O IES Castro Alobre acolle desde o luns 4 de Abril unha exposición biográfica sobre a figura de Plácido Castro (1902-1967).
A actividade é o inicio dun itinerario que rematará o 21 de abril coa instalación dunha placa que recordará ao Plácido docente de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía entre 1956 e 1967.
O vindeiro xoves 7 de abril, o seu biógrafo Xulio Ríos impartirá unha conferencia sobre esta importante figura do galeguismo histórico con tantos vínculos con Vilagarcía e o Salnés, ao que sempre se sentiu tan unido.
Nela destacará a especial preocupación pola formación en lingua inglesa dos alumnos, tema sobre o que versou a lección inaugural do curso 1956-57, como tamén o seu labor na plasmación de manuais adaptados ao ensino profesional.
As calidades de Plácido Castro neste aspecto foron recoñecidas cando o Ministerio de Educación decidiu envialo como representante de España á V Conferencia de Ministros europeos de educación celebrada en Baden, Viena, en 1964.
Este 2022 conmemórase o 120 aniversario do seu nacemento e tamén o 75 aniversario do inicio das emisións en lingua galega da BBC nas que Plácido Castro tivo un moi destacado papel.
A dirección do centro en colaboración coa Fundación Plácido Castro, o Concello de Vilagarcía e a Xunta de Galicia, impulsan estas actividades.