A obra premiada é unha tradución da obra Les Iluminations, de Arthur Rimbaud
Reuniuse en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 2 de setembro de 2024 o xurado da XXIIª edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2023.
O xurado estivo composto polos seguintes membros: D. Xesús Riveiro Costa (Xunta de Galicia), Dª. Patricia Buxán (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo), D. Xulio Ríos (Real Academia Galega) e D. Jacobo Domínguez Pedreira, quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordo outorgarlle o Premio Plácido Castro 2023 a Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra “As iluminacións”, de Arthur Rimbaud. O xurado destacou a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. Igualmente, mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade. Por último, ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora.
AUTORAS E OBRA
Tamara Andrés é Graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e titulada no mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola USC.
No 2015 publicou Amentalista, unha particular homenaxe ao pintor René Madritte, pintor que mereceu a súa atención en diversas investigacións e artigos. Nese mesmo ano gañou o Concurso de Poesía O Facho con Nenæspiraes, poemario publicado na editorial Medulia. A finais de 2017 publicou Corpo de Antiochia na colección Dombate da Editorial Galaxia, poemario autotraducido ao castelán e finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2018. En 2018 comezou a dirixir con Marcus Daniel Cabada a revista Ligeia.
Oriana Méndez
Oriana Méndez é Licenciada en Filoloxia Galega pola USC. O seu labor poético está recollido en diferentes publicacións, sendo habitual a súa presenza en proxectos de acción poética e encontros de poesía. En 2003 colaborou na elaboración do libro ”Xuro que nunca volverei pasar fame” publicado por Redes Escarlata. En 2014 gañou o Premio de poesía do Concello de Carral co poemario ”O que precede a caída é branco”. En 2019 gañou o premio do quinto certame de poesía Rosalía de Castro de Padrón coa súa obra “O corazón pronúnciase extenso”. En 2020 gañou o premio de poesía Afundación coa súa obra ”Interna”.
“As lluminacións” (Les Iluminations) é unha colección de poemas en prosa do poeta francés Arthur Rimbaud (1854-1891). Foi publicada na colección Tambo da Editorial Kalandraka.
É a primeira vez que o Premio Plácido Castro de Tradución recoñece unha tradución poética do francés ao galego. No mesmo xénero poético, en 2011, Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, foran recoñecidos pola Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko.
O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio” deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 3.000 euros.
Este Premio tense consagrado como un referente no sistema literario galego. Na nómina de premiados en edicións anteriores figuran persoeiros como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto, Antía Veres ou María Alonso Seisdedos.
A cerimonia de entrega do premio terá lugar coincidindo co Día Internacional da Tradución.