Xavier R. Madriñán e Irlanda, protagonistas da XXIV Conferencia Anual Plácido Castro

Xavier R. Madriñán e Irlanda, protagonistas da XXIV Conferencia Anual Plácido Castro

A vixésimo cuarta Conferencia Anual Plácido Castro terá lugar o mércores 25 de xaneiro en Oleiros ás 20,00 horas, no Centro Cultural de A Fábrica en Perillo.

Nesta ocasión, será impartida polo historiador Xavier R. Madriñán, catedrático de Xeografía e Historia e doutor en Ciencias Políticas. Foi xefe de redacción da revista Encrucillada (1989-1999) e director da revista bibliográfica Guía dos Libros Novos (1998-2002).

É autor de A nacionalización do pasado irlandés, 1845-1937 (Santiago 2010) e do artigo “A revolución irlandesa en A Nosa Terra: Unha crónica de ausencias, paixón e silencio (1916-1923)”, en Justo Beramendi et al. (ed), Repensar Galicia: as Irmandades da Fala (Santiago 2017).

Así mesmo, publicou traballos sobre nacionalismo, relacións internacionais e historia en Grial (134), Revista Galega do Ensino (19, 29, 42) e “Al servicio del poder: la historia en la teoría realista de las relaciones internacionales”, en C. Forcadell et al. (coord), Usos públicos de la Historia (Zaragoza 2002).

En 2022 recibiu o Premio da Crítica de Investigación pola súa obra “A figuración galega de Irlanda, 1840-1936” (Laiovento edicións).

O tema a abordar será “Irlanda en Plácido Castro”, pormenorizando na importancia que Irlanda tivo na definición do pensamento de Plácido Castro, tanto no eido político como noutros ámbitos. Igualmente, identificará os trazos que conforman o ideario de Plácido Castro neste aspecto e que o singularizan con respecto a outros galeguistas. Na atención e no debate desenvolvido polos galeguistas na primeira metade do século XX, Castro, o único de todos eles que realmente chegou a pisar Irlanda, resultou unha voz temperada e rigorosa.

Habitualmente, esta conferencia organízase coincidindo co natalicio do autor de Corcubión (25 de xaneiro).

O Concello de Oleiros colabora coa Fundación Plácido Castro e ademais da organización do acto, promoverá a edición posterior da conferencia.

A Fundación Plácido Castro creouse en 2001 a instancias do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Nela participan tamén os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. Ten por obxecto a reivindicación da vida, obra e pensamento de Plácido Ramón Castro del Río (1902-1967), atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universalista do mundo.

Está presidida por Susi Castro e dirixida por Xulio Ríos.

www.fundacionplacidocastro.com

Arquivos anexos a descargar: