
A Fundación Plácido Castro vén de presentar un cómic sobre a figura deste insigne autor nacido en Corcubión en 1902 e falecido en Cambados en 1967.
Con guión e deseño de Pepe Carreiro, nas súas 30 páxinas, fai un repaso contextual da súa época, as súas influencias e relacións, os vectores do seu pensamento político e os eidos nos que destacou, con especial énfase en actividades como o xornalismo, o ensino ou a tradución.
Destaca a preocupación pola preservación da identidade e unha militancia galeguista e democrática que incorpora como singularidade a súa proxección exterior, un eido que reserva a Plácido un lugar de excelencia no firmamento galego, tanto en función das súas singularidades vitais como da súa actividade política, en especial, antes da guerra civil.
Unha completa evocación, por tanto, desta rara avis do galeguismo que conta con ese valor engadido dunha versión accesible para todos os públicos e cunha calidade excepcional.
A publicación contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.