Tivo lugar esta mañá en Vilagarcía, no CEIP A Lomba, o acto de homenaxe e lembranza de Plácido Castro.
A directora do IES Castro Alobre, Mariola Rodríguez, presentou a cerimonia recordando as actividades que nas últimas semanas se desenvolveron no seu centro para dar a coñecer a figura de Plácido Castro.
Seguidamente, Susi Castro, presidenta da Fundación Plácido Castro, fixo alarde do compromiso docente de Plácido e reivindicou a súa bagaxe neste eido, de singular transcendencia na súa época.
Pola súa banda, Carlos Puga, ex alumno, detallou as habelencias de “don Plácido”, o cariño manifestado sempre polos seus alumnos e a excelencia da súa docencia.
Sonia Outón, Concelleira de Cultura e membro do Padroado da Fundación, destacou a figura de Plácido Castro no cosmos intelectual de Vilagarcía de Arousa e demandou un Día das Letras Galegas para esta figura, a fin de retirala definitivamente do inxusto ostracismo no que aínda permanece.
Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, sumouse ás gabanzas e resaltou que neste 120 aniversario do nacemento de Plácido, tamén se cumpren 75 anos das emisións en lingua galega da BBC nas que el participou activamente. O compromiso con Galicia, dixo, é un dos seus trazos vitais mais destacados.
Carmen e Susi Castro, fillas de don Plácido, descubriron a placa conmemorativa mentres o público asistente aplaudía a iniciativa.
No acto participou tamén César A. Pérez Ares, xefe territorial da Consellería de Educación da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra.