Publicadas as colaboracións de Plácido Castro no Galician Programme da BBC

Publicadas as colaboracións de Plácido Castro no Galician Programme da BBC

Recollemos aquí o total de 16 colaboracións de Plácido Castro para os programas en lingua galega da BBC (British Broadcasting Corporation) . Aínda que tamén colaborou cos programas en castelán, portugués e en inglés, este feixe de textos é especialmente representativo do seu labor como redactor e locutor na emisora londiniense.

Para Plácido Castro, aquela experiencia foi a súa “segunda etapa británica”. Volver ao Reino Unido, onde se formara sendo moi novo, supoñía un alivio, unha oportunidade para se evadir daquela atmosfera asfixiante do franquismo que o reducira ao exilio interior. Lémbrese que fora detido, procesado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e ao abono dunha multa de 25.000 pesetas, cantidade moi elevada para a época.

O “Galician Programme” era un lugar de encontro para a cultura galega, un espazo para a divulgación nun ermo que entón, nos anos 40 e 50, permitiu abrir unha xanela á esperanza dunha insólita concienciación arredor do propiamente noso.

A incorporación de Plácido Castro xestouse nunha visita a Galicia de Mr. George Hills, fillo de española e director da sección en castelán da. Plácido e Paco del Riego acompáñano durante a súa estadía. Ámbolos dous, xunto con Paz Andrade, Carlos Maside, Emilio e Darío Álvarez Blázquez, ultimaron as posibilidades de colaboración dos galeguistas do interior coa emisora británica. No momento da despedida ao ilustre visitante, contaría Darío anos andados, para  expresarlle a súa gratitude decidiron convidalo a cear nun coñecido restaurante vigués. Naquel tempo pouco pasaba desapercibido á policía do réxime franquista. Un funcionario da BPS (Brigada Político-Social) confiaralle a Darío que decidiran proceder á detención de tódolos asistentes a aquela reunión.

Foi a comezos de 1.949 cando Plácido emprendeu novamente a viaxe a Londres. Durante seis anos implicarase vivamente neste empeño, cultivando tamén as súas paixóns polo teatro, a tradución e a poesía. O encargado dos programas para a nosa Terra era Alejandro Raimúndez que habitualmente facía as veces tamén de presentador.

O traballo de Plácido consistía en resumir e ler para os oíntes as informacións bibliográficas que desde o interior facíanse chegar á emisora. Nas súas colaboracións, abordaba as mais diversas temáticas, crónicas humanas, fondas e sinxelas, divertidas e tristes, artigos sempre equilibrados, con un estilo ameno, xeneroso en erudición e cultura, con emoción cando ven ó caso, e mesmo volvendo sobre o escrito en anos anteriores, enriquecendo e matizando cando procede.

Paralelamente, enviará algunhas colaboracións periodísticas a xornais de Portugal (o Jornal de Noticias de Porto, dirixido por M. Pacheco de Miranda, escribindo as súas crónicas directamente en portugués, reproducidas en primeira páxina) e tamén de América. No persoal, a familia, crecía.

Darío Álvarez Blázquez cóntanos que, por aquel entón, un locutor da emisión galega preguntaba en antena a Plácido, que arte consideraba como a máis fermosa. A poesía, contestou Plácido sen dubidar. ¿E a calidade máis digna da alma humana? A tolerancia, asentiu. Para Plácido Castro, a poesía era a arte que mellor encarnaba o espírito dun pobo e nas súas crónicas bibliográficas, sendo como era un gran devoto da lectura e dos libros, había sempre parágrafos reservados á exaltación deste xénero.

Os programas galegos da BBC funcionaron de 1947 a 1956. A lingua prohibida no país escoitábase en Galicia ao sintonizar a BBC (1). Compre ter presente que naquela época a radio tiña unha importancia moi grande (non haberá televisión ata 1956 e a moitos fogares de Galicia chegará bastante máis tarde). Non había contidos políticos manifestos nestes programas da BBC, pero o uso do idioma propio e a colaboración nel de moitas persoas, intelectuais e políticos, vencelladas ao nacionalismo galego de antes da guerra civil, molestaba ao réxime fascista. Tratábase, sobre todo, de exaltar, espallar e difundir a nosa fala e cultura entendida como “célula de universalidade”.

 

Fundación Plácido Castro

 

  • Unha completa compilación destas crónicas radiofónicas foi realizada por Antonio Raúl de Toro Santos en “Galicia desde Londres” (Xunta de Galicia, 1994)

Arquivos anexos a descargar: