Pronunciada por Xosé Estévez Rodríguez en Rianxo, 25 de xaneiro de 2019
O Galeuzca e Plácido Castro
Xosé Estévez Rodríguez
I. Limiar obrigado
Debo confesar publicamente que a figura de Plácido Castro era para min vagamente coñecida. Sabía do seu labor de tradutor, da implicación no Galeuzca de 1933 e da participación no IX CNE (Congreso de Nacionalidades Europeas). Mais despois da lectura de varias das súas obras, dos estudos elaborados sobre el, sobre todo polo amigo Xulio Ríos, e da súa multifacética personalidade, a súa figura agrandouse de tal xeito que na constelación das estrelas dentro do nacionalismo galego pasou a ocupar un lugar sobranceiro, á mesma altura que Bóveda e Castelao. Plácido R. Castro del Río lémbrame o que din en Quiroga do río que serpea e adorna o val, a quen lle dedicou Ernesto Guerra da Cal o seu libro “Río de Sonho e Tempo”: ”O Sil leva a auga e o Miño a fama”.
A palestra inclúe dous temas fulcrais: por unha banda, o Galeuzca, e, por outra, a participación de Plácido Castro nese movemento e na súa derivación europea: os CNE. Polo tanto, é preciso encetar con algúns breves trazos da personalidade senlleira de Plácido Castro, para despois definir o Galeuzca e rematar cos aspectos máis sobranceiros de Plácido Castro encol do tema.
1) Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro de 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967, foi un persoeiro polifacético e poliédrico: escritor, xornalista, profesor, músico, tradutor e ao galego, sobranceira figura do galeguismo e un activo persoeiro da cultura galega no interior e na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido tras a Guerra Civil.
Cando tiña seis anos os pais trasladáronse ao Reino Unido e en 1911 estaban establecidos en Cardiff. O pai era empresario do carbón e naquel intre Gales era unha das grandes rexións mineiras. No Reino Unido proseguiu os seus estudos, primeiro en Cardiff e posteriormente na cidade de Scarborough, onde estudou até secundaria. Logo mudouse á cidade escocesa de Glasgow, onde estudou Arquitectura naval na súa universidade entre 1918 e 1922. Durante esa etapa universitaria comezou o seu labor como tradutor. Esporadicamente visitaba Galicia, pasando temporadas en Cambados.
Máis tarde asentouse en Londres, dende onde, en 1927, comezou a súa colaboración co xornal El Pueblo Gallego, en ANT e en Céltiga.
En 1930 retornou a Galicia, e ao pouco empezou a colaborar coas Irmandades da Fala. En decembro de 1931 foi elixido membro da Asemblea Fundacional do PG e votado para o Consello Permanente. O seu peso no Partido Galeguista era tal que, na III Asemblea de 1933 foi o membro que máis votos recibiu para as eleccións á executiva do partido, con 1.654 votos. No verao de 1933 participou activamente no Galeuzca e en setembro do mesmo ano foi nomeado representante de Galicia, en virtude do coñecemento de idiomas e da política exterior e do seu ideario en política internacional, no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna, onde Galicia foi recoñecida como nación.
Co gallo do alzamento militar de 1936 detivérono en Muxía e procesárono. Salvou a vida grazas a influencias e pagos económicos, pero foi condenado a inhabilitación durante 15 anos, ao desterro de máis de cen quilómetros e a unha cuantiosa multa de 25.000 pesetas. A raíz disto, instalouse en Coruxo (Vigo), onde se dedicou á tradución de poesía inglesa. En 1944 casou con Jesusa Sineiro, en Cambados, e do matrimonio naceron oito fillos. A súa filla máis nova, penúltima da prole, Dona Susi Castro, está empeñada no labor de manter o seu legado e recuperar a súa figura, inxustamente preterida. Meritorio labor, pos o meirande inimigo da memoria non é o paso do tempo, se nón o silencio.
A causa da inhabilitación, do ambiente irrespirable e da persistencia infame da ditadura, exiliouse en 1948, primeiro en Portugal e despois outra vez no Reino Unido, asentándose en Londres. Alí traballou como locutor-redactor da BBC, onde realizou o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega (Sobre esta xeira de Plácido Castro: Diéguez Cequiel, Uxío Breogán, 2015, pp. 113-115). Neste período colaborou tamén con xornais como Jornal de Notícias, de Porto, La Nación, de Bos Aires, e Galicia Emigrante (1954-59), tamén de Bos Aires, dirixida por Luís Seoane.
Despois de superar a inhabilitación, volveu a Galicia, residiu en Cambados e traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde exerceu como profesor de inglés. Os xornais cos que colaborou nesta época foron Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e Faro de Vigo.
A revista Grial publicou en 1963 a súa tradución de Rubáyiát, de Omar Khayyaam, vertida ao galego desde a versión inglesa de Edward Fitzgerald e, en 1967, un ensaio póstumo sobre W.B. Yeats.
2) Plácido Castro aportou ao galeguismo unha ampla bagaxe intelectual, especialmente en tres facianas:
a) O tema da saudade. Fronte a unha concepción pesimista, sentimental e inhibidora de saudade, que debullaron Ramón Piñeiro, García Sabell e incluso Castelao (SEG, pp. 352-355), para Plácido Castro, a quen cita nesas páxinas o rianxeiro, era unha forza dinámica, inmensa, activa, característica dos pobos célticos, que non só supoñía a dor pola perda da Terra amada senón empuxe para loitar polo seu rexurdimento.
b) A dicotomía nacionalismo-universalismo salvouna con grande habilidade dialéctica Plácido Castro. O mellor xeito de incorporarse ao concerto universal dos pobos era partir dunha Galiza de seu, non acomplexada colonialmente nin “flamenquizada”, para enriquecer deste xeito o rico mosaico mundial, pois a variedade é grande riqueza do mundo e non a uniformidade. Dende a ventá dunha pequena patria pódese admirar perfectamente a regalía do universo. O patriotismo é íntimo e limitado. As persoas non teñen capacidade emotiva de longo alcance. O patriotismo é un sentimento dabondo intenso como para ser dabondo extenso. Ten tanta calidade que non precisa moita cantidade. Dende Rianxo un pode ser universal e dende Nova Yorque un provinciano paleto. Plácido Castro tiña claro que defender o propio non significaba depreciar o alleo. Era un galego de nación, galeuzcano de convicción, universal de formación e solidario de vocación. Neste eido existen certas semellanzas entre Plácido e Lois Tobío, autor dunhas excelentes memorias, “As Décadas de T.L.”.
c) A estratexia en política exterior do galeguismo deseñouna magnificamente Plácido Castro. Posuía un pensamento político ferventemente favorable á procura de alianzas co gallo de construír unha fraternidade ibérica, que abranguería, por suposto, a Portugal e a súa prolongación brasileira, co obxectivo de acadar unha confederación, na que Galiza estivera ao mesmo nivel que as outras nacións peninsulares. A estratexia política de acción exterior do galeguismo, segundo Plácido Castro, debía conformar unha circunferencia, non unha periferia colonial, cuxo centro e eixo era Galiza. Dende ela partían como radios cinco liñas de actuación en diferentes ámbitos xeopolíticos:
- Estatal: O Galeuzca: galeuzcanismo.
- Peninsular: Portugal e a prolongación brasileira: Lusismo.
- Atlántico: os país célticos: Celtismo.
- Europeo: Os Congresos de Nacionalidades europeas e a SDN (Sociedade de Nacións): europeísmo e internacionalismo.
- Español: posibles alianzas coas esquerdas: esquerdismo.
3) O Galeuzca foi un movemento de solidariedade entre os nacionalistas das tres nacións, Galiza, Euskal Herria e Catalunya a prol da procura dun autogoberno, dunha federación ou confederación de nacións ibéricas e, en última instancia, da independencia.
Nesta palestra só pensamos desenrolar, tal como se deduce do título, os ámbitos estatal, o Galeuzca, e europeo, os CNE, ámbito este intimamente vinculado ao Galeuzca de 1933, pois nos dous Plácido Castro tivo un xebre protagonismo.
II. Precedentes do Galeuzca
1. A Tripla Alianza de 1923
Os contactos trinacionais entre forzas nacionalistas galegas, vascas e catalás encetan en Xuño de 1923, en resposta a un chamamento inserido no xornal “La Publicitat” para artellar un bloque trinacional, da recen nada e exitosa “Acció Catalana” (AC), liderada por Antoni Rovira i Virgili, Lluis Nicolau D´Olwer e Jaume Bofill i Mates.
Nese momento, o Estado Español achábase nunha conxuntura de fonda crise económica, social e política, polo que era preciso aproveita-la ocasión. Hai que ter en conta, ademais, que dende a Iª Guerra Mundial funcionaba unha Union des Nationalités, e dende 1925 os Congresos de Nacionalidades Europeas, ó abeiro da sección de Minorías Nacionais da SDN, aos que acudían dende 1926 forzas catalanistas, representadas por esgrevios xuristas como Francesc Maspons i Anglasell.
Respondeu de xeito inmediato ó chamado de AC, coa máis fervente adhesión, o PNV, daquela a ponla máis radical do nacionalismo vasco, encabezada por Elías de Gallastegui, “Gudari”.
Durante o verán fóronse sumando á convocatoria a Comunión Nacionalista Vasca (CNV), as Irmandades da Fala, Estat Catalá, Unió Catalanista e Irmandade Nazonalista Galega (ING).
A xeira remataría coa configuración do Pacto da Tripla Alianza en Barcelona o 12 de Setembro de 1923. Subscribirían o acordo as seguintes forzas:
- Pola banda nacionalista galega: Irmandades da Fala, representadas por Federico Zamora e Alfredo Somoza, e a ING, que se adheriu a través dun telegrama remitido por Vicente Risco.
- Polo nacionalismo vasco: O PNV, mediante a presenza de Gallastegui, Telesforo Uribe-Echebarria, José Domingo de Arana, Manuel Robles Aranguiz e Manu Egileor. A CNV, representada por Jesús María Leizaola e Julián Arrrién, postergou a aprobación a unha consulta ás bases do partido, que loxicamente non puido realizarse por mor do golpe de Estado do día 13.
- Polo Catalanismo selaron o acordo: Acció Catalana, con algunhas reticencias, encabezada por Lluis Nicolau D’Olwer, Antoni Rovira i Virgili e Jaume Bofill i Mates, a entidade cultural Unió Catalanista, representada por J. Riera i Puntí e Pere Manén i Artés, i Estat Catalá, encabezado por Francesc Macià.
Do acordo asinado consérvanse dúas copias, unha con correccións manuais, no Arxiu Jaume Bofill, publicada xa fai anos por Jordi Cassasas, e outra no Arxiu Francesc Macíà, ningunha delas coas sinaturas dos persoeiros presentes. De carácter arredista e claramente doutrinario, consta de oito artigos e en dúas ocasións apélase ó procedemento heroico e ó derramamento de sangue, é dicir, á loita armada. O apartado III refírese claramente á faciana internacional e di: ”Protestan de que dentro de la Europa reconstruída según el principio de las naciones grandes y pequeñas, Euskadi, Cataluña y Galicia continúen sometidas, en contra de su voluntad, a las instituciones, a las leyes, a la lengua y a los gobiernos que no le son propios”.
No fracaso desta avinza influíron un variado conxunto de factores interdependentes:
- As disensións internas entre as forzas asinantes (Acció Catalana, que lle parecía o acordo dabondo radical) e a ING, pois Fermín Penzol criticaría a Vicente Risco por adherirse sen consultar ós demais membros da dirección.
- As reticencias a asinar un pacto fortemente arredista (algún sector de Acció Catalana e a CNV).
- A ausencia doutras forzas como a podente LLIGA e a recen fundada Unió Socialista de Catalunya.
- A propia feitura teórica da avinza, segundo algúns como Jaume Bofill “fantástica” e segundo outros como o historiador Enric Ucelay da Cal “utópica”, “puramente simbólica”, “molt retórica i poc traballada”.
- Sobre todo, o golpe de estado primorriverista do 13 de Setembro, que se adiantou mesmamente dous días por mor do descontento do exército diante “dos excesos separatistas” do día 11 na homenaxe a Rafael de Casanova e polas declaracións de Rovira i Virgili na sobremesa dunha cea nos locais do CADCI, quen se atreveu a dicir:” Nós non somos españois, deixamos ese apelativo para quen o queira coller”.
De tódolos xeitos o acordo ficaría como un fito e referente emblemático ineludible para conxunturas posteriores.
2. Acordos no exilio durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
- 1) No exilio galo durante a Ditadura primoriveirista o aberriano Telesforo Uribe-Echebarría proponlle a Macià un anteproxecto de “Liga de Nacións Oprimidas”, que o catalán reelabora e lánzao á opinión pública dende París o 9 de Setembro de 1924, sen obter resposta. A Liga viña a ser un complemento da Tripla Alianza. Abranguía as tres nacións peninsulares integrantes, ás que se axuntaban Filipinas, Exipto e a República do Rif.
- 2) O 8 de Xaneiro de 1925 constituíase en París o “Comité de Acción da Libre Alianza”, integrado por representantes de Estat Catalá, do PNV, dos cataláns en América e da CNT. Asinaban o “Pacto da Libre Alianza”, que deixaba reservado un lugar para unha delegación galeguista. O obxectivo final, explícito no mesmo acordo, era derrubar o réxime español, declarar as tres nacións independentes e introducir na lexislación e na práctica social melloras substanciais para a clase obreira. No apartado I:”Necesidad de este organismo”, e no II: ”Bases fundamentales de la Liga”, inclúense nidias alusións ó aspecto internacional.
- 3) O 16 de Novembro de 1925 Francesc Macià asinou en Moscova un novo pacto, no que ás forzas compoñentes da Libre Alianza, agás os galeguistas, incorporábase o Partido Comunista (PC). Macià procurara por tódolos medios a inclusión do PC, porque era o único que podía subministrar axuda económica e estratexia revolucionaria para derrubar o réxime español. O PC, con posterioridade, desentenderíase do acordo.
Con anterioridade, a creba do golpe “A Sanjuanada” (24-Xuño-1924), con participación de militares opositores á Ditadura como Fermín Galán, e, despois do pacto de Moscova, o fracaso da invasión de Prats de Molló (4 de Novembro de 1926) provocaría un troco de estratexia pola banda de Macià, abandonando a vía armada e insurrecta. A partires de 1928 tentaría o vieiro de acordos coas forzas políticas españolas e periféricas da oposición, que culminarían no pacto de San Sebastián do 30 de agosto de 1930 durante a “Ditabranda”.
Esta conxuntura de tránsito á II República foi, quizais, unha oportunidade desaproveitada, que coutaría inclusive a articulación dunha República federal ou confederal. - 4) No pacto de San Sebastián (30-agosto-1930) a intensidade reivindicativa das distintas forzas catalanistas non pode poñerse en dúbida. Acció Catalana, representada por Manuel Carrasco i Formiguera; Acció Republicana, encabezada por Macià Mallol, e Estat Catalá, cuxo voceiro era Jaume Aiguader, loitaron polo recoñecemento dos dereitos de Catalunya no futuro réxime republicano fronte ás forzas españolas presentes nas conversas deste pacto non escrito. Estas formacións eran: Alianza Republicana, Partido Radical Socialista, Partido Socialista e Dereita Liberal Republicana. O galeguismo achábase indirectamente representado por Santiago Casares Quiroga, en realidade delegado da Federación Republicana Galega, quen solicitou de xeito apoucado a autonomía para Galiza, segundo coinciden as diferentes e contrapostas versións das conversas. Pero o nacionalismo vasco, por mor de diversas causas, cuxa análise explicativa sería moi demorada, non estivo presente no pacto. Esa ausencia zocharía a posibilidade da configuración dun bloque trinacional nesta caroal tesitura prerrepublicana.
3. Chamamentos pactistas durante o primeiro bienio republicano (1931-1932)
Durante os anos 1931 e 1932 desfilaron chamamentos ou achegamentos puntuais co obxecto de acadar frontes ou avinzas trinacionais ou binacionais, sen que o éxito as coroase até 1933, que se asina o Galeuzca ou Pacto de Compostela. Entre estes achegamentos e de xeito resumido podemos nomear os seguintes:
- 1) En xaneiro de 1931, co abesullo dunhas próximas eleccións, o vasco Federico de Zabala apoiaba a formación nas vindeiras Cortes dun bloque autonomista para arrincar do centralismo os meirandes cumios de concesións autonómicas.
- 2) No mesmo intre do ledo alporizamento primaveral producido pola instauración do novo réxime republicano en abril de 1931, dirixentes do PNV e de ANV petarían na sensibilidade de Macià para procurar axuda ás reclamacións vascas.
- 3) No medio deste fervenza, o fato “Nosaltres Sols”, arredista, que rexeitaba a estratexia contemporizadora de Macià, pregáballe ó dirixente peneuvista, Manu Egileor, o rexurdimento da Tripla Alianza.
- 4) Tralas eleccións a Cortes Constituíntes, celebradas o 28 de Xuño de 1931, Vicente Risco propoñía a formación dunha fronte autonomista no Parlamento coa finalidade de acadar unha Constitución Federal. Unha proposta semellante, en fasquía e obxectivos, tentou o PNV con Esquerra Republicana de Catalunya, mais os fondos desacordos destas dúas formacións políticas na cuestión relixiosa impediron calquera avinza. É preciso ter en conta que o PNV formaba parte da minoría Vasco-Navarra, de forte contido católico. UDC non nacería deica o 7 de novembro de 1931 e era un partido minoritario e sen representación parlamentar.
- 5) A friaxe das relacións entre esquerristas e jelkides, encirraron a estes a procurar outros vieiros, entaboando contactos coa LLIGA a finais de 1931. O adaíl de Lliga, Cambó, respondería positivamente, aínda que ca sutileza dun vello raposo da política. Porén, a febleza da representación da Lliga nas Cortes (catro deputados) tampouco permitía moita fachenda de cara a efectividade.
- 6) En 1932 agromarán na escena política novos chamamentos, nos que a recente fundada Unió Democrática de Catalunya terá un xebre protagonismo. Jordi Carbonell, da citada UDC, encetará a rolda en febreiro e en meses vindeiros petarán na mesma aldaba outros persoeiros do mesmo partido como Jover i Nunell, Roca Caball e Manuel Carrasco i Formiguera.
- 7) No mes de Xullo de 1932 multiplicaríanse os chamados: Esteban de Isusi, do PNV, Lluis Jordá, periodista catalán colaborador do xornal penuvista EUZKADI e próximo á LLIGA, o galeguista Otero Pedrayo, na festa de Iñaki Deuna ou Día de San Ignacio (31 de xullo), e “Nosaltres Sols”, que recuncaría un chamamento realizado en Abril. Mantíñanse, ademais, conversas entre a minoría vasca e os galeguistas para artellar unha fronte autonomista e xuntanzas en Barcelona, entre varias entidades catalanistas e centros vascos e galegos, para organizar un “Congreso de nacionalidades hispánicas”.
- 8) A homenaxe, realizada a mediados de Xullo en Barcelona, a Otero Pedrayo e Castelao por mor da defensa nas Cortes dos dereitos de Catalunya co gallo dos debates do Estatuto catalán sería unha oportuna tesitura para teimar nos mitins e discursos na liña de logra acordos e/ou achegamentos trinacionais máis duradeiros.
- 9) Non remataría o ano 1932 sen un novo chamamento ao rexurdimento da Tripla Alianza, a cargo, esta vez, de Batista i Roca, Secretario da organización patriótica, “Palestra”.
III. O GALEUZCA de 1933
1. O contexto
Debería terse en conta que denantes deste movemento trinacional de 1933, coñecido como Galeuzca, como dixemos, xa existían vencellos que arrincaban da Tripla Alianza de 1923, dos acordos de 1924 e 1925, asinados no exilio galo durante a Ditadura de Primo de Rivera, e de moitos chamamentos pactistas desenvolvidos ó longo dos anos 1931 e 1932, xa instaurada a IIª República, que non tiveron forza dabondo para enfortecer un convenio rexo e asinado, por mor de diferentes causas. Unha delas, quizabes a máis importante, foron as diferenzas no tema relixioso entre o PNV e ERC, que impediron artellar unha tripla entente nas Cortes republicanas, a pesares dalgúns chamamentos nesa liña.
O contexto no que se xesta o Galeuzca de 1933 está moi influenciado polo problema estatutario e a concepción híbrida, de carácter integral, da estrutura territorial do Estado, inserida na Constitución republicana a medio camiño entre o unitarismo e o federalismo.
O Estatuto catalán de Autonomía xa fora definitivamente aprobado polas Cortes da República e asinado polo presidente Alcalá Zamora o 15 de setembro de 1932 no pazo da Deputación de Guipúscoa. Pero o proceso de transferencias ía moi paseniño e o goberno central apoñía abondosos atrancos, sobre todo no asuntos financeiro-fiscais e lingüístico-culturais, de tal xeito que moitos cataláns, incluídos persoeiros de ERC, e pesares de participar esta forza no Gabinete ministerial do goberno social-azañista no bienio reformista, primeiro con Jaume Carner en Facenda (16-XII-1931 a 12-xuño-1933) e despois con Lluis Companys en Mariña (12-xuño-1933 a 12-setembro-1933), amosaban o seu descontento polos torpedeos e adiamentos.
O caso dos Estatutos galego e vasco era aínda máis problemático. O primeiro fora aprobado maioritariamente por unha Asemblea de Concellos, celebrada en Santiago de Compostela o 19 de decembro de 1932. Pero aínda faltaban os dous trámites seguintes, plebiscito e aprobación polas Cortes, trámites cuxa data durmía o sono dos xustos. No tocante ao Estatuto vasco xa foran redactados dous anteproxectos, que por diversas causas foran arrombados en 1931 e 1932. No de 1932, Navarra arredaríase dun Estatuto vasco-navarro conxunto, non sen forte polémica. Mesmamente, o terceiro anteproxecto, só aplicable a Araba, Biscaia e Guipúscoa, sería aprobado nunha Asemblea de Concellos, celebrada en Vitoria-Gasteiz o 6 de agosto, cando os expedicionarios da viaxe triangular xa asinaran o Pacto de Compostela ou Galeuzca e se atopaban en Barcelona.
Ademais, no caso vasco dábase outro factor coadxuvante moi tensional: a persecución que sufría o nacionalismo a cargo das forzas da orde, cuxo último responsable era o ministro de Gobernación, Santiago Casares Quiroga. Mesmamente durante a visita dos observadores cataláns o 24 de maio serían detidas en Donostia cinco persoas, entre elas un rapaz de 15 anos e o presidente do GBB, Telesforo de Monzón. Na mesma xeira tamén o sería o crego José de Ariztimuño o día 27 en Bilbao. Durante a viaxe triangular Álvaro das Casas cita no seu relato, con nomes e apelidos, 37 persoas na cadea bilbaína de Larrínaga, a quen visitaron os expedicionarios o 31 de xullo.
Fica nidio, polo tanto, que a articulación do movemento galeuzcano está moi vinculado a esta conxuntura de descontentamento e desencanto a respecto da República. Esta contrariedade e desgusto estarán xa presentes nos discursos dos persoeiros de ANV (Basterra, Arríen e Urrengoetxea), PG (Castelao) e ERC (Riera i Puntí), interviñentes no mitin do frontón Euskalduna de Bilbo, celebrado o 2 de abril de 1933. Este mitin sería o tiro de saída do movemento Galeuzca.
2. O mitin do Frontón Euskalduna en Bilbao (2 de abril de 1933)
A ANV organizaría o 2 de abril de 1933 un mitin trinacional no Frontón Euskalduna de Bilbao e fincaría a rexa do arado neste contexto fertilizado polo mencionado descontento. No mitin participaron como convidados: Castelao, polo PG, e Josep Riera i Puntí, de ERC, e os integrantes da dirección aneuvista Juan Carlos Basterra, Luis Urrengoetxea e Julián Arríen. Dous destes persoeiros: Julián Arríen, daquela na CNV, e Riera i Puntí, integrante da entidade Unió Catalanista Mesmamente xa interviñeran na Tripla Alianza de 1923. Este último, no seu discurso sería quen propuxo a idea de revitalizar a Tripla Alianza, que foi ben acollida polo demais participantes. O catalán, penúltimo en falar, propuxo concretamente que fronte a forza do centralismo:
“Abogamos por una colaboración ideal, fundiéndose los nacionalismos catalán, gallego y vasco, para que esta idea plasme en la realidad, llevándose a la práctica y designándose un comité que se encargue de manifestar los deseos de los pueblos oprimidos por cuatrocientos años de monarquía”.
Recolleu a luva, Julián Arríen, o derradeiro orador, quen manifestou:
“Respecto a nosotros, contestamos al Señor Riera Puntí, que aceptamos con mucho gusto la invitación que nos hace de un modo similar a aquella triple alianza que se malogró cuando el golpe de Esto de Primo de Rivera, el 13 de septiembre de 1923, para constituir también la confederación de pueblos irredentos, que esperan su emancipación…” .
Despois do mitin celebrouse unha cea na Euzko Etxea bilbaína, e na sobremesa tamén peroraron Castelao, Julián Arríen, Luis Areitioaurtena, o navarro Pablo Archanco, en éuscaro, e José Domingo de Arana (quen participara polo PNV na Tripla Alianza de 1923). Polo serán viaxaron a Gernika e ratificaron a proposta, cunha sinatura simbólica no Álbum da Casa de Xuntas, do nomeado Pacto de Gernika, considerado como o auténtico precedente do Pacto de Compostela ou Galeuzca. Sostiñan o acordo as sinaturas de Castelao, Riera i Puntí e Gabin Seijo, presidente de ANV. A xornada remataría cunha cea na Casa de Galicia de Bilbao e a sinatura de Castelao Riera i Puntí e Luís de Areitioaurtena no Libro de Ouro da entidade.
Pero os prohomes do aneuvismo decatábanse de que un posible pacto deste cariz nacía feble, coxo e sen operatividade, se non contaba coa participación da forza nacionalista maioritaria, o PNV, e a adhesión, en caso necesario, da Solidariedade de Obreiros Vascos (SOV, máis tarde ELA-STV). Por iso, convidaron ós xelkides a sumarse activamente á tramitación do pacto e esta aceptou. Non lle arrebatou a iniciativa a ANV, como di X. Beramendi (op. cit., 2007, p. 978). Esta andaina está ben descrita na carta que Andrés Perea lle remesa aos dirixentes esquerristas, Ventura Gassol, Joan Puig i Ferrater e Josep Riera i Puntí o 14 de xuño de 1933 (AGC, Salamanca, serie Bilbao, carpeta 195).
O PNV asumiu a idea e encargoulle a xestión ao Gipuzko Buru Batzar (GBB), daquela presidido por Telesforo de Monzón, sendo secretario Teodoro Hernandorena.
3. A celebración do IIº Aberri Eguna en Donostia (16 de abril de 1933) baixo o lema “Euzkadi-Europa”
Ao GBB tocáballe organizar o IIº Aberri Eguna en Donostia, que se celebraría o 16 de abril de 1933. Aproveitou a ocasión para doarlle un carácter internacional, no duplo senso, interior cara ao Estado español, e de cara a Europa, baixo o lema internacionalista: Euzkadi-Europa. No mitin central participaron o estonio Ewal Ammende, secretario do Comité de Minorías Nacionais, adscrito á Sociedade de Nacións, os cataláns Manuel Carrasco i Formiguera, de UDC, e Francesc Maspons i Anglasell, catedrático de Dereito, membro do Partit Nacionalista Català e vicepresidente do Comité de Minorías Nacionais da SDN, e Ramón Otero Pedrayo, deputado do PG nas Cortes da República.
O GBB, presidido por Telesforo de Monzón, colleu a batuta da organización do movemento trinacional cunha febril actividade. Xa o 5 de abril e o 7 de Maio, na compaña de Teodoro Hernandorena, viaxaron a Barcelona e entrevistáronse con Josep María Batista i Roca, secretario de Palestra, para conversar encol do tema. Palestra era unha entidade cultural, que fomentaba de xeito especial o excursionismo e o montañismo. En principio apartidaria, mantiña boas relacións con tódalas forzas catalanistas. Esta última viaxe, que durou entre e o 7 o 12 de maio, rematou o día 11 con un gran mitin no local Iris Parc, organizado por diversas entidades patrióticas catalás no que que interviñeron Maspons i Anglasell; Pineda i Verdaguer, de Nosaltres Sols, en substitución de Daniel Roig i Pruna, doente, Joan Muntada do PNC, Manuel Carrasco Formiguera, de UDC, e Teodoro Hernandorena e Telesforo de Monzón, xelkides do GBB.
Nesa viaxe decidiuse o nome da organización, GAEUZCA (sic), que aparece por primeira vez no xornal Euzkadi o 13 de maio de 1933, máis tarde corrixido e completado como GALEUZCA.
4. A visita a Galiza do Dr. Ewald Ammende, secretario do Congreso de Minorías Nacionais (abril de 1933)
Denantes desta visita a Galiza e da celebración do IIº Aberri Eguna en Donostia, E. Ammende visitara Euskadi e Cataluña en 1931, na compaña de Joan Estelrich. Con posterioridade escribiu un artigo no periódico letón, que foi traducido polo xornal Euzkadi, apoiando as revindicacións autonomistas de vascos e cataláns: ”Una República española que respetase los derechos individuales de los catalanes y de los vascos parecería en este último aspecto la mejor protección de su desarrollo y de las posibilidades de su asentamiento. Esto, por otro lado, se refiere asimismo a los gallegos...” . Este panorama enmarcábao no eido europeo: “el ejemplo del desarrollo de España confirma la tesis de las realidades nacionales europeas y que es hoy imposible que los Estados de Europa no convengan otra cosa que un completo reconocimiento de la individualidad cultural de cada nacionalidad, conjuntamente” (Euzkadi, 12-2-1932, Ugalde, Alex, 1996, p. 495).
Despois da celebración do Aberri Eguna, o Secretario do Congreso de Minorías Nacionais, Ewald Ammende, desprazouse a Galiza no mesmo mes de abril de 1933, convidado por Otero Pedrayo. Os dirixentes do PG, con Alexandre Bóveda á cabeza, agasallárono e presentáronlle informes onde destacaban os principais caracteres que conformaban a Galiza como nación. Ewald Ammende foi entrevistado polo xornalista e escritor Julio Sigüenza, redactor xefe do xornal El Pueblo Gallego (25-abril-1933, pp. 7-8). A substanciosa entrevista, realizada no local do xornal, aparece na sección “Nuestros reportajes”, con aparato fotográfico incluído: nunha foto, Ewald Ammende en solitario e noutra con Álvaro das Casas, viaxeiro asinante do Galeuzca en xullo, Otero Pedrayo, o escultor Xosé Eiroa e o entrevistador. Das Casas exercería a función de intérprete en francés, un dos 25 idiomas que dominaba Ammende.
E. Ammende afirmaba que viñera a España para observar a “revolución” que estaba vivindo coa implantación do novo réxime republicano e para interesarse polos dous movementos étnicos, o catalán e o vasco, que xa eran membros do Congreso de Nacionalidades. A participación no IIº Aberri Eguna deixárao realmente impresionado . A respecto de Galicia afirmaba que a coñecía “muy superficialmente”, pois “estuve en ella unas horas con motivo de mi viaje a Portugal a donde fui para hacer algunos estudios” e que agora estaba, porque Otero Pedrayo en Donostia “me ha invitado a recorrer vuestro soberbio país”, “un viejo país que, está, sin duda, llamado a un gran porvenir histórico. Tengo la convicción de que reanudará su curso glorioso de los siglos XII, XIII y XIV” e “espero que la aprobación del estatuto catalán sea seguida por el de Euskadi y Galicia”. Continuaba dicindo que era necesario recoñecer os dereitos das pequenas nacionalidades europeas como camiño para solucionar os problemas entre os pobos e os estados.
Proseguía E. Ammende que quedara realmente marabillado pola magnificencia paisaxística, a harmonización entre pobo e natureza e a gran tradición artística e, sobre todo, polo “movimiento regionalista del pueblo gallego”, que demostra verdadeira cobiza por chegar a “reconquistar las libertades que ha perdido, imponer la cultura propia y lograr el reconocimiento de su individualidad para reanudar su curso en la historia del mundo y de la civilización”.
Declaraba que se sentía impresionado polo movemento cultural do galeguismo, especialmente pola tarefa do SEG e consideraba que Galiza posuía capacidade dabondo para autogobernarse e acadar un Estatuto de Autonomía como primeiro chanzo. Loaba a cidade de Vigo polas súas posibilidades económicas e Santiago pola súa maxestosidade e síntese da tradición galega e sentíase sorprendido polo empuxe da xuventude galega.
Aseveraba que coñecía o proxecto do Estatuto galego de Autonomía e o consideraba un paso previo: ”El Gobierno propio para vuestra Galicia es una cosa absolutamente necesaria y una petición justísima”, pois Galicia tiña capacidade dabondo para iso, a semellanza de Cataluña e Vasconia, e “debe hacerse en bien del progreso general de España que nada perdería con ello”, como demostraba o caso catalán, pois cría “que ya en Madrid no habrá nadie capaz de negar la capacidad catalana para su propia gobernación” e probou “que la vieja concepción centralista era absolutamente equivocada y peligrosa”.
Recoñecía que Galiza tiña que “robustecer su palabra, que continuar en la historia interrumpida violentamente” e axiña lograría os seus obxectivos, xa que aínda non nacera “el hombre capaz de tapar con sus actos la voluntad de una vieja nación como la vuestra” . Tamén pensaba que o nacionalismo galego aínda non era un movemento de masas, pero iso non supoñía un atranco: ”No importa que la masa no esté aún lo suficientemente compenetrada con el ideal. Lo indispensable es la gente directora, y Galicia la tiene perfectamente orientada”.
Ademais doutras consideracións encol da situación española, da necesidade de ampliar a concesión de Estatutos de Autonomía a Vasconia e Galicia, da tarefa da Sociedade de Nacións e da posibilidade dunha nova conflagración mundial, a entrevista remataba cunha mensaxe textual de saúda, dedicada ao pobo galego:
“Al salir de Galicia, saludo al pueblo gallego, ese pueblo de viejas tradiciones, de alta cultura y de porvenir magnífico. Saludo, sobre todo, a su juventud, y espero que obtendrá , como los catalanes, su Estatuto y su autonomía. Que el noble pueblo de esta noble tierra, escuche la voz de su juventud, de sus elementos rectores, para que cumpla en el mundo la misión que le está confiada y que quedó interumpida en el siglo XV. Deseo, por último, que todas las demás nacionalidades de España, en su interés, sigan sus pasos. Ewald Ammende”.
En Santiago, Ammende visitou o Seminario de Estudos Galegos, a Universidade e a editorial Nós. Foi acompañado por F. Fernández del Riego e por Luís Tobío, Rodríguez Somoza e Otero Pedrayo, “coñecedores do alemán”. “Nas reunións sucesivas puidémonos entender en francés para informar cumpridamente ao viaxeiro da realidade e aspiracións que personificaba o galeguismo”. (Fernández del Riego, F.,1990, p. 67).
Ammende seguiría preocupándose da participación do PG no CNE, que se ía a celebrar en Berna, “la ville de notre protecteur M. Motta”, a xulgar por unha carta en francés, dende Viena, que lle enviou a Otero Pedrayo co membrete do Comité Executivo do CNE, con data do 23 de agosto, despois xa da viaxe triangular e da sinatura do Galeuzca, solicitándolle que tivese a bondade “de me faire savoir la décision de votre parti”. Engadía que o Congreso prometía ser moi interesante e daría a coñecer a cuestión galega en todo o mundo, malia que non era un paso cara o separatismo, senón regulamento para articular as relacións “dans le cadre des Etats”. (FP- Fondo Otero Pedrayo, documentación amablemente proporcionada por D. Benito Ramírez). Esta mesma carta de Ammende foi remitida a Fernández del Riego, quen a reenviou a Alexandre Bóveda, versionada ao castelán polo médico neuropsiquiatra, militante do PG e políglota, Ramón Rodríguez Somoza. (FP-FR-CA-067007/019).
5. A visita dunha comisión de observadores cataláns a Euskadi (24 ao 30-Maio-1933)
Nas devanditas conversas celebradas en Barcelona entre Monzón, Batista i Roca e outros decidiuse que unha comisión catalanista de observadores viaxase a Biscaia e Guipúscoa entre o 24 e o 30 de maio de 1933, co gallo de ollar in situ o nacionalismo vasco e a persecución da que era obxecto, pois ERC e incluso AC, como recoñecía Pau Vila, eran dabondo reticentes a un acordo ó pensar que nacionalismo vasco, hexemonizado polo PNV, tiña unha ideoloxía relixiosa, por demais “clericaloide”, socialmente reaccionaria e tepedamente republicana. A comisión integrábana personalidades pertencentes a Palestra, Batista i Roca; UDC, Josep Carbonell; ERC, Pere M. Rossell i Vilar; AC (Acció Catalana), Pau Vila, colaborador do xornal L’Publicitat, e por ACR (Acció Catalana Republicana), Tomás Roig i Llop.
Os xornais nacionalistas como Euzkadi e El Día dedicáronlle amplo espazo a estas xornadas de confraternización vasco-catalana durante as visitas que realizaron a diferentes e numerosas localidades de Biscaia e Guipúscoa, cun extraordinario aparato fotográfico, o que non era normal nos xornais da época.
En Catalunya, ademais de La Publicitat, foi El Matí quen adornou moitas páxinas con novas da viaxe, o que non era de estrañar como voceiro daquela de UDC, o partido catalanista máis afín ao PNV.
Nos diferentes artigos escritos polos propios observadores constatouse a persecución e emitíronse opinións de nidia admiración encol da organización e do entusiasmo do movemento nacionalista, que consideraban reiteradamente popular, democrático e inxustamente perseguido. Estas opinións atópanse resumidas neste telegrama, que remitiron ao PNV os cinco observadores:
“Desde Catalunya renovamos agradecimiento cordialísimo atenciones recibidas. Reiteramos profunda admiración y simpatía que nos ha producido movimiento nacionalista Euzkadi. Al disponernos a difundir Catalunya sentimientos cooperación catalano-vasca hacemos votos para que Euzkadi vea satisfecho pronto anhelo libertad. Rogamos transmitan estas palabras Euzkadi- Buru Batzarra y Bizkai-Buru-Batzarra”.
6. As xestións de Batista i Roca e os preparativos para a viaxe triangular
Despois do periplo dos observadores cataláns por Biscaia e Guipúscoa e dos informes positivos dos expedicionarios, que esvaeceron receos e apontoaron certezas, e das conversas con Telesforo de Monzón en Barcelona, ficaba decidida a realización da viaxe triangular: Galicia-Euskal Herria-Catalunya. Josep Mª Batista i Roca encargábase de elaborar un anteproxecto de pacto trinacional en catalán, “Abant-projecte d’unes bases per a l’organitzaió de Galeuzca”, que remitiría en cartas a D. Xesús Carro, do Seminario de Estudos Galegos, a Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo e Álvaro das Casas. (Castells, Víctor, 2008, p. 84).
Na Fundación Penzol, Fondo Otero Pedrayo consérvanse a carta dirixida a Otero Pedrayo e o anteproxecto anexo de Gaeuzca (sic), que en Compostela sería xa rebautizado como Galeuzca, coa data do 22 de xuño. O anteproxecto ven a coincidir, agás moi escasos cambios de forma, non de contido, co pacto de Compostela, asinado o 25 de xullo. Porén, algunhas pasaxes da carta son merecentes de subliñar.
Comezaba sinalando o interese dos cataláns polo “movimiento de liberación de todas las nacionalidades peninsulares hasta ahora sometidas a Castilla”, por iso as viaxes de Castelao e Otero Pedrayo en xullo de 1932 co gallo da homenaxe tributada aos dous e a de Álvaro das Casas, para coñecer o funcionamento dos Minyons de Muntany, integrados en Palestra, e semellantes aos Ultreya galegos, foron oportunidades “para demostrar simpatía que en Cataluña se siente por Galicia”.
Informaba na carta da viaxe dos observadores cataláns, onde xermolou a idea dunha viaxe triangular, con “finalidad esencialmente política, más que turística”, máis tarde elaborada en común acordo entre o PNV, o Euzko Batzokia e de Barcelona, o grupo galeguista da mesma cidade e Palestra, “como organización patriótica catalana que une a todos los partidos”. Explicaba, a continuación, o plan da viaxe de 15 días, por Galicia, Euskadi e Cataluña, prezo, integrantes, actuacións e insistía “otro asunto de gran importancia es el de la formación de un organismo de relación entre las tres nacionalidades”, que “tomaría la forma de un Secretariado con oficinas en Galicia, Euzkadi y Cataluña”, do que axuntaba o anteproxecto de bases “GA-EUZ-CA” xa citado, co que estaban conformes os partidos cataláns e membros particulares do PNV e só faltaba a aprobación definitiva do EBB. Antes de despedirse de Otero Pedrayo indicáballe que a carta tamén fora remitida a Álvaro das Casas, a Jesús Carro do SEG e ao Secretario do PG de Pontevedra, é dicir, a Alexandre Bóveda. Engadía que “sería conveniente que entre tanto pensaran Vs. en los catalanes y vascos residentes en Galicia que pudieran formar parte del Secretariado de Gaeuzca en Galicia”.
Pola banda vasca, o Secretariado do GBB, rexido por Teodoro Hernandorena, situado na rúa Prim, 43, entrechan, tomaba ó seu cargo a organización da viaxe dende Euskal Herría, segundo consta en nota de prensa enviada ó xornal El Día:
“Esta Gipuzko Idazkaritza, Secretariado del Partido Nacionalista en Gipuzkoa, organiza la caravana que de nuestra región ha de salir a aquellos lugares. Sabemos que un grupo de patriotas guipuzcoanos desea agregarse a esta caravana y de contar con un número suficiente se contrataría un autocar”.
Notas semellantes aparecerían os días seguintes, relatando máis polo miúdo a viaxe, o prezo e itinerario, sen esquecer chamamentos para realizar o periplo. O mesmo xornal, o día 23, xa notificaba a chegada a Oviedo da comisión oficial do PNV, que viaxaba en dous coches. Visitaron o Lar Galego da capital asturiana para ler os xornais galegos. Ademais, anunciaba que se unirían en Ourense aos viaxeiros catalás, vinte e dúas persoas (máis tarde Irujo aumentaría a cantidade a trinta nun relato inédito do periplo), que se desprazaban nun autocar dende Cataluña, De Ourense viaxaron a Pontevedra o día 24. Após visitaron varios lugares da costa A Toxa, Combarro, Raxó, A Lanzada, Vilagarcía e por Cesures a Padrón, chegaron pola noite a Compostela.
7. O Pacto de Compostela ou Galeuzca (25 de xullo de 1933)
O 25 de xullo, Día de Galiza ou da Patria Galega, celebrouse o mitin central na praza da Ferradura, xunto ao monumento a Rosalía de Castro, no que falaron Castelao, Blanco Amor e Suárez Picallo polos galegos, a dona Sánchez Gamarra polos vascos e a dona Picart e Pau Vila polos cataláns.
Ás catro do serán xuntáronse os representantes máis sobranceiros das forzas nacionalistas das tres nacións na Sá nobre da biblioteca do seminario de Estudos Galegos, case a carón da catedral, e debateron sobre o pacto que se ía asinar. Así relata os inicios da xuntanza Álvaro das Casas:
“Preside Batista i Roca que lembra a Triple Alianza i-eisprica a xénesis de Galeuzca: a ideia xurdíu en Barcelona nunha conversa sua con Monzón (siñificado nazonalista basco); meditouse no percorrer da viaxe dos ouservadores cataláns por Euzkadi; foi estudada por Palestra e consultada con algúns polítecos cataláns (teño a certeza de que o foi con Maciá e Cambó), e formalizouse nun proieito de paito que nos léu e que algúns de nos conocíamos. Este proieito está redaitado en catalán. Primeiramente acordamos:
a) Que en Galeuzca solamente interveñan partidos e orgaizazóns con crara tendenza nazonalista,
b) Que Galeuzca se orgaíce de tal xeito que, ainda sobrevindo en Madrid troques polítecos que fagan imposibre as labouras púbricas dos nazonalistas, poida continuar sempre os seus traballos encadrada nas leises xeraes da repúbrica hespañola”.
Despois da presentación de Batista i Roca, do debate e a aprobación destes dous puntos, Alexandre Bóveda, secretario do PG, redactou o pacto definitivo en galego, dun teor administrativo, moi afastado do carácter doutrinario e arredista da Tripla Alianza de 1923.Este pacto de Santiago de Compostela, máis coñecido como Galeuzca incluía no apartado 1º, letra D, a seguinte cláusula: «A propaganda internazonal nos asuntos que atingan ás tres nazonalidades», lixeiramente modificado o día 30 en Bilbao co corrixido: «A propaganda e aizón internazonal...» .
Os asinantes foron:
- Alexandre Bóveda, polo PG, e Álvaro das Casas, por ULTREIA (organización xuvenil galeguista).
- Josu Doxandabaratz, Joseba Rezola, Esteban de Isusi e Manuel de Irujo, polo PNV.
- Batista i Roca e Josep Girona, no nome de PALESTRA, Pau Vila, por ARC, e Josep Pich i Salarich e Pau Muñoz Castanyer, en representación da UDC.
O 26 de xullo, despois de ouvir misa, oficiada polo cóengo galego en Valladolid, López Carballeira, en San Domingos de Bonaval na honra de Rosalía de Castro, os viaxeiros emprenderon viaxe para A Coruña. Breve parada en Carral e foto diante do monumento aos Mártires de Revolución de 1846.
Actos na Coruña pola tarde. O día 27 saída para Betanzos e visita da cidade dos cabaleiros, onde fixeron de guieiros Plácido Castro e Salvador Mosteiro, segundo o relato de Álvaro das Casas. Por Pontedeume a xantar en Ferrol e mitin no Ateneo. 28 de xullo saída para Viveiro e Ribadeo. Cea e durmida en Xixón. O 29 xantar en San Vicente de la Barquera e á noite chegada a Bilbao. Os días 30 e 31, Día do Iñaki Deuna, efeméride da fundación do PNV, estadía en Biscaia con celebración dunha morea de actos e ratificación do Pacto de Compostela o día 30, co engadido da modificación do apartado D, artigo 2º, e de catro novas sinaturas; Manuel Carrasco Formiguera, que recuncaba a adhesión da UDC, Joan Estelrich da LLIGA, Josep Riera i Puntí de ERC e Andrés Perea, de ANV. Con estas incorporacións asinaba o pacto todo o abano político nacionalista das tres nacións, agás algunha forza moi minoritaria catalá como o PNC ou Nosaltres Sols.
O 1 de agosto seguiu a viaxe. Estadía en Donostia e o 2 saída para Nafarroa por Tolosa e Ataun. Por Lizarrusti os viaxeiros entraron no vello reino, con paradas no alto de Lizarraga, Estella, Tafalla e Iruña, e pasaron a noite na capital navarra. O día 3 por Liédena os viaxeiros emprenderon a viaxe para Catalunya, onde estarían até o 12 de agosto.
8. Outros compromisos no periplo catalán da viaxe triangular (4 ao 12 de agosto de 1933)
Os actos e conversas continuarían en Barcelona tralo periplo vasco entre o 4 e o 12 de agosto, incluída unha cea oficial e una longa entrevista co President da Generalitat, Francesc Macià. Castelao desprazaríase a Barcelona para intervir na secuencia final e os participantes galeuzcanos, co apoio de Macià, ademais do articulado do pacto, comprometíanse a: Urxir a tramitación dos Estatutos vasco e galego, avanzar inmediatamente cara unha estrutura federal do Estado en conformidade co espírito orixinario da República, crear un bloque Galeuzca nas Cortes e procurar o ingreso de Galicia na Sociedade de Nacións.
Castelao, en carta dirixida o 14 de agosto a Bóveda, daba conta concreta das súas intervencións durante a viaxe triangular en Barcelona. Entrevistouse o 10 de agosto con Cambó, na compaña dos vascos Doxandabartz e Irujo e do galego Álvaro das Casas, e “consultado no tocante á nosa entrada na S. de N. dixo que non o considera, hoxe por hoxe, eficaz e necesario; pero en previsión de que poida vir unha ditadura, a S. de N. aseguraría a nosa categoría de nación no exterior”. E Castelao continuaba:
“Tivemos dúas xuntanzas para falar da entrada nosa na S. de N. Unha en Palestra e outra no Ateneo barcelonés. Dos acordos tomados terás noticia por Batista i Roca. Acordamos, dende logo, asistir a Berna i entrar. Compre, pois, que se pense en quen debe ir alá i en buscar o diñeiro que sexa necesario. Eu se podo dareille unha catada a Portela”. (Castro, Xavier, op. cit, vol. II, pp. 927-928).
Durante a viaxe triangular, entre o 23 de xullo e o 12 de Agosto de 1933, Álvaro das Casas constataba, nunha conversa o 28 de xullo en Xixón, o interese de Manuel de Irujo pola entrada de Galicia na sección de Minorías da SDN, quen lle dicía:
“O problema de resoluzón máis urxente pra o galeguismo é o ingreso na seizón de minorías da Sociedade de Nazóns, onde temos de concurrir pra asambreia de setembro. Esto-dime-suporía darlle ao galeguismo unha categoría internazonal e conquerir unha posizón venntaxosa pra o día de mañán por outra o ingreso está garantido despóis do viaxe pol-o noso paìs de Mr. Amende e co informe e rapors das delegazóns basca e catalán”. (op. cit., p. 25).
O mesmo persoeiro Das Casas, protagonista dos feitos, confirmaba este interese internacionalista na xuntanza de Bilbao o 30 de xullo, desta volta en boca de Joan Estelrich, da Lliga:
“Estelrich pide que Galiza estexa representada no próisimo xuntoiro de minorías da S. de N.. Respóndolle dando conta da nosa situazón e prometendo trasmitire os desexos desta xuntanza, en tal senso, ao Partido Galeguista. Veleiquí a preocupazón de todos estes irmáns: que Galiza estexa en Xinebra” (op. cit., p. 31).
Álvaro das Casas menciona a entrevista con Cambó do 10 de agosto en Barcelona, coincidindo parcialmente coas afirmacións de Castelao na citada carta a Bóveda:
“Falamos da Sociedade de Nazóns e dinos que Galiza debeu concurrir a ela a tempo que foi Cataluña pois entón, baixo a ditadura, este problemas nosos conmovían a concenza de Europa, i-eran tema de estudo pra todol-os estadistas. Agora a seizón de minorías non ten eficaza; non faremos ren, mais debemos acodir a Xinebra en setembro, siquera sexa pra ocupar posizóns pra o día de mañán”. (op. cit., p. 105).
Álvaro das Casas tamén cita unha xuntanza “dos dirixentes de Galeuzca” no Ateneo o mesmo día 10 de agosto, na que estiveron presentes el mesmo e Batista i Roca, Maspons Anglassel, Estelrich, Doxandabaratz, Otero Pedrayo, Castelao, Carbonell, Carrasco Formiguera, Esteban Isusi e o Dr. Girona. Nela debateuse galega concorrencia a Xenebra. Das Casas expuxo “como única contra as nosas dificultades económecas: non encontraremos meio de cobrire a cuota sinalada pol-o Consello. Castelao moléstase moito do que ele coida unha decrarazón e confesión pouco menos que de indixenza, mais eu prefiro espor a realidade, na sua crueza. Na miña teima conquiro que Estelrich e Maspóns se comprometan a recadar do Consello de Minorías a fixazón de cuota mínema”. (op. cit, pp. 105-106).
Aínda mais, na cea de despedida da viaxe triangular, organizada pola Generalitat e presidida polo propio Francesc Maciá, o día 11 pola noite, na Font del Lleó, Álvaro das Casas, sentado en medio de Carles Pi Sunyer, presidente de ERC, e o conselleiro, Ventura Gassol, afirma que na conversa “Falamos de Xinebra e de outras moitas cousas”. (op. cit., p. 111).
Alexandre Bóveda anotaba no seu diario: ”Ingreso na Sociedade de Nacións. Hai que entrar. Falarase no próximo Consello”.
O rapport da delegación vasca, escrito polo seu Secretario, Ramón Goñi, aínda é máis explícito. Menciona outra reunión, celebrada nos locais da entidade Palestra, o día 11 de Agosto. Nela Josep Dencás, dirixente de Estat Catalá, adscrito a ERC, definiu a orientación de Galeuzca en tres comisións: Política, relaciones económicas e intercambio cultural. A primeira subdividíase en peninsular, radicada en Madrid, e europea, situada en Xenebra. Ese mesmo día Goñi citaba a celebración da devandita reunión no Ateneo barcelonés, en coincidencia con Castelao e Das Casas, especificamente dedicada ao tema dos Congresos de Minorías en Xenebra, e di: «Maspons y EsterIich (sic) insistieron con razones de gran peso en la necesidad de esa colaboración internacional”.
Don Manuel de Irujo ampliaría aínda máis os acordos do Galeuzca a respecto da Asociación de Nacionalidades europeas «que Galicia, Cataluña y Euzkadi presentaran al primer Congreso los Estatutos de Galeuzca; que en Ginebra cambiaran impresiones acerca de la forma y términos de plantear ante la Asociación de Nacionalidades primero y ante la Sociedad de Naciones por su mediación si posible fuere, la petición que fuera hecha por tales entidades al Gobierno de la república española, para que, cumpliendo lo dispuesto en el arto 7º de la Constitución, pusiera en vigor dentro del Estado el derecho de gentes, que garantiza la seguridad de ser juzgado en su propia lengua cada ciudadano, revisando el proceso ldiaquez, y haciendo respetar los derechos del hombre en Euzkadi, que allí se proclamara a Galeuzca como entente dentro de la Asociación de Nacionalidades …».
Manuel de Irujo, galeuzcano fervente, europeísta convencido e o meirande amigo vasco de Castelao, escribiu 8 colaboracións e concedeu unha entrevista exclusiva sobre o tema, entre o 20 de agosto e o 26 de setembro de 1933, a volta da viaxe triangular, no xornal nacionalista donostiarra El Día. En todas resaltaba, unhas veces con afouteza e outras de xeito menos intenso, non só o carácter peninsular do Galeuzca, senón tamén o seu senso europeísta. (Entrevista: 20-8-1933. Colaboracións: “Galeuzca. Independencia de Euzkadi”, 24-8-1933; “El movimiento nacionalista vasco. Opinión belga”, 1-9-1933; “Los nacionalismos peninsulares ante Europa”, 2-9-1933; “Los nacionalismo peninsulares y Galeuzca”, 6-9-1933; “Euzkadi, Galeuzca y Europa”, 10-9-1933; “Alarma francesa. Le nationalisme basque: voilà l’ennemi”, 20-9-1933; “Separatistas de España. Pacto triangular”, 23-9-1933; “Euzkadi en Ginebra. Las nacionalidades europeas”, 26-9-1933).
Os convenios imbricados no Galeuzca, polo tanto, supoñían a actuación conxunta vasco-galaico-catalá no Congreso de Minorías Nacionais a celebrar en setembro e a presentación nel da entente trinacional de Galeuzca e das súas bases programáticas.
IV. A participación de Plácido Castro no Galeuzca e no IX CNE
1. Nacionalismo e Internacionalismo no Galeguismo
O rexurdimento dos nacionalismos e o internacionalismo antes e despois da Iª Guerra Mundial, primeiro nas Irmandades da Fala e logo no galeguismo organizado, o PG, sempre foi visto con enorme simpatía e tamén como un espello en que ollarse, especialmente o irlandés. A este respecto A Nosa Terra (ANT) é un excelente voceiro subministrador de información, onde escribían encol do tema importantes persoeiros: Xoán Vicente Viqueira (ANT, 25-7-1919), Xaime Quintanilla, quen xa nomea o principio das nacionalidades en 1917 (ANT, 20-5-1917), Antón Villar Ponte (ANT, 30-5-1917 e 20-3-1918), o seu irmán Ramón Villar Ponte (ANT, 28-2-1921 e 31-1-1921), Vicente Risco (1-2-1921), sen faltar, pos suposto, Plácido Castro (ANT, 1-1-1932).
Non nos metemos a analizar polo miúdo a atención especial que lle merece ao galeguismo o movemento das nacións célticas ou celtismo, do que ANT e Nós son testemuña e do que escribiron relevantes plumas galeguistas como Plácido Castro, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Xaime Quintanilla, Ramón Martínez López ou Xosé Núñez Búa (ver Xulio Ríos, op. cit. 1992). Tampouco é obxecto deste traballo debullar o iberismo, é dicir, as relacións con Portugal, o que nos levaría moi lonxe.
Porén, si é necesario sinalar que a IIª Asemblea das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo en 1918, onde por primeira vez se definiu Galiza como nación, propoñía a “Federación de Iberia” e “dentro desta Federación, igualdade de relacións con Portugal”. Pero, ademais, no capítulo referente ós Problemas Políticos, punto 2º, apartado D, dicía expresamente:
“A Asambleia declara. Que si nas eleccións a Cortes constituintes hespañolas non se nos dera unha prenda en garantía exceicional para que a vontade do pobo poida manifestarse con toda libertade -pois coas organizacións oligárquicas non sería abranguibre- apelaríamos aos representantes das nacionalidades euskara e catalana e si elo non abondara, ao Estado máis afín ao noso para que na Liga de Nacións defenda o noso dereito á libertade cidadán”. Postulábase como obxectivo programático o “ingreso das nazonalidades da Iberia na Liga de Nacións” (punto 7º dos Problemas Constituíntes).
Na IIIª Asemblea das Irmandades, celebrada en Vigo en 1921, acordouse estudar os medios para chegar a un entendemento e acción común con tódolos partidos nacionalistas do mundo enteiro. Instábase ao Directorio a dirixirse para este tema ao ”Bureau International para a defensa du Droit des Peuples”. Vicente Risco prefería, porén, dirixirse o Congreso de Nacionalidades por considerar a Liga “máis revolucionaria”. (ANT, 30 de Abril de 1921 e Céltiga, Bos Aires, 10 de Abril de 1926).
A Nosa Terra daba conta do envío en 1928 dun telegrama por parte da Irmandade da Coruña, á que pertencía Plácido Castro, ao Presidente do Comité da Liga de Nacións para darlle a coñecer que en España existían diferentes nacionalidades sometidas a un estado centralista. (ANT, 1-3-1928)
O programa aprobado polo PG na súa Asemblea fundacional en decembro de 1931 definía a Galicia como “célula de universalidade”. Partindo de Galiza dábase unha apertura ao mundo e esa universalidade contiña tres elementos: antiimperialismo, federalismo internacional e pacifismo, que se unían nun único obxectivo e denominador común: a defensa das nacionalidades. Castelao sintetizaba esta universalidade no parágrafos finais do Sempre en Galiza: “a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais povos de Hespaña; b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal; c) Confederación ibérica pra ingresar na Unión Europea; d) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial”.
O mesmo Castelao, no discurso sensiblemente lírico, pronunciado na Ferradura, diante da estatua de Rosalía de Castro, o 25 de xullo de 1933, o día da sinatura do Galeuzca, expresaba ao final da perorata unha idea semellante que fincaba os alicerces na época medieval (EPG, 26-7-1933):
“Pero a saudade dos tempos de Rosalía queimouse na fogueira dos nosos entusiasmos, e xa non choramos o pasado; cantamos o porvir porque a i-alma da Raza reencarnou na Terra e a nosa Patria recobrou a sua persoalidade, e quer esteriorizala en forma de Estado. Pero non para fecharse en fronteiras, sinon para desatrancal-o camiño de Europa, aquel camiño branco de estrelas que unía Galiza ó resto do mundo civilizado, no tempo lonxano dos Cancioneiros e do Pórtico da Groria, cando nós non eramos máis que galegos.¡Cando non eramos máis que galegos!”.
2. Nacionalismo e Internacionalismo en Plácido Castro
Plácido Castro tamén insistía en ideas semellantes para levar a cabo a política exterior nun artigo, poucos días despois da sinatura do Galeuzca (EPG, 4 de Agosto de 1933): irmandade ibérica cos vascos e os cataláns a través do Galeuzca, incremento das relacións con Portugal e cos pobos da lusofonía e intensificación dos vínculos cos pobos célticos.
Segundo Plácido Castro, a Federación mundial debería asentarse sobre “as nacións vivas e reais”, é dicir, as que corresponden a cada unha das etnias existentes, que deberían desembarazarse do asoballamento centralista (”As conferencias da Irmandade”, ANT, 1 de Xaneiro de 1932).
A propósito do labor do Seminario de Estudos Galegos, Plácido Castro salientaba que o SEG ao levar a cabo a tarefa de estudar os distintos aspectos da cultura galega demostraba a “perfecta compatibilidade” de nacionalismo e universalismo.
“O interesante é aproveita-la ocasión que nos ofrecen os universitarios para resaltar unha vez máis o feito de que os posuidores en Galicia dun espírito xenuinamente internacional, universalista, libre de supersticións patrióticas, son precisamente os galegos. Eles son os que viaxaron por Europa, os que trouxeron a Galicia ideas novas, máis amplas que as da España dos unitarios. Manteñen constante relación coas institucións culturais doutras nacións e gracias a eles e ó labor do Seminario de Estudos Galegos empézase a saber fóra de España que Galicia posúe unha cultura e unha personalidade propias. Agora desexan que sabios europeos de renome internacional colaboren no renacemento espiritual da súa terra, colaboración que sería moito máis extensa se os medios económicos o permitisen. Pero os unitarios, os partidarios da patria grande, os que proclaman constantemente que a autonomía é reaccionaria porque nos illaría do mundo, son os que queren excluír de Galicia todo o que veña de máis alá das fronteiras de España.
Xulgue, pois, cada cal quen é o verdadeiro separatista; se o unitario, opinión representada polo comentario aludido, o unitario que nos mantería eternamente moi ligados a España pero apartados por completo de resto do mundo, ou o nacionalista galego, do que é fiel reflexo da súa posición espiritual o acordo do Seminario de Estudos Galegos, que demostra a perfecta compatibilidade do universalismo co noso nacionalismo, tan alleo ó propósito de levantar fronteiras contra todo o estranxeiro”.( “Encol do noso universalismo”, ANT, 25 de Agosto de 1932, p. 4, tradución de Daniel Landesa)
Esta compatibilidade entre nacionalismo e internacionalismo alcanza tamén ao catolicismo, trazo ideolóxico que resulta polo menos sorprendente en Plácido Castro, que todos os indicios permiten sospeitar que era agnóstico:
“Catolicismo galego, universal e galego á vez; fondamente enraizado na alma do pobo, do cal soubo incorpora-lo paganismo precristián; comprensivo e transixente (lémbrese o voto de Otero Pedraio favorable á creación dunha sinagoga en Córdoba).O seu patrón, un apóstolo cristián, pacifista, que propagaba o seu credo co Evanxeo, non coa espada, humilde peregrino da fe, a cultura e a fraternidade. E a obra do apóstolo e do catolicismo galego non foi a guerra, o lume, a conquista, senón a atracción a Compostela de peregrinos de toda España, que fixeron da cidade un altar sagrado e internacional, un dos centros espirituais do mundo, ó mesmo tempo que convertían a Galicia, tan apartada entón xeograficamente, unha das terras máis universais de Europa”. (“Hermandad contra intransigencia”, EPG, domingo, 24 de xullo de 1932; Tradución ó galego de Daniel Landesa).
Xulio Ríos, o mellor coñecedor do pensamento e traxectoria de Plácido Castro, traza un panorama perfecto da interconexión entre nacionalismo e universalismo (web Fundación Plácido Castro):
“O nacionalismo de Plácido non é un simple movemento reivindicativo, nin a consecuencia da toma de conciencia do aldraxada que poida estar Galicia por un determinado goberno central, por citar dúas variables que acostuman a estar presentes nas persoas que se acollen a ese ideario ou militancia. No caso del é diferente. Plácido faise nacionalista porque entende o nacionalismo como o punto de contacto co mundo, como a mellor forma de unión, a que evita o conflito e asegura a liberdade baseada no respecto á identidade de cada quen. O nacionalismo das pequenas nacións non separa, une, é unha forma de unión baseada no respecto das diferentes diversidades e formas de ser. Ser nacionalista, no sentido en que Plácido o é, resulta unha obriga ética e moral, antes que unha expresión de conciencia política”.
“Se tiveramos que destacar as claves centrais do seu pensamento, mencionaría, primeiro, a do nacionalismo como unha nova forma de unión, como expresión dun universalismo pacifista. O nacionalismo é o noso punto de contacto co mundo, dicía. En Galicia, os que teñen un espírito internacional e universalista son os nacionalistas. En efecto, fronte aos que consideraban o nacionalismo unha idea trasnoitada e perigosa, Plácido defendía a súa condición de “credo moderno”, pacifista e antiimperialista. O nacionalismo de Plácido é expresión da verdadeira cohesión que resulta da asociación voluntaria de pobos libres. Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, defendía. Os galegos tiñamos que ser “nós mesmos” pero “non estar sós e illados”.
Coido que é dabondo para resaltar esta faciana esencial do seu pensamento. Para máis abondamento remítome a un pequeno, pero moi substancioso e recomendable libriño, publicado pola Fundación Plácido Castro, “101 máximas e reflexións”. Ningunha delas ten desperdicio e moitas refírense a este tema, nacionalismo versus universalismo, poñendo de relevo a sabedoría, a fondura e a vixencia actual do seu pensamento.
3. Plácido Castro no Galeuzca (1933-1936)
Na asemblea fundacional do PG, Plácido Castro foi elixido secretario da Mesa xunto con Bóveda e membro do Consello Executivo. Concorreu na compaña de outros coruñeses: Lugrís Freire, Víctor Casas e o dentista Salvador Mosteiro.
Na IIª Asemblea do PG (Santiago, 10/11 de decembro de1932) Bóveda asumiu a Secretaría Xeral, que se ampliou a cinco membros, un deles Plácido, moi afín a Bóveda (Beramendi, J,, 2007, p. 858). P. Castro substituíu a Bóveda na Secretaría de Organización (Castro, X., vol. II, p. 570). Os secretarios foron en todo momento os motores da construción do PG, e isto é especialmente aplicable a Alexandre Bóveda e en menor medida a Plácido Castro. Era grande a precariedade de medios. Por exemplo, o secretario da organización, Plácido Castro, non puido realizar o previsto programa de visitas previstas durante o ano 1934 “por ter de ocuparse de outras cousas como Galeuzca” (Beramendi, J., 2007, p. 856), xa que non só era o secretario de organización e de relacións internacionais, senón que tamén formaba parte do Secretariado de Galeuzca, configurado en Compostela após a sinatura do pacto e actuante na práctica dende 1934.
Na IIª asemblea aprobouse un “ programa de acción para os grupos galeguistas”, que no apartado B, de actividades, “Rexurdimento das minorías nacionais”, di:
Foméntese a coñecencia garimosa da cada un dos pobos peninsulares, o teimoso seguimento dos seus avances , a axuda dos intreses de loita pol-o recobramento do propio ser, esteos do lexítimo hispanismo. Estimúlense as relacións directas con Cataluña e Vasconia, irmáns nosas no rexurdir”. (Ríos, Xulio, op. cit., 1992, p.113) (ANT, nº 368, 1 de xuño de1935)
Non debían estar lonxe Plaćido Castro e Alexandre Bóveda deste editorial de El Pueblo Gallego, titulado “Gaeuzca” (EPG, 19 de Xullo de 1933), pois zumega por tódolos poros do texto ideas de Plácido Castro, aínda que expresadas de xeito máis literario e coas lóxicas doses de ambigüidade. Foi escrito poucos días antes de iniciarse a viaxe triangular (21 de xullo a 12 de agosto, que tería o cumio na sinatura do Pacto de Compostela ou Galeuzca. Asegura o autor ou autores que dende algún tempo víñase tratando de “resucitar aquella magnífica idea de solidaridad ideológica que era la triple alianza de Cataluña, Euzkadi y Galicia. La vieja y amada aspiración de formar un triángulo defensivo contra la violencia asimilista del Centro, está a punto de troquelarse en realidad”. Narra os fitos da xira triangular deica o remate en Cataluña, que poñerá en contacto “una cordialidad de unos sentimientos parejos y de unas mismas ideas, pues una gran cadena de incompresiones centrípetas y un gran volcán de vehemencias periféricas análogas une, de por vida, a los patriotas vascos, gallegos y catalanes, es natural que unos y otros se busquen y se encuentren para gozar en compañía de un mismo espectáculo ideológico”. Engade que o periplo triangular “trae a Galicia la finalidad de perfilar la estructuración del que ha de ser órgano permanente de aquella alianza…. y al que se incluso se le ha dado ya el nombre que resume su fin:<<Gaeuzca>>, o sea la unión de las primeras sílabas de la nueva y amorosa mancomunidad política y sentimental”. Remata o editorial indicando que esta unión “certificará ante España que la periferia, unida por tantos motivos sentimentales, lo hace ahora eficientemente para defenderse de aquellas acometidas de que su situación geográfica, más que nada, les hizo víctimas, y para buscar en la aglutinacións nacionalista una defensa y una meta”.
O ideario de Plácido Castro en política exterior tiña unhas liñas ben claras de actuación, que Xulios Ríos sinala acertadamente:
“O universalismo é complemento indispensable dese nacionalismo, outra constante que se afirma no seu pensamento, traducido nun respecto escrupuloso por outros pobos e culturas, na exaltación permanente do valor da convivencia. Nesa mesma liña, Plácido esbozou a armazón do que podía ser a política exterior de Galicia, apuntando xa en 1931 os seus eixes básicos: fraternidade ibérica con vascos e cataláns (é participante habitual nos encontros do Galeuzka), intensificación das relacións cos pobos de cultura portuguesa de ambos os dous lados do Atlántico, estreitamento dos lazos que nos unen ás terras célticas de Europa. Non houbo tempo histórico para levala á práctica”.
Por iso, Plácido Castro tomou parte activa no Galeuzca. Coidamos que non estivo presente na xuntanza na que se asinou o Galeuzca como secretario de organización do PG xunto a Bóveda, secretario xeral, no salón nobre do Seminario de Estudos Galegos, onde foi asinado o Pacto de Compostela, pois no xa citado informe do vasco Ramón Goñi di que estiveron presentes 6 cataláns, catro vascos e dous galegos, que serían os dous asinantes do Pacto: Alexandre Bóveda e Álvaro das Casas. Acompañou, sen embargo, aos viaxeiros triangulares vascos, galegos e cataláns durante unha parte do percorrido por Galiza. O día 26 desprazouse a Coruña e o 27 a Betanzos, onde, xunto ao dentista betanceiro e amigo, Salvador Mosteiro, afincado na Coruña, exerceu de cicerone na cidade de Betanzos, como narra Álvaro das Casas: ”Saímos para Betanzos con Plácido Castro e Mosteiro que nos amostran os recantos máis fermosos da antiga vila. Eles fican e nós, por Pontedeume, dirixímonos a Ferrol” (op.cit., p. 25).
En pleno vórtice do periplo triangular, cando os viaxeiros se atopaban en Barcelona, Plácido Castro publicou o 4 de agosto un artigo encol do tema: “La política exterior de Galicia”, (EPG, 4 de Agosto de 1933, web F.P.C., tradución ó galego de Daniel Landesa) no que se refería non so a esta fronte común anticentralista, senón tamén á proxección internacional do Galeuzca nos diferentes eidos, que obsesionaban o ideario político de Plácido Castro. Proclamaba que “a recente visita de nacionalistas vascos e cataláns, continuación de estreitas relacións pasadas con Galicia e preludio dunha máis intensa colaboración, agora que un organismo de enlace coordinará as súas actividades, serviu para poñer de relevo unha das máis importantes misións que Galicia está chamada a cumprir fóra das súas propias fronteiras…..A través destas cordiais relacións nacionalistas vímo-la confirmación da nosa opinión de sempre, corroborada xa polo fracaso da cordialidade republicana, tan patente nestes días. Reforzouse o noso convencemento de que a única esperanza de fraternidade ibérica, a única posibilidade de crear un verdadeiro patriotismo e un xenuíno espírito español integrados polas culturas de cada pobo, reside na liberación destes pobos e a intensificación das súas características peculiares”.
Pero Plácido Castro engadía outros dous eixes do seu pensamento político de cara a proxección exterior de Galicia: “Para Galicia non constitúe todo isto senón unha das facetas das súas actividades externas. Ten aínda por cultiva-lo campo das relacións cos pobos lusitanos de ambos lados do Atlántico… E Galicia ten ante si asimiladas posibilidades de estreita-los lazos espirituais que a unen a outras terras célticas de Europa”.
Mais adiante resumía os trazos esencias desa política exterior, na que se incluía como un vector fundamental o Galeuzca: “Inspirándose nese nacionalismo que os inimigos chaman separatismo, cando é verdadeiramente o noso punto de contacto co mundo. Galicia galeguista non só terá unha intensa vida propia, senón que se atopará ligada a un conxunto de pobos ibéricos, a unha comunidade de países galaico-lusitanos, a unha irmandade de terras célticas, que proxectará en cada un o seu espírito propio e que reciba de cada un o estímulo peculiar da súa cultura. É dicir, que terá unha verdadeira e xenuína política exterior.”
E remataba a súa reflexión afirmando que Galiza so sería auténtica e universal, sendo verdadeiramente galega e non flamenquizada: “Pero sen ser galega non pasará Galicia de ser un anaco de territorio do Estado español, sen alma propia, flamenquizada pouco a pouco e que posuirá como aspiración máxima a de caciquear con máis ou menos eficacia nos Ministerios madrileños. Velaí o universalismo dos nosos adversarios”.
Ideas semellantes xa as preconizaba Plácido Castro nun artigo de ANT en 1932:
“Pero ademaiss na Hespaña que nós soñamos, habería unha Vasconia e unha Cataluña en intimo contaito espiritul coas terras irmás de Francia; e, o que é máis importante unha Galicia que tería liberdade para cumprir a sua misión histórica de aproximación a Portugal e ao Brasil alén das suas relacións sentimentais coas terras céltigas espalladas pol-a veirado Atlántico. Engádese a isto a natural irmandade de toda Hespaña coas nacións americanas de fala castelá e con Filipinas, e compréndese que o conxunto formaría unha verdadeira Sociedade de Nacións con posibilidades de universalismo igualada somentes polo conxunto de pobos de fala inglesa.
Velahí o noso xeito de entender a universalidade. Algo máis práctico, máis humán, máis moderno do suposto universalismo dos que nos falan do da fala de Cervantes ou das xestas históricas da Hespaña inperialista. É a proba de que non incurrimos en contradicción cando sostemos que a Hespaña que nós queremos é a federación de nacións ceibes e a base do auténtico universalismo e do porvir internacional do Estado hespañol que acadaría entón no mundo unha enorme influencia afincada na sua faza esperitual, única forza que nós respeitamos, e única que arelamos exercer”.(“Encol do noso universalismo”; ANT, 25 de Xullo de 1932).
Durante a estadía dos viaxeiros, a prensa madrileña, en concreto El Debate e La Época, e algunha galega, El Faro de Vigo e La Voz de Galicia, alporizáronse por mor duns supostos berros contra España atribuídos a Álvaro das Casas durante algúns dos numerosos actos celebrados en Barcelona, dos que el mesmo da cumprida conta no seu relato da viaxe triangular, publicado na revista Alento. Un editorial titulado, “Interpretaciones del concepto de patria” (EPG, 10 de Agosto de 1933) saíu ó paso da polémica, defendendo a actuación do citado Álvaro das Casas, onde se utilizan conceptos moi queridos para Plácido Castro como “coloniaje” ou “provocación separatista” a causa da política española cara Galicia: “Supongamos, en efecto, que entre los más exaltados valores nacionalistas gallegos, se haya producido un brote separatista. Ni sería nuevo, ni siquiera había de resultar extraño. Separatista fue Irlanda, hasta que recibió de Inglaterra el trato al que tenía derecho. Separatista-más cerca-ha sido Cataluña, hasta que la República canalizó su problema espiritual y material. ¿Qué de particular tiene que florezca el separatismo en Galicia, si nos está empujando a él una torpe, ruinosa e injuriante norma de coloniaje, cada vez en aumento, de la política española? ¿Y por qué esta escandalera ante las supuestas manifestaciones separatista de Barcelona, si han sido diputados gallegos, como Castelao y Villar Ponte, los que diheron, clra y lealmente, en el Congreso que, de seguirse con nuestra Tierra la contumacia de aquella conducta, fatalmente, inevitablemente, Galicia desembocaría en el separatismo?.
O editorial remata con esta contraposición, que, segundo el é moi frecuente ver en Galiza: ”Mientras en mitad de la rúa, un buen señor alza los brazos y se quema los labios en sacrosanta repulsa, porque, aisladamente, por si, bajo su propia personalidad, un gallego mozo exaltado e ilustra haya podido gritar en Cataluña cosas más o menos agresivas contra España-que al fin y al cabo están motorizadas por un amor infinito a su Tierra madre-, ocurre, a diario, el fenómeno de que ese mismo señor, a lo mejor gallego, escuche, con la máxima imperturbabilidad, las injurias, las acometidas, los vilipendios con que, en nombre de España, se escarnece todos los días a nuestra Patria gallega”.
Dous días máis tarde tamén botou o seu coarto é espadas Víctor Casas nun artigo:”Fenestra. As cousas no seu punto” (EPG, 12 de Agosto de 1933), que estivera cos viaxeiros triangulares en diversos actos na Coruña, pois aparece nunha foto con eles a carón do monumento a Pondal (EPG, 1 de Agosto de 1933). Na colaboración defende aos nacionalistas vascos e cataláns, ao deputado galeguista Otero Pedrayo e a Álvaro das Casas dunha rolda de falsidades que vertera sobre eles La Voz de Galicia co gallo de distintas actuacións, algunha delas xa mencionada, durante a viaxe triangular, principalmente en Barcelona.
Vicente Risco tamén terzaría na polémica defendendo a Álvaro das Casas e considerando moi positiva a viaxe de Galeuzca. Publicou un artigo o 31 de agosto de 1933 no xornal Euzkadi, no que colaborou asiduamente dende 1931 até 1936, baixo o título: “Comentarios al viaje triangular”.
Hasta D. Ramón Otero Pedrayo tivo que defenderse das insidias e acusacións calumniosas da prensa madrileña co gallo das actuacións dos viaxeiros triangulares, singularmente dos supostos morras a España. A este respecto escribiu unha colaboración, “Galeuzca”. Nela, ademais, da defensa fronte os comentarios xornalísticos, afirmaba: ”Tres pobos de hespaña disfroitan de língoa, cultura i esprito propios. Os outros poden chegar á descentralización <<bien entendida>> porque suspiran todos os moderados da nosa Terra afeitos a encendere unha vela a Deus e outra ao demo. Euzkadi, Cataluña, Galiza, precisna unha chea liberdade, e soilo poden vivir armónicamente cas outras porciós de Hrspaña, baixo a fórmula federal”.
O propio Álvaro das Casas, que fora directamente acusado de pronunciar os berros de “Morra España”, saíu á palestra xornalística para desmentilos con rotundidade nun artigo: ”En torno a un viaje de nacionalistas. Yo no rectifico” (EPG, 20 de Agosto de 1933).
A Secretaría Executiva do PG, da que formaba parte Plácido Castro, tamén sairía en defensa dos interpelados, sobre todo a prol de Ramón Otero Pedrayo, polas calumnias vertidas encol da súa actuación en Barcelona, en termos semellantes aos anteriormente citados, nunha nota remitida a A Nosa Terra (“Despois dos aitos nazonalistas de Barcelona”;ANT, nº 307, 20 de Agosto de 1933, p. 2). ANT volve a insistir sobre o enrabechamento da prensa madrileña, da galega sucursalista e “dos traficantes en patriotismos” nunha nota “Galeuzca”, sobre todo, dende que apareceu a alianza trinacional en xornais estranxeiros como “Berliner Tageblatt”, “Telegraas”, “Petit Parisien”, “Il Citadino” e “The Thimes”.
Para nomear candidatos nas eleccións de novembro de 1933, o PG celebrou unha asemblea extraordinaria o 21 de outubro e “ para equilibrar as candidaturas e desactivar as tensións, os elixidos Alexandre Bóveda, Secretario Xeral, e Plácido Castro, secretario de organización, renunciaron a formar parte das candidaturas alegando incompatibilidade coa dedicación que esixían o seus cargos orgánicos” (Beramendi, J., 2007, p.990).
Unha das facianas políticas do Galeuzca de 1933 era, sen dúbida, o apoio e defensa que debían prestarse as tres nacións asinantes do pacto de Compostela, Non debía estar moi lonxe Plácido Castro dun chamamento da Secretaría Executiva do PG, que enviou ó xornal nacionalista de San Sebastián, EL DIA, para que os galegos residentes en Euskal Herria votasen a prol do Estatuto Vasco no referendo que se ía a celebrar o 5 de novembro de 1933. (El Dia, 1 de Novembro de 1933, p. 2)
“A PROL DO ESTATUTO VASCO. O PARTIDO GALEGUISTA AOS GALEGOS RESIDENTES EN EUSKADI.
IRMANS:
O Partido galeguista-vangarda da Galiza ergueita e renacente-en Asamblea extraordinaria tida en Compostela, acordou, antre vitores e aprausos afervoados, dirixirvos un chamamento quente e garimoso pra que no día 5 de novembro, nise Dia Grande pra Euzkadi, votedes como un soio home o Estatuto disa Terra irmán donde vivides e traballades.
Os galegos, espallados baixo todolos ceos, fillos d-unha Patria escravizada que loita n-iste intre historico polo preciado ben da sua libertade, temos a obriga de ser soldados xenerosos e leaes da libertade de todalas Patrias. Alí onde un Pobo loite polo soerguemento da sua persoalidade nazonal, os galegos debemos ser os seus primeiros e máis esforzados paladins. Tal é a obriga de todo bon galego, en quen os alleos han de ver sempre a personificación das nosas virtudes raciaes.
E ista obriga é ineludibel no caso da nosa irmán Euzkadi.
Patria prócer e patriarcal como a nosa; como a nosa sortida polo esforzo rexo do campo e do mar; c-unha tradición democrática groriosa, enreixada tamén ao longo de moitos séculos, ha de ser, con Catalunya e Galiza, n-ista hora de crisis, espranza d-unha nova Hispania, basada en principios máis xustos e xenerosos de paz e de concordia, posibres soio no acorde maxestoso das nazonalidades naturaes, onde a Lingua, a Raza, a Xeografia e o Traballo son vencellos eternos de Fraternidade.
Eisíxevolo tamén a vella amizade das duas Patrias irmáns, intensificada derradeiramente polas comúns arelas de libertade.
Amizade selada non somentes no perímetro peninsular, senón tamén nos núcreos de emigrados de alén-mar.
¡Amizade que ten de frolecer puxantemente o Día do Plebiscito do Estatuto Vasco, data groriosa de Euzkadi, na que Galiza, dinamente representada por vosoutros quér participar!
¡IRMANS NA TERRA!
¡Que endexamais os patriotas de Euzkadi teñan que decir de vos que fúchedes desleaes coa hospitalidade, co traballo e co pan que co-eles compartides!
Galiza, a Nai garimosa cuia lembranza levades nos ollos e no esprito, namentras agarda cobizosa a hora da sua propia libertade, pídevos afervoadamente a que axudedes a Euzkadi a conquerir a súa.
¡VOTADE TODOS O ESTATUTO DE EUZKADI! ¡IRMANS NO ESPRITO!:
Como si da nosa Galiza se tratase, procurade con todo o voso esforzo pra Patria irmán.
!TERRA E LIBERTADE! . Galiza, outono do 1933” .
Plácido Castro tampouco estaría ausente na redacción dunha felicitación aos “irmáns de Basconia” polo trunfo do voto afirmativo no referendo do Estatuto Vasco de Autonomía, celebrado o 5 de novembro de 1933. (ANT, nº 316, 6 de Novembro de 1933).
Tamén saudaría con efusión un telegrama remitido por Manuel de Irujo ofrecendo o seu cargo na defensa dos intereses de Galiza nas vindeiras Cortes republicanas, en virtude da sinatura do pacto Galeuzca, ao non obter ningún escano o PG nas eleccións celebradas o 19 de novembro de 1933, que doaron o trunfo as dereitas no Estado español, coa conseguinte implantación dun bienio reaccionario, coñecido como “bienio negro” ou “radical-cedista”. O telegrama estaba redactado neste termos:
“Estella.-Santiago. Como diputado a Cortes nazonalista, teño a satisfaición saudar pol-a sus mediazón patriotas galegos loitan pol-a sua libertade ofrecendolles servicios cargo. Reiterando intelixencia pactada en ben das nosas Patrias respeitivas. IRUJO.”
Na mesma páxina pode ollarse perfectamente as loanzas do galeguismo a Cataluña e Basconia polo trunfo dos nacionalistas nos devanditos comicios do 19 de novembro de 1933.
Na IIIª Asemblea (Ourense, 13/14 de xaneiro de1934), Plácido Castro queixábase de que os progresos do partido serían maiores “si as Segredarías e as Seccións tiveran funcionado con máis actividade e dilixencia e si os Grupos xa constituídos colaborasen con máis entusiasmo”. O que indica que a carga de traballo era excesiva para a maioría deles tanto pola penuria de medios como polo pequeno número de afiliados, que ademais só podía dedicar á política o seu tempo libre. (Beramendi, J., 2007, p. 860). Nesta Asemblea, Plácido Castro, home de Bóveda, foi elixido para a nova Secretaría de Relacións internacionais (“Por aquilo de Galeuzca e do Congreso de Minorías Nacionais”, Beramendi, J., 2007, p. 1012). Mais A NOSA TERRA sinalaba que houbera debates en cada un dos capítulos especialmente no tocante á actuación do partido na cuestión do Estatuto e “despois, son todos aprobados, cun especial aplauso pro que se refire a relacións internacionás, Galeuzca e Conferencia das nacionalidades en Berna, especialmente pro irmán Plácido Castro, noso delegado no gran Comizo da Liga de Nacións”. (ANT, nº 321, 28-xaneiro-1934. Plácido Castro, mesmamente, fora elixido para a Secretaría de Relacións Internacionais con un número moi avultado de votos: 1.634, sinal evidente da súa boa xestión, con claridade avalada polos votos dos militantes.
En febreiro de 1934 celebrouse unha reunión de Galeuzca en Santiago, presidida po Otero Pedrayo, asistindo Del Riego pola FMG, Álvaro das Casas, por Ultreya, e Plácido Castro, polo PG. Estivo representada Cataluña por Fernando Calvet e Euskadi por Rufino Rezola (Alento, Nos. 7-8, p. 173). Francisco Fernández del Riego é máis preciso respecto a esta xuntanza, pois engade que estiveron presentes el e máis Otero Pedrayo, Gómez Román, Plácido Castro, Enrique Peinador, o catedrático Fernando Calvet Prats e o estudante de medicina Purcallas, por Cataluña, e os tamén estudantes de medicina Rufino Rezola e Azcárraga, por Euskadi. “O obxecto principal do entón tratado, foi o de artellar as bases galegas da nova organización (de Galeuzca). Do que se acordou na xuntanza deuse conta ás diversas entidades que ían conformar <<Galeuzca>>” (Fernández del Riego, F., 1990, p. 93). Nunha carta sen data, ademais de mencionar os citados, máis Álvarez Gallego, Álvaro das Casas, quen se comprometía a pagar o xantar, apuraba a Fernández del Riego para que asistise á xuntanza citada, que se ía a celebrar no bar Vitoria, co obxectivo de constituír Galeuzca. Insistíalle en que procurase a presencia de Rufino Rezola, estudante de medicina e representante vasco, “aínda que sexa baixo as pedras”. (FP-FR-CA- 067/008/058)
O domingo, 4 de marzo de 1934, celebrouse en Santiago unha importante xuntanza do Consello Nacional do PG, á que asistiron os Secretarios e conselleiros de sección, os desterrados Castelao e Bóveda, que accidentalmente se atopaban en Galiza, Obella e Suárez Picallo, en representación da emigración. Tratáronse asuntos moi importes e variados, dos que seu cumprida conta A Nosa Terra. No tocante á Secretaría de Relacións Internacionais non puido estar presente o seu responsable, Plácido Castro “por enfermidade” e deu conta da marcha a Secretario Xeral. Segundo esta relación remitiuse un “informe á xuntanza celebrada pol-o Congreso de Minorías Nacinás en Berna” (obviamente en 1934) e engade: ”Ficou constituído o Consello Galego de Galeuzca” (ANT, 9-marzal-1935, p. 2).
Segundo F. Fernández del Riego, o Consello Galego de Galeuzca e os Consellos catalán e vasco, para completar enteiramente o organigrama, ficarían definitivamente constituídos un mes máis tarde. O 17 de marzo de 1934 o Comité executivo do PG dirixiulle unha comunicación, asinada por Plácido R. Castro, como Segredario Xeral da FMG, encol do tema de Galeuzca. O Consello do PG recibira un informe do Consello Nacional catalán, notificando o nomeamento de Luís Suárez Delgado, un importante e activo membro do galeguismo, residente en Barcelona, como membro galego do mesmo, e de Fernando Calvet, afamado catedrático de química da USC, como membro catalán do Consello Galego. Con elo queríase ultimar a composición do Consello e “evitar máis demoras na organización de <<Galeuzca>>”. Con ese fin, o Consello Executivo do PG encomendoulle a Plácido Castro que se dirixira oficialmente a Ultreya e a FMG para que nomeasen os seus representantes e desen conformidade ás propostas de Suárez Delgado e Calvet. Solicitaba tamén “autorización para dirixirse aos bascos apurándoos para que non adiasen a designación do seu persoeiro no Consello Galego. En febreiro de 1935 constituíuse este, ao cabo, integrándose decontado no seo de <<Galeuzca>>”. Formárono, baixo a presidencia de Otero Pedrayo, Plácido Castro, polo PG, Fernández del Riego, pola FMG, Álvaro das Casas, por Ultreya, Calvet, como membro catalán, e Rufino Rezola, representante vasco. (FP-FR-CA-067/008/016).
A Rufino Rezola coñecino e contoume detalles da súa andaina vital. Colleuno a “Guerra Incivil” sen terminar a carreira de medicina en 1936, pois faltábanlle tres asignaturas. Foi comandante do batallón Amayur do Eusko Gudarostea. Estivo preso varios anos. Rematou a carreira de medicina en Santiago de xeito case clandestino grazas aos bos oficios dos galeguistas de Santiago, entre eles Ramón Piñeiro, García Sabell e o reitor da USC, Echeverri. Acadou por disputada oposición o emprego de médico titular de familia do pobo de Cambó, en Iparralde, onde finou.
A Lei Catalana de Contratos de Cultivo (en catalán Llei de Contractes de Conreu) fora aprobada polo Parlamento de Cataluña o 21 de marzo de 1934 e promulgada na simbólica data do 14 de abril de 1934, coa finalidade básica de protexer aos labregos arrendatarios da rabassa morta (cepa morta) e propiciar o seu acceso á propiedade da terra que cultivaban. A lei deu lugar a unha radical oposición do Instituto Agrícola Catalá de San Isidro, que agrupaba aos máis importantes propietarios agrícolas, e da Lliga. Esta pediu ao goberno, presidido polo radical Samper, ao que apoiaban a Lliga e a CEDA nas Cortes, que recorrese a lei ante o Tribunal de Garantías Constitucionais. Este aceptou o recurso e o 8 de xuño de 1934 declarou, por 13 votos a 10 (entre eles votaron negativamente o vasco Francisco Basterretxea e o galego Basilio Álvarez) incompetente ao Parlamento de Cataluña para lexislar sobre o tema, anulando, polo tanto a lei. A derrogación creou unha grave crise política entre Madrid e Barcelona. Os deputados de ERC retiráronse das Cortes e a eles sumáronse os do PNV, en mostra de solidariedade e de coherencia coa súa liña de xustiza social agraria, que procuraba aplicar en Navarra.
O Comité Executivo do PG, do que era membro Plácido Castro, enviou loxicamente un telegrama de indignación ao Presidente da Generalitat “polo ataque a dereitos indiscutibeles de Catalunya, enviamos adhesión fervorosa das forzas que representa o noso partido, lamentando que ningún diputado galego interpretase nas Cortes os sentimentos da nova Galiza” (ANT, nº 335, 9 de Xuño de 1934). No mesmo senso, o C.E. do PG remitiu outro telegrama ao PNV felicitándoo “por solidarizarse con aititude diputados Esquerra catalana, lamentando que por usurpación eleitoral a autnetica Galiza non poidese erguer a sua voz de protesta no parlamento de Madrid”. (ANT, nº 335,-9 de Xuño de 1934). Este último telegrama de felicitación e solidariedade pola súa actitude remitido á Secretaria Xeral do PNV, foi respondida por Teodoro Hernandorena, presidente circunstancial do GBB, nestes termos:
“Xunta Guipúzkoa Partido nazonalista vasco agradece vivamente delicadeza nazonalista xenuinos representantes noble pobo Galiza ao enviarnos adhesión proceder Cortes hespañolas nosos diputados solidarizándose defensa libertades Catalunya. Nazonalismo Vasco consecuente súa política defensa dereitos nazonales pobos peninsuares defenderá mesmo tesón i’entusiasmo aititudes poderes centrales contra libertades Galiza”. (ANT, nº 336, 23 de Xuño de 1934).
Con posterioridade, o PG enviaría tres representantes, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Martínez López e Enrique Peinador Linés, para participar na homenaxe aos deputados vascos, que se celebraría en Tolosa o 15 de xullo de 1934. O primeiro participou no mitin central no campo de futbol “Berazubi”, de Tolosa, e pronunciou unha conferencia no local da sociedade Euzko Pizkunde (Rexurdimento vasco), de Donostia. Ramón Martínez López falou nun mitin pronunciado no teatro Ureta de Tolosa e D. Enrique Peinador foi entrevistado en primeira páxina polo xornal El Día (El Día, 18 de Julio de 1934, pp. 5 e 6; El Día, 19 de Jjulio de 1934). Un resumo dos actos e discursos aparecen reproducidos parcialmente, extraídos do citado xornal donostiarra, por A Nosa Terra (ANT, 11 de Agosto de 1934).
Co gallo da problemática existente en Cataluña por mor da anulación da lei de contratos de cultivo e en Euzkadi a causa do Estatuto do viño, que conculcaba os Concertos Económicos, e da falla de eleccións nos concellos a situación volveuse moi conflitiva. Por esa razón, a Federación de Mocedades Galeguistas enviou o 1 de setembro unha “mensaxe de adhesión”, asinada por Francisco Fernández de Riego. Encetaba o comunicado:”Pra as xuventudes patriotas de Euzkadi e Catalunya, a adhesión firme e seréa das xuventudes patriotas de Galiza, nistes intres en que os xenios nacionás dos dous pobos irmáns, libran batallas de redención”. E remataba deste xeito: ”As xuventudes das tres patrias irmáns nos mesmos anceios, rubricados no paito de Compostela naquila estampa de Galeuzca, están obrigadas a aituar seguindo o mesmo roteiro, pra o conquerimento dunha libertade integral de Galiza, de Euskadi; de Catalunya”. (ANT, nº 345, 25 de Agosto de 1934).
O feito de que Plácido Castro fora o secretario de Relacións internacionais e, polo tanto, o encargado de efectualas, explica a carta de Alonso Ríos, enviada a Castelao, 27 de outono de 1934. Co gallo do desterro de Bóveda e para implicar aos vascos nas xestións para anular a expatriación, Alonso Ríos dille ao rianxeiro: ”Díxenlle a Plácido que hai que interesar ós diputados vascos no conto” (Castro, X., vol. II, p. 912).
En marzo de 1935, ANT daba conta dunha importante xuntanza do Consello Nacional do PG, onde as diferentes secretarías debían dar conta da súas xestións. Debido á ausencia de Plácido Castro por enfermidade deu conta da marcha da Segredaría de Relación Internacionais o Segredario Xeral, indicando que se remitira “un informe á xuntanza celebrada pol-o Congreso de Minorías Nacionais en Berna” (refírese obviamente ao X CNE, de 1934) e tamén que ficara “constituído o Consello Galego de Galeuzca” (ANT, nº 356, 9 de Marzo de 1935, p. 2).
Na IVª Asemblea do PG (Santiago, 20/21 de Abril de 1935) Plácido Castro, Secretario de Relacións Internacionais do PG, informou á asemblea, entre outros temas, das accións de solidariedade con vascos e cataláns e da constitución do Consello de Galeuzca en Galicia, integrado polo PG, Ultreya e FMG, “se ben advertiu con lucidez que Galeuzca non podería dar moitos froitos mentres o nacionalismo galego non tivese deputados en Madrid”. (Beramendi, J., 2007, p. 1027). A esta asemblea asistiron os delegados de Galeuzca (Castro, X., Vol. II, p. 645, ANT, 27 de Abril de 1935).
En definitiva, Plácido Castro sería o Secretario de Relacións exteriores do PG e o seu representante do PG no Consello de Galeuzca de 1934 a 1936, levando a cabo durante eses anos toda esa inmensa tarefa, relacionada con ambos temas, a pleno rendemento e co aplauso unánime do Consello Executivo do Partido e das diferentes asembleas xerais do mesmo.
A comezos dos 40, Castelao aguilloaba a Valentín Paz Andrade nunha carta a que reconstituíse o PG no interior, indicándolle explicitamente os nome de tres persoeiros para ese labor, Otero Pedrayo, Gómez Román e Plácido Castro, o que proba a confianza do rianxeiro en Plácido. Mais, aínda que Fernández del Riego escribiu que Plácido Castro se incorporou con escepticismo ao PG e un informe do BNRG en Francia afirmase que integraba a dirección, existen serias dúbidas de tal incorporación. Volveuse a poñer en marcha o Galeuzca nos anos 1944-45 en relación ca ANFD, pero sería Ramón Piñeiro a estrela desta andaina. No exilio será en Bos Aires onde se forxen os máis importantes proxectos galeuzcanos entre 1941-1947, con nidio protagonismo de Castelao. Volverá o galeuzcanismo a Bos Aires e 1959, con Bieito Cupeiro de abandeirado, e no mesmo ano en Caracas asinarase un pacto arredista, con Xosé Velo Mosquera de adail.
4. Os Congresos de Nacionalidades Europeas (1926-1938)
Os Congresos de Nacionalidades Europeas foron constituídos en 1925. Neste apartado contamos con un amplo estudo de Xosé Manuel Núñez Seixas, a súa tese de doutoramento, e traballos posteriores, así como outros traballos de Xulio Ríos e Alex Ugalde. Tamén podemos utilizar textos contemporáneos dos anos 20, escritos polos delegados cataláns da época como Joan Estelrich e Francesc Maspons i Anglasell e algúns informes dos vascos.
A Sociedade de Nacións fixouse nun pacto constitutivo o 28 de xuño de 1919 na Conferencia de Paz de París e entrou en vigor o 10 de xaneiro de 1920. Era, polo tanto, unha entidade vinculada ó Tratado de Versalles. Un dos aspectos máis salientables da súa actividade foi o tocante á protección das minorías nacionais; por iso elaborou diferentes instrumentos xurídicos nesa dirección, con catro grupos distintos de disposicións internacionais, que afectaban a moitos países. A SDN permitiría a creación dunha de sección de Minorías nacionais, con estabelecemento duns requisitos para ingresar nela. Esta Sección é a que organizou a celebración, a partir de 1925, duns Congresos de Minorías Nacionais ou de Nacionalidades Europeas.
En xuño de 1926 un manifesto, asinado polo Comité Pro-Independencia Vasca, foi enviado á SDN “en nombre de los vascos de Bizaaya, Gipuzkoa, Araba y Nabarra, sometidos hoy al Estado español, interpretando el sentir nacional del pueblo vasco, exige de la Sociedad de Naciones: Que se obligue a España, en nombre del derecho internacional a abandonar el país vasco”. No caso de que a SDN non puidera cumprir con esta esixencia, polo menos pedía que se satisfixesen oito aspiracións, enumeradas no documento e relacionadas coa non obriga dos xoves a ir á guerra de Marrocos, co dereito de xentes, coas contribucións estatais, co ensino e a cultura, cos tribunais de xustiza, coas torturas e presencia das forzas armadas e co atraso en xeral do Estado español. (Aberri, Nueva York, nº 10, junio 1926, p. 5). O manifesto non tivo resposta.
Despois dunha rolda de intercambios, nos que tivo un papel salientable Ewald Ammende, deputado da minoría alemana no parlamento de Estonia, presentouse nunha xuntanza da Unión Internacional de asociacións para a Sociedade de Nacións, en xullo de 1925 en Varsovia, unha proposta de estudo: “Principios, normas, directivas e programa para tódolos grupos nacionais dos Estados europeos”. Celebrouse unha nova xuntanza en Dresde (26-agosto-1925), con asistencia de moitos dirixentes de minorías nacionais, entre os que destacaban o citado Ammende, J. Wilfan, deputado da minoría eslovena no Parlamento italiano, Paul Schiemann, deputado da minoría alemana en Letonia, e o conde Geza de Szüllo, deputado de minoría húngara en Checoslovaquia. Froito desta xuntanza decidiuse convocar o primeiro Congreso de Nacionalidades Europeas en Xenebra para os días 14 ao 16 de outubro de 1925, con asistencia de 50 delegados de 27 minorías nacionais, pertencentes a 10 estados, concretamente Checoslovaquia, Iugoslavia, Romanía, Polonia, Alemaña, Austria, Italia, Letonia, Estonia e Lituania, que representaban uns 10 millóns de persoas. Estabelecéronse tres principios fundamentais:
- 1) Liberdade nacional e liberdade relixiosa como ben espiritual do mundo civilizado.
- 2) Nos estados nos que coexistisen diversos grupos nacionais, cada un deles debía ser autorizado a conservar a súa personalidade nacional sen restricións.
- 3) Para unha paz duradeira, a SDN debería ocuparse da solución dos problemas nacionais en canto aos seus dereitos.
Estas normas xerais serían desenvolvidas máis extensamente nos seguintes congresos, sobre todo nos eidos teórico, doutrinal e político, orixinando tres postulados básicos: Lealdade das minorías (presión aos gobernos, pero sen ataques directos, nin irredentismos), defensa da paz e colaboración nacional e internacional das minorías.
Os principios fundamentais, o regulamento, os requisitos para a admisión, a articulación conceptual e reivindicativa e as relacións coa SDN orixinarían fondos, intensos e ás veces acedos debates que nalgúns intres chegaron a dar unha sensación de desencanto e frustración, como no VIII Congreso, celebrado en Viena do 29 de xuño ao 1 de xullo de 1932, uns meses antes do trunfo de Hitler en Alemaña, ou no mesmo IX Congreso de 1933, ao que non acudiron os xudeus por mor da súa persecución en Alemaña. De toda esta andaina, chea de debates e discusións, da cumprida conta Xulio Ríos (p. cit., pp. 48-66) e tamén o crego vasco Aitzol nunha habitual colaboración súa na prensa nacionalista. (José de Ariztimuño, “Aitzol”: “El Congreso de Viena”, El Día, 23 de julio de 1932).
A organización dos Congresos estaría presidida polo esloveno Josip Wilfan e actuando como secretario Ewald Ammende.
Os obxectivos da CNE podemos resumilos en tres:
- 1) Posibilitar a coordinación das minorías nacionais europeas.
- 2) Debater encol da situación e problemáticas das minorías para propoñer medidas de protección nos eidos político, lingüístico, cultural, relixioso etc.
- 3) Procurar influír no tocante a iso na Sección de Minorías Nacionais da SDN.
Celebrábase anualmente un CNE, normalmente en Xenebra (ás veces en Lausanne ou Berna e algunha vez en Viena) e en setembro, para facelo coincidir coas sesións da SDN.
Convén dicir que a orientación oficial do CNE era moderada, pois excluía solucións para as demandas das minorías nacionais que supuxesen cambios de fronteiras dos Estados constituídos e rexeitaba o recurso a medios de acción revolucionarios ou a vía armada.
As minorías nacionais que acudían aos Congresos denominábanse “Grupos Nacionais” e na meirande parte, polo decorrer histórico e as consecuencias do Tratados de Iª Guerra Mundial, eran minorías que ficaran esgazadas dos Estados onde a súa nacionalidade era maioritaria. O peso principal do CNE ostentábano as minorías alemás situadas en Checoslovaquia, Iugoslavia, Romanía, Polonia, Hungría, Lituania, Letonia, Estonia e Dinamarca. Outras representacións eran as dos húngaros en Checoslovaquia, Iugoslavia o Romanía; ucraínos en Polonia e Romanía; rusos en Polonia, Romanía, Checoslovaquia e Estonia; lituanos en Polonia; búlgaros en Romanía; polacos en Alemaña, Checoslovaquia, Letonia e Lituania; eslovenos en Italia e Austria; croatas en Italia e Austria; xudeus en Checoslovaquia, Alemaña, Polonia, Romanía, Bulgaria, Letonia e Lituania; daneses en Alemaña; e suecos en Estonia. Así, o CNE era una organización moi heteroxénea, pois os seus membros mantiñan distintos obxectivos políticos e xurídicos, a presencia institucional nos seus Estados era de diverso peso e a representatividade real era desigual. En calquera caso, sendo situacións distintas, aspiraban ao seu recoñecemento como minoría ncional no Estado ao que pertencían, a ser tidos en conta os seus dereitos políticos, lingüístico-culturais e relixiosos de xeito efectivo, e á protección xurídica internacional, contemplada nos acordos de posguerra.
A partir do IX Congreso (1933), onde xa non estiveron presentes os xudeus, segundo Xulio Ríos semella iniciarse un proceso de solpor.
No X Congreso, celebrado en Berna do 4 ao 6 de setembro de 1934, malia o balance optimista do discurso do presidente Wilfan, a realidade era máis ben pesimista. Houbo discusión encol dun proxecto polaco de Convención Universal para a protección das minorías nacionais, en parello ao debate no mesmo senso que estaba efectuándose na SDN.
Ao XI Congreso (Xenebra, 2-3 setembro de 1935) os polacos non asistiron. Produciuse unha intensa discusión sobre a protección das minorías nos estados autoritarios, con unha grande división de opinións.
O XII Congreso celebrouse en Xenebra os días 16 e 17 de setembro de 1936. Nel so estiveron 8 grupos do 13 presentes no Congreso anterior. Na primeira sesión foi lembrada a memoria do finado secretario xeral, Ewald Ammende (Pernau,3 de Xaneiro de 1893, Pekín, 15 de Abril de 1936), insistindo na continuación da súa obra.
O XIII Congreso celebrouse en Londres do 14 ao 17 de xullo de 1937 e os poucos delegados presentes so constataron a imposibilidade de debater ante a ausencia do principais protagonistas, a tensión internacional crecente e a conxuntura bélica en España.
O XIV Congreso, celebrado en 1938 en Estocolmo, foi o derrradeiro.
5. O ingreso dos nacionalismos galeuzcanos nos CNE
A admisión dos nacionalismos periféricos nos CNE realizouse en distintos años. Os cataláns entraron en 1926, os vascos en 1930 e os galegos en 1933.
Os nacionalistas cataláns participaron axiña nos CNE, acudindo ao II Congreso de 1926. Dous anos antes, o profesor M. Massó i Llorens xa se dirixira a SDN con un manifesto- solicitude, editado en Xenebra. Nunha xuntanza do Consell Nacional de Acció Catalana, celebrada o 24 de xaneiro de 1924 no exilio de Perpinyà, nomeouse unha comisión formada por Ramon d’Abadal, Massó i Llorens, Carles Jordà e Lluis Nicolau d’Olwer para realizar en Xenebra as xestións oportunas (Perucho, A., op. cit, 2018, pp 213- 214). Ao mes seguinte noutra reunión con membros da Lliga, non logran que os lligueiros se sumasen á proposta (Perucho, A., pp, 217-218), polo que Massó i Llorens decidiu enviar en solitario ao Secretario da SDN, Eric Drummond, unha súplica de entrada, que non obtivo resposta (Perucho, A., pp. 221-222). En 1925 Ewal Ammende, secretario dos CNE desprazouse a Barcelona en xuño de 1925 para estudar a cuestión in situ. Artur Perucho, testemuña de primeira liña, da cumprida cota desta andaina (Perucho, A, 2018, capítol VIII, pp. 211-235).
Tamén a Lliga Catalana tiña a rexa vocación de internacionalizar o contencioso catalán. Con este obxectivo, Joan Ventosa viaxou a París en decembro de 1918 para entrevistarse con Wilson e Clemenceau e negociar a presentación do caso catalán no expediente de nacionalidades europeas cobizosas de exercer o dereito de autodeterminación. O goberno español frustrou o proxecto e o Conde de Romanones, novo primeiro ministro, desprazouse á capital francesa para evitar que os principios de Wilson se aplicasen a Marrocos e Cataluña. (Meaker, G.H., 1978, p. 163).
En 1926, finalmente, o “grupo catalán” ingresou e participou axiña nos labores do II Congreso, pasando Maspons i Anglasell a formar parte do Comité Executivo do CNE. No III Congreso, a delegación catalá realizou xa varias propostas, que foron adoptadas. Jaume Carrera, Massó i Llorens e, sobre todo, Francesc Maspons i Anglasell e Joan Estelrich, ademais, foron pioneiros en escribir varias obras encol desta temática, como se pode ollar na biobliografía. Encol do ingreso do grupo catalán no II Congreso escribiu un detallado relato o xornalista catalán, exiliado en París, Domènec Pallerola Munné (1903-1993), co seudónimo “D. de Bellmunt”, titulado:”El Congreso de Nacionalidades Europeas”. (Aberri, Nueva York, nº 13, septiembre de 1926, p. 5).
O grupo catalán estivo inicialmente dinamizado por membros da Lliga Catalana e de Acció Catalana. Un deles, Maspons e Anglasell, formaría parte do Comité Executivo. Nos anos trinta, xa terían meirande protagonismo sectores independentistas como o Partit Nacionalista Català e a sociedade Palestra. Entre outros, desempeñaron un importante papel Joan Estelrich i Artigues, mallorquín, dinamizador de Expansió Catalana–organización dedicada á proxección internacional da cultura catalana–, director da Fundació Bernat Metge, membro da Lliga Catalana, deputado a Cortes por Girona na II República, asinante do Galeusca de 1933 en Bilbao e futuro colaborador del réxime franquista; Francesc Maspons i Anglasell, xurista, vicepresidente dos CNE e presidente da Asociación Internacional para o Estudio dos Dereitos das Minorías da Haya, membro de Acció Catalana e do Partit Nacionalista Català, exprofesor da Universidade de Oañti e asiduo visitante do País Vasco; Lluís Nicolau d’Olwer, profesor de linguas clásicas, dirixente de Acció Catalana Republicana e ministro de Economía nos dous primeiros gabinetes republicanos; Francesc María Masferrer i Vernis, avogado, membro preeminente de Acció Catalana Republicana, director do Diari de Vich e vicepresidente de la Federación Internacional de Periodistas Minoritarios e Josep María Batista i Roca, factótum de asociación Palestra, impulsor e co-redactor do pacto de Compostela ou Galeuzca de 1933. Coa Guerra Civil exiliouse en Londres, onde exerceu de delegado da Generalitat e dinamizador del Consell Nacional Català e da Anglo-Catalan Society. No exilio redactou varios proxectos de pactos Galeuzca en 1944-45 e nos anos finais do franquismo, en 1970-1974.
En realidade, a nómina de delegados cataláns acreditados foi máis ampla, con intervencións de persoeiros como Joan Casanovas, Francesc Maspons i Anglassel e Josep Pla (II Congreso, Xenebra,1926); de novo Casanovas e Maspons, máis Estanislau Duran i Reinals (III Congreso Xenebra, 1927); Xavier Regás e F. Maspons i Anglasell (IV Congreso); Francesc Masferres, F. Maspons, Manuel Serra i Moret, Francesc Tusquets e Miquel Vidal i Guardiola (V Congreso); Rafael Compalans, Francesc Masferrer, F. Maspons, Artur Perucho, Manuel Serra i Moret e Francesc Tusquets (VI Congreso) e F. Maspons e F. Masferrer (VII Congreso). (Riquer i Permanyer, Borja de, op. cit. 2010, p. 114).
Aínda que algúns consideraron os CNE como unha xeira carente de efectividade, Artur Perucho, neste senso amosouse posibilista e viu neles algunhas vantaxes (Perucho, A. 2018, pp. 226-227):
“Es posà el problema català a la Societat de Nacions; es divulgaren les seves dades esencials entre el delegats oficials de tosts els Estats adherits a Ginebra i entre el principals periodistes d’Europa i Amèrica; s’inicià clarament la tendència a la generalització del dret de minories …. ¿Què més podíem demanar en una època en què dins l’Estat espnyol el sol fet de mostrar en públic una senyera era considerat con un greu delicte contra la pátria?”.
Non houbo presenza vasca nos primeiros años de andaina dos CNE. Con todo, en 1926 apareceu unha crónica relativa ao congreso, celebrado en dito ano, na publicación Aberri, editada en Nova York, elaborada por Domènec Pallerola i Munner, militante de Acció Catalana e corresponsal de La Publicitat en París, firmada con seu seudónimo “D. de Bellmunt”.
Seguindo os datos aportados por Núñez Seixas, sabemos que desde 1927 a dirección do CNE acometeu diversos intentos para incorporar aos nacionalistas vascos á organización internacional. Convén lembrar que por aquelas datas o nacionalismo estaba organizado en dous partidos, a Comunión Nacionalista Vasca (CNV) –sector moderado– e o Partido Nacionalista Vasco (PNV) – de liña máis radical e independentista.
En xullo de 1927 Joan Estelrich, co visto e prace de Ammende, dirixiuse por carta ao ex-deputado navarro e membro da CNV, Manuel de Aranzadi, para invitar a unha delegación do nacionalismo vasco ao III Congreso, que se ía a celebrar en setembro de 1927. A xestión non acadou o efecto buscado.
Tamén é interesante sinalar que en xuño de 1929 o chanceler alemán Gustav Stressmann, seareiro por razóns de interese político xermánico das minorías nacionais fronte aos británicos e os franceses, na compaña de Joan Estelrich, visitou Bilbao e Barcelona para estabelecer contacto cos nacionalistas vascos e cataláns, malia a forte oposición do goberno español, que logrou o nomeamento como xefe da sección de minorías nacionais da SDN do embaixador e coñecido españolista, Manuel Aguirre de Cárcer. Esta visita causaría un incidente diplomático por mor dunhas declaracións de Stressemann, ao seu paso por Donostia, a un xornalista correspondente da Voz, xornal madrileño, Alfred R. Antigüedad. Nelas referíase o chanceler alemán ás minorías nacionais de Cataluña e Vasconia (ver detalles do incidente en Perucho, A. 2018, pp. 229-235). Mesmamente en relación con este feito, na primavera de 1930, o “Comité Pro-Independencia Vasca a la Sociedad de Naciones”, enviaría a SDN unha mensaxe, asinada por Elías de Gasllastegui, da delegación en América, sobre “la existencia real del problema nacionalista vasco”. Engadía un informe de 5 páxinas, dividido en 10 apartados, titulado. “El Problema Nacionalista Vasco. A los representantes de los Estados en la Sociedad de Naciones”. (Patria Vasca, nº 5 abril-mayo, 1930, pp. 13-19).
No mesmo ano 1929, houbo novas iniciativas e contactos que culminarían coa admisión do nacionalismo vasco nos CNE. Tres foron os pasos principais: 1) Asistencia de Odón de Apraiz en calidade de observador ao V congreso do CNE (agosto de 1929); 2) Envío da petición formal de entrada de “Grupo nacional vasco” ao CNE (abril de 1930); e 3) Asistencia, xa como membro de pleno dereito, dunha delegación do nacionalismo vasco (concretamente da CNV) ao VI Congreso do CNE (setembro de 1930).
A dirección dos CNE respondeu afirmativamente á petición dos nacionalistas vascos, quedando formalizada en 1930 a pertenza do grupo vasco ao CNE. Deste xeito, ao VI Congreso, celebrado do 3 ao 5 de setembro de 1930 en Xenebra, asistiron como delegados –a estadía coincidiu co proceso de reunificación que realizaban CNV e PNV– Ramón de Irezola e Pantaleón Ramírez de Olano. Irezola elaborou, asinando “R. de I.”, varias crónicas para o xornal Euzkadi. Pantaleón Ramírez de Olano, avogado, xornalista e nos anos 30 director do xornal Euzkadi, participou o 6 de setembro de 1930 na fundación da Federación Internacional de Periodistas Minoritarios, xunto a xornalistas cataláns como Francesc M. Masferrer e Artur Perucho. Neste xornal nacionalista Euzkadi colaborou Vicente Risco durante a II República con case cen artigos de temática moi diversa, sempre relacionados con Galiza.
Se a liña oficial do PNV foi a de apoiar a presencia nos CNE, hai que apuntar que non faltaron algunhas reticencias, xa que algún sector do nacionalismo non estaba dacordo coa pertenza aos CNE, como amosa un artigo, sen sinatura, titulado “Euzkadi ante el problema de las minorías”, aparecido en no periódico “Bizkaitarra”, en outubro de 1930. Nel advertíase que non eran idénticas as situacións das “minorías” europeas centroeuropeas e o caso de Euskadi, unha “nación por dereito propio”, e criticábase que os membros dos CNE aceptasen o principio da “non modificación de fronteiras”, impostas polos “tratados inspirados polas potencias triunfantes” na Iª Guerra Mundial. Tres eran as razóns para non pertencer aos CNE:
- a) Euskadi non era “unha nacionalidade esgazada do tronco común”, circunstancia que reunían a maioría das minorías europeas incluídas noutros Estados, pois era unha “nación perfectamente definida”, cuxo problema non era a protección das súas particularidades, senón “a independencia patria”.
- b) Euskadi aspiraba á independencia e, por conseguinte, carecía de sentido comprometerse á non modificación de fronteiras. Só se apreciaba unha vantaxe ao estar nos CNE, a de que implicaba “un acto de propaganda mundial da Causa Vasca”.
- c) Incluso se afirmaba que, se non se producía “nada práctico, non debemos adherirnos ao Congreso de Minorías Nacionais”.
Outras voces autorizadas, sen embargo, ampararon a posición oficial. Alberto de Onaindia, cóengo en Valladolid e amigo do cóengo galego López Carballeira, que oficiou a misa a Rosalía o 25 de xullo, no Galeuzca de 1933, mostrou en maio de 1931 a importancia da “faceta internacional dos problemas que se formulaban” en Euskadi. Consideraba que se debía tender a unha maior presencia internacional vasca, chamando a continuar os esforzos de cara aos CNE –ao que cualificaba de”seria e respectable forza internacional”–, e que “os vascos debían ter fixa a mirada en Xenebra”.
Durante a viaxe efectuada a Euskadi a principios de novembro de 1931 por Ewald Ammende, secretario dos CNE, –volvería a visitar o País Vasco con ocasión do Aberri Eguna (Día de la Patria Vasca) do 16 de abril de 1933 convocado baixo o lema “Euzkadi-Europa”– e por Joan Estelrich, o presidente do Euzkadi-Buru-Batzar (EBB) del PNV, Ramón de Bikuña, confirmou a decisión xelkide de prestar meirande atención á acción exterior e pertencer aos CNE.
Así mesmo, o crego José de Ariztimuño, “Aitzol”, colaborador dos xornais nacionalistas vascos e impulsor de moitas iniciativas culturais, fusilado polos franquistas en Hernani en 1937, nun artigo publicado o 23 de xullo de 1932 en El Día resaltou que as reunións dos CNE eran unha especie de “grandes cátedras, desde onde se divulgan as reclamacións espirituais dos pobos oprimidos”, avogando para que “o País Vasco poda en adiante, desde este organismo internacional, facerse ouvir para reclamar a atención dos amantes da Xustiza e do Dereito”.
Ao VII Congreso do CNE (1931, Xenebra) volveron a ir Pantaleón Ramírez de Olano e Ramón de Irezola. Ao VIII Congreso (1932, Viena) foi enviado José María de Izaurieta. Ao IX Congreso (1933, Berna) non asistiu ninguén do PNV, malia que na documentación oficial aparece Izaurieta. Ao X Congreso (Berna, 4-6 setembro de 1934), foi de novo José María de Izaurieta. Ao XI Congreso (1935, Xenebra) a delegación estivo integrada por José Antonio de Aguirre, futuro lehendakari, e Juan Antonio de Irazusta, os dous deputados, quen redactaron un interesante informe encol da súa experiencia. Ao XII Congreso (1936, Xenebra) tampouco asistiu ninguén, o que resulta explicable por mor da conxuntura bélica. Ao XIII Congreso (1937, Londres) a representación do PNV estivo composta por Ramón de la Sota e Antonio María Labayen “Ayanbe”, tradutor este de Castelao ao éuscaro.
Ao Congreso XIV, o derradeiro, celebrado, e Estocolmo en 1938 non asistiu ningunha representación galega, vasca e catalá.
O primeiro intento de entrada nos CNE por parte do nacionalismo galego correu a cargo de Antón Villar Ponte en 1927, que fixo algunhas xestións nese senso con Joan Estelrich. (Ventura, Joaquim, Grial, nº 210, pp. 46-57). Pero a procura non deu resultado.
Os nacionalistas galegos acudiron por primeira vez en 1933 ao CNE, presentando Plácido R. Castro, escritor e responsable de exteriores do Partido Galeguista, un informe elaborado por Vicente Risco, aspecto que debullaremos máis adiante. Na documentación oficial, que pode ollarse na web da Fundación Plácido Castro, tamén aparece Otero Pedrayo, quen certamente non asistiu.
6. Plácido Castro e o IX CNE (1933)
O programa de acción da IIª Asemblea do PG en 1933, o apartado B, de actividades titulábase “Rexurdimento das minorías nacionais” e semellaba unha copia do pensamento de Plácido Castro. Nel dicíase:
“Promóvase o estudo dos movimentos de rexurdimento nacional nas minorías irredentas-Alsacia, India- i-en aquelas que, conqueridal-as suas libertades lograron pol-o esforzo patriótico un posto de avanzada na hestoria dos nosos tempos: Checoslovaquia, Fnlandia, Polonia.
Foméntese a coñecencia garimosa da cada un dos pobos peninsulares, o teimoso seguimento dos seus avances , a axuda dos intreses de loita pol-o recobramento do propio ser, esteos do lexítimo hispanismo. Estimúlense as relacións directas con Cataluña e Vasconia, irmáns nosas no rexurdir”. Son ideas propias do pensamento de Plácido Castro, máis explícitas no apartado C “pangaleguismo” (celtismo, lusismo) (Ríos, Xulio, op. cit., 1992, p.113) (ANT, nº 368, 1 de Xuño de 1933)
Plácido Castro era “o membro relativamente especializado nas magras relacións internacionais do galeguismo, e asistiu ó IX Congreso de Nacionalidade Europeas” e Beramendi agrega, ao meu entender, con excesivo pesimismo e non disimulada retranca: “feito que, fóra de elevar algo a propia autoestima das hostes galeguistas e de servir de materia prima para que algúns historiadores recentes inflasen este pequeno globo para facelo grande, non trouxo o máis mínimo beneficio político ao PG, como xa previra o fino olfacto de Cambó”. (Beramendi, J., 2007. p. 981).
Dende inmediatamente despois da sinatura do pacto Galeuzca foi Plácido Castro polas súas relación europeas, polo dominio de idiomas e os seus coñecementos da estratexia política exterior o encargado deste tema xunto a Vicente Risco, como lle di Alexandre Bóveda a Fernández del Riego nunha carta datada o 3 de setembro de 1933: ”Xa recibín a tua nota coa traducción da carta de Amende, da que lle din conta a Risco e Plácido, que son os encarregados de despachar istes asuntos e xa está tramitándoos. Non te apures, porque si o asunto dos cartos pode ser vencido -e penso que sí- Galiza ingresará iste ano no Congreso das Nazonalidades e fará n-il a sua declaración”.(FP-FR-CA-067/007//019).
Noutra carta posterior, con data do 19 de setembro de 1933, cando xa Plácido Castro se atopaba en Berna, o mesmo emisor dille ao mesmo receptor: ”Tocante ao de Ammende, xa está en Berna Plácido con un formidabre “rapport” feito por Risco. Como verías nos xornaes de hoxe, fumos ouxeto d-un saúdo especial na sesión de apertura”. E Bóveda engade que non hai queixa da actividade dos Conselleiros: ”Risco co “rapport” e con un folleto de divulgación da nosa doutrina; Plácido, co de Berna, Alonso (Ríos), a voltas coas Sociedades Agrarias de Ourense...”(FP-FR-CA-067/007/020).
Foi o propio Plácido Catro quen deu conta do seu labor como delegado do PG de toda andaina para o ingreso de Galiza no IX Congreso de Nacionalidades Europeas en tres colaboracións publicadas en El Pueblo Gallego. A Nosa Terra reproduciu en dúas entregas o informe, redactado por Vicente Risco e presentado por Plácido Castro ao citado Congreso (ANT, nº 349, 22-setembro-1934, pp. 1 e 3 ; ANT, nº350, 29-setembro-1934, p. 1). Xulio Ríos, incansable estudoso do tema, insíreo no apéndice documental da súa obra: “Galicia e a Sociedade de Nacións”(op. Cit., p.85-109).
Do primeiro dos artigos, “El Congreso de Nacionalidades Europeas. El ingreso de Galicia” (EPG, 30 de Setembro de 1933, tradución de Daniel Landesa, web da F.P.C.) entresacamos os parágrafos máis significativos: “Por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional. Someteu á consideración dun organismo adxunto á Sociedade das Nacións un documento no que se fan consta-las circunstancias que xustifican o dereito de Galicia a ser considerada como unha nacionalidade. Os informes recollidos previamente pola Secretaría do Congreso durante unha visita á nosa terra confirmaban a tese nacionalista e probaban a satisfacción do Congreso no que non se falaba dun movemento xurdido da imaxinación e o idealismo duns cantos soñadores, senón dun feito real e importante.
Por esa razón foi acollida Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas e admitiuse a declaración presentada pola súa delegación que di:
“O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no Parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente ó participar unha delegación galega no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, baseándose sobre o “RAPPORT” sometido á consideración do Secretario Xeral do citado Congreso, que o pobo de Galicia, que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galicia, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferencia dunha maneira absoluta”.
Ó facer constar ante a opinión pública estes feitos incontestables o partido nacional dos galegos proclama o dereito innegable do pobo galego a dispoñer de si mesmo. O pobo galego reclama a plena liberdade do emprego do seu idioma materno, especialmente na instrucción. Reivindica igualmente o respecto dos seus costumes e pide a implantación da máis ampla autonomía posible, por esixila os seus intereses económicos e culturais.
Galicia desexa vivir en boas relacións coas outras nacionalidades de España e quere colaborar con elas para a regulamentación de tódalas cuestións de interese común. É evidente que non opón ningún obstáculo á realización dun ideal federal, calquera que sexa a a súa amplitude.
O partido nota con satisfacción que unha unidade de apreciación se estableceu xa entre galegos, cataláns e vascos, que, por outra parte, xa se realizara coa fundación dunha organización chamada “Galeuzca”, que coordina os movementos nacionais de Galicia, Euskadi e Cataluña.
Sinalamos tamén a cordial benvida dispensada á delegación galega no discurso inaugural do presidente Doutor Josip Wilfan. Diremos que a delegación galega acompañou ó Comité Permanente do Congreso na súa visita a M.Mowinchel, presidente do Consello da Sociedade das Nacións, e escoitou de beizos do primeiro ministro noruegués, frases de simpatía cara os movementos que loitan por manter e salva-las culturas e o espírito das nacionalidades.”
Na segunda colaboración de Plácido Castro, “Las deliberaciones del IX Congreso de Nacionaliaddes Euroepeas” (EPG, 5 de Outubro de 1933, tradución de Daniel Landesa, web F.P.C.), debulla varias cuestións: os grupos presentes, problemas presentes, obxectivos, resolucións, acordos, discusións, resultados etc. Nel “xuntáronse grupos representantes dos grupos búlgaros de Iugoslavia e Romanía; alemáns de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Dinamarca, Checoslovaquia, Hungría, Iugoslavia, Romanía e Italia; xudeus de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Checoslovaquia, Romanía e Bulgaria; iugoslavos de Italia; eslovenos de Austria; croatas de Austria; lituanos de Polonia e Alemaña; ucraínos de Polonia e Romanía; húngaros de Checoslovaquia, Iugoslavia e Romanía; rusos de Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Checoslovaquia e Romanía; suecos de Estonia; checoslovacos de Austria; eslovenos de Hungría; cataláns, vascos e galegos de España. (En realidade, os vascos non acudiron).
Especificaba tamén Plácido Castro cal era a verdadeira tarefa e obxectivos do Congreso: “O Congreso de Nacionalidades Europeas non é, como crían seguramente algúns adversarios nosos, unha agrupación de movementos nacionalistas que se xuntan para traballar e conspirar contra os Estados constituídos. Lonxe diso, aspira a que os problemas minoritarios se resolvan precisamente dentro dos Estados, sen chegar á desmembración. Procura orienta-las súas discusións e redacta-las súas resolucións en termos xerais, sen alusión directa a un país determinado. É unha agrupación para o intercambio de ideas acerca de problemas similares que se formulan en diversos Estados, para buscar a través da solidariedade unha maior eficacia e unha defensa contra a persecución. Non ten como misión a formulación de problemas nacionais políticos, senón a de procurar que as minorías nacionais sexan respectadas polos Estados, sobre todo no que se refire ó idioma, o ensino, a relixión, os costumes e a cultura”. E agregaba: “unha das súas resolucións máis importantes foi a que fai constar que a autonomía territorial é o medio máis adecuado de resolve-los problemas minoritarios, cando se trata de minorías que ocupan, en masa compacta, un territorio definido. Velaí algo que se relaciona directamente co problema de Galicia e vén a confirmar, coa máis alta autoridade, a posición do movemento galeguista”.
Anunciaba que unha das labores comprometidas era: “a elaboración dun Convenio Internacional que asegure protección e liberdade a tódolos cidadáns dun Estado, sen distinción de raza, idioma ou relixión”. Consideraba finalmente “que non foi ineficaz o labor das agrupacións de nacionalidades europeas, que gracias á solidariedade conseguiron resultados que serían inalcanzables para unha minoría illada”.
No terceiro artigo encol do mesmo tema, “Galicia, nacionalidad europea” (EPG, 10 de Outubro de 1933, tradución Daniel Landesa, web da F.P.C.) analizaba a situación especial de Galiza no IX CNE, pois o Estado Español non está ligado por compromisos internacionais no tocante ás minorías: “a posición de Galicia no citado Congreso ten un carácter especial, posto que non forman parte, como sucede no caso da maioría das nacionalidades que o integran, dun estado ligado por compromisos internacionais respecto ós dereitos das minorías”.
Volveu a lembrar que o CNE “non é un organismo para fomentar movementos políticos nacionalistas dirixidos contra os actuais estados, senón que procura soluciona-las cuestións minoritarias dentro de cada, Estado.
A continuación mencionaba polo miúdo os resultados da entrada de Galiza no CNE: “En primeiro termo, o máis importante de todo é o recoñecemento por unha organización internacional, integrada por representantes de corenta millóns de europeos, pertencentes a catorce nacionalidades, de que o noso pobo constitúe unha nación”.
Sinalaba un segundo aspecto relevante:
“O importante foi a previa investigación realizada na nosa terra polo secretario xeral do Congreso, coñecedor de tódolos movementos nacionalistas de Europa, que se convenceu plenamente de que o nacionalismo galego non é unha ficción idealista, senón a auténtica expresión das realidades de Galicia. Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa terra autónoma, ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”.
En terceiro lugar subliñaba un trazo moi querido para o galeguismo en xeral e Plácido Castro en particular, o universalismo:
“Outra constante aspiración do galeguismo, que aínda que pareza estraño ós que nos chaman separatistas é a da universalización de Galicia. Universalización en dobre sentido, posto que por un lado podiamos soster constantes relacións con numerosas nacionalidades europeas e estar informados acerca da súa vida e os seus problemas, con tanta frecuencia semellantes ós nosos, complemento do contacto xa establecido, e que debemos intensificar, cos pobos célticos e lusitanos. E, por outra parte, comezará a ser coñecida no mundo a personalidade característica de Galicia, cando a súa futura actuación no Congreso e a través de diversas publicacións vaia dando a coñecer o noso pobo e os seus peculiares problemas”. Este universalismo ficaba reafirmado noutro parágrafo máis abaixo: “A declaración galega fai patente con enteira claridade o espírito universalista do nacionalismo galego, apartado de todo separatismo posto que afirma a nosa vontade de colaboración cos outros pobos que habitan España e de formar parte dunha Federación, calquera que sexa a súa amplitude. Federación hispánica, ibérica, europea ou mundial, con todas se declara compatible o nacionalismo galego. Ningún movemento nacionalista afirmou con tanta claridade o seu espírito de franca fraternidade universal”.
En cuarto termo non esquecía, por suposto, as relacións estabelecidas polo Galeuzca entre as tres nacións periféricas:”Debe igualmente facerse resalta-lo interese que encerra a participación e colaboración no Congreso das tres nacionalidades ibéricas, unidas xa en España por medio de “Galeuzca”, a cal concede ós nosos respectivos movementos nacionalistas un carácter e unha significación ante o mundo, no que se refire á estruturación de España, que illadamente non terían”.
E remataba Plácido Castro con dúas consideracións, que viñan a ser un resumo de tódalas ideas expresadas na colaboración:
“Primeiro, que o galeguismo ten un amplo concepto da sucesión dun partido que excede o que posúen outras organizacións políticas, e do cal ten dereito a sentirse orgulloso. E, finalmente, que Galicia, porque é galega, polos seus propios méritos, conseguiu ocupar un posto que non estivera ó seu alcance se se conformase con ser un anaco da “España grande”. É dicir, que Galicia, sendo galega, é máis universal e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun estado español uniforme”.
A Nosa Terra saudaba o ingreso de Galiza nos CNE con un editorial:”Galicia en Pé. Por primeira vez escóitase a voz limpa da nación no gran concerto internacional”, repetindo tódalas ideas aportadas por Plácido Castro nas tres colaboracións citadas (ANT, 9 de Outubro de 1933, p. 2).
Vicente Risco, autor do informe presentado, non deixou tampouco de analizar as consecuencias do recoñecemento de Galiza no IX CNE nunha colaboración: ”Galiza recoñecida como nazón en Berna” (ANT, 29 de Setembro de 1933, p. 3). O mesmo faría nunha súa colaboración habitual no xornal vasco Euzkadi, “Carta de Galiza. Cara unha nova política nacionalista” (27 de Outubro de 1933).
O domingo, 4 de marzo de 1935, celebrouse en Santiago unha importante xuntanza do Consello Nacional do PG, á que asistiron os Secretarios e conselleiros de sección, os desterrados Castelao e Bóveda, que accidentalmente se atopaban en Galiza, Obella e Suárez Picallo, en representación da emigración. Tratáronse asuntos moi importes e variados, dos que seu cumprida conta A Nosa Terra. No tocante á Secretaría de Relacións Internacionais non puido estar presente o seu responsable, Plácido Castro, “por enfermidade” e deu conta da marcha o Secretario Xeral. Segundo esta relación remitiuse un “informe á xuntanza celebrada pol-o Congreso de Minorías Nacionás en Berna” (obviamente en 1934). (ANT, 9 de Marzo de 1935, p. 2).
Na IV Asemblea do PG, celebrada en Santiago os días 20 e 21 de abril de 1935, Plácido Castro, Secretario de Relacións internacionais, “comunicou ós presentes que non se puido asistir á sesión anual do X CNE (de 1934) debido ó alto custo da viaxe, polo que houbo de limitarse a enviar unha adhesión escrita, que foi lida alí. Tamén foi enviada despois unha denuncia pola persecución sufrida co gallo dos sucesos de outubro” (Beramendi, J., 2007, p. 1027) (EPG, 23 de Setembro de 1934). Emporiso, neste X CNE, celebrado en Berna do 4 ao 6 de setembro de 1934, a delegación vasca e a catalá elevaron á dirección dos CNE unha declaración conxunta, asinada por Francesc Maspons i Anglasell e José Mª Izaurieta, na que denunciaba a República española por incumprimento dos compromisos contraidos coa S. de N. Reafirmaban, ademais, o dereito dos pobos peninsulares a “determinarse libremente segundo a súa vontade nacional”.(“L’Opinió”, 19 de Setembro de 1934; Castells, Víctor, 2008, p. 133).
O 4 de agosto de 1935 celebrou xuntanza o Consello Nacional do PG no que se notificou por parte da Secretaría de Relacións internacionais, rexentada por Plácido Castro, “de ser ter recibido convocatoria para a reunión de que o día 4 de setembro celebrará en Xinebra o Congreso de Minorías Nacionais.
Ficaron aprobadas as liñas xeraes do informe que se terá de presentar a dita reunión e facultouse a referida Segredaría para que a tal fin póñase de acordo cos representantes de Cataluña i-Euskadi”. (ANT, nº 377, 10 de Agosto de 1935, p. 2).
Efectivamente, á xuntanza de Minorías Nacionais (a XI), celebrada en Xinebra o 4 de setembro de 1935, o PG, na imposibilidade de enviar un delegado, remitiu un escrito de Plácido Castro. Contiña un apartado no que se facían unhas consideracións sobre o dereito a empregar libremente os nomes dos lugares en lingua materna. Afirmaba que se usaban os nomes galegos deformados “co fin de lles dar un son e aspeito casteláns”, o que era un medio de asimilación “i-exerxe unha constante influencia sobor do pobo contraria a conservación das características nacionais de Galicia”. Plácido Castro tamén remitiu unha mensaxe “na que criticaba o sistema electoral español que lle privara de representación parlamentaria malia obter 106.000 votos, e denunciaba a represión do bienio que lle afectara sen que tivera participación ningunha no movemento revolucionario de outono de 1934” (Castro, X., vol II, p. 653; “O partido Galeguista e o Congreso de Nacionalidades Europeas”,H. de G., 16 de Setembro de 1935, p. 4; ANT, 14 de Setembro de 1935).
O informe completo, remitido por Plácido Castro, foi reproducido por A Nosa Terra e constaba de dous apartados: “As minorías no estados parlamentarios e o dereito a empregar libremente os nomes de diversos lugares en lingoa materna”. Polo seu interese teño a ousadía de reproducilo íntegro:
“O Partido Galeguista en nome do pobo de Galicia, lamentando que non lle sexa posibel enviar un delegado ao XI Congreso das nacionalidades europeas, despóis de saudar ao Congreso e facer votos pol-o trunfo dos ideaes que defende, quixera, si se lle permite, facer algunha observacións en col de dous puntos que figuran no programa do Congreso.
(A) As Minorías nos Estado no parlamentarios.
Aínda que o Estado hespañol é parlamentario, o Partido Galeguista desexa chamar a atención do Congreso en col de dous aspeitos d-esta custión en Hespaña.
Primeiramente a corrupción eleitoral subsiste. As oligarquías políticas siguen empregando medidas de coacción de todas crases. Ben utilizando o Poder oficial, ben valéndose dos caciques-xefes políticos locales-que exercen un dominio económico ou de outro xénero sobor dos eleitores.
Cando todo esto non chega, os verdadeiros resultados eleitoraes son sustiuidos por outros falsos. E so partidos novos que non poseen este medios de trunfo vense sempre condenados a permanecer sin representación parlamentaria.
Máis esto non é todo. A pesares d-estes factores adversos, o Partido Galeguista outivo nas eleicións do 19 de Novembro de 1933 máis de cento dez mil votos. Sin embargo o sistema eleitoral hespañol, que é enteiramente contra as minorías, non lle permitiu ter nin un soio diputado que poida falar no Parlamento hespañol en nome d-estes eleitores.
Faise mester engadir a esto que fai máis de dous anos que vivimos, casi sin interrupción, no que a Constitución chama <<estados de excepción>>, baixo os cales a liberdade de expansión das nosas ideas, na prensa e na tribuna, e a liberdade de reunión, está máis ou menos restrinxidas.
E perante este estados de exceición, como consecuencia do movimento revolucionario de Outono de 1934, no que o Partido Galeguista non tivo intervención algunha, tivemos sin embargo que sofrir as represalias gubernamentais. Varios dos nosos centros foron pechados durante seis meses; afiliados ao nos Partido estiveron encadeados durante varias semáns; o noso semanario tivo que suspender a súa pubricación a causa da censura e dous dos nosos dirixentes, o artista i-exdiputado Alfonso R. Castelao e o economista Alexandro Bóveda, que son funcionarios do Estado, foron trasladados contra a súa vontade a provincias distantes sin que contra eles se fixese acusación algunha.
Facemos conoscer estes feitos ao Congreso, somentes para que se decate da aitual situación de Hespaña, gobernada pol-os nemigos de canto tenda a autonomía das nacionalidades ibéricas e para que comprenda que n-unha pseudo-democracia parlamentaria é tal vez aínda máis difícil para un pobo de obter a representación que lle compre que n-un Estado autoritario.
(B) O dereito de empregar libremente os nomes de diversos lugares na lingoa materna.
Si ben é certo que non existe prohibición de empregar na prensa ou nos discursos os nomes de lugar en lingoa materna, tamén é certo que este probrema intresa a Galicia posto que o emprego oficial de deformación de nomes galegos co fin de lles dar un son e un aspeito casteláns é sin dúbida un medio de asimilación i-exerce unha constante influencia sobor do pobo contrario a conservación das características nacionaes de Galicia.
O Partido Galeguista, verá pois con satisfaición todo acordo do Congreso que afirme os dereitos dos pobos a empregar os nomes de lugar na lingoa materna de cada un d-eles.
Galicia, setembro de 1935.” (ANT, nº 381, 7 de Setembro de 1935)
A este XI Congreso, celebrado en Xenebra os días 3 e 4 de setembro de 1935 acudiron como delegados vascos dous deputados do PNV, José Antonio Aguirre e Juan Antonio Irazusta. Encol da súa ampla actuación no CNE, os dous presentaron á volta da viaxe un detallado informe a dirección do Partido. Da súa lectura dedúcense varias propostas. Ademais da primeira que insistía na “necesidade imperiosa” da viaxe a Xenebra, da ineludible pertenza ao CNE e da indispensabilidade de acudir para expresar as demandas e pretensións, salientaban a segunda e terceira. (Ugalde, Alex, 1996, pp. 507-508).
Na segunda constataban a necesidade de revitalizar o Galeuzca, cuestión da que falaron en Xenebra con Batista i Roca, e darlle vida:”en un terreno cultural y que al mismo tiempo aproveche para unificar nuestro pensamiento exterior en todo aquello que sea posible y debe verificarse. También es problema del que a nuestro juicio debe ocuparse activamente el EBB”.
A terceira suxestión era novidosa e consistía na necesidade, urxencia e eficacia da creación dun Congreso de Nacionalidades Occidentais, aínda que recoñecían a oposición a el por parte do Estado francés. Este Congreso estaría composto por “Cataluña, Flandes, Bretaña, Provenza, Galicia y Euzkadi (peninsular y continental)”. Deste xeito os seus acordos trasladaríanse con máis forza ao CNE.
Ao XII Congreso de Nacionalidades Europeas de 1936 non puido asistir ningún delegado galego nin, por suposto, Plácido Castro. Nesas datas dabondo traballo tiña con salvar a vida das garras das aigas fascistas.
V. Conclusións
1) O Galeuzca foi un movemento estratéxico de unión e solidariedade entre os nacionalistas das tres nacións, Galiza, Euskal Herria e Catalunya con uns obxectivos moi claros: a procura dun autogoberno, dunha federación ou confederación de nacións ibéricas e, en última instancia, da independencia. Pero na conxuntura de 1933 implicaba tamén outro obxectivo: a presentación dun bloque trinacional periférico unido para integrarse no Congreso de Nacionalidades europeas, adscrito a Sección de minorías Nacionais da Sociedade de Nacións. O Galeuzca durante a súa longa traxectoria sufriu moitos atrancos e altibaixos, con fitos referenciais en 1923, 1924, 1925, 1933, 1941, 1944-46, 1958-59, 1970, 1998 e 2004.
2) Plácido Castro é unha personalidade tan senlleira que supuxo para min unha labarada estremecida, quen o ía a dicir aos meus 75 anos e con 53 de militancia nacionalista. Precisa un urxente redescubrimento pola súa poliédrica capacidade, as súas polifacéticas actividades, os seus fondos e amplos coñecementos, a súa intensa sabedoría, a súa concepción novidosa da saudade, da dicotomía nacionalismo universalismo e das líñas estratéxicas da política exterior do galeguismo, o seu humanismo social, liberal, democrático, aberto, cooperativista, a vixencia e actualidade do seu pensamento e actitude, a súa sincera xenerosidade, a súa aposta pola unidade do galeguismo e o seu inquebrantable amor a Galiza. A súa figura agrandouse para min de tal xeito que na constelación das estrelas dentro do nacionalismo galego pasou a ocupar un lugar cimeiro, a mesma altura que Bóveda e Castelao. Se o “Sempre en Galiza” é a Biblia do galeguismo, o libriño, editado pola Fundación Plácido Castro “101 máximas e reflexións”, serían o seu catecismo. Deberían ser de obrigada lectura. Parabéns ó seu escolmador, Xulio Ríos.
3) Plácido Castro non estivo no núcleo duro da xestación do Galeuzca, do que se encargou polo PG sobre todo Alexandre Bóveda, pero, trala viaxe triangular e dos compromisos adquiridos nas conversas en Barcelona, foi elixido e asumiu paseniño a xestión das relacións galeuzcanas e da súa derivación directa: as relacións cos organismos internacionais europeos, os CNE e a SDN. As razóns desta escolleita son moi nidias:
- O seu coñecemento da política internacional e da diplomacia, especialmente europea, en virtude da súa formación universitaria e as súas viaxes, entre elas os vinculados cos negocios familiares.
- O seu claro e firme pensamento encol das liñas de actuación da política exterior de Galiza e do galeguismo.
- A súa rexa aposta pola acomodación do nacionalismo e o universalismo, non como dicotomía contraditoria, senón como complemento enriquecedor.
- A posesión dunha ampla formación e vasta cultura universal, sobre todo a anglosaxona.
- O dominio de idiomas, moi importante nas relacións exteriores. Neste eido so se podían equiparar dentro do PG o neuropsiquíatra Rodríguez Somoza ou Luis Tobío. Otero Pedrayo, Castelao e Risco dominaban o francés e este último o alemán con dificultades.
4) Plácido Castro posuía un ideario político diversificado en canto á acción exterior do galeguismo, e ao mesmo tempo complementario, integral e integrador, en cinco ámbitos xeopolíticos de actuación:
- Estatal: O Galeuzca: galeuzcanismo.
- Peninsular: Portugal e a prolongación brasileira: Lusismo.
- Atlántico: os país célticos: Celtismo.
- Europeo: Os Congresos de Nacionalidades europeas e a SDN: europeísmo internacionalista.
- Español: posibles alianzas coas esquerdas: esquerdismo.
Dous destes ámbitos de actuación, que Plácido Castro debullada teimudamente nos seus escritos, coincidían plenamente cos obxectivos do Galeuzca, estatal: acadar unha estrutura confederal do Estado español, e o europeo: internacionalizar a existencia das tres nacións, xunguidas nun mesmo plan unitario de cara o ingreso nos CNE.
5) Para o PG o principal beneficio colateral do Galeuzca foi facilitar o seu ingreso no Congreso de Nacionalidades Europeas e a incorporación do PG ao Galeuzca, e co Galeuzca permitiría aos tres nacionalismos darlles unha proxección internacional máis sólida (Beramendi, J., 2007, p. 980). Xulio Ríos sinala acertadamente que o esforzo do ingreso de Galiza no CNE foi útil, porque “a súa problemática pasou a ser coñecida por colectivos humanos que padecían similares dificultades, abrindo a posibilidade de estabelecer canles para efectivizar unha solidariedade máis ou menos activa e solidamente fundada na defensa de idénticos obxectivos. Sumar á comprensión e apoio que a sociedade galega prestaba con crecente simpatía á causa galeguista, un recoñecemento exterior que avaliase a seriedade e valor do proxecto político, era al que preocupaba acertada e afortunadamente ós membros do Partido Galeguista” ( X. Ríos, op., cit., p. 83). E engade:”O nacionalismo galego non era unha ficción idealista, senón a expresión da realidade de Galicia, o carácter de nacionalidade da cal pasaba por ser recoñecido por unha organización internacional, integrada por representantes de 40 millóns de europeos, pertencentes a a 14 nacionalidades. A proxección universalista do galeguismo, expresada coa fórmula de “Galicia, célula de universalidade”, quedaba así consagrada” (Xulio Ríos)
6) Eu humildemente ampliaría que a proxección exterior coa entrada nos CNE tiña para o nacionalismo galego unha enorme importancia por varias razóns:
- Dispoñía dun foro internacional onde divulgar o seu ideario, as súas demandas e os seus plantexamentos.
- Articulaba as relacións multilaterais e aproveitaba para contactos bilaterais.
- Posibilitaba aos delegados palpar a conxuntura europea e as correntes diplomáticas da época.
- Incrementaba a sensibilidade da dirección do partido de cara a acción exterior.
- Daba a coñecer a existencia da nación galega e do seu contencioso co Estado nos foros internacionais.
- Permitía entaboar relacións con outras nacionalidades con problemáticas semellantes.
- Xeraba unha dinámica de reciprocidade con outros preitos do mesmo cariz.
- Doaba aos militantes do nacionalismo galego fachenda e orgullo de pertenza a unha nación recoñecida internacionalmente.
- Obrigaba ao Estado español recoñecer a existencia duns territorios, con identidade propia e con aspiracións de autogoberno.
- A análise doutras problemáticas nacionais fornecía o coñecemento de modelos de loita pola emancipación nacional e subministraba paradigmas e reflexións para levar a cabo a propia liberación.
- Implicaba a existencia dunha paradiplomacia, que orixinaba unha especie de status de lexitimidade extraterritorial, non suxeita ao Estado español, e inducía a unha percepción de case soberanía.
En moitas destas cuestións hai que ter en conta que nos nacionalismos inflúen non só as realidades senón tamén os sentimentos, os mitos, os símbolos e as emocións, que o adornan dun carácter “relixioso”, no senso do “religare” latino, e que non se atopan no puro documento escrito. Disto non solen decatarse os historiadores académicos, teoricamente neutrais e obxectivos, quen só se fían da documentación escrita.
7) Non cabe dúbida de que tódolos medios que se utilicen para dar a coñecer a problemática das tres nacións periféricas do Estado español, Galiza, Euskal Herria e Cataluña, nos foros internacionais sempre son benvidos e absolutamente necesarios, sen desbotar outras facetas, por suposto. As nacións sen Estado non nos podemos permitir o luxo de desperdiciar calquera ocasión que se presente, xa que padecemos moitas dificultades nos planos informativo, propagandístico, de coñecemento e de espallamento nos espazos internacionais, hoxe moi importante neste mundo globalizado. Todo o que se faga neste senso a medio e longo prazo resulta frutífero. Hai que ollar sempre cara o horizonte e ao lonxe, sen orelleiras egocentristas, sen paifoquismos, pero tamén sen cosmopolitismos acomplexantes, tal como insistía Plácido Castro. A única loita que se perde é a que se abandona. A vida dun Pobo é dilatada e a das persoas moi curta. A sementeira sempre da froito e non hai que desmoralizarse, aínda que a patria pareza unha silveira. Dívolo un mozo de vila aldeá que se integrou no nacionalismo en 1965, cando cursaba 2º de teoloxía no Seminario de Lugo, leva 45 anos fóra residindo nunha nación galeuscana irmá e aínda soña con unha patria “liberada do Courel a Compostela”. O recoñecemento exterior axuda a asumir orgullo e a dignidade de seu e a eliminar ese complexo de inferioridade, moi ben descrito por Frantz Fannon e Albert Memmi, eivas moi estendidas entre certos sectores da sociedade galega, que prefiren ser españois de segunda a galegos de primeira. Lembrade o que dicía Séneca: ”nemo quia patriam magna est amat, sed quia sua” ,”ninguén ama a súa patria, porque sexa grande, senón porque é a súa”.
8) Isto lévame a considerar que debemos volver aos clásicos: Bóveda, Otero Pedrayo, Castelao, Plácido Castro, Cuevillas e tamén Risco, tanto no fornecemento ideolóxico-político como na honradez das súas actitudes. Cuevillas, un galeguista de dereitas, dicía:
“Precisamos de novo un enraizamento que é o que fai que a personalidade galega poida aturar sin socombir os piores perigos, que non son os esternos, senón os internos, os que nacen dos propios estravíos. I é ista tamén a causa de que Galicia seña unha perpetua espranza de renacimento… O drama do noso país é que as xentes viven en opoición teimosa ca súa historia, ca súa tradición e co seu mesmo marco xeográfico”. E escribía á altura de 1951:”Nos anos que han de vir veredes quizais debecer aínda máis a nosa cultura, perder terreo a nosa língoa, confundirse os perfís do noso país deica borrárese no neboeiro borrallento que o invade todo. Non desesperedes, os que de verdade sintades a emoción galega; seguide sempre con fe, e si se vos ocurre pensar acaso se sementades ou se soio esparexedes, desbotade ise pensamento e tede por certo que calquer traballo, grande ou pequeno, duro ou levián, que emprendades en nome de Galicia, é sempre sementeira”.
E Plácido Castro dixit:
“Unha Galicia galeguista non só terá unha intensa vida propia, senón que se atopará ligada a un conxunto de pobos ibéricos, a unha comunidade de países galaico-lusitanos, a unha irmandade de terras célticas que proxectará o seu espírito propio e que recibirá de cada un o estímulo peculiar da súa cultura” (máxima 4)
“A única esperanza de fraternidade ibérica, a única posibilidade de crear un verdadeiro patriotismo e un xenuíno espírito español integrados polas culturas de cada pobo, reside na liberación destes pobos e da intensificación das súas características peculiares” (máxima 28; EPG, 4-8-1933).
“O dilema actual de Galicia é o seguinte:ou galeguismo ou morte; ou crear unha vida propia ou seguir sendo imitadores. E o que é peor, imitadores europeos de segunda man. E como non podemos acreditar na morte da nosa terra -aínda que a monarquía nola deixase tan preto da morte- temos que confiar na súa galeguización máis que nada porque confiamos no triunfo das causas xustas e nobres; e a única causa xusta, nobre na Galicia de onte e na de hoxe, é precisamente a nacionalista”. (“Confianza no porvir”; ANT, 1 de Decembro de 1931)
9) Os historiadores, ás veces, somos dabondo fachendosos e narramos o acontecer histórico con aridez, sen emoción, sen corazón. E o corazón baleiro non é ser vivo, aínda que sexa útil ocupando espazo. Somos seres sociais e debemos implicarnos nas causas nobres e dignas, como os demais cidadáns e cidadás. Para doarlle un sabor lírico e máis humano a esta palestra, sen restarlle a épica e rigor académicos que se lle debe esixir, gustaríame rematar con tres poemas. Estou seguro que lle agradaría a Plácido Castro, tradutor, amigo, autor e gorentador de poesía.
O primeiro é da autoría do seu amigo, Xosé María Álvarez Blázquez, que lle dedicou o 5 de agosto de 1948, co gallo da despedida organizada por un grupo de amigos por mor da súa marcha a Gran Bretaña.
“Eu quero que che sigan pol-as ondas
os ecos de Martín Códax, de Vigo,
e no ouvido che canten pol-as landas
seus ledos soes de cantar de amigo.
Voces antergas as das beiramares,
beilar inxel do piñeiral sonoro,
marmurios garimosos d-estes mares,
formen pra ti seu amizabel coro.
E cando teñas a lembranza arreo
posta en saudade, cantos e poesía
aló, na soedá do chan alleo,
encosta a i-alma no nascer de un día
bretemoso, terás o peito cheo
de ese viño sen par: Melanconía”.
O segundo poema é unha tradución do propio Plácido Castro dun poema da esgrevia poeta Cristina Rosseti, titulado “Lémbrame” (Remember, en Voces Atlánticas, p.165). É o mellor xeito de lembrar a grande personalidade de Plácido Castro, unha figura do galeguismo e da cultura galega e universal, inxustamente preterida. Lembrar os mortos é mantelos con vida:
“Cando me teña ido has de lembrarme,
ido moi lonxe, pra o país silente;
cando non poidas máis a man collerme,
nin eu virar pra irme, mais quedarme.
Lémbrame cando xa non has de contarme.
Día a día, futuro que proiectes;
mais lémbrame tan só; ti xa comprendes,
pra consellos e pregos será tarde.
Mais, si cecais esqueces por uns días
e tornas a lembrar, non teñas pena;
pois si un vestixio a corrupción e as trebas
deixan dos pensamentos que antes tiven,
moito mellor que esquezas e sorrías,
e non que relembrando esteñas triste”.
O terceiro pertence a un catriduo poético titulado, “Un Canto entre llamas”, dedicado ao Galeusca. Foi composto por un poeta chileno, Manuel Gandarillas, e inserido no periódico Euzkadi, de Chile ( maio de 1945, p.14). Consta de catro partes: unha introdución, ”Homenaje a Galeuzca, 1945”, e outras tres dedicadas respectivamente a Galicia, na persoa de Ramón Suárez Picallo, asiduo compañeiro de Plácido Castro nas campañas mitineiras por terras de Sada e Mugardos, a Euzkadi, a nome de Pedro de Aretxabala y Elustondo, e Cataluña, na persoa de Antonio Blavia. So inclúo a dedicada a Galiza:
Galicia
(A Ramón Suárez Picallo, miembro
del Consejo Nacional de Galicia)
“Húmeda tierra de milagro verde
con versos de maíz en los arados,
campana de agua que sonaba alegre
sobre el ancho corazón de Castelao.
Hoy revuelan mariposas enlutadas
por el alto jardín de tus estrellas,
el duelo nacional tiñe las granjas
y Santiago no despierta en Compostela.
El “Promontorio Sacro” de los celtas
se alarga más que nunca por el mar.
Quiere ser ala, isla y hoja suelta
en su “pandeiro” azul de libertad.
!Oh, don Ramón de Suárez y Picallo
pide la lira a tu pariente Apolo
y canta con tu voz llena de rayos
el Mensaje más alto y más sonoro.
Dile a Santiago, tu apóstol-que se alce,
que abandone su sepulcro en Compostela
y que vuelva a caminar lo mismo que antes
con la pluma del cielo en la cimera.
Mago del Verbo, cruzas nuestras calles
con una herida abierta sobre el pecho,
porque tu corazón quedó en sus valles
a la orilla sagrada de tus muertos.
Claveles, cornucopias de oro y fuego
yo he visto en tus jardines, Don Ramón.
Hoy cuelga un trozo de tu sol gallego
donde antes te soñaba el corazón”.
VI. Bibliografía
1. Galeuzca
- Ameaza Iribarren, Arantzazu. Manuel Irujo. Un hombre vasco. Fundación Sabino Arana, Bilbao, 1999.
- A Nosa Terra. Castelao e Bóveda irmáns!!. Extra 5-6, Promocións Culturais Galegas, Vigo, 1977.
- Beramendi, Justo:”De provincia a nación. Historia do galeguismo político”; Eidicións Xerais, Vigo, 2007.
- Castells, Víctor. Galeuzca. Un ideal compartit. Rafael Dalmau editor, Barcelona, 2008.
- Castro, Xavier. O Galeguismo na encrucillada republicana. Deputación Provincial de Ourense, 1985.
- Chueca Intxusta, Josu. El nacionalismo vasco en Navarra. 1931-1936. UPV-EHU, Bilbao, 1999.
- Das Casas, Alvaro. Diario dunha viaxe de nazonalistas. Galeuzca. Revista ALENTO, Santiago de Compostela, números 1 y 2, pp.17-32, 1934; número 3, pp.49-64, 1934; números 7 y 8, pp. 97-112, 1935.
- De Pablo, S., Mees, L., Rodríguez Ranz, J.A. El Péndulo patriótico. Historia del Partido Nacionalista Vasco. Dos tomos, Crítica, Barcelona, 2000-2001.
- Diéguez Cequiel, U.B. Alvaro de las Casas. Biografía e documentos. Galaxia, Vigo, 2003.
- Diéguez Cequiel, U.B: “Nacionalismo galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975); Laiovento, Santiago de Compostela, 2015.
- Estévez, X. De la Triple Alianza al pacto de San Sebastián(1923-1930). Antecedentes del Galeuzca. Mundaiz, San Sebastián, 1991.
- Estévez, X. Impenitencias galeuzcanas. Ediciós do Castro, Sada-A Coruña,1992.
- Estévez, X. Castelao e o nacionalismo vasco(1931-37). Actas do Congreso Castelao, Santiago de Compostela, 1989, pp 67-88.
- Estévez, X. Castelao no Galeuzca. A TRABE DE OURO, Tomo I, Ano V, Xaneiro-Febreiro-Marzo, 1994, pp. 71-79.
- Estévez, X. El nacionalismo vasco y los Congresos de Minorías Nacionales de la Sociedad de Naciones(1916-1936). Actas del XI Congreso de Estudios Vascos, Eusko Ikaskuntza, Donostia, 1992, pp. 311-322.
- Estévez, X. Las relaciones entre los nacionalismos periféricos: vasco, gallego y catalán. In Ideología y nacionalismo. Ed. Pedro Ibarra, Instituto de Estudios sobre Nacionalismos Comparados, Vitoria-Gasteiz, 1992, pp. 94-150.
- Estévez, X. O Galeuzca e a articulación ibérica en Castelao. Actas do Congreso Castelao. Co pensamento en Galiza, Concello de Pontevedra, ASPG, Universidade de Vigo, ed. Concello de Pontevedra, 2001, pp. 129-160.
- Estévez, X. Castelao e o Galeuzca. Laiovento, Santiago de Compostela, 2002.
- Estévez, X. Bóveda no Galeuzca de 1933. In: A Galiza de Bóveda, Actas do Congreso A Galicia de Bóveda, 29-novembro-2003. Editadas no 2009, pp. 417-460.
- Estévez, X. Galeuzca: La rebelión de la periferia (1923-1998). Entimema, Madrid, 2009.
- Estévez, Xosé:”Ramón Piñeiro e o nacionalismo vasco, 1945-46”, GRIAL, Revista Galega de Cultura, nº 182, Abril,maio,xuño, 2009, pp. 64-81.
- Fernández del Riego, F. O río do Tempo. Unha historia vivida. Ediciós do Castro, Sada- A Coruña, 1990.
- González, Helena. A <<viaxe triangular>> ilustrada por Joaquim Renart. GRIAL, nº 189, 2011, pp. 49-54. Tamén se poden ver os debuxos na webb da Biblioteca de Catalunya.
- Granja, José Luis de. Nacionalismo y II República en el País Vasco. C.I.S., Madrid, 1986.
- Granja, José Luis de la. Apéndice: documentos históricos del Archivo Ramón Goñi, conservados en la Universidad de Nevada Reno. RIEV, Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos, Tomo XXXII,nº 1, 1987, pp. 232-252.
- Granja, J.L. de. La alianza de los nacionalismos periféricos en la II República: Galeuzca. Congreso Castelao, Tomo I, 1989, pp. 321- 347.
- Granja, J.L. República y guerra civil en Euskadi. (Del pacto de San Sebastián al de Santoña). HAEE/IVAP, Oñati, 1990.
- Granja, José Luis de la, BERAMENDI, Justo y ANGUERA, Pere. La España de las autonomías. Síntesis, Madrid, 2001.
- Granja Sainz, José Luis de la. El siglo de Euskadi. El nacionalismo vasco en la España del siglo XX. Tecnos, Madrid, 2003.
- Granja, J.L. Oasis vasco. El nacimiento de Euskadi en la República y en la Guerra Civil. Tecnos, Madrid, 2007.
- Renart, Joaquim. Diari, 1918-1961. Ediciones Destino, Barcelona, 1975.
- Roig i Llop, Tomás. Del meu viatge per la vida, Memóries, 1931-1939. Pórtic, Barcelona, 1978.
- Tápiz, José María. El PNV durante la II República. (Organización interna, implantación territorial y bases sociales). Fundación Sabino Arana, Bilbao, 2001.
- Ugalde Zubiri, A. La Acción Exterior del Nacionalismo Vasco (1890-1939): Historia, pensamiento y Relaciones Internacionales. IVAP, Bilbao, 1996.
- VV. AA. Los Nacionalistas. Historia del nacionalismo vasco.1876-1960. Fundación Sancho el Sabio, Vitoria-Gasteiz, 1995.
2. Nacionalidades europeas
- Aldecoa, F. (2001):” Paradiplomacia. Las relaciones internacionales de las regiones”. Madrid, Barcelona: Marcial Pons, Ediciones Jurídicas y Sociales.
- Alomar, Gabriel (1918):”La intervención en Rusia/Constituiría una infraccción de los principios que proclama Wilson y que son bandera de los aliados”; “La Lucha”, 4-8-1918, p. 1.
- Arrieta Alberdi, Leire (2011):” El proyecto europeísta del nacionalismo vasco en perspectiva histórica”, HERMES, nº 37, Bilbao, pp. 74-93.
- Carrera, Jaume (1923):”La protecció de les minories nacionals”; Editorial catalana, Barcelona.
- Castelao, A. (1994 [1944]) Sempre en Galiza. Madrid: Akal.
- Castro, Xavier (1985):”O galeguismo na encrucillada republicana”; Deputación Provincial de Ourense.
- Corretger i Sàez, Monserrat:”Alfons Maseras: intel-lectual d’acció i literat (Biografía. Obra peridística. Traduccións), Barcelona, Curial P. de l’Abadía de Monserrat.
- Dwelshauvers, Maurice (1926):”La Catalogne et le probleme catalán”; Librairie Félix Alcan.
- Estelrich, Joan (1922):”Per la valoració internacional de Catalunya”; Editorial catalana, Barcelona.
- Estelrich, Joan (1929):”La questió de les minories nacionals: les vies del dret”: Llibreria Catalonia, Barcelona.
- Estelrich, Joan (1929):”La questión des minorités et la Catalogne”; Payot, Lausanne.
- Estévez, Xosé:”El Nacionalismo vasco y los Congresos de Minorías Nacionales de la Sociedad de Naciones (1916-1936)”; XI Congreso de Estudios Vascos «Nuevas formulaciones culturales: Euskal Herria y Europa»; Donostia: Eusko Ikaskuntza, 1992. p. 311-322.
- García Álvarez, J. (2002):”Territorio y nacionalismo. La construcción geográfica de la identidad gallega”; Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
- Martínez Fiol, David (a cura de) (1988):”El Catalanisme i la Gran Guerra (1914-1918). Antologia”; Edicións de la Malgrana/Diputació de Barcelona, Barcelona.
- Masseras, Alfons (1915):”Pancatalanismo. Tesi per a servir de fonament a una doctrina”; Imp. Catalònia, Barcelona.
- Massó i Llorens, Manuel:”Apel-laciò en favor de Catalunya: els drets de les minories a la Societat de Nacions”; imprenta journal de Genève, Ginebra, 1924.
- Maspons i Anglasel, Francesc (1927):”Els drets de citadania i la Societat de Nacions”; Gráficas Navas, Reus.
- Maspons i Anglasel, Francesc (1929):”Point de vue catalan sur la procédure de protection des minorités nationales”; París.
- Maspons i Anglasel, Francesc (1929):”Tornant de Ginebra. Impressions sobre la crisis de lles llibertats nacionals”Llibrería Catalonia, Barcelona.
- Maspons i Anglasel, Francesc (1932):”Catalunya-Estat”; Tip. Emporium, Barcelona.
- Meaker, G.H. (1978):”La izquierda revolucionaria en España”; Ariel, Barcelona.
- Nancy, A. (1924):”La Catalogne et sa lutte pour la liberté nationale”; Les documents europées, París.
- Normandy, Georges (1908):”La Questión Catalane”; Biblioteque Regionaliste Blond Cie, París.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (1991):”Galicia no espello europeu. As relacións internacionais do nacionalismo galego, 1916-1936», A Trabe de Duro, n.º 8, 507-520.
- Núñez Seixas, X. M. (1992):”El problema de las nacionalidades en la Europa de entreguerras: el Congreso de Nacionalidades Europeas (1925-1938)”; Tesis Doctoral. European University Institute, Florencia.
- Núñez Seixas, X. M. (1993):”El problema de las nacionalidades en la Europa de entreguerras: El Congreso de nacionalidades europeas (1925-1938); ETD Micropublicaciones, Barcelona.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (1994):”El nacionalismo radical alemán y la cuestión de las minorías nacionales durante la República de Weimar (1919-1933)”; Studia Historica-Historia contemporanea, Vol. XII, pp. 259-285.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (1995):”Nacionalismo y política exterior: España y la política de minorías nacionales de la Sociedad de Naciones”; Hispania, Revista española de Historia, vol. 55, nº 189, pp. 220-265.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (1995):” ¿Protodiplomacia exterior o ilusiones ópticas? El Nacionalismo vasco, el contexto internacional y el Congreso de Nacionalidades Europeas (1914-1937)”; Cuadernos de Sección. Historia-Geografía 23, Donostia: Eusko Ikaskuntza, p. 243-275.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (1998):”Movimiento nacionalistas en Europa en el siglo XX; Síntesis, Madrid.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (1998):”¿Autodeterminación o autonomía? Debates ideológicos en el Congreso de Nacionalidades Europeas”; Hispania, Revista española de Historia, vol. 58, nº 200, pp. 1113-1151.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (2001):”Entre Ginebra y Berlíb: la cuestión de las minorías nacionales y la política internacional en Europa, 1914-1939”; Akal, Madrid.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (2004):”Avis non tan rara: los nacionalismos sin Estado de Europa en el tiempo de Sabino Arana”; HERMES, nº 11, pp. 40-48.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (2010):”Internacionalizant el nacionalisme. El catalanisme polític i la qëstió de les minories nacionals (1914-1936); Editorial Afers, Catarroja.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (2011):”Sobre la idea de la Europa de los pueblos en el período de entreguerras (1918-1939)”; HERMES, nº 37, pp. 32-45.
- Núñez Seixas, Xosé Manuel (2013):”Breves reflexións sobre a proxección exterior de Galicia”; GRIAL, nº 200, pp. 69-73.
- Perucho, Artur (1930):”Catalunya sota la Dictadura”; Proa, Barcelona e Publicacións de L’Abadía de Monserrat, 2018.
- Pouvreu, Yvoone (1917):”la solidarité Catalno-Basque et la reorganisation de L’Espagne”; extrait des “Anuales des Nationalités, nº 1-2, Lausanne.
- Riguer i Permanyer, Borja de (2010):”Joan Estelrich i Francesc Cambó: les complexes relacións entre intel-lectuals i polítics”, sobre todo o apartado:”l’home de la projecció internacioinal de la <<qüestió catalana>> (pp. 112-116); Actas de las jornades d’estudi sobre Joan Estelrich; Palma-Felanitx, 17, 18 i 24 d’octubre de 2008; Consell Insular de Mallorca/Publicacions de l’Abadía de Monserrat.
- Ruiz y Pablo, Ángel (1916):” El principio de las nacionalidades”; Germania, l de juny.
- Rodés, Jesús Mª i Ucelay da Cal, Enric (1984):”Nacionalismo i internacionalisme. <<Els Amics d’Europa>> i <<Messidor>>”: L’Avenç, nº 69, Barcelona, pp. 64-72
- Serch, A.(1932):”L’Eixemple de Txecoslovaquia (Els Sokols, La lluita per la independencia); Ed. Barcino, Barcelona.
- Solé, Glòria (1976):”La incorporación de España a la Sociedad de Naciones”, Hispania, nº 32, pp. 157-162 e 164-167.
- Ucelay da Cal, Enric (1978):”Wilson i no Lenin”, L’Avenç, nº 9, Barcelona, pp. 55-58.
- Ucelay da Cal, Enric (1979):” Estat Català. The estrategies of separation and revolution of catalan radical nationalisme (1919-19339”; Dissertation presented in partial fullfillment of the requeriments of the Degree of Doctor of Philosophy by the Departament of History of Columby University, Ph. D.
- Ugalde Zubiri, Alex (1996):”La acción exterior del nacionalismo vasco (1890-1939): historia, pensamiento y relaciones internacionales”; Oñati, Instituto Vasco de Administración Pública-Herri Arduralaritzaren Euskal Erakundea (IVAP-HAEE).
- Ugalde Zubiri, Alexander (1997):”Entrada del nacionalismo vasco en el Congreso de Nacionalidades Europeas, 1929-1930: siguiendo la documentación del Fondo Apraiz (The entry of Basque nationalism into the Congress of European Nationalities, 1929-1930: following the documents of the Archives), Revista Internacional de Estudios Vascos. 42, 2, 403-421.
- VENTURA, Joaquim:”No centenario das Irmandades da Fala. Epistolario entre Antón Villar Ponte e Joan Estelrich”; Revista Grial, nº 210 (abril-maio-xuño), Vigo, pp. 46-57.
- VV.AA.:”Vicente risco no xornal Euzkadi. Artigos arredor da Galiza e o nacionalismo galego”; Biblioteca Vicente Risco Dr. Alveiros, Fundación Vicente Risco, Allariz, 2018.
3. Sobre Plácido Castro
- Ahedo Gurrutxaga, Igor:”Nacionalismo ¿Unha teoría política vixente”; 12ª Conferencia Anual, A Coruña, 2011.
- Araguas, V. (2002) “O traductor”, en X. Ríos (coord.) Plácido Castro no centenario. Baiona: IGADI, 89-100.
- Arias, V. (2006) “Plácido Castro e a traducción ao galego”, en VV. AA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, 199-216.
- Beramendi, Justo:”Plácido R. Castro e a loita pola autonomía de Galicia”; 18ª Conferencia Anual, Fene, 2017.
- Castro, P. (2002) Unha escolma xornalística. Sada: Edicións do Castro.
- Castro, P. (2011) Irlanda en Plácido Castro. Redondela: IGADI.
- Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán:”Plácido Castro, Johán Carballeira e os debates ( inquedanzas ) do seu tempo”; 17ª Conferencia Anual, Bueu, 2016.
- García Álvarez, J. (2002) Territorio y nacionalismo. La construcción geográfica de la identidad gallega. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
- Gómez, S. (2002) “El tiempo de Plácido Castro”, en X. Ríos (coord.) Plácido Castro no centenario. Baiona: IGADI, 105-126.
- Insúa, E.X. (2006) “Antón Villar Ponte e Plácido Castro”, en VV. AA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, 33-75.
- Lorenzo, M. (2006) “Significado e valor da traducción de As Rubáiyát de Omar Khayyám”, en VV. AA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, 255-268.
- Lugrís Pérez, Ramón:”Nós, os pobos das Nacións Unidas…Fantasía e realidade dunha orden internacional”; 2ª Conferencia Anual, Cambados, 2001.
- Pérez-Barreiro, F. (2002) “Plácido Castro e o problema político de Irlanda”, en X. Ríos (coord.) Plácido Castro no centenario. Baiona: IGADI, 25-46.
- Pérez-Barreiro, F. (2006) “Plácido Castro e a política británica e irlandesa do seu tempo”, en VV. AA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, 77-94.
- Ríos, X. (1992) Galicia e a sociedade das nacións. Vigo: Galaxia. Ríos, X. (1997) Plácido Castro. Vigo: Ir Indo.
- Ríos, X. (coord.) (2002) Plácido Castro no centenario. Baiona: IGADI
- Ríos, X. (coord.) (2004) Galicia, un país no mundo. Sada: Edicións do Castro.
- Ríos, X. (2006) “Plácido Castro e a proxección exterior de Galicia”, en VV. AA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, 23-32.
- Ríos, Xulio (2018):”Plácido Castro e o universalismo galeguista”; 19ª Conferencia Anual, As Neves.
- Ríos, Xulio (Escolma) (2013):”101 Máximas e reflexións de Plácido Castro”; Fundación Plácido Castro.
- Soria, Félix (2003):”Galicia, un país de Europa”; 4ª Conferencia Anual, Cambados. Fundación Plácido Castro.
- Toro Santos, Antonio Raúl de (ed.) (1994):”Galicia desde Londres”; Editorial Tambre, A Coruña.
- Trillo, J.M. & Lois, R. (2011) “La frontera como motivo de atracción: una breve mirada a las relaciones Galicia-Região Norte”. Geopolítica(s). Revista de estudios sobre espacio y poder, vol. 2, núm. 1, 109-134.
- Trillo, J.M. & Paül, V. (2015) A cooperación transfronteiriza e territorial. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
- Toro, A. (ed.) (1994) Galicia desde Londres. Oleiros: Ed. Tambre.
- Villares, R. (2006) “A Xeración de Plácido Castro”, en VV. AA.: Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, 9-22.
- AA. (2006) Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte.