó Concello de Catoira na persoa do seu Alcalde, Xoán Xosé Castaño Conde, por entrar a formar parte do Padroado da Fundación, e tamén ao concelleiro de Cultura Raúl Gómez pola organización desta exposición. Tamén a todos os que hoxe nos acompañan.
Moitas grazas.