O recoñecemento de quen padeceu persecución -como é o caso de Plácido Castro- polas súas conviccións democráticas é unha satisfacción primeiro que nada moral e que non debe infravalorarse, por mais que se trate dun procedemento, dirán algúns, meramente declarativo.
Plácido Castro foi condenado o 14 de xaneiro de 1940 polo Tribunal de Responsabilidades Políticas da Coruña a 15 anos de inhabilitación absoluta, 8 anos e un día de desterro a máis de cen km de Muxía e 25.000 pesetas de multa. A normativa sobre memoria democrática recentemente aprobada, complemento da de 2008, preceptúa a ilexitimidade destes tribunais e, por tanto, declara tamén o carácter ilegal e nulo das condenas e sancións producidas por razóns ideolóxicas e políticas.
O fallo cualifica de especial gravidade os feitos imputados a Plácido Castro, dende a súa presidencia do Partido Galeguista da Coruña, a súa condición de fundador das Mocidades Galeguistas nesta cidade ou o feito de ser compromisario para as eleccións de presidente da República e participante activo nas accións da Fronte Popular, entre outros, significándose publicamente e con eficiente intensidade no desenvolvemento deses cometidos.
Plácido, quen estivo oculto varios anos en Muxía protexido por familiares e amigos trala súa primeira detención da que se puido librar de forma un tanto rocambolesca, tiña 37 anos cando foi condenado. Salvado da represión máis dura dos primeiros momentos, con media vida andada, non lle resultou nada doado reconducila. Casando en Cambados uns anos máis tarde, en Vigo puido recuperar folgos no seu desterro interior ata que o seu traslado a aquel Londres que coñecía da nenez formativa, abriu paso ás súas colaboracións na BBC.
Cumpridos aqueles quince anos de inhabilitación absoluta, regresou de novo a Galicia para impartir aulas de inglés en Vilagarcía ata a súa xubilación e falecemento.
O golpe militar e a subseguinte persecución significou para Plácido Castro a frustración de todas as súas expectativas vitais, firmemente comprometidas cunha Galicia e cunha xeración que imaxinaba outro porvir colectivo. Plácido, de confortable posición económica, deu as costas ás ambicións e preferencias familiares para se involucrar naquela misión. Finalmente, toda a súa familia, dun xeito ou doutro, pagaría as consecuencias das súas eleccións. E isto, con seguridade, pesaría no seu ánimo no resto da súa vida.
Seguiu servindo a Galicia por outras vías, destacando especialmente a súa achega no eido da tradución, conformándose como un referente esencial no noso sistema cultural. Como tamén no xornalismo e outros mesteres onde a súa militancia identitaria aflora en cada reflexión, á par que o seu humanismo e universalismo.
Alén da reparación que a nosa memoria democrática esixe, e que se fará efectiva nos próximos meses tralo inicio do procedemento legal oportuno, quedaría aínda pendente o recoñecemento debido por parte dese cosmos galeguista e nacionalista da nosa Terra que da cultura á política, incomprensiblemente, segue a practicar o reducionismo e a desmemoria. A pertinencia daquela declaración agrandará aínda máis a estrañeza da ausencia desta outra.