A Conferencia Anual Plácido Castro versará en 2022 sobre a presenza de Plácido Castro na BBC. Estará a cargo de Afonso Vázquez-Monxardín, arqueólogo e catedrático de lingua e literatura galegas, historiador, investigador e profesor e escritor. Foi profesor visitante en centros galegos e universidades de América e impulsor do proxecto Arquivo Sonoro de Galicia no Consello da Cultura Galega. Colaborador de diferentes medios de comunicación, recibiu numerosos premios.
Plácido Castro formou parte da longa nómina de colaboradores do Galician Programme da BBC que iniciou a súa andaina un 14 de abril de 1947 (cúmprense 75 anos). A audición mantívose durante 9 anos, ata 1956. Conta Francisco Fernández del Riego: “co entusiasmo realizador de Alexandro Raimúndez e co inestimable apoio de George Hills, acadouse transmitir con continuidade periódica, a través das ondas londinienses, os textos de divulgación cultural que dende Galicia se remesaban. Tamén as informacións bibliográficas que faciamos chegar á emisora, e que Plácido Castro resumía e lía para os ouvintes”.
Plácido exercerá como locutor e redactor na sección dos programas en lingua galega, española e portuguesa, ademais de facer crítica teatral en lingua inglesa.
Naquela época, a radio tiña unha importancia moi grande (non haberá televisión ata 1956 e a moitos fogares de Galicia chegará bastante máis tarde). O uso do idioma propio e a colaboración de moitos intelectuais e políticos vencellados ao galeguismo de antes da Guerra Civil molestaba ó réxime fascista do xeneral Franco.
A duración media de cada programa era de 7 ou 8 minutos, chegando a 10 ou 12 como moito. A emisión facíase os sábados na frecuencia horaria das 21,00 ás 21,45, e logo repetíase catro días máis tarde, entre as 22,30 e as 24,00 horas.
Dos 83 programas emitidos, Plácido colaborou en 11, abordando as mais diversas temáticas que serán obxecto de análise no relatorio desta XXIII Conferencia Anual.