21ª Conferencia Anual Plácido Castro: “Rara avis: Plácido Ramón Castro del Río e o liberalismo galeguista “

XXI Conferencia Anual Plácido Castro

21ª Conferencia Anual Plácido Castro: “Rara avis: Plácido Ramón Castro del Río e o liberalismo galeguista “

Pronunciada por Xosé Luís Pastoriza Rozas en Nigrán, 24 de xaneiro de 2020

Rara avis : Plácido Ramón Castro del Río e o liberalismo galeguista

Xosé Luís Pastoriza Rozas
Padroeiro da Fundación Isla Couto e profesor na Universidade de Santiago de Compostela

A Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), irmán na fe galeguista

Plácido Ramón Castro del Río naceu en 1902, no alborexar do intenso, tráxico, conflitivo e esperanzador século XX. Anos de vertixe que conducirían a décadas de fractura. Un século paradoxal, de acordos e trasacordos, de profundo horror e barbarie, pero tamén o século co maior progreso en termos de benestar e liberdade na historia da Humanidade. Un século estraño o que habitou este galeguista comprometido co humanismo e os seus valores de liberdade, tolerancia e paz social, e que hoxe homenaxeamos. E coma unha chiscadela do destino e da memoria agradecida, desde o ano 2000 no abrente dun novo século cada 25 de xaneiro somos convocados a unha conmemoración cívica do aniversario do nacemento de Plácido Castro. Por esta volta, un 118 aniversario que xenerosamente acolle o Concello de Nigrán pola man da Fundación Plácido Castro.

Entre os galanos convencionais da virtude dos conferenciantes figura a da gratitude. No meu caso, o agradecemento esténdese á Fundación Plácido Castro pola súa amigable invitación e ao Concello de Nigrán pola súa cordial hospitalidade. Mais para alén do acontecemento que hoxe nos convoca, a miña gratitude abrangue o recoñecemento sincero á Fundación polo teimudo traballo de recuperación e posta en valor da figura de Plácido Castro, un persoeiro que nos inspira un ideario galeguista liberal, universalista, pacifista e solidario e que motiva a matinar nunha futura teoría da “cidadanía global galeguista” ou “cosmopolitismo galeguista”. Unha arela compartida a nivel teórico e práctico por Xulio Ríos, en canto pioneiro fundador e promotor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; por Juan González, alcalde de Nigrán e actual presidente do Fondo Galego; e pola miña persoa en canto investigador no eido da política pública de cooperación para o desenvolvemento. Porque estou certo que os tres coincidimos naquel soño xuvenil de Xaime Isla Couto ou Illa Couto, camarada e amigo de Plácido Castro nas canseiras do Partido Galeguista, que se impuxo o mandato vital de construír unha “Galiza nova nunha Humanidade mellor”.

Mais este agradecemento tamén se universaliza cara ao público que asiste confiado en que o relator achegue un algo de valor sobre a figura de Plácido Castro, complementando os esforzos da Fundación que ofrece na súa páxina web unha ampla documentación en acceso e consulta libres. De feito, coa Fundación Isla Couto da que fago parte como padroeiro, compartimos un mesmo devezo: que Plácido Castro deixe de ser parte do inxusto etcétera do galeguismo, como tantas veces reivindica a súa filla Susi, hoxe aquí presente, e afillada de Xaime Isla Couto. En 1992 o seu padriño nunha entrevista inédita con Xan Leira afirmaba:

No Partido Galeguista había unha executiva e un consello nacional nutrido, malia que só se citan os nomes de Bóveda e Castelao. Como Plácido Castro, o secretario de Relacións Internacionais. Un home cunha grande formación, que estivera en Inglaterra desde onde escribía crónicas para El Pueblo Gallego . Tiña saudade de Galicia desde Inglaterra, pero ao tempo morriña de Inglaterra, e mesmo de Irlanda. Dicíame que se ía a Dublín emocionaríame aquilo. No 1934 [sic] presentou a Galicia no Congreso de Minorías Nacionais [sic] de Berna cun informe que fixo Vicente Risco.1

Case sesenta anos despois dos feitos lembrados a memoria fraqueaba nos detalles, pero Xaime Isla conservaba o guión da vida de Plácido Castro e o seu papel transcendental na acción exterior do Partido Galeguista e o recoñecemento internacional de Galicia. E velaquí nesta conexión vital e biográfica entre Plácido Castro e Xaime Isla como a miña conferencia de hoxe se podería e debería ter titulado “Rara avis: Plácido Ramón Castro del Río e o liberalismo galeguista de Xaime Isla Couto”. Porque será nesta relación entre Xaime Isla Couto e Plácido Castro onde poidamos atopar ese algo de valor que o conferenciante degoira ofrecer e que consiste nunhas novidades cativas na historia do galeguismo interior durante a avesa posguerra e que reivindican que Plácido Castro non actuou como un mero espectador silenciado, deprimido e reprimido durante a reconstrución do Partido Galeguista a mediados dos anos 40. A nivel biográfico, estas notas que hoxe comparto permiten salientar, en primeiro lugar, o irrenunciable compromiso co galeguismo de Plácido Castro e, en segundo lugar, facilitan a nivel historiográfico o coñecermos como actuaba e se configuraba a rede galeguista nun intre histórico do que quedan poucos testemuños materiais porque a palabra falada na feitura de conversa e diálogo en xuntanzas discretas e de tertulia vagariña nas praias e casas de veraneo constituían os principais instrumentos para a definición das estratexias e o intercambio de consignas e instrucións entre os membros da resistencia galeguista ao franquismo en Galicia.

Daquela, estes galeguistas configuraron un ecosistema en delicado equilibrio e de fráxil supervivencia mantido por amizades, fidelidades, lealdades, conviccións e o valor supremo da “irmandade”. Un intre histórico onde, para alén das saudades íntimas, as canseiras profesionais e os temores políticos, atoparon tempos e espazos para a construción en man común de afinidades, afeccións, soños e disidencias intelectuais, políticas, culturais e vitais.

RARA AVIS” OU BANDADA: A CLASE LIBERAL GALEGUISTA

Mais antes de revelar estas novidades, faise preciso explicar o título desta conferencia. O 8 de xaneiro deste ano, no noviño do trinque Nós diario o profesor Miguel Anxo Bastos (2020) preguntábase se hai sitio para un galeguismo de dereitas, un galeguismo que resitúe as súas coordenadas ideolóxicas nas correntes do conservadorismo, tradicionalismo e liberalismo económico que forman parte da súa histórica tradición liberal. Por este motivo, temos que precisar que cualificar de “rara avis” ao liberal Plácido Castro constitúe un anacronismo que non fai xustiza ao feito de que no galeguismo historicamente sempre habitou unha bandada numerosa de demócratas liberais. Ou por sermos máis precisos, o galeguismo sempre estivo integrado por representantes da “clase liberal”, como Antón Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Xoán Vicente Viqueira, Lois Peña Novo, Alfonso R. Castelao ou Alexandre Bóveda, unidos polos valores da tolerancia, o antiautoritarismo, o anticolectivismo, a liberdade, a paz social ou a economía (social) de mercado. Con pésima capacidade organizativa despois da Guerra Civil, como tamén destaca o profesor Bastos, o liberalismo galeguista malamente se articulou politicamente na clandestinidade. Nin o inédito Partido Social Cristián, nin a invisible Unión Cristiano-Democrática de Galicia, nin o fracasado electoralmente Partido Popular Galego triunfaron na clandestinidade e na transición democrática. De feito, salvo para unha minoría erudita no galeguismo, estas denominacións recordan a aquela abafante sopa de letras e siglas de partidos políticos que ateigaron o espreguizar da democracia no país a partir de 1975. Outra historia distinta sería a frustrada Coalición Galega ou a máis recente e irrelevante Converxencia XXI pero que escapa do obxectivo desta conferencia.

Xa que logo, se puidese mudar o título da conferencia, creo que falaría de Plácido Castro como rara avis pero noutra chave: en primeiro lugar, como un señorito galeguista, unha das grandes fortunas galegas da época militando nun partido nacionalista; e, en segundo lugar, falaría de Plácido Castro e Xaime Isla como dúas “rara avis” do galeguismo que converxen na común tarefa de reconstruír o galeguismo tras do machadazo brutal da Guerra Civil. Unha bandada de resistentes liberais que migra ao Sur na década dos 40 e se concentra maioritariamente en Vigo para conspirar nos seus cafés, bufetes e nas praias da foz do Lagares na parroquia de Coruxo.

Con este pano de fondo, esta conferencia construirase ofrecendo catro hipóteses sobre a biografía de Plácido Castro e o seu traballo no galeguismo tras da Guerra Civil que revelan que o seu posible “desterro interior” unicamente agochaba unha maior discreción no seu rexo e firme compromiso co galeguismo, a liberdade e a democracia.

  1. Hipótese 1: Desempeña un papel fundamental na “conversión liberal” de Xaime Isla Couto tras da Guerra Civil.
  2. Hipótese 2: Participa na reconstitución do Partido Galeguista na clandestinidade e na supervivencia do galeguismo na posguerra no marco da “conspiración de Coruxo”.
  3. Hipótese 3: Actúa como informante da espionaxe angloamericana en Vigo ao servizo do galeguismo.
  4. Hipótese 4: Axuda a preparar o camiño que conduce á fundación da Editorial Galaxia coa creación do pioneiro e frustrado Servizo de Edicións, Publicacións e Traducións (SEPT).

HIPÓTESE 1. AS AFINIDADES ENTRE PLÁCIDO CASTRO E XAIME ISLA: A CONVERSIÓN LIBERAL

Realizar unha síntese de dúas biografías como as de Plácido Castro e Xaime Isla resultaría atrevido porque a concentración de datos implicaría un empobrecemento da súa complexidade vital e intelectual. Como as súas biografías teñen sido reconstruídas noutros lugares, unicamente nos queremos centrar nas afinidades electivas e afectivas entre Plácido Castro e Xaime Isla que motivaron que no seu reencontro da posguerra en Vigo, xurdisen iniciativas compartidas malia a diferenza de idade e pertencer a dúas xeracións diferentes: Plácido Castro (1902) á xeración do Seminario de Estudos Galegos e Xaime Isla (1915) á xeración das Mocedades Galeguistas. Cando se reencontraron en Vigo en 1940, Xaime contaba vinte cinco anos idade e Plácido Castro acaroaba os corenta.

Plácido e Xaime coñecéronse no Partido Galeguista se cadra pola man de Ramiro Isla, irmán máis vello de Xaime e membro do Consello Nacional do partido canda a Plácido xa que ambos os dous participaron na súa asemblea constitutiva en decembro de 1931. Ramiro, regresado de Arxentina, levou a Xaime a Ourense, A Coruña e Pontevedra para encontrarse persoalmente cos principais líderes e persoeiros aos que coñecía dos mitins galeguistas que organizara en Vigo o Grupo Autonomista Galego. E se cadra, nun destes encontros estaría Plácido Castro. E atoparíanse máis veces nas asembleas do Partido Galeguista no que ambos os dous militaban e nos seus actos públicos e mitins. E antes da Guerra Civil, Plácido Castro contestou a un “inquérito” enviado por Xaime desde a Orde Nazonalista de Avanzada (ONDA) -corrente no seo da Federación de Mocedades Galeguistas- para recoller a súa visión sobre a futura orientación do galeguismo. Estas respostas foron lidas por Xaime na terceira e derradeira asemblea da Federación de Mocedades Galeguistas celebrada en Ourense o 2 e 3 de maio de 1936 e onde Plácido alentou por un nacionalismo de esquerdas, opinión compartida tamén polos futuros mártires do galeguismo Alexandre Bóveda e Lois Poza Pastrana. Pola súa banda, Xaime apoiado entre outros polo seu amigo Álvaro Cunqueiro, amosouse partidario dun nacionalismo integrador e totalitario oposto ao marxismo e fascismo que, por tacticismo, renunciaría temporalmente ao arredismo separatista maioritario entre os mozos galeguistas.

Esta postura de esquerdas ou dun liberalismo socialdemócrata afastaba naquela altura a Plácido de Xaime malia que ambos os dous compartían o galeguismo e o republicanismo. Xaime iniciara a IIª República expresando as súas simpatías polo Partido Republicano Radical Socialista de Marcelino Domingo e a súa admiración polas conquistas sociais e culturais da Revolución rusa, facéndose cotizante do Socorro Rojo Internacional e participando na creación en Vigo da Asociación de Amigos da URSS. Non obstante, a recuperación da práctica relixiosa durante a xeira dos Ultreyas á Misión Biolóxica de Galicia en 1932, o contacto cotián cos cristiáns galeguistas da revista Logos e Labor Gallega, como Xosé Filgueira Valverde e Antonio Iglesias Vilarelle, mentres estudaba Maxisterio en Pontevedra, e o desencanto coa evolución da República conduciron a Xaime por volta de principios de 1936 a manifestar privadamente unha deriva cara os posicionamentos do Tradicionalismo católico anticomunista, imaxinario conservador que conviviu coa súa defensa pública do arredismo como estratexia prioritaria do nacionalismo galego xuvenil.

A catástrofe vital da Guerra Civil atrapou a Plácido Castro na Coruña onde foi detido, e a Xaime en Vigo de regreso de Fisterra da derradeira xeira do Seminario de Estudos Galegos, agochándose unha temporadiña en O Casal (O Porriño) onde a súa irmá, a mestra Blanca Sara, tiña escola. Plácido logrou fuxir da Coruña e refuxiarse en Muxía. Xaime, canda ao seu irmán Ramiro, tentou pasar a Portugal, rematando a frustrada fuxida coa detención de Ramiro en Verín onde estaba desterrado o amigo Valentín Paz-Andrade. Plácido pasou a guerra en Muxía até 1940 cando se ditou a súa condena de inhabilitación absoluta, oito anos e un día desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e unha multa de vinte cinco mil pesetas porque “se significó publicamente por la intensidad y la eficacia de su actuación” en favor dos intereses de Galicia, realizando “actos encaminados a fomentar la situación anárquica en que se encontraba España”. Xaime, na espera da súa incorporación ás filas do exército sublevado, acompañou no piso de Ramiro na rúa García Barbón de Vigo aos irmáns Insua e curmáns de Castelao -Manolo e Pepe Castelao-, que finaron suicidados no martirio do bou Eva en abril de 1938. Na Guerra Civil, Xaime acadou o grao de brigada de complemento na arma de artillería e participou na batalla de Aragón que tronzou o territorio republicano e provocou o illamento de Cataluña. Desde Castelló regresou a Vigo doente de paludismo e tras da súa hospitalización xa non volveu a tomar parte en ningún enfrontamento armado aínda que se reincorporou ao servizo activo contra o final da guerra.

En 1940, Xaime e Plácido Castro ben puideron atoparse en Vigo. Plácido buscou na parroquia viguesa de Coruxo, nas praias da foz do Lagares, un fogar para o seu desterro forzoso de Muxía. E Xaime residía temporalmente en Vigo no domicilio familiar na rúa México no barrio de Casablanca mentres remataba Dereito en Santiago de Compostela, unha vez que fora depurado e impedido de realizar a práctica profesional do derradeiro curso de Maxisterio. De todos os xeitos, aínda que no expediente de depuración do Maxisterio era acusado de “furibundo galleguista y separatista”, nos inmediatos tempos da posguerra Xaime foi seducido polos dirixentes da Falanxe e Comuñón Tradicionalista de Vigo xa que non agochara o seu entusiasmo pola loita en defensa do catolicismo fronte á ameaza comunista e anticatólica: colaborador cun artigo –“Cruz y espada”- na revista Spes da Xuventude Católica de Pontevedra, cronista de guerra para El Pueblo Gallego , xornal de Falanxe, e oficial da plana maior de artillería do “Exército Nacional”.

E dentro desta necesidade de sobrevivir e buscar unha nova orientación vital no chamado “Estado Novo”, debemos de situar o ventureiro carlismo de Xaime. Podemos preguntarnos se Xaime se significou como carlista ou tradicionalista e cales foron as “compañas perigosas” que fixeron que Enrique Peinador moderase -até a súa prematura morte en 1940- a súa participación na reconstrución do Partido Galeguista. Nas dúas versións dos escritos de descargo do seu expediente de disciplina na Escola Normal de Pontevedra, Xaime dá conta de como o propagandista do Requeté, Xesús Nieto Pena, o sinalara como singular elemento para as tarefas de organización e propaganda tradicionalista ante Ramón G. Babé, presidente da Comunión Tradicionalista de Vigo e secretario provincial de Falanxe. Porque entre Xaime e os postulados tradicionalistas existiu daquela unha afinidade ideolóxica nucleada arredor do anticomunismo e da defensa do catolicismo como revelan dous documentos do primeiro semestre de 1936. Nunha súa carta datada en marzo de 1936 dirixida á Unión de Asociacións Anticomunistas de Alemaña revela a súa crenza na existencia dunha conspiración para unha insurrección comunista en España e afírmase como un militante patriota e católico oposto aos movementos disgregadores da Patria e da Tradición católica. Ante o “peligro comunista”, busca nesta asociación -dirixida polo nacionalsocialista Adolf Ehrt, autor en 1933 do libro Révolte Armée: Révélations sur la tentative d’insurrection communiste a la veille de la Révolution Nationale – orientacións para combatelo por parte dos mozos que arelan a exaltación Nacional e da Tradición Católica da súa patria. En xuño, no exame de reválida do terceiro curso de Maxisterio, Xaime presenta ante o Tribunal unha resposta ás cuestións formuladas baseada nunha cosmovisión católica, creacionista e espiritualista na que defende a civilización cristiá fronte ao materialismo marxista no contexto pontevedrés da alarma neotradicionalista da Dereita Galeguista que afirmaba que estaba a producirse un gravísimo proceso de descatolización de Galicia.

Estas credenciais tradicionalistas de Xaime que se puxeron de manifesto entre 1936 e 1940, son as que motivan que falemos dun proceso de conversión liberal de Xaime vinculado ao seu regreso ao rego galeguista. Mesmamente, Xaime rexeitou as ofertas de Jesús Suevos, xefe provincial de Falanxe en Pontevedra, que lle ofreceu a posibilidade de iniciar unha carreira xornalística e literaria desde as páxinas de El Pueblo Gallego a carón dos seus amigos xornalistas e ex-alumnos dos Salesianos Ánxel Sevillano e Gonzalo Rey Alar no marco da estratexia de sedución iniciada polo Réxime para incorporar aos intelectuais e artistas galeguistas. Xaime desbotou a oferta e concentrouse nos estudos de Dereito para gozar dunha profesión liberal que o emancipase da servidume voluntaria ao Réxime. Esta decisión afastouno de persoeiros como Xosé Filgueira Valverde ou Vicente Risco que fican excluídos por vontade propia da reconstrución do galeguismo. Un afastamento vital que non seguiu Ramón Otero Pedrayo a pesar da ventureira confusión persoal durante a Guerra Civil e o seu temor á represión que se materializa na súa expulsión do Instituto de Ourense e unha gravísima sanción económica de 10.000 pesetas.

Neste proceso de conversión liberal, temos identificado dúas posibles fontes: a primeira de natureza intelectual e a segunda de carácter persoal. O primeiro proceso acontece entre 1942 e 1945 cando Xaime curse por libre dous cursos na sección de Económicas da Facultade de Ciencias Políticas e Económicas da Universidade de Madrid. O segundo acontece entre 1945 e 1948 coincidindo coa maior intensidade e regularidade da relación entre Plácido e Xaime. Antes deste cuadrienio, diversas circunstancias puideron afectar a esta nacente amizade: a forzosa parálise da actividade galeguista até 1943-1944 cando a IIª Guerra Mundial xa estaba a orientarse en favor do bando aliado, as estadías irregulares de Plácido en Vigo xa que residía tamén en Cambados onde casa en 1944 con Jesusa Sineiro Vidal, e as estadías irregulares de Xaime en Madrid.

Estas estadías en Madrid tiñan por obxectivo preparar as oposicións á cátedra de economía e dereito de empresa da Escola Universitaria de Peritos Industriais de Vigo. Nestas estancias na capital do país, Xaime entrou en contacto cos profesores de tendencia liberal da Escola de Madrid que xestionaban a Biblioteca de la Ciencia Económica na Revista de Occidente , como Alberto Ullastres ou Valentín Andrés Álvarez. Nesta colección da Revista de Occidente predominaban as referencias da escola alemá do ordoliberalismo e que naceu na Escola de Friburgo con Walter Eucken como principal representante. No seo deste ordoliberalismo naceu a Economía Social de Mercado na que sobranceou o economista alemán Wilhelm Röpke, unha das principais referencias intelectuais para Xaime Isla a través das traducións ao castelán na Revista de Occidente das súas dúas obras máis coñecidas La crisis social de nuestro tiempo (1947) e Civitas Humana (1949). Röpke alentou por unha economía ao servizo da sociedade e das persoas, inspirando intelectualmente o milagre alemá da posguerra nas figuras dos chanceleres Konrad Adenauer e Ludwig Ehrhard.

Polo tanto, será a partir de 1945 cando estimamos que o contacto e tertulia cotiá entre Xaime e Plácido Castro reforzou o proceso de liberación intelectual de Xaime e a súa conversión liberal a través das moitas afinidades vitais e intelectuais que temos identificado. A simpatía e amizade entre Plácido e Xaime podémola considerar interclasista por canto Plácido era un “señorito” refinado, elegante, viaxado e políglota, fillo de Plácido Castro Rivas empresario, político liberal e filántropo, mentres que Xaime era fillo de Fidel Isla Araújo, labrego pobre sen terras de Oca (A Estrada) e sen estudos, garda civil por fuxir da fame e da emigración, mais home espelido e intelixente que se desempeñou como un dos primeiros visitadores médicos de Vigo a onde trasladou a familia desde Compostela en 1923 para lle ofrecer un futuro mellor á numerosa prole. Este interclasismo minguou cando Xaime casa en 1947 con Cristina Nóvoa Pedreira, “señorita” pontevedresa filla do republicano Francisco Nóvoa Patiño, vinculeiro do Marquesado de Patiño ao que renuncia polas súas conviccións políticas.

A entrada de Plácido e Xaime no galeguismo foi inducida e laboriosamente traballada. Ambos os dous gozaron do guieiro e maxisterio galeguista de dous veteranos da causa. No caso de Plácido Castro, Antón Villar Ponte aproveitou as súas vacacións estivais na Coruña nos anos vinte para integralo no nacionalismo. Para Xaime, a fe galeguista naceu da educación sentimental nacionalista epistolar desde Bos Aires do seu irmán máis vello, Ramiro. Ao tempo, Plácido e Xaime atoparon nas páxinas de El Pueblo Gallego o medio de expresión da súa vocación publicista e xornalística, e a nivel ideolóxico compartiron e acreditaron unha rexa fidelidade ao ideario galeguista e republicano. Simultaneamente, os seus espíritos inquedos por unha vocación intelectual e artística con arrecendos de bohemia e dandismo admiraban a K. G. Chesterton, amaban a lectura, a poesía, o teatro e a acuarela e compartían o gusto por fumar en pipa e o tabaco rubio de importación. Cultos e polifacéticos, na feitura de redivivos homes do Renacemento, cultivaron unha amable dispersión vocacional: Plácido como tradutor, xornalista, profesor, pintor, poeta, crítico teatral, pianista, astrónomo; e Xaime como mestre, economista, avogado, pintor, crítico teatral-musical-artístico, xornalista, caricaturista, promotor musical. Por último, a Plácido e Xaime non os podemos considerar verdadeiros teóricos xa que non elaboraron ideosistemas completos. Actuaron máis ben como “pensadores militantes” que na praxe comprometeron as súas ideas, valores, principios e conviccións. Xa que logo, estas afinidades cremos que os uniron. Aínda que tamén os poderían ter separado pola lei da atracción e repulsión magnética.

Neste proceso de conversión liberal, Xaime contou con tres referentes vitais entre 1940 e 1948. A bonhomía de Plácido Castro e a súa fascinante personalidade de gentleman británico abofé que reforzaron o guieiro ideolóxico do Xaime da posguerra na súa conversión liberal no marco do pensamento social-cristián progresista. Por outra banda, o seu outro irmán Fidel Isla -home de confianza dos irmáns Fernández López e un dos fundadores de Zeltia- encarreirou a dispersión vital de Xaime e a súa ciclotimia persoal vinculada a unha personalidade con vocación artística e filosófica. De feito, foi Fidel quen puxo todos os medios para forzar a concentración de Xaime na preparación da oposición á cátedra de Peritos Industriais e quen mobilizou ás forzas vivas da cidade e da diócese de Tui para garantir o éxito do seu brillante exercicio de oposición en 1946, en verbas do tribunal. Por último, para alén desta mentoría fraternal para asegurar un modo estable de gañar a vida nun intre en que Xaime amosaba dúbidas sobre o exercicio profesional da avogacía, o ex-alcalde de Vigo e avogado Adolfo Gregorio Espino foino acompañando na súa progresiva maduración no exercicio da práctica xurídica especialmente no eido do dereito empresarial e financeiro, asesorando aos fabricantes de conservas, aos pequenos serradoiros de madeira e á Caixa de Aforros de Vigo da que Gregorio Espino fora fundador e na que exercía de asesor xurídico desde o seu despacho legal. As comúns amizades galeguistas -Manuel Gómez Román, Lois Peña Novo, Valentín Paz Andrade, Roberto González Pastoriza- influíron para que Xaime perseverase nun oficio para o que amosaba talento de xurista a pesar das súas saudades da vida artística.

En relación ao liberalismo de Plácido Castro presentamos nunha “nutshell” (concho ou cáscara de noz) como dirían os ingleses, as súas principais características. Plácido mantívose sempre fiel ao ideario do liberalismo democrático. Formado na escocesa e liberal University of Glasgow e membro do seu Liberal Club, viviu no Reino Unido durante o período no que aconteceu o fin da era liberal na que o Partido Liberal vai ser progresivamente substituído polo Partido Laborista a pesar do liderado de persoeiros e primeiros ministros como Lord Asquith ou Lloyd George. De feito, estamos no período do liberalismo revisionista inspirado por Leonard Trelawny Hobhouse e o seu New Liberalism presentado publicamente no seu libro Liberalism (1911) e que foi publicado en España en 1927 na Biblioteca de Iniciación Cultural da Editorial Labor. Este social liberalismo promovía un progresismo case socialista onde a liberdade cidadá individual e as liberdades colectivas debían combinarse con medidas de xustiza social e económica baseadas na redistribución, na garantía das necesarias condicións materiais para o exercicio da liberdade e a promoción da harmonía social no marco de propostas de igualitarismo político e xurídico. Xa que logo, neste contexto revisionista do liberalismo clásico podemos encadrar as propostas de Plácido Castro dun galeguismo de “esquerdas” que implicaba o achegamento do liberalismo ás iniciativas e orientacións socialdemócratas.

A anglofilia ideolóxica de Plácido Castro tamén se puxo de manifesto na súa valoración da capacidade que amosou o Reino Unido para exercer unha influenza no mundo derivada da conservación da súa identidade e singularidade de tal xeito que foi quen de progresar e modernizarse sen renunciar ás súas tradicións. En comparanza con España e Galicia, Gran Bretaña reforzaba o seu poder colectivo a través dunha vizosa autoestima da identidade e un sistema político baseado no respecto á diferenza e a asunción do seu carácter plurinacional. Ademais, na tensión e conflito que se vivía en Galicia entre “enxebristas” e cosmopolitas, entre os resistentes ao mimetismo e os partidarios da asimilación, Plácido Castro vai apostar por un universalismo que promove, ao estilo británico, tanto a convivencia de pequenas nacións no respecto mutuo da súa diversidade como un cosmopolitismo baseado precisamente no recoñecemento e vivencia da propia identidade e raíces culturais. Neste senso, afirmou que non hai progreso sen identidade e que a conservación da identidade propia non debe atrancar o progreso, senón ser fermento e xermolo de novas oportunidades de desenvolvemento colectivo. Por este motivo, traballou para a universalización da nosa identidade onde unha Galicia liberada puidese exercer e “ser unha nación entre as nacións” en coherencia co principio do Partido Galeguista que afirmaba a Galicia como unha célula de universalidade baseada nos valores do pacifismo, o federalismo internacional e o antiimperialismo. Por último, o liberalismo de Plácido Castro afincaba sobre a reivindicación da tolerancia, a lealdade e a irmandade como valores dun humanismo oposto ao totalitarismo e á súa barbarie.

Este marco de crenzas de Plácido Castro concordarían co renovado liberalismo de Xaime Isla que agroma tras da Guerra Civil. Como xa sinalamos, Xaime aliñouse coa corrente liberal renovadora do ordoliberalismo de Walter Eucken e a economía social de mercado de Wilhem Röpke. Outras dúas influenzas fundamentais foron a economía humanista do grupo francés “Economie et Humanisme” liderado polo freire dominico Louis-Joseph Lebret, e o personalismo comunitario de Emmanuel Mounier publicitado a través da revista Esprit. Por este motivo, Xaime e Plácido concordarán non só na defensa da liberdade e o seu antitotalitarismo, senón tamén no humanismo, anticolectivismo, o comunitarismo e o pacifismo. Un humus ideolóxico no que agroman os comúns valores galeguistas da tolerancia, a lealdade e a irmandade. Se cadra, os dous únicos puntos de fuga destas afinidades partilladas aconteza en dúas cuestións: a francofilia de Xaime que se confesa debedor das correntes intelectuais francesas vinculadas ao catolicismo progresista e vangardista do período de entreguerras (Leon Bloy, Jacques Maritain, Emmanuel Mounier); e a crenza, piedade e práctica relixiosa de Xaime, que o afasta do agnosticismo de Plácido Castro, que se situaría na liña da “relixión sen apocalipse” de Julian Huxley. Agora ben, este catolicismo practicante de Xaime tería unha utilidade práctica na reconstitución do galeguismo no interior durante os anos 40, un proceso clandestino que tivo como cidade da referencia a Vigo e as praias da foz do río Lagares na parroquia de Coruxo. Precisamente, o lugar onde tivo a súa morada Plácido Castro.

HIPÓTESE 2. A RECONSTRUCIÓN DO GALEGUISMO: A CONSPIRACIÓN DE CORUXO

A violenta represión do Partido Galeguista durante a Guerra Civil motivou diferentes estratexias de adaptación, conformidade, agochamento, fuxida e resistencia pacífica ou violenta á ditadura por parte da súa militancia e cargos directivos. Rematada a Guerra Civil, os principais focos de concentración galeguista foron Santiago de Compostela e Vigo, cidades onde se iniciaron os primeiros movementos discretos de reactivación do galeguismo militante que tiña como referentes a Enrique Peinador, Ramón Otero Pedrayo e Manuel Gómez Román. Mais a prematura morte do empresario Peinador en xuño de 1940, finado pola tristura do asasinato do seu fillo Enrique fusilado en Madrid en abril dese mesmo ano, enfraqueceu a capacidade dirixente do colectivo, encetándose un proceso que levou de vagar a que unha presada de superviventes das Mocedades Galeguistas asumisen o guieiro dos traballos de reconstitución orgánica do Partido Galeguista e a súa rede de militantes a partir de 1944 e que culminaron na asemblea de Coruxo de xullo de 1945 co nomeamento dun novo consello executivo do Partido Galeguista. De todos os xeitos, esta loita política clandestina rematou practicamente en 1947 con dous acontecementos: a detención a principios de abril en Madrid de Ramón Piñeiro e os irmáns Cesáreo e Camilo Saco e a súa condena a cárcere; e a posterior detención en Vigo, consello de guerra e breve estadía na prisión de Darío Álvarez Blázquez, Roberto González Pastoriza e Francisco Fernández del Riego pola súa suposta pertenza á Unión de Intelectuais Libres.

Neste proceso de reactivación do galeguismo, Plácido Castro participou activamente na loita clandestina. En primeiro lugar, como integrante lexítimo do Comité Executivo Provisional do Partido Galeguista que se constitúe entre 1944 e xullo de 1945. En segundo lugar, como xestor das relacións exteriores do Partido Galeguistas coas redes de información angloamericanas, como veremos. E, en terceiro lugar, como fundador en abril de 1947 canda a Xaime Isla e Celso Collazo do Servizo de Edicións, Publicacións e Traducións (SEPT) como primeiro chanzo da estratexia de creación dunha editorial galega e que se baseaba na promoción dun mercado do libro en Galicia con base en subscritores. E nestas tres tarefas, Plácido Castro conspirou a carón do seu amigo e irmán galeguista Xaime Isla.

Como xa indicamos, inmediatamente despois da guerra, Xaime concentrouse nos seus estudos de Dereito, que retoma en agosto de 1939 e remata en 1940 tras dous cursos intensivos semestrais na Facultade da Universidade Compostelá. En Compostela atopouse co seu amigo, Marino Dónega que o puxo en contacto con Francisco F. del Riego e Ramón Piñeiro. Ao tempo, coincidiu cos vellos militantes das Mocedades Galeguistas como Enrique González García-Paz, Xosé Velo, Remixio González Gándara, Hilario Gómez Pedreira e Luís García Pardo, entre outros. Este grupo mantivo debates sobre a reactivación do Partido Galeguista e entre eles difundiu Xaime a consigna da “realización no fracaso”. Moi cedo, Xaime amosouse partidario da reorganización do Partido Galeguista fronte ás posicións máis cautelosas de Ramón Piñeiro, co que conversara en Compostela despois de localizalo en Lugo a través de Servando Gómez-Aller de la Ballina, delegado do Instituto Social da Mariña en Vigo. De regreso en Vigo, e até a reconstitución clandestina do Partido Galeguista no 1944, Xaime e Francisco F. del Riego mantiveron encontros con Manuel Gómez Román, Enrique Peinador, Ramón Piñeiro, Servando Gómez-Aller de la Ballina, Plácido Castro e Valentín Paz-Andrade, entre outros, de cara a definir as estratexias de actuación dos galeguistas na clandestinidade.

Entre 1943 e 1944, o traballo de reactivación da militancia realizouse a través de Ramón Piñeiro e mais doutros colaboradores como Celso Collazo que participa da conspiración para reconstruír o Partido Galeguista estando a soldo de Valentín Paz Andrade. Mentres que Ramón Piñeiro nas súas memorias sinala dúas ducias de persoas como as dispostas a colaborar, Collazo afirma que a súa viaxe en data indeterminada foi un fracaso total a pesar de ter a intención de levantarlles o ánimo e organizalas malia as dificultades do contexto represivo. Xa que logo, a reactivación do Partido Galeguista foise facendo de vagar, con contactos informais, agardando por unha ocasión propicia, como aconteceu durante as viaxes de Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) a Galicia en 1939 e 1941.

Ramón Piñeiro nas súas memorias relata como en 1942, co gallo do seu traslado a Madrid para iniciar os estudos de Filosofía, entrou en contacto cos vascos a través dos cales conseguen reiniciar a comunicación con Bos Aires. O máis seguro é que a comezos de 1943 recibise as dúas cartas dirixidas por Castelao a Valentín Paz-Andrade e a Ramón Otero Pedrayo. Valentín Paz-Andrade recibiuna de Piñeiro nunha das súas viaxes a Madrid mais co seu laconismo exemplar non comentou ren da misiva. Por contra, Otero Pedrayo recibiuna en Ourense na súa casa da rúa da Paz, aproveitando a primeira viaxe a Galicia de Piñeiro. Nesta carta, lembra Piñeiro, Castelao dicíalle a Otero que “hai unhas cantas persoas coma ti, Gómez Román, Valentín Paz-Andrade ou Plácido Castro, que sodes os que podedes reorganizar aí o galeguismo. É unha hora de sacrificios, pero é unha hora na que temos que cumprir co noso deber”. Xa que logo, a reorganización do Partido Galeguista pasaba por restituír a lexitimidade da súa ultima Secretaría Executiva e Consello Nacional antes da Guerra Civil do que formaban parte Gómez Román como secretario xeral ou Plácido Castro como secretario de relacións exteriores. Pero durante a Guerra Civil, o Partido Galeguista ficara fendido: perseguido, reprimido e axustizado en Galicia; mantido con vida orgánica na zona republicana. De feito, o feixe de galeguistas que quedaran na zona republicana organizaran en Barcelona, entre 1937 e 1939, unha Xunta Xeral Executiva na que participaron Ramón Suárez Picallo, Xoán Xosé Plá, Ricardo Carballo Calero, Florencio Delgado Gurriarán, Ramón de Valenzuela, Andrés Valín, Xoán López Durá, Amparo L. Jean, Elixio Rodríguez e R. Rodríguez Casas. De feito, naquelas alturas dos anos 40, o secretario xeral e de organización da última Xunta Xeral do Partido Galeguista en Barcelona, Ramón de Valenzuela, cumpría condena en Ávila tras ser detido en Francia e deportado pola Gestapo en colaboración coa policía española. Valenzuela era vello amigo de Xaime nas Mocedades Galeguistas e camarada de estudos de Maxisterio en Pontevedra e coincidira co seu irmán Ramiro en Francia durante a evacuación cara ao exilio dos galeguistas internados nos campos de refuxiados franceses.

A vixilancia e represión do galeguismo motivou que o principal núcleo de dirección e organización da reconstitución clandestina do galeguismo se localizase en Vigo. A puxante economía da cidade durante a IIª Guerra Mundial grazas ás exportacións de guerra (volframio, conservas de peixe e carne ou os produtos farmacéuticos do Instituto Miguel Servet e a nacente Zeltia) e a relativa tolerancia do galeguismo polas súas elites convertéronse no principal polo de atracción para os galeguistas e para os artistas que fuxían da represión e da fame. Como confesaban Carlos Maside e Francisco F. del Riego, os días facíanse duros cunha soa comida ao día e para outro membro da bohemia viguesa, o galeguista Celso Collazo aqueles anos da posguerra en Vigo ficaron asociados a fame, fame e máis fame. Mais neste contexto de penurias, Vigo converteuse nunha cidade relativamente segura e de oportunidades de gañar a vida para os galeguistas como Francisco F. del Riego. Perdida a prometedora e brillante carreira de profesor universitario pola depuración franquista, del Riego desprazouse a Vigo en 1939 para situarse como pasante no despacho de Valentín Paz-Andrade, pero a nova detención de Valentín en agosto e posterior desterro a Villanueva de la Serena (Badaxoz) até finais de ano, provocaron que del Riego tivese que furar con ingresos precarios e informais até que entrou a traballar en 1940 na revista Industrias Pesqueras dirixida por Paz-Andrade. Non obstante, tivo que compatibilizar este traballo co labor docente no Colexio Mezquita, despois de ser rexeitado no Colexio Labor que fora fundado polo mestre galeguista Sergio Saborido Cid e onde traballaran antes da Guerra Civil outros militantes do Partido Galeguista como Xosé Manuel Cabada Vázquez e Xesús Ferro Couselo. O Labor nacera tutelado polos Xesuítas despois da disolución gobernamental da Compañía de Xesús en xaneiro 1932 e o peche e incautación do seu colexio Santiago Apóstol no barrio de Teis e mais do seu colexio en Camposancos (A Guarda).

En Vigo, os galeguistas contaron cunha ampla rede de protectores vinculados ao ámbito empresarial mais tamén relixioso e que explican a supervivencia física de significados dirixentes galeguistas como Enrique Peinador ou Manuel Gómez Román así como o menor número de galeguistas asasinados na cidade, como Xaquín Domínguez, membro das Mocedades Galeguistas fusilado na fortaleza do Castro acusado de derrotista. Estas conexións fortalecéranse durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera e a IIª República. A poderosa Asociación de Armadores de Bouzas, as familias conserveiras (Albo, Alfageme, Curbera, Massó) e da construción naval (Barreras) e os irmáns Fernández López, entre outros emprendedores do tecido produtivo industrial vigués, precisaban de expertos en dereito mercantil e as principais referencias eran os avogados galeguistas que exercían en Vigo como Valentín Paz-Andrade, Roberto González Pastoriza2 ou Xerardo Álvarez Gallego canda ao ex-alcalde Adolfo Gregorio Espino. Ao despacho deste último incorporouse Xaime Isla en 1940 por mediación do director do colexio dos Salesianos de Ronda onde estudaran Xaime e o seu irmán Manolo.

No caso de Gregorio Espino, destacara como líder maurista reformador e promotor da Liga de Defensores de Vigo creada en 1921 en oposición a Ángel Urzáiz, deputado por máis de corenta anos. Nun comezo, a Ditadura de Primo de Rivera favoreceu á Liga que ocupou a alcaldía de Vigo na persoa de Gregorio Espino entre decembro de 1923 e xaneiro de 1927. Entre os homes que a lideraban atopábanse representantes da burguesía olívica como o arquitecto Manuel Gómez Román, futuro secretario xeral do Partido Galeguista, o académico e xornalista anticaciquil Amador Montenegro, o avogado agrarista Amando Garra ou o avogado e industrial conserveiro José Curbera. A corporación municipal reformista presidida por Gregorio Espino incorporou a Gómez Román como tenente de alcalde canda a Amando Garra, o líder socialista Heraclio Botana e o industrial Eugenio Fradrique, fundador de La Artística.

Un dos acontecementos que marcou o mandato de Gregorio Espino foi a creba do Banco de Vigo o 19 de xaneiro de 1925 na que se viron atrapados como socios moitas das principais familias industriais da cidade: Curbera, Conde Ribas, Durán, Arbones, Tizón, Lameiro, Molíns, Mirambell, Massó, Tapias ou Pérez Sala. Ademais, foron procesados e posteriormente exculpados once ex-conselleiros e conselleiros como o consignatario Antonio Bibiano Conde González-Abarca, o conserveiro Gaspar Massó, o industrial Eugenio Fradrique ou o empresario navieiro Rafael Tapias. O Concello de Vigo fíxose cargo da liquidación do Banco a través da Caixa de Aforros de Vigo que presidía Gregorio Espino co apoio na súa comisión xestora dos avogados galeguistas Xerardo Álvarez Gallego e Roberto González Pastoriza. Oportunamente, na primavera de 1926 incorporouse ao Concello de Vigo o avogado e líder galeguista Lois Peña Novo como xefe do negociado de gobernación e fomento. Mais en decembro de 1926, Gregorio Espino presentou a dimisión por mor das presións e atrancos gobernamentais sendo substituído polo industrial conserveiro Mauro Alonso Cuenca, liguista mais afiliado á Unión Patriótica primorriveirista.

Outra conexión previa á Guerra Civil entre o galeguismo e o tecido industrial aconteceu coa proposta en febreiro de 1933 por parte dos enxeñeiros Antonio Fernández e Juan Ogando de instalar en Vigo unha sección de ciencias aplicadas do Seminario de Estudos Galegos co obxectivo de impulsar os estudos industriais e dotarse dunha biblioteca especializada e un laboratorio de investigación. Para a presidencia desta sección con sede viguesa propúxose a Manuel Gómez Román3. Pero quizais as iniciativas empresariais galeguistas máis relevantes en Vigo desenvolvéronse no eido químico e farmacéutico coa creación do Instituto Bioquímico Miguel Servet (1936) e Zeltia (1939).

En abril de 1936, constitúese ante notario o Instituto Bioquímico Miguel Servet onde participan dous dirixentes galeguistas, o médico Ramón Obella Vidal e o funcionario de Facenda Alexandre Bóveda Iglesias, canda ao farmacéutico Francisco Rubira Fariña, e os socios Serafín Campos Pichel e Emilio Manuel Martínez-Baladrón y García. O impulsor desta iniciativa empresarial que nace en 1935 foi Ramón Obella e como director científico do laboratorio situouse ao eminente e novo catedrático de Ciencias da Universidade Compostelá, Ferrán Calvet, nacionalista catalán formado en Oxford que, expulsado da docencia universitaria se exilia en Estocolmo, Edimburgo e Portugal entre 1936 e 1938. No Miguel Servet tamén traballou Fidel Isla Couto, irmán de Xaime, e xefe comercial do Instituto tras a perda do seu traballo anterior polo decomiso gobernamental da Casa Busquets, representante en España da americana Standard Oil e de produtos farmacéuticos, insecticidas e fertilizantes, e a detención e internamento en San Simón de Alfonso Busquets Salomó, xerente en Vigo da Casa Busquets e fillo de Manuel Busquets George propietario dos xornais El Liberal e Heraldo de Madrid .

O Miguel Servet mantivo relacións comerciais co industrial Eugenio Fadrique que nas súas fábricas preparaba os tubos metálicos para as pomadas do laboratorio. Ademais, mantiña unha activa conexión con Alemaña, especialmente coa empresa  Ichthyol Cordes, Hermanni & Co. Gesellschaft de Hamburgo. De feito, o edificio da sede do Miguel Servet en Vigo copiouse do primeiro laboratorio que construíu a farmacéutica alemá. Por outra banda, grande parte da nómina científica da empresa formárase en Alemaña e Francisco Rubira establecera un almacén de produtos químicos e farmacéuticos canda a Francisco Böhme Kresse, que mudou o apelido a Boehme, creando a empresa Rubira y Boehme, S.L. Este Boehme mantiña relacións de amizade con Meino von Eitzen, significado nazi da comunidade alemá viguesa e xerente do Depósito Español de Carbones e dunha granxa de coellos en Soutomaior. Estas conexións con Alemaña motivaron que o Instituto fose unha das empresas bloqueadas en Vigo pola Comisión Aliada de Control en 1946 ao estar participada por cidadáns alemáns.

En 1939, Ramón Obella abandona o Miguel Servet canda a Fidel Isla e Ferrán Calvet e, xunto cos José Ruíz Gómez e os catro irmáns e empresarios Fernández López entre os que estaban os galeguistas Antonio e Xosé, crean a sociedade anónima Zeltia para desenvolver as patentes propiedade de Obella. A esta industria vinculáronse toda unha serie de investigadores e científicos que foran depurados e expulsados da universidade, como Faustino Cordón Bonet, Andrés León Maroto, Ferrán Calvet Prats, Miguel Catalán Sañudo ou Isidro Parga Pondal. Para a súa rede comercial e a xestión tamén foi contratado Alfonso Busquets Salomó, antigo xerente da Casa Busquets en Vigo. Durante a IIª Guerra Mundial, Álvaro Gil Varela, ex-dirixente do Partido Galeguista formado en Alemaña e home de confianza dos irmáns Fernández, enviou produción do Miguel Servet e de Zeltia a Alemaña a través da empresa de transportes ferroviarios TRANSFESA (1943), propiedade dos Fernández López.

Xa que logo, os galeguistas en Vigo atopábanse ben conectados a nivel da burguesía industrial viguesa arredor de iniciativas xornalísticas e políticas durante a Ditadura de Primo de Rivera ( Galicia. Diario de Vigo e Liga de Defensores de Vigo) e o agromar da IIª República ( El Pueblo Gallego, Agrupación ao Servizo da República, Grupo Autonomista Galego, Partido Galeguista) ou colaborando en organizacións socioculturais (Rotary Club de Vigo ou a sección viguesa do Comité de Cooperación Intelectual). Pero tamén teceron os seus contactos entre os movementos católicos como Acción Católica e as asociacións de ex-alumnos dos colexios relixiosos máis prestixiosos da cidade, como os Salesianos. No caso de Xaime Isla, a breve estadía de dous anos no colexio dos Salesianos de Ronda (1925-1927) deixoulle unha forte pegada espertando nel a vocación polo ensino e un forte e aberto sentido do social e vinculouno a ex-alumnos de Salesianos como os xornalistas Gonzalo Rey Alar, redactor xefe e director de El Pueblo Gallego entre 1940 e 1942 e director da Hoja del Lunes, e Ánxel Sevillano, redactor xefe de El Pueblo Gallego, director do Anuario de Vigo , e futuro xornalista-director de Grial. Revista galega de cultura . Ambos os dous exerceron como xornalistas forzados en El Pueblo Gallego tras do seu decomiso a Manuel Portela Valladares pola Falanxe, pero seguiron sendo leais aos amigos galeguistas e ao galego, como Ánxel Sevillano que publica en 1938 o seu libro de poemas en galego O amor, o mar, o vento e outros gozos. Xaime foi nomeado en 1945 presidente da Asociación de Antigos Alumnos Salesianos e mantivo ao longo de toda a súa vida un compromiso activo coa causa salesiana á que apoiou tamén desde a asesoría xurídica da Caixa de Aforros de Vigo.

En relación aos Homes de Acción Católica, Xaime incorporouse ás súas actividades en Vigo desde a conexión que mantivera antes e durante a Guerra Civil coa Xuventude de Acción Católica de Pontevedra e a súa revista Spes . En Vigo, a Acción Católica contaba cun Secretariado Benéfico-Social do que Xaime foi secretario desde 1942 e que estaba vinculado á Acción Social Católica e ao Apostolado Obreiro liderados por Gregorio Espino. Xunto cun dispensario médico e un consultorio xurídico, outra das iniciativas dirixidas ás clases obreiras consistiu na organización e participación nos retiros e exercicios espirituais organizados en Camposancos (A Guarda) no vello colexio dos xesuítas onde se formaran líderes do nacionalismo galego e vasco como Antón Losada Diéguez e Luis Arana Goiri ou o futuro presidente do Goberno durante a IIª República, Manuel Portela Valladares, pero que tamén serviu entre 1938 e 1941 de campo de concentración franquista. En 1946, Xaime xa actuaba como secretario diocesano dos Homes de Acción Católica, organizando en novembro deste ano a primeira asemblea diocesana da Unión Diocesana dos Homes de Acción Católica.

Coincidindo coa reorganización orgánica clandestina do galeguismo, o 21 de xullo de 1945 o bispo de Tui, frei José Ortiz, recibiu ao consello directivo do Apostolado Social Católico. A dirección recaía no padre xesuíta Francisco Gómez – director do Colexio de Camposancos desde 1939- cos seguintes conselleiros: o avogado Xaime Isla Couto, o avogado e ex-alcalde Adolfo Gregorio Espino, o conserveiro Francisco Albo, o ex-alcalde e conserveiro Mauro Alonso, o enxeñeiro Luís Arana Garamendi -curmán dos irmáns Luís e Sabino Arana Goiri, fundadores do PNV-, o industrial Eugenio Fadrique, o director do Banco de España en Vigo Juan Boronat, o presidente da Cámara de Comercio e futuro alcalde de Vigo de 1949 a 1960 Tomás Pérez Llorente, o conserveiro Antonio Alfageme del Busto, o industrial José Barreras Massó, o empresario Moisés Álvarez, o conserveiro Antonio Massó García, o delegado rexional do Ministerio de Comercio Luís de Aguirre Fanaique, o enxeñeiro e profesor de Peritos Industriais, Antonio Rivas Dou, o industrial Manuel Sanjurjo Otero, o notario Miguel Hoyos de Castro, o empresario Anselmo Cabello e o xerente da casa Simeón García, Manuel Moreno Astola. Na directiva do Apostolado Social Católico, Xaime estivo acompañado por grande parte das forzas vivas políticas, económicas e xurídicas da cidade e que tiveran vínculos persoais e empresariais cos galeguistas. No caso de Manuel Sanjurjo, puido ser o protector fillo de Antonio Sanjurjo Badía que sacou en coche a Enrique Peinador de Vigo en dirección a Laxe á casa da súa filla Avelina e do seu xenro Isidro Parga Pondal. Antonio Massó era o director nominal da revista Industria Conservera que coordinaba Francisco F. del Riego desde 1943. E perante o notario Miguel de Hoyos compareceron o 3 de novembro de 1950 Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla para constituír unha sociedade mercantil anónima denominada Editorial Galaxia cuns estatutos redactados en galego e castelán por amigable suxestión do notario aproveitando a vixencia dun regulamento da IIª República que permitía o bilingüismo.

Ao día seguinte desta presentación ante o bispo de Vigo, o 22 de xullo de 1945 celebrouse unha nova e clandestina asemblea do Partido Galeguista en Coruxo coa asistencia dunha ducia de persoas. A convocatoria, asinada por Piñeiro, chamaba polos “parentes de Daniel” para “ver a quen convén encarregarlle a administración da súa herencia”. Os “parentes” que participaron representaban aos diferentes grupos territoriais onde se localizaban galeguistas ben dispostos para a loita clandestina: por Lugo asistiron Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, e José María Cadahía Vázquez; por Vigo, Francisco Fernández del Riego, Luis Viñas Cortegoso, Servando Gómez-Aller de la Ballina, Remixio González Gándara e Xosé Meixide González; por Coruña, Jenaro Marinhas del Valle; por Ourense ,Xesús Ferro Couselo, Vicente Bóveda Iglesias, Leuter González Salgado, Salvador Rey Rodríguez e Bieito Fernández; por Vilagarcía, Dámaso Carrasco Duaso; por Compostela, Francisco Barreiro Salaño; por Pontevedra, Emilio Álvarez Gallego; e por Monforte de Lemos, os irmáns Cesáreo e Camilo Saco López. Nesta xuntanza organizouse un consello executivo integrado por Manuel Gómez Román, secretario xeral; Xosé Meixide, secretario de organización; Cesáreo Saco, secretario de información; Ramón Piñeiro, secretario político; Francisco Fernández del Riego, secretario de relacións exteriores e propaganda; e Xaime Isla como secretario técnico. Este consello executivo viña substituír a un comité executivo provisional de natureza máis nominal que operativa e que xa estaba en funcionamento a finais de 1944, segundo informa Fernández del Riego a Castelao, e que estaba integrado por Manuel Gómez Román, Plácido Castro del Río, Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carvalho Calero, Ramón Piñeiro López, Vicente Bóveda López e Francisco Fernández del Riego. Pero este novo consello executivo tamén reempraza á Xunta Xeral designada en Barcelona en 1938 e do que ficara como secretario xeral e de organización Ramón de Valenzuela Otero. Ten existido certa controversia entre os motivos e criterios para o nomeamento dos novos cargos orgánicos do Partido Galeguista, mais se cadra existe unha coincidencia na interpretación dos protagonistas e que radica na decisión de situar fóra das principais responsabilidades activas da clandestinidade aos camaradas que ben xa afrontaran sancións, depuracións, inhabilitacións ou cadea, ben tiñan maiores responsabilidades familiares, ben non podían poñer en risco o seu medio de vida profesional.

O mellor testemuño directo desta asemblea en Coruxo atopámolo nos diarios de Xosé R. Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey).

O viaxe é relativamente rápido para o que se adoita niste pais e chegamos as once a cidade da Oliva, donde atopamos a vellos amigos cos que reanudamos a conversa interrumpida hai anos. O espectáculo maravilloso da ría sirve de fondo as nosas verbas esprazadas i o azul do mar e do ceo parece nuncio de millores tempos (…)

22. Xuntámonos en Coruxo unha ducia de galeguistas en pequena asamblea do Partido para dar contados traballos realizados en orde a reorganización das nosas forzas políticas e para trocar impresións a mais de nomear o Consello provisional que ha de levar a direición da nosa actividade. Foi un acto casi familiar dunha fonda emoción e na mente de todos nós estaba a lembranza dos nosos mártires e das derradeiras asambreias nas que tanto entusiasmeo puxeramos. Os poucos que ali nos xuntabamos tiñamos a representación de moitos irmaus e por eso a xuntanza foi grande en potencia. Falouse moito e descutiuse pouco porque todos estamos dacordo en ceibar a nosa terra da escravitude na que está mergullada. Mantemos grandes espranzas e detiñamos proiectos para futura loita pola liberdade de Galicia. Iste acto, que algún dia será histórico, foi o preludio da liberación galega e tamén o enlace con aquelas inesquencibles xuntanzas do 1936. Queira Deus protexer a Galicia e guiarnos ben.

Ben-Cho-Shey, neses seus diarios, dá conta de como xa visitara Vigo en xullo de 1939, mais sen mencionar os nomes nin dos seus anfitrións nin dos amigos cos que reencontra, e tamén en agosto de 1941 nunha xeira na que atoparía con Manuel Gómez Román en Vigo, con Ramón Piñeiro en Lugo, e con Otero Pedrayo en Ourense4. Nesta reunión do ano 1945, segundo lembraba Ánxel Fole -que viaxara desde Lugo en ferrobús con Ramón Piñeiro e outro (José María Cadahía)- estaban Gómez Román, Xaime Isla, Francisco F. del Riego e outros que non acordaba. Mais na súa lembranza comenta que alí tamén se falou de fundar unha editorial e publicar unha revista. De todos os xeitos, o feito de afirmar que asistiron dous ausentes como Gómez Román e Xaime Isla fainos dubidar do seu testemuño, aínda que poidamos outorgar verosimilitude á idea da creación dunha editorial que podía xa estar a ser argallada como proxecto complementario á loita política clandestina.

Como anécdota, o novo secretario técnico, Xaime Isla, agochou o arquivo do Partido Galeguista con documentos para o futuro autogoberno de Galicia entre os ficheiros do Secretariado Benéfico Social de Vigo no que tamén colaboraba Celso Collazo para gañar a vida. Ante a evidencia da derrota da Alemaña nacionalsocialista, os galeguistas confiaban en que se puidese restaurar a democracia en España, quer en forma monárquica, quer en forma republicana, mais con continuidade no recoñecemento da autonomía de Galicia, Cataluña e Euskadi. Por este motivo, facíase preciso dotar ao Partido Galeguista daqueles documentos e estudos de relevancia para o exercicio das competencias recoñecidas no Estatuto de Autonomía que precisamente sería aprobado uns meses máis tarde, en novembro de 1945, nas Cortes da República reunidas en México tras dun intenso labor de cabildeo dos persoeiros integrantes do Consello da Galiza.

Non obstante, diversos acontecementos esganaron progresivamente o liderado do Partido Galeguista respecto da loita política clandestina en Galicia e que acadou como maior logro o nomeamento de Castelao como ministro sen carteira no Goberno republicano de José Giral en París entre 1946 e 1947. O aumento da presión policial e a represión provocaron as detencións en Madrid de Ramón Piñeiro e os irmáns Cesáreo e Camilo Saco o 8 de abril de 1947 e a súa condena a prisión, e tamén as detencións en Vigo e breve estadía en prisión de Francisco F. del Riego, Darío Álvarez Blázquez e Roberto González Pastoriza en setembro do mesmo ano. Ao tempo, a consolidación de Franco no poder co recoñecemento tácito das potencias aliadas vencedoras da II Guerra Mundial obrigaron a imaxinar novas alternativas para a supervivencia orgánica do galeguismo no interior a partir de 1947. Algúns galeguistas que participaran na asemblea de Coruxo, como Bieito Fernández e Remixio González Gándara, canda a Xosé Velo, ex-secretario xeral da Federación de Mocedades Galeguistas e ex-membro do Frente Libertador Galego que acababa de saír de prisión, crean o efémero Comité Arredista Revolucionario Galego que se presenta publicamente cun manifesto datado en abril de 1947 e asinado co pseudónimo de B. De Silvares por Bieito Fernández e publicado en Patria Galega dirixida en Cuba polo arredista Fuco Gómez. O resto de galeguistas -alcumados de “autonomistas”- decidiron experimentar coa frustrada distribuidora de libros SEPT (Servizo de Edicións, Publicacións e Traducións) e o “Suplemento de los Sábados” do xornal compostelán La Noche , dúas experiencias que se desenvolveron paralelamente aos traballos de preparación da Editorial Galaxia fundada oficiosamente en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1950 pero con domicilio social na cidade de Vigo.

Os espazos de sociabilidade galeguista no Vigo da posguerra estaban localizadas na famosa Taberna de Eligio onde paraban os pintores, escritores e poetas como Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Laxeiro, Carlos Maside, Urbano Lugrís, Prego de Oliver ou Mario González. Outras tertulias acontecían arredor da “Peña do Alameda” nucleada en torno a Paz-Andrade e na casa de Darío Álvarez Blázquez onde á hora do café tiña lugar a multitudinaria e familiar “Peña dos Álvarez Blázquez”. E por último, a Peña do Derby, lugar común de encontro dos galeguistas baixo a atenta e torpemente disimulada espreita dos secretas e a acollida hospitalaria do propietario Albino Mallo e a orquestra dirixida polo mestre Corvino. O Derby, que mudou forzosamente o nome a Imperial, axuntaba aos membros das diversas peñas nun parladoiro intelectual de café onde coincidían Xaime Isla, Plácido Castro, Celso Collazo, Francisco F. del Riego, Carlos Maside, Laxeiro, Ánxel Sevillano, Valentín Paz Andrade, Xavier Andrade, Luís Viñas Cortegoso, Emilio Soneira, Xosé Meixide, Xosé Sesto, e os irmáns Álvarez Blázquez, entre outros. Nesta tertulia compartían bohemia feixes de poetas, escritores, xornalistas e pintores, tal e como reflectiu Xaime nas súas caricaturas e debuxos dos clientes, do propietario e a súa familia e da afamada orquestra do café. Sobre o interese e utilidade das tertulias de café, nun artigo de 1936 en Guieiro Xaime salientaba o seu valor como organización auxiliar do galeguismo en xeral:

A orgaización auxiliar básica pra todol-os traballos, tanto internos como esternos, é o xuntoiro cotián, a tertulia, ou como queira chamárselle que avencellará a todol-os irmáns e a onde se procurará achegar amigos, simpatizantes e novos irmáns, pra enfastalos na suprema norma de vida do Nacionalismo, que é a Irmandade.

Como destacou Francisco F. Del Riego, o valor específico da tertulia no Café Derby nos tempos sombrizos da posguerra, da represión e da clandestinidade galeguista radicaba en que:

(…) foi a primeira xuntanza seria onde os galeguistas con sentido de unidade, nos propuxemos traballar ao servizo do país, partindo da lingua. Ás veces andábamos mal de cartos e tiñamos poucos para xantar así que iamos a algunhas tascas como La Mundial en Velázquez Moreno, pero o café do Derby non podía fallar porque alí, pasadas as tres da tarde, tiñamos un albergue e un faladoiro que xeralmente duraba varias horas5.

Mais xunto coas redes de protección física e laboral e os espazos de sociabilidade, en Vigo os galeguistas atoparon un territorio de liberdade nas praias da foz do río Lagares na parroquia de Coruxo, un lugar onde mantiveron activo un “seminario permanente de galeguismo e antifascismo”, especialmente durante os meses de verán cando a tropa galeguista abordada o tranvía para chegar ás casiñas preto das praias da Foz, Fontíña, Calzoa, Coruxo, Baluarte, Fechiño ou Fontaíña. Estes areeiros acolleron xuntoiros conspiradores, unhas veces en bañador co horizonte da Illa de Toralla e das Illas Cíes e a liña escura das praias e montes do Morrazo, e outras coa emoción do reencontro cos vellos camaradas e os nervios da clandestinidade, como a asemblea do Partido Galeguista do 22 de xullo de 1945.

Estas novas terras para a colonización estival galeguista foron atribuídas a dous descubridores: Francisco F. del Riego e Carlos Maside que durante unha paseata se decatan da beleza salvaxe e da soidade cómplice daquel lugar. Mais xa antes da Guerra Civil, o grupiño naturista, excursionista e galeguista de “Os fillos do sol”, liderado polo médico e empresario Ramón Obella, construíra unha pequena palafita nun illote do río Lagares. E desde comezos dos anos 40 foron instalándose en casas veciñas Francisco F. Del Riego, Plácido Castro, Darío e Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Sesto López, Celso Emilio Ferreiro. Estes colonos recibían visitas dos amigos e as súas familias: Xaime Isla Couto, Valentín Paz Andrade e o seu curmán traumatólogo Xavier Andrade, os pintores Carlos Maside e Manuel Colmeiro, Celso Collazo, o arquitecto municipal Emilio Bugallo Orozco, o mestre e arqueólogo Pedro Díaz Álvarez, e os científicos e persoal de Zeltia como Ramón Obella Vidal, Faustino Cordón Bonet, Andrés León Maroto, Ferrán Calvet Prats, Miguel Catalán Sañudo e Alfonso Busquets Salomó. Este membro do clan Busquets, formado en Estados Unidos e Reino Unido, enredaría con Plácido fins de semana enteiras empregando para se comunicar as dúas ducias de verbas en alemán que ambos os dous coñecían.

As fermosas lembranzas de infancia dos irmáns Alfonso e Darío Álvarez Gándara e de mocidade do seu tío Álvaro Álvarez Blázquez describen os días e as horas de infinda ledicia vividas na foz do Lagares. O gentleman e sociable Plácido Castro aparece mergullado na introspección, nas tristuras persoais e na saudade da democracia e a liberdade mais tamén locuaz, irónico, creativo, vangardista, poeta e pintor de acuarelas de praias e illas na súa casiña de alugueiro na praia da Calzoa. Plácido contribuíu con imaxinación e rexouba á fundación da humorística “Universidade de Verán Autónoma” (UVA), ao enredo lúdico-filolóxico do “FONO LEX”, ao xogo dos tesouros dos piratas ou á novela policiaca colectiva e inacabada composta coa técnica do “cadáver exquisito”. Aquel ambiente de liberdade intelectual e relaxamento vital reflíctese con claridade nas fotografías que se conservan das xuntanzas e xantares galeguistas nas praias e casiñas de Coruxo onde as brincadeiras en bañador combinan con tertulias vagariñas afastadas de olladas indiscretas.

Por todos estes motivos, neste setenta e cinco aniversario do rexurdimento orgánico do Partido Galeguista na posguerra, Galicia ten unha débeda pendente coas praias de Coruxo, lugar da memoria democrática e da resistencia ao franquismo, onde homes e mulleres en bañador e ollando solpores conspiraron para seguir queimando a súa vida por Galicia e pola liberdade, unha arela de liberdade política pero tamén unha liberdade fundamental de ser, de crear, de fantasear e de vivir sen coacción e sen medo.

HIPÓTESE 3. INFORMAR PARA LIBERAR: PLÁCIDO CASTRO E A REDE DE ESPIONAXE ANGLOAMERICANA

Nesta terceira hipótese, sinalaremos unicamente unha pista sobre outra das máis que probables achegas de Plácido Castro á resistencia democrática galeguista no marco da loita das democracias liberais atlánticas contra do fascismo e o nazismo durante a IIª Guerra Mundial e a posguerra. A anglofilia de Plácido Castro e a súa recoñecida vinculación co núcleo dinamizador da resistencia democrática en Galicia nun porto de interese estratéxico como Vigo podería suxerir a identificación de Plácido Castro como unha das persoas que mantivo discretamente informados aos aliados do proceso de reconstitución dos partidos políticos na clandestinidade. En reciprocidade, os galeguistas mantivéronse ben informados -tamén a través do PNV- dos planos que o Reino Unido deseñaba para a España da posguerra. De todos os xeitos, a discreción deses contactos e a ausencia de rexistros nos arquivos unicamente nos podería facer intuír esta posibilidade. Agora ben, dous testemuños converxen para sinalalo como un probable informante da espionaxe angloamericana.

A primeira pista que revela publicamente esta vinculación chega dun xeito sorprendente na novela A vinganza do defunto do xornalista e escritor Carlos G. Reigosa (Xerais, 2016). Nesta novela do ano 2016 o aclamado detective Nivardo Castro recibe a encarga de localizar a un criminal de guerra nazi fuxido a través do porto de Vigo e da famosa “rota das ratas”. Para recoller testemuños do Vigo da posguerra mundial, o detective e o seu axudante entrevístanse co pioneiro do xornalismo internacional galego Celso Collazo. No relato que noveliza Carlos G. Reigosa, Collazo lembra como chegou a vivir a Vigo en 1942 e como axiña entrou en relación cos camaradas galeguistas do seu paseado pai, entre os que se atopaba Plácido Castro e a quen atribúe o seu contacto cos ingleses e norteamericanos.

Eu tiven despois máis relación cos ingleses e norteamericanos por medio de Plácido Castro, que era un galeguista que estudara en Glasgow e que escribiu en El Pueblo Gallego de Portela Valladares sobre as súas viaxes por Irlanda. Plácido estaba desterrado en Vigo coa súa muller e un fillo pola súa actividade galeguista e porque simpatizaba cos ingleses. Foi el quen me presentou a Hugh Glenday, que colaboraba co Secret Intelligence Service británico, e a Debelius e a McLein, o cónsul e o vicecónsul de Estados Unidos. Glenday foi despois o delegado da Comisión Aliada de Control que se fixo cargo dalgúns bens alemáns en Galicia. Un día levoume ao Colexio Alamán, que non sei por que lle chamaban Alamán e non Alemán, debía ser por unha cuestión de copyright. Saín de alí cunha chea de libros e discos xermánicos. Xa terminara a guerra. En decembro, chegou unha flotilla británica que se retiraba do Atlántico sur. Recibiunos Glenday deulles unha cea de nadal no Hotel Universal. Cando acabou, británicos e falanxistas acabaron a hostias por toda a cidade. Que tempos!

Das referencias que sinala Plácido Castro, temos verificado a identidade de Hugh Glenday, e nxeñeiro inglés establecido en Vigo, onde era propietario entre 1933 e 1943 do “Garage inglés” situado na rúa Urzáiz e asistía asiduamente aos eventos do consulado británico na cidade. Non obstante, os estadounidenses Debelius e McLein non teñen sido identificados e non lle constan referencias ao profesor Emilio F. Grandío Seoane, que ten estudado polo miúdo as redes de espionaxe alemás e angloamericanas que se teceron en Galicia arredor de A Coruña e de Vigo cos seus famosos Cable Alemán e Cable Inglés. Pero a confirmación deste traballo de conexión de Plácido Castro coa intelixencia angloamericana atopámola nunha carta de Rodolfo Prada a Silvio Santiago na que rende contas desde México dunha súa viaxe a Galicia con pasaporte arxentino en novembro de 1945 e na que describe a Plácido Castro como “moi enlazado cos Consulado Inglés e Norteamericán, permitíndolle elo faguer unha laboura moito útil”6.

Por último, unha conexión máis circunstancial coa intelixencia británica tamén a atoparemos no caso de George Hills, xornalista, historiador e hispanista responsable da sección española da BBC que até 1947 se desempeñou como oficial de intelixencia no exército británico. En 1948 tivo lugar a transcendental viaxe para Plácido Castro do xornalista británico a Galicia por mediación de Alexandre Raimúndez, ourensán exiliado en Londres durante a Guerra Civil e responsable na BBC das emisións en galego do “Galician Programme”. Desde Londres, Raimúndez recuperou a comunicación cos amigos galeguistas ourensáns Leuter González Salgado e Xosé Ramón Fernández Oxea Ben Cho Shey que o puxeron en contacto con Francisco Fernández del Riego, que axiña asumiu a coordinación do programa en Galicia e solicitou a colaboración das principais referencias intelectuais do país. Na súa visita a Galicia, Hills estivo a compañado por Paco del Riego e Plácido Castro, organizándose unha cea de homenaxe e despedida en Vigo con Valentín Paz-Andrade, Carlos Maside e os irmáns Emilio e Darío Álvarez Blázquez. Mais un oportuno sopro por parte dun policía paciente seu ao médico Darío no que informaba de que se ía organizar unha redada da policía contra os asistentes motivou a súa cancelación. Un ano despois George Hills e Plácido Castro reencontráronse en Londres tras da breve estadía de Plácido en Lisboa e Estoril (Portugal) a onde se tivo que trasladar para facer fronte á delicada situación económica da súa irmá Hermitas. E Plácido pasou a formar parte do equipo responsable do “Galician Programme” dentro da sección en español da BBC.

HIPÓTESE 4. PREPARANDO A TERRA PARA GALAXIA: O SERVIZO DE EDICIÓNS, PUBLICACIÓNS E TRADUCIÓNS (SEPT)

Segundo Ánxel Fole, entre as cuestións debatidas na asemblea clandestina de reconstitución orgánica do Partido Galeguista de xullo de 1945 en Coruxo incluíuse a posible creación dunha editorial e dunha revista. Nove meses máis tarde, o 1 de abril de 1946, outorgábase en Vigo un acordo provisional e privado de constitución do Servicio de Ediciones, Publicaciones y Trabajos (SEPT) e na que figuraban como socios Plácido Castro, Xaime Isla Couto e Celso Collazo. Consonte ao documento orixinal redactado en galego, cada un dos socios contribuiría con diversos medios e recursos: Plácido achegaba o financiamento, Xaime aportaba proxectos, iniciativas e asesoramento así como o deseño do logotipo, e Celso Collazo levaría toda a responsabilidade do traballo diario do negocio. O logotipo de SEPT consistía nunha pedrafita rodeada por un setestrelo e tiña como domicilio social a rúa Lepanto número 7, a residencia privada de Plácido Castro en Vigo.

A orixe deste negocio editorial de librería e traducións saíu do maxín proxectivo de Xaime e Plácido. O obxectivo desta primixenia SEPT era funcionar como distribuidora de libros que crease clientela e unha rede de subscritores para despois comezar coa edición de libros en galego, unha estratexia que compensaría a inexistencia dun mercado para o libro en Galicia e a deficiente dotación de librerías. De feito, Xaime tiña na memoria as dificultades de Ánxel Casal e Nós para lograr vender os libros en galego nas librerías. SEPT serviría ademais para darlle un medio de vida a Celso Collazo que vivía de bohemio facendo vida polos cafés vigueses. Mais os proxectos do galeguismo na clandestinidade abalaron cando uns días máis tarde da constitución de SEPT, o 9 de abril de 1946, Ramón Piñeiro e os imáns Saco Arce son detidos en Madrid. Uns meses máis tarde Francisco F. del Riego, Roberto González Pastoriza e Darío Álvarez Blázquez tamén son detidos. A represión e vixilancia policial entalaban a loita política e iniciábanse os traballos preparatorios que levarían á creación da Editorial Galaxia.

En 1947, o negocio amplíase coa entrada de Xosé Meixide González como socio para se facer cargo do traballo diario canda ao disperso Celso Collazo e reforzar a xestión comercial. Naquela altura, SEPT ficaba integrada por cargos do Partido Galeguista como o ex-secretario de relacións exteriores, Plácido Castro, o secretario técnico, Xaime Isla, o secretario de organización, Xosé Meixide, e un correo e enlace do partido na clandestinidade, Celso Collazo. Mesmo pódese intuír que o traballo comercial de creación dunha rede de subscritores con base nos listados dos socios protectores do Seminario de Estudos Galegos ofrecía unha boa cobertura para o enlace entre os diferentes grupos de militantes do Partido Galeguista.

A empresa tivo unha vida breve. O capital social esgotouse e as diversas liñas de negocio xeraban beneficios cativos aínda que abranguían diversos servizos: traducións das que se encargaban Plácido Castro e Celso Collazo, o envío dun boletín personalizado con novidades editoriais a partir do ficheiro de libros publicados que elaboraba a Biblioteca Nacional, e a organización de bibliotecas para entidades e particulares empregando a Clasificación Decimal Universal (CDU) obrigatoria nas bibliotecas públicas españolas desde 1939. Os servizos que prestaba SEPT estaban vinculados á experiencia e competencias dos socios como o servizo de librería e publicacións que incluía a orientación bibliográfica xeral e a profesional e especializada, a organización e selección de bibliotecas, a venda de libros e revistas e a súa importación, etc. A oficina de traducións aproveitaba o dominio de idiomas de Plácido Castro e Celso Collazo e nos outros servizos ofertados engadíanse aspectos tan curiosos como a selección de discos e edicións musicais, os gravados e acuarelas, as fotografías, o servizo de impresos, debuxos e ideas de publicidade e organización, e mesmo ideas para mobiliario e decoración de librería e bar en domicilios particulares. Os talentos dos socios para a pintura e o deseño gráfico, a súa melomanía, o seu carácter organizador e a súa creatividade artística puxéronse, logo, a disposición dunha empresa integrada de servizos editoriais e culturais que unicamente se podía permitir economicamente naqueles anos unha minoría moi reducida da poboación galega. Por este motivo, e co fin de impulsar o negocio, proxectouse nomear catro axentes comerciais para cubrir toda Galicia e fortalecer a distribución de libros co fin de financiar coas vendas os futuros traballos de edición. Pero a marcha de Plácido Castro a Portugal e Londres en 1948, a mudanza de Celso Collazo a Compostela, unha breve detención de Xosé Meixide pola súa significación galeguista, e os compromisos profesionais de Xaime Isla no seu despacho xurídico e a súa incorporación no curso 1946-1947 como profesor na Escola de Peritos Industriais de Vigo enfraqueceron a expansión comercial de SEPT.

No Arquivo da Fundación Isla Couto consérvanse unhas notiñas manuscritas sen data dun derradeiro intento de salvar a SEPT. O negocio neste novo deseño queríase orientar á edición de libros, revistas e publicacións e á súa exportación, distribución e venda. Como socios figuran José Ramón Fontán, avogado compañeiro de Xaime no despacho de Gregorio Espino e futuro alcalde de Vigo (1963-1964), Xosé Meixide e Xaime Isla. O novo socio Fontán viña encher o posto de socio capitalista que ocupara Plácido Castro mentres que Meixide ocuparía a xerencia e Xaime encargaríase do asesoramento e da librería xurídica. O proxecto frustrouse, pero o seu domicilio social quedaría na rúa Reconquista, 1, sede durante décadas da Editorial Galaxia, sucesora da esmorecida SEPT. De feito, os boletíns de subscrición das accións de Galaxia debían remitirse precisamente á sede de SEPT, entidade que naquela altura tiña unicamente unha existencia nominal. O folleto que anunciaba SEPT revela como este negocio de distribución de libros tiña un horizonte máis ambicioso:

Y ocurre, por otra parte, según notoriamente es sabido, que Galicia carece de editoriales propias; no existe un solo intento editorial serio, que al tiempo de permitir la posibilidad de dar a conocer dentro del país la obra de nuestros escritores, sirviendo de instrumento apto para la difusión y permanencia de los valores culturales propios, recoja del exterior aquellas obras más afines con nuestro espíritu genuino y que mejor se acomoden a las necesidades del público gallego.

Estimulado principalmente por estas ideas nace SEPT. Sin perder de vista la preparación de nuestra futura editorial, atenderá inicialmente a la organización del mercado gallego del libro, y de manera especial a los pequeños pueblos y aldeas diseminados por toda la región.

Xa que logo, a lectura atenta do folleto de SEPT anuncia unha nova editorial en Galicia, pero antes cumpría sementar a terra cunha clientela e unha demanda real para o libro en galego. E nesta xeira preparatoria, Plácido Castro axudou a chantar as bases da nova editorial que se albiscaba. En novembro de 1950, por fidelidade aos amigos e ao galeguismo, subscribiu desde Londres a acción número 44 de Galaxia, un proxecto para a permanencia dos valores culturais propios e do noso espírito xenuíno que cumpre precisamente o seu setenta aniversario neste 2020.

A DESPEDIDA DOS AMIGOS

Nesta longa conferencia temos ido debullando os lazos de amizade e afinidade liberal de Plácido Castro e Xaime Isla tendo como pano de fondo os intensos anos entre 1940 a 1948 en que conviviron en Vigo e nas praias de Coruxo participando da loita clandestina pola liberdade e a democracia. Agardamos que esta miúda descrición teña servido para verificar as catro hipóteses iniciais: Plácido como cicerone liberal de Xaime, Plácido como activo do galeguismo clandestino, Plácido como protagonista das relacións exteriores coas redes aliadas de información, Plácido como cómplice do traballo de sementeira previo á creación da Editorial Galaxia.

E chegados ao cabo desta conferencia, quixera poñerlle o ramo coas verbas de despedida que Xaime dedicou a Plácido Castro nos días previos á súa partida de Vigo cara a Lisboa e Londres. Escrito coa letra arabesca que o caracterizaba, o corazón quente da pluma de Xaime deitou un feixiño de versos de saudade naquel caderniño co que os seareiros galeguistas do Café Derby agasallaron ao irmán que partía:

Entre Laxeiro que o

aturuxo berra

e Juanito que a Polifónica debece

en un verso dedícoche

sin voz, sin sombra, sin esquezo,

sin palabras siquera

que algo digan

D-iste aer leve, inmensamente

puro, fondo, enorme

que un pano estremecido

por enriba da man

-corazón quente-

fica.

Xaime.

Un día do agosto 48

E setenta e dous anos despois daquela homenaxe discreta a Plácido Castro nun caderno baratiño, o soño compartido polos galeguistas segue a ser o mesmo co que abriamos esta conferencia: “Unha Galiza nova, nunha Humanidade mellor”.

 

Bibliografía :

  • Álvarez Blázquez, Álvaro (2002), “Na lembranza dun intenso tempo breve”, en VV.AA. Plácido Castro no centenario. Baiona: IGADI, pp. 47-52.
  • Álvarez Blázquez, Darío (2006), “Plácido Castro a través dos ollos dun neno”, en VV.AA., Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp. 193-198.
  • Álvarez Gándara, Alfonso (2002), “O galeguista anglófilo”, en VV.AA. Plácido Castro no centenario. Baiona: IGADI, pp. 117-122.
  • Álvarez Gándara, Alfonso (2006), “O perfil humano de Plácido”, en VV.AA., Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp. 89-94.
  • Álvarez Seoane, Generoso (2010), “El instituto bioquímico Miguel Servet”, en Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, 15, pp. 43-62.
  • Bastos Boubeta, Miguel Anxo (2020), “Hai sitio para un galeguismo de dereita?”, Nós Diario , 8 de xaneiro de 2020.
  • Beramendi, Justo G. (2007), De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Xerais.
  • Carmona Badía, Xoán (coord.) (2006), Empresarios de Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia.
  • Carmona Badía, Xoán (coord.) (2009), Empresarios de Galicia. Volume II. A Coruña: Fundación Caixa Galicia.
  • Casares, Carlos (2005), Conversas con Ánxel Fole, Vigo: Galaxia.
  • Castro, Xavier (ed.) (2000), Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos 1943-1954. Vigo: Galaxia
  • Castro del Río, Plácido R. (2002), Unha escolma xornalística. Sada: Ediciós do Castro.
  • De Toro Santos, Antonio Raúl (1994), Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956 . A Coruña: Tambre.
  • Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán, (2015), Nacionalismo galego aquén e alén mar: desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975). Ames: Laiovento.
  • Fernández del Riego, Francisco (2003), Camiño andado, Vigo: Galaxia.
  • Fernández del Riego, Francisco (2010), “Lembranza daquela vella tertulia” en Mallo, Albino, Algo máis que un café. O Derby de Vigo (1921-1968), Vigo: Galaxia, pp. 161-164.
  • Fernández González, Manuel (2005), La dinámica sociopolítica de Vigo durante la Segunda República, Tese de Doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela.
  • Franco Grande, Xosé Luís (2015), “Xaime Isla, entre o proxecto e a execución”, Grial. Revista galega de cultura , 207, pp. 64-47.
  • Grandío Seoane, Emilio (2015), “No solo wolframio. Galicia, campo de juego de las redes de inteligencia durante la Segunda Guerra Mundial”, Revista Universitaria de Historia Militar, vol. 4, n. 8, pp. 101-117.
  • Gray, John (1994), Liberalismo. Madrid: Alianza Editorial.
  • Hedges, Chris (2016), La muerte de la clase liberal. Madrid: Capitán Swing.
  • Hobhouse, Leonard Trelawny (1911), Liberalismo, Barcelona: Labor, 1927.
  • Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2009), Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista. Foro Enrique Peinador.
  • Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2016), Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país. Foro Enrique Peinador.
  • Martínez Cobas, Xavier (2015), “Xaime Isla e a economía galega”, en Boletín da Real Academia Galega, 376, pp. 459-463.
  • Pastoriza Rozas, Xosé Luís (Ed.) (2015), Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia, Vigo: Galaxia.
  • Pastoriza Rozas, Xosé Luís (2015), “Presencia da Nación! O galeguismo xuvenil de Xaime Isla Couto” en Grial. Revista galega de cultura , 207, pp. 22-33.
  • Piñeiro, Ramón (2002), Da miña acordanza: memorias. Vigo: Galaxia.
  • Reigosa, Carlos G. (2016), A vinganza do defunto, Vigo: Xerais.
  • Ríos, Xulio (1997), Plácido Ramón Castro del Río: humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego . Vigo: Ir Indo.
  • Rodríguez Lago, José R. (2004), La Iglesia en la Galicia del franquismo (1936-1965): clero secular, Acción Católica y nacional-catolicismo. Sada: Ediciós do Castro.
  • VV.AA (2002), Plácido Castro no Centenario. Baiona: IGADI.
  • VV.AA (2006), Congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
  • Veiga, Manuel, (2004), “O réxime de Primo de Rivera en Vigo e na provincia de Pontevedra: da esperanza á desilusión”, en Revista de Estudos Provinciais, 20, pp. 41-51.
  • Villanueva Gesteira, María Dolores (2015), A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963 . Tese de Doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela.

 


 

1 Xaime Isla refírese ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna en 1933 ao que asiste Plácido Castro en representación do Partido Galeguista cunha memoria redactada por Vicente Risco.

2 Roberto González Pastoriza estaba casado coa compositora María Luisa Sanjurjo Oza, parente do xeneral José Sanjurjo Sacanell, un dos líderes da conspiración golpista do 18 de xullo finado nun accidente de aviación en Estoril (Portugal) o 20 de xullo de 1939 cando se ía poñer á fronte da sublevación militar.

3 El Pueblo Gallego, 24-3-1933.

4 Fondo Xosé Ramón Fernández Oxea/Ben-Cho-Shey. Arquivo Histórico da Deputación Provincial de Ourense.

5 FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F., “Lembranza daquela vella tertulia” en MALLO, Albino, Algo máis que un café. O Derby de Vigo (1921-1968) , Vigo, Galaxia, 2010, pp. 161-164.

6 Fondo Silvio Santiago. Arquivo da Emigración Galega. (C-52-C001. México, 20-4-1946)

Arquivos anexos a descargar: