Pronunciada por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Bueu, 25 de xaneiro de 2016
Plácido Castro, Johán Carballeira e os debates (e inquedanzas) do seu tempo.
Dicer, antes de máis, que é un inmenso pracer ter sido convidado pola Fundación Plácido Castro para pronunciar a presente conferencia, a XVII Conferencia Anual Plácido Castro. Acontece nun ano no que celebramos o primeiro Centenario da creación das “Irmandades da Fala”, das que fixeron parte ideolóxica e sentimentalmente, para alén de organizativamente, as dúas figuras das que imos tratar a seguir. As “Irmandades da Fala”, sen dúbida e tal e como veremos, referen magnificamente as inquedanzas e debates do tempo no que naceron, viviron e compartiron soños, con destacado e decisivo axir, Plácido Castro e Johán Carballeira, polo que optamos por seguir o seu axir para coñecer as inquedanzas da Galiza daquel tempo.
Un tempo de cambio, de mudanzas, inicios do pasado século XX que os vería nacer, e no que a Europa as tensións tiñan como epicentro a cuestión nacional. Até tal ponto que naqueles inicios de século, nomeadamente por volta do 1914 estalaría a Primeira Guerra Mundial, ou Grande Guerra arredor do conflito político a escala europea arredor do dominio de Alsacia-Lorena (e que enfrontaba a Franza coa Alemaña…) e as tensión imperialistas que tiñan como protagonistas ás potencias europeas e os Estados Unidos de América.
A Galiza non ficaría ausente destas cuestións e dos debates que arredor das mesmas se desenvolverían a nível internacional. A imprensa galega da altura así nolo revela, observando como o galeguismo ou soberanismo galego do momento aproveitaría para amplificar as súas demandas en chave nacional. E un tempo compartido que remataría abrupta e violentamente cando Johán Carballeira sería asasinado, da man do fascismo españolista, e Plácido castro vería interrompida a súa evolución en todas as ordes, represaliado por aquel mesmo totalitarismo que segara a vida do primeiro.
Ora, antes de entrar en maior fondura ao respecto, introduzamos ás dúas figuras que protagonizan este Auditorio Municipal, agradecendo ao Concello de Bueu o seu formidábel recibimento.
Plácido Castro e Johán Carballeira.
Como curiosa coincidencia, achamos nas biografías de PláCaderno das Conferencias Plácido Castro (XVII)cido Castro e Johán Carballeira o feito de naceren no mesmo ano, nomeadamente no 1902. O primeiro nacía no mes de xaneiro daquel ano en Corcubión, co nome completo de Plácido Ramón Castro del Río, e o segundo en Vigo no mes de febreiro co nome de Xosé Francisco Gómez de la Cueva.
Plácido Castro, logo de se trasladar a Glasgow (Escocia), polas negocios da familia ligados ao sector mineiro, iniciaría no 1908 os seus estudos lonxe da súa Terra, mais no ámbito atlántico que tanto o marcaría. Unha década despois, por volta concretamente do 1919, matriculábase na Universidade de Glasgow, cursando estudos de Filoloxía Inglesa, para exercer, mais adiante, como docente de idiomas. No ano 1927 trasladaríase á capital británica. En Londres sería onde comezaría a súa colaboración cos xornais como El Pueblo Gallego e Informaciones, así como coas publicacións periódicas coas que contaba o galeguismo político do momento, caso d’A Nosa Terra e Céltiga.
Pola súa banda, Xosé Francisco Gómez de la Cueva pouco despois de nacer trasladaríase coa familia a Bueu, onde pasaría toda a súa infancia e onde estudaría. No 1922 aparece xa nas páxinas do xornal Faro de Vigo o seu primeiro poema, publicando un ano despois varias composicións poéticas soltas. Cara 1924 figuraría como asiduo colaborador do devandito diario. Sería moi prolífico, comezando a publicar mesmo aquel ano, no mes de setembro, unha novela curta en español por entregas. Por volta de finais do ano 1925 comezaría a publicar no xornal vigués Galicia e, poucos meses despois, faríao nas revistas Vida Gallega e Céltiga -publicación arxentina, esta última, editada polo Centro Galego de Bos Aires-, converténdose para os seus contemporáneos nun dos poetas novos máis comprometidos da Galiza, e de grande futuro, da época. A partir do ano 1927 traballaría como correspondente en Bueu do diario El Pueblo Gallego, adicándose en exclusiva á imprensa e adoptando o pseudónimo polo que o coñecemos: Johán Carballeira. Os temas que ocuparían, centralmente, os seus artigos serían a realidade lingüística, política e social da Galiza. Nuns e noutros escritos amosaría unha clara consciencia e sensibilidade social, poñendo sempre o foco nas condicións de vida das clases populares galegas, especialmente desfavorecidas e maltratadas.
A vertebración do galeguismo político: as Irmandades da Fala.
Cando Plácido Castro e Johán Carballeira tiñan a súa vida profisional encarreirada, naquela segunda metade do século XX, o galeguismo/soberanismo galego dera pasos centrais en favor da súa vertebración. A mediados da década anterior marcárase un obvio ponto de inflexión, a partir do que se camiñaría cara a unificación das e dos nacionalistas na Galiza, arredor da defensa e posta en valor do idioma galego. A reivindicación do feito “nacional” galego por parte de notábeis como Aurelio Ribalta, desde Madrid, ou Antón Vilar Ponte, desde A Coruña, sería central ao respecto, chamando á unidade dos galeguistas nunha única plataforma política e de acción social (…que non un partido político, malia que si a súa xénese, como veremos).
Un proceso que non se podería entender sen o axir e iniciativa dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte. Concretamente Antón Vilar Ponte publicaba á altura do 5 de xaneiro de 1916 o folleto Nacionalismo Gallego (Apuntes para un libro), subtitulado Nuestra afirmación regional, co que daría o pistoletazo de saída do devandito proceso. Neste folleto o intelectual e xornalista, recén chegado da emigración cubana, apresentaría unha acendida defensa e reivindicación da lingua propia da Galiza. Expuña o redactor do diario La Voz de Galicia a necesidade de artellar un movemento que defendera a lingua galega, a partir do recoñecemento da Galiza como “patria natural” e “pobo libre con persoalidade histórica”, sendo unha necesidade imperiosa crear unha grande plataforma galeguista, que agrupara a todos os efectivos cos que este ideario contara.
O texto condensaba boa parte da tradición galeguista anterior, achegando certas novidades, caso da incorporación do termo ‘nacionalismo’, como sinónimo actualizado do que viña de se denominar con anterioridade ‘rexionalismo’, liderado en grande medida polo historiador Manuel Murguía. Saía do prelo aquel documento após un chamado que fixera o patriota galego Aurelio Ribalta en defensa do idioma e país galego; tentando crear unha organización que recollera e anovara o substrato soberanista previo.
Tan só catro meses despois, nomeadamente o 18 de maio daquel 1916, Antón Vilar Ponte convocaría no local da Real Academia Galega, por iniciativa do seu irmán Ramón, a xuntanza constituinte do que se denominará nun inicio, semella que por suxestión de Ramón Vilar Ponte, “Hirmandade dos Amigos da Fala”; ao pouco comunmente coñecida como Irmandade da Fala. Esta será a primeira organización que, pasando de ter o local como ámbito de actuación, adopte dimensión nacional e axunte a homes e mulleres que sentían á Galiza como Terra/Nación propia, preocupados pola inferiorización da lingua e cultura galegas no propio país, tentando dar unha resposta política a esta realidade.
Esta nova agrupación patriótica salvará posicións diverxentes no relativo á cuestión relixiosa, social e, en grande medida, política. Ora, non podemos pensar que estamos a referir un partido político, senón agrupamentos locais de carácter patriótico, onde o común denominador viña a ser a defensa da identidade galega, materializada na loita pola normalización e legalización do idioma, así como da reivindicación do feito nacional galego, da existencia da nación galega, ao longo dun proceso histórico (apostando pola ‘autonomía’ da Galiza, a igualdade legal e civil entre homes e mulleres, ou a posesión da terra para quen a traballara -coa suspensión dos foros-, e a soberanía estética da Galiza, entre outros aspectos ben novidosos e avanzados para aquel tempo no atrasado sul da Europa…). Convivirían nas Irmandades, así pois, membros integrados en diferentes partidos e sen adscrición partidaria, unidos polo anceio dunha Galiza recoñecida (e respectada) na súa personalidade nacional.
Serían as Irmandades as que inaugurarían o nacionalismo explícito, na liña do indicado; e faríano tras celebraren a súa primeira Asambreia Nazonalista Galega en Lugo, no mes de novembro do 1918. Afirmaban daquela os irmandiños, no seu manifesto asemblear, o que segue:
“…nós nomeámonos de hoxe para sempre nazonalistas galegos xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nen encerra a intensidade dos nosos problemas…”.
As Irmandades da Fala e o organización política do ‘galeguismo’.
As Irmandades da Fala serían integradas polos máis destacados valores da Galiza daquela altura. Entre outros podemos e debemos lembrar aos irmáns Vilar Ponte, a Manuel Lugrís Freire, Vicente Risco, Banet Fontenla, Manuel Iglesias Roura, Ramón Cabanillas, Salvador Cabeza de León, Galo Salinas, Lois Peña Novo, Ramón Otero Pedraio, Uxío Carré Aldao, Antón Lousada Diéguez, Daniel Rodríguez Castelao, Armando Cotarelo, María Miramontes, Ánxel Casal, Elvira Bao e aos malogrados Lois Porteiro Garea e Johán Vicente Viqueira. A máxima referencia teórica daríaa o ourensán Vicente Risco, autor da Teoría do Nazonalismo Galego, mudando parcialmente o paradigma asentado, con anterioridade, por Murguía. Risco, para alén do propio libro que se publicaría baixo o devandito título, tiraría do prelo por capítulos a través d’A Nosa Terra a devandita obra doutrinal.
O relevo que lle darán as Irmandades á súa proxección social, en canto programa e ideario se refire, daría lugar ao (re)lanzamento do boletín/voceiro A Nosa Terra (após a primeira etapa desta publicación, órgao de expresión do agrarismo galego no 1907), na que ler artigos dun e doutros. A través desta publicación os militantes da Irmandades exporían os seus postulados, teorizando arredor do problema nacional galego; adoutrinando, aliás, aos novos cadros que terá o nacionalismo de cara tempos futuros.
Plácido Castro e Johán Carballeira serán autores de diversos textos en A Nosa Terra, realizando reflexións arredor da realidade da que facían parte e contribuíndo a modelar o pensamento e movemento nacionalista da altura. Plácido Castro escrebe por volta do 1928, cando aínda vivía no Reino Unido, o primeiro texto que lle publicaría A Nosa Terra. Faríao no número 251 do xornal, editado co gallo do Día de Galiza, compartindo número con Camilo Díaz Baliño, Manuel Portela Valladares, Salvador Cabeza de León, así como con Antón, Ramón Vilar Ponte e Víctor Casas, entre outros. Non será casual a temática, mais ben será un das súas constantes preocupacións: o celtismo da Galiza. Non tanto o celtismo en canto orixe, que tamén, como a ligazón/irmanamento que había entre a Galiza e as restantes ‘nacións celtas’ e como esta realidade podería ser de grande interese para o noso país de cara a ver consumadas as súas reivindicacións políticas en canto nación. Sendo as restantes nacións de orixe céltica un claro referente para a Galiza, quer no político, quer no cultural, diante do rexurdir das mesmas, caso da Irlanda ou Escocia. Diría Plácido Castro, a partir dun discurso do ex ministro británico David Lloyd George, quen curiosamente se definiría como “un celta británico”, que:
“…o celtismo é unha cousa práctica e vital e non vaga aspiración. Coinciden [esas palabras de Lloyd George no seu discurso] ademais c’un verdadeiro momento de rexurdir céltico. En Irlanda, en Escocia, en Gales loitase pol-a cultura céltica c’un novo entusiasmo. Os irlandeses xa teñen a sorte de poder dirixir os destinos da sua terra, e os escoceses e galeses pode ser que axiña se atopen na mesma feliz situación, xa que o Home Rule pra Escocia e mais pra Gales forma parte do programa dos partidos laboralista e liberal…”.
Nesta orde de cousas, afirmaría Plácido Castro, naquel tempo no que Johán Carballeira comezaría as súas colaboracións con A Nosa Terra, que a Galiza tería que ollar cara eses países irmáns con especial afecto e interese estratéxico. Engadindo:
“A orientación cara as terras célticas do Norte ten que ser unha parte esencial, a mais importante, do que poideremos chamar a nosa política exterior inteleitual. Os trunfor dos celtas do norte son tamén en parte victorias nosas (…). Porque o celtismo como forza espritual e cultural ten unha valiosa siñificación internacional que é o complemento esencial de todo rexionalismo intelixente , o que endexamais debemos esquecer”.
Daquelas a introdución e evolución social do nacionalismo galego non era, nen se achegaba, á que tiñan os soberanistas irlandeses, escoceses ou galeses, ora, observarían un medre en absoluto desdeñábel. Nomeadamente as Irmandades lograrían pasar dos 200 adherentes no seu inicio, a 700 afiliados ao pouco; de 6 irmandades a 13, sumando efectivos en 23 localidades para alén daquelas, como ten demostrado o noso colega Justo Beramendi. A Coruña e, gradualmente, Ourense serían as dúas vilas nas que esta organización tería maior presenza, por moito que esta distara, a inicios da década dos anos vinte do pasado século, do apoio social desexábel. E entre o ideario e imaxinario patriótico galego do momento, aquel celtismo (e atlantismo) xogaría unha función, en canto adscrición identitaria, esencial; fronte á adscrición mediterránea de España… Sendo as palabras de Plácido Castro unha actualización en chave abertamente política, do discurso iniciado e socializado polo historiador Manuel Murguía desde o último terzo do século XIX.
Lingua, educación, imaxinario colectivo, cuestión de xénero e social.
Entre as actividades das Irmandades cumpre subliñar a axitación popular en favor do idioma a través de ‘meetings’ e encontros en salóns, teatros e a propia rúa. Así mesmo, aos irmandiños ou irmanciños débeselle a elaboración dun ‘Vocabulario Galego-Castelán’, cun amplo glosario e unha serie de expresións populares, moitas delas, por certo, na actualidade desaparecidas. O dicionario temos que encadralo no marco da preocupación (e debate) arredor das normas de ‘unificazón do idioma galego’, que verían a luz década e media despois da fundación das Irmandades.
Neste labor de recuperación da lingua galega para todos os ámbitos de uso, pulando pola unificación co portugués (que tería ligazón directa coa proposta de Federación da Galiza con Portugal -entendendo que historicamente facían parte dun todo ambas realidades, a partir da raiceira o vello Reino Suevo da Galiza…), as Irmandades incentivaron o ensino monolingüe en galego. Dando lugar, por exemplo, às Escolas de Insiño Galego (sic), da man de María Miramontes e Ánxel Casal na Coruña. Serían especialmente críticos cun sistema educativo no que o profesorado procedía de fóra do país e marxinaba a lingua propia da Terra, imprimindo no imaxinario colectivo galego un sentimento de clara inferioridade fronte o español (e España), que ese profesorado normalizaba no país, como lingua superior, do saber e da ciencia:
“Os nenos das nosas aldeas e vilas falan galego… e nos seus beizos de anxeliños é unha música a dozura d’ista nosa fala melosiña…. Os mestres, que xeralmente non son da Terra, descoñecen a nosa fala, despréciana, aborrécena e fan que os nenos, que por eles se guían, vaian pouco a pouco esquecéndoa, mirándoa como unha lingua despreciábel”.
Aliás, cando mozos universitarios botan a andar no ano 1923 o Seminario de Estudos Galegos, tendo como finalidade promover o coñecemento científico da Galiza e en galego, os membros das Irmandades non dubidarán en dar cobertura á iniciativa, lexitimándoa e ocupando a dirección da mesma (foi o caso dos catedráticos Armando Cotarelo Valledor e Salvador Cabeza de León, primeiro e segundo presidente da institución no 1923 e no 1925, respectivamente). Convite que aceptarán, dándolle cobertura a mocidade nacionalista do momento (ao pouco cadros centrais do nacionaismo na seguinte década).
Así mesmo, as Irmandades da Fala procurarían tamén obter unha incidencia político-institucional con voz propia para o país. Nesta liña promoverán un traballo electoral a través do que conseguirían a primeira acta dun concelleiro nacionalista. Así foi que o xurista Lois Peña Novo sairía eleito polo concello da Coruña, no marco das municipais de febreiro do 1920, ficando Antón Vilar Ponte a piques de conseguir a segunda acta para o nacionalismo da altura. Nesa altura as Irmandades fixan (e socializan) datas de referencia no calendario galego: o 26 de abril, ‘mártires de Carral’; o 25 de xullo, ‘Día da Galiza’, o 17 de decembro, ‘perda da independencia’ da Galiza (en lembranza do asasinato do Marechal Pero Pardo de Cela, nobre galego, por orde da raíña Isabel de Castela no 1483)… Estas datas encadrábanse na necesaria socialización de fitos históricos encamiñados á creación dun imaxinario colectivo patriótico, en definitiva, dunha consciencia nacional galega.
Nesa consciencia e imaxinario, estaría especialmente presente a defensa e valorización do mundo rural e as clases populares no seu conxunto (fronte un mundo urbano de forte castelanización…). O propio feito de tomar o cabezallo A Nosa Terra como voceiro, cando este viña a ser no 1907 o órgao de expresión dos agraristas de Solidariedade Galega, viña a ser toda unha declaración de intencións. Boa parte dos primeiros cadros das Irmandades da Fala foran referentes do movimento agrarista (caso de Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao, Galo Salinas ou o propio Murguía…). Unían a “causa galega” coa reivindicación dun rico mundo rural, no que o galego era o idioma de referencia normalizado. Así mesmo, puñan en valor á clase obreira que era monolíngüe en galego e que loitaba polos seus dereitos no mundo urbano (procedendo maioritariamente do rural). Realidade a partir da que non nos debe sorprender que a relación entre o avogado Lois Porteiro Garea e o líder obreiro José Pasín, anarquista compostelán, como ten estudado Dionísio Pereira, e que faría que Pasín se integrara na Irmandade da Fala compostelá. Da relación entre ambos as páxinas d’A Nosa Terra dan fe:
“Dixo Luís Porteiro [Garea] no seu elocuentísimo discurso do noso mítin de Santiago que ô obreiro Xosé Pasín (…) débelle moito Galicia. Traballa arreo polo rexurdimento da raza (…). Un mestre no senso da organización. Gracias a el Compostela vaise vendo bloqueiada por sociedás agrarias. Pasín e moitos outros obreiros composteláns van espertando na concencia das multitudes o sentimento d’unha Terra redimida. Van facendo un pobo libre sóbor dos cimentos do enxebrismo”.
E é que boa parte dos integrantes das Irmandades da Fala tiñan unha clara consciencia popular e de clase. O que levaría a que Ramón Vilar Ponte impulsara no 1918 a creación do “Sindicato da Construción” de Viveiro xunto a Atadell, ao igual que na Coruña acontecería con Calviño, destacado militante anarquista, ou co socialista Xaime Quintanilla, activo das Irmandades da Fala primeiro en Compostela e despois en Ferrol. Realidade que na IV Asemblea das Irmandades (1922) daría lugar ao acordo de crear unha organización sindical galega, quedando responsabilizados a tal fin, como coordinadores, o propio Ramón Vilar Ponte, Parapar Sueiras e Calviño. Iniciativa que non debe estrañar, dado que as Irmandades da Fala con epicentro na Coruña se nutrían de todo un substrato e tradición galeguista previa, netamente progresista e republicana, con Manuel Murguía á cabeza, á que lle darían unha nova etapa até os inicios da década dos anos ‘30.
Nos inicios daquela nova década regresaba á Galiza Plácido Castro. Corría o 1930 e non só regresaba á Galiza, senón que oficializaba a súa adscrición patriótica Plácido Castro, vinculándose coas Irmandades da Fala. Entre outros, mantería unha especial amizade con Antón Vilar Ponte, segundo manifestaría nas páxinas deste mesmo xornal. Nesta altura é cando escrebe, por volta de decembro, a que sería a segunda achega para A Nosa Terra que redixa. A lucidez que xa amosara reflexionado sobre as relacións internacionais da Galiza, volve a manifestarse afirmando que o noso país era unha “colonia” española. Actualizando o conceito que xa empregara Antolín Faraldo no 1846 para se referir á nosa Terra e o trato dado pola “Corte”, Plácido Castro afirmará en chave soberanista na mesma liña:
“Si os argumentos que expoñen os nacionalistas galegos e as arelas de independencia que sinten non abondaran para xustificar todal-as suas peticións, sería xustificación suficiente o trato de colonia que dan a Galicia os gobernos centralistas (…)”.
Afondando nesta cuestión, aseveraría Plácido Castro que só o nacionalismo podería defender os intereses lexítimos da Galiza, partindo da experiencia dos desfavorecidos labregos a partir das política do centralismo español na súa contra. Realizando un paralelismo entre a Galiza e Irlanda, a partir do trato recibido desde España e Inglaterra, respectivamente, por unha e outra, afirmaría cunha acendida crítica contra o caciquismo galego ao servizo de interese foráneos:
“E verdade que os galegos ainda non morreron de fame como os irlandeses, mais a emigración galega non é sinón unha unha maneira de fuxir da fame. (…) O centralismo, e ainda máis o caciquismo centralista galego, precisa do sometemento, da falla de independencia (…). [Ora] Si se nos considera como colonia, temos de actuar como colonia, como todas aquelas colonias rebeldes que ao fin conqueriron a sua libertade”.
Entre tanto, o galeguismo demostraría tamén referencial no que atinxía ás reivindicacións de xénero. Por volta xa do 1919 a “Irmandade Feminina” ou “Seición Feminina” das Irmandades da Fala desenvolvían unha vizosa actividade. De xeito constante realizaran un labor enfocado cara a reivindicación dos dereitos das mulleres, comezando por atinxir unha igualdade entre mulleres e homes no político, social e laboral. Mesmo impulsarían a creacións de ‘bolsas de traballo’, como se podía ler nas páxinas de ‘A Nosa Terra’, coordinándose coa colectiva galega alén mar de cara a que as mulleres que marchaban para Sudamérica contaran coa protección de parte da rede societaria galega asentada aló.
Perfeccionarse organizativamente (nun novo tempo) para gañar á soberanía: o Partido Galeguista.
Meses despois de ter escrito este artigo Plácido Castro, proclamábase a II República española. Galiza entraba nunha nova etapa da súa historia, realidade que verían ben nidia o galeguismo. Cumpría axustar a realidade organizativa aos tempos que estaban a se aveciñar. Nesta orde de cousas, entre o 5 e 6 de decembro do 1931 desenvolveríase en Pontevedra a VII “Asambreia Nazonalista” das Irmandades da Fala. Plácido R. Castro sería un dos activistas do galeguismo que participaría da mesma. Johán Carballeira non asistiría, mais sería un dos nacionalistas que enviaría a súa adhesión á mesma, segundo informaba o número de A Nosa Terra de xaneiro do 1932. Plácido Castro faría parte da delegación galeguista que representaba á Coruña naquel decisivo encontro, xunto a Lugrís Freire, Víctor Casas e Salvador Mosteiro. A importancia da devandita asemblea viría dada polo feito de tomaren a decisión os seus asistentes de crear o Partido Galeguista (PG). Organización que quedaría conformada, con organismos de dirección e responsabilidades escollidas democraticamente no propio acto, dos que faría parte o propio Plácido R. Castro, nomeadamente do Consello Nacional do partido. Na práctica as Irmandades da Fala reconvertíanse naquel PG, proceso do que farían parte de xeito entusiasta Plácido Castro e Johán Carballeira, tomando contacto un co outro neses meses.
A vida de ambos nesa altura estaría guiada a lle dar o maior peso social ao galeguismo político. A implicación de ambos no PG sería de grande relevo, sendo os dous figuras enormemente recoñecidas. No terreo organizativo Plácido R. Castro pasaría a ser desde marzo do 1931 o “Conselleiro 2º” (vicepresidente) do grupo coruñés do Partido Galeguista; capitaneado por Víctor Casas, que sería “Conselleiro 1º”. Desde un primeiro momento Plácido R. Castro ocuparía a representación do PG nos seus asuntos exteriores, na práctica unha vogalía de relacións internacionais. Sen dúbida era o militante da organización galeguista máis formado neste eido, desenvolvéndose tanto en galego, como en inglés, para alén do español. Teorizará incasabelmente arredor de estar a Galiza presente nos debates que arredor da cuestión nacional se estaban a dar no ámbito europeo. Nesta orde de cousas, indicaría este activista nun outro artigo publicado en A Nosa Terra, diante do Día da Patria do 1932, que xiraba arredor da cuestión nacional versus Estado español [=Hespaña] e o ámbito internacional, que:
“(…) os máis fondos conflictos da política internacional relacionánse con probremas de minorías e de autonomías, que hoxe eisisten na maioría dos Estados de todol-os continentes, aínda despois do trunfo recente de numerosos movimentos nacionalistas. A solución dos probremas d-iste caraiter é unha das etapas indispensabres na loita da pacificación do mundo –ceibando aos pobos que se sinten asoballados, e debilitando ao mesmo tempo os grandes Estados imperialistas e militaristas. (…) debe Hespaña resolver os seus propios probremas autonómicos denantes de pretender intervir como mediadora nos preitos alleos”.
Así se explica que fora in crescendo peso e influencia que chegaría a ter Plácido Castro no PG como figura de referencia, indiscutíbel, nas relacións internacionais do galeguismo, ao non ter parangón. Sendo unha peza clave da dirección do partido nacionalista, na III Asemblea do PG, celebrada no 1933, foi o membro que máis votos recibiría para as eleccións á Executiva do partido, con 1.654 votos ao seu favor.
E sería naquel ano cando Plácido R. Castro protagonizaría o fito de maior relevo que no ámbito internacional, e do punto de vista político, viviría o noso país. Dado que Galiza, da man do PG, estaría representada no IX Congreso de Nacionalidades Europeas coa presenza de Plácido Castro. Un encontro celebrado na localidade suíza de Berna, entre o 16 e o 18 de setembro do 1933 e adscrito á Sociedade de Nacións. Foron exactamente quince as nacións representadas nesta cimeira e unha delas foi Galiza mercé ao galeguismo, recoñecida como tal.
As páxinas de A Nosa Terra darían eco ao relevante nova, ao igual que outros medios, caso de El Pueblo Gallego. Neste medio afirmaría Plácido R. Castro, por volta do 30 de setembro daquel ano, que:
“Por vez primeira na súa historia Galiza concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional. (…) foi acollida Galiza no Congreso de Nacionalidades Europeas e admitiuse a declaración presentada pola súa delegación que di:
O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo,, declara solemnemente (…) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta”.
Desde o Partido Galeguista afirmaríase a través de A Nosa Terra que este fito visibilizaba a Galiza no marco internacional, de xeito oficial, e que afortalaba a unión entre as nacións sen Estado do marco europeo en particular, así como na Península Ibérica. Neste ámbito xunto as nacións vasca e catalá, o galeguismo viña de impulsar o “Galeuzca”. Ora, o PG indicaría que a loita pola conquista da soberanía da Galiza tiña que ser obra do pobo galego, sendo esa ‘oficialización’ do feito nacional unha cobertura á dinámica propia do galeguismo:
“Non vai pois Galiza buscar nin agardar do congreso unha axuda política pra resolver problemas que temos de solucionar nós mesmos. Vai si procurar o apoio moral da opnión internacional, a forza que dá a cooperación con movimentos afins, a defensa contra posíbeis opresións futuras dun reaccionarismo español unitario. (…) Quer universalizar a Galiza no doble no doble senso de facer que a Europa a coñeza e de coñecer mellor a Europa, e manter relacións con todol-os movimentos semellantes ao noso, dos que tanto podemos adeprender”.
A acción do galeguismo multiplicarase de xeito extraordinario ao longo de boa parte do 1934. Este ano observamos como, para alén dos pequenos actos, o PG desenvolve grandiosos mitins. Nestes, a figura de Plácido R. Castro terá unha grande presenza, xunto a Manuel Gómez Román, secretario xeral, Alexandre Bóveda, secretario de organización, e Daniel R. Castelao, secretario político, así como Víctor Casas, Antón e Ramón Vilar Ponte, entre outros. Podemos referir, por ser o maior que até a altura desenvolvería o PG, o encontro público que celebraría no teatro Rosalía de Castro da Coruña a segunda fin de semana de xuño daquel ano. Plácido R. Castro sería o segundo en intervir, após as notas introdutorias do secretario xeral do PG, Gómez Román. Plácido Castro interviña como membro da dirección da organización galeguista e como representante do grupo coruñés.
Nesa altura é cando Johán Carballeira comeza a ter responsabilidades orgánicas no PG. Concretamente sería elexido a finais de maio “Conselleiro suplente da Seición de Pontevedra” na que estruturaba o partido os grupos que tiña organizados na bisbarra/contorna pontevedresa, segundo a demarcación do mesmo. Xunto a Johán Carballeira, Roxelio Pérez Gonzalez, “Roxerius”, sería elexido “Conselleiro propietario” (é dicer, titular) e Victoriano Buxán Rivas faríase cargo da secretaria xeral da “Mocedade Galeguista de Pontevedra”. Entre 1934 e 1936 o galeguismo e a Galiza daquel tempo veríase golpeado duramente (así como por extensión a II República), dado que accedería ao goberno español tras as eleccións de novembro do ’34 a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA). A falta de entendemento das forzas de esquerda e a unión da dereito significaría unha auténtica parálise do proceso de modernización de España e unha involución para as tres nacións sen Estado que facían parte da Estado español. Para o caso catalán o Estatut (‘Estatut de Núria’ ), aprobado no ano 1932, quedaría sen valor legal sendo anulada toda a realidade autonómica que estaba a funcionar con absoluta normalidade e un apoio maioritario entre a sociedade catalá. Para o caso vasco e galego, os respectivos Estatutos estaban a agardar o seu debate no Congreso dos Deputados e quedaron sen pasar o que sería, na práctica, o último paso a superar para ver legalizados os textos articulados que implementarían a autonomía de Euskadi e Galiza.
Neste marco de goberno español da CEDA republicanos e nacionalistas serían presos por mobilizacións obreiras, políticas en favor das liberdades públicas, declaracións de prensa, etcétera. Do PG Ramón Suárez Picallo ou Álvaro de las Casas serían dous dos que pasarían días presos polo seu activismo de nacionalista e de esquerdas. Daniel R. Castelao e Alexandre Bóveda serían, por outra banda, enviados como funcionario dos Estado, mediante ‘traslado forzoso’, a Badajoz e Cádiz respectivamente. Un xeito de tentar parar o medre social e político do PG, pouco hábil por outra banda. Esta realidade non impediría que o galeguismo tivera unha importante base social e un grande arraigo popular, mantendo os seus principios e folla de ruta soberanista, que pasaba por ver aprobado para Galiza un ‘Estatuto de Autonomía’, co que isto significaba naquel tempo.
1936 Tempo de éxito. Tempo de barbarie.
O ano 1936 representaría a queda do goberno da Conferederación Española de Derechas Autónomas (CEDA), así como o regreso ao poder da esquerda e, con ela, do nacionalismo, entre outros, galego. O PG ao facer parte da coalición “Frente Popular” tivo como contrapartida que o proceso estatutario se puidera retomar legalmente. Cumpría trasladar o articulado estatutario ao Congreso dos Deputados para ser debatido, ao igual que acontecía co Estatuto Vasco.
Entre tanto, esta alianza daría lugar a que membros da Frente Popular, e para o caso galego algúns activistas do PG, fosen electos alcaldes dos seus concellos. Sería o caso de Johán Carballeira en Bueu naquel 1936, ao igual que Ánxel Casal en Compostela. Carballeira sería central no relanzamento a favor do Estatuto de Autonomía na bisbarra do Morrazo, Vigo e Pontevedra, participando activamente na campaña a favor do plebiscito marcado para xuño daquel ano, ao igual que Plácido R. Castro, Ramón Suárez Picallo, Víctor Casas, ou Castelao e Bóveda, que viñan de regresa da súa expatriación peninsular.
Os resultados do agardado plebiscito serían magníficos, resultando máis dun 90% dos sufraxios favorábeis ao texto estatutario o que este significaba para a nosa Terra. Só tocaba que aquel Estatuto galego tomara estado parlamentar, téndose que debater no Congreso dos Deputados en Madrid. A tal efecto, unha delegación trasladaríase á capital española para trasladar oficialmente o documento estatutario e que este fora axendado para o devandito debate, como previo paso para a súa oficialización. Coincidía a chegada do Estatuto de Autonomía galego ás Cortes do Estado coa homenaxe que se lle tributaría a Johán Carballeira por parte de mariñeiros e armadores de Bueu. Segundo se apuntaba en El Pueblo Gallego do 17 de xullo, a homenaxe derivada da convocatoria que o alcalde de Bueu viña de realizar dunha asemblea na que se debateu arredor da “revalorización da sardiña”. Ora, aquel tempo de ledicia e soños sería abruptamente rachado.
Como é sabido, truncaríase o proceso autonomista/soberanista galego e, por extensión, o novo tempo que se abrira na primavera do 1931, a partir dun particularmente feroz golpe de Estado, de corte militar e españolista. Diante desta realidade Johán Carballeira e Plácido R. Castro, como a maior parte do galeguismo organizado no PG, mantívose firme en defensa da legalidade democraticamente elexida; facendo un chamado como alcalde á súa veciñanza en favor República e da Galiza futura. Con todo, os golpistas faríanse cargo da situación, destituirían a Johán Carballeira e o conxunto da corporación municipal, sendo detido o 15 de setembro daquel ‘36, baixo acusación de accións de guerra e de resistencia ao “Glorioso Movimiento Nacional”. Sería ao pouco confinado na illa de San Simón e, finalmente, sentenciado a morte caería fusilado no mes de abril de 1937.
Entre tanto, Plácido R. Castro sería detido en Muxía e procesado por non ser afecto ao devandito ‘Movimiento Nacional’. Sería condenado a inhabilitación absoluta durante 15 anos, ao desterro de máis de cen quilómetros de Muxía e a unha cuantiosa multa. A partir de aquí comezaría unha nova etapa, asentándose na parroquía de Coruxo, en Vigo.
O tempo de Johán Carballeira e de Plácido R. Castro parou traxicamente cando, a partir daquel golpe militar totalitario, Carballeira foi asasinado. Non volvendo compartir Plácido R. Castro co seu compañeiro de partido e soños, mais empresas e coa tristura desgarradora que significou perder a tantas persoas queridas (os asasinados Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Ánxel Casal, entre moitos outros, para alén do propio Johán Carballeira, e os exiliados como Daniel R. Castelao, Núñez Búa, Suárez Picallo…). E é que, para alén de estarmos no presente 2016 diante do centenario, como dicíamos ao comezo, das Irmandades da Fala, estamos tamén infelizmente no presente ano diante do 80 aniversario do inicio da barbarie totalitaria que se desataba, planificadamente, no mes de xullo do 1936, como ensaio a pequena escala do que logo sería a II Guerra Mundial…
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Historiador e profesor da Universidade da Coruña