22ª Conferencia Anual: “Plácido Castro, a cultura galega e a xénese da recuperación do Camiño de Santiago”, por Manuel Gago

22ª Conferencia Anual

22ª Conferencia Anual: “Plácido Castro, a cultura galega e a xénese da recuperación do Camiño de Santiago”, por Manuel Gago

Pronunciada por Manuel Gago en Fisterra, xullo de 2021

“Plácido Castro, a cultura galega e a xénese da recuperación do Camiño de Santiago”

Por Manuel Gago

A memoria é enganosa. Moita xente pensa hoxe en día que o Camiño de Santiago, tal e como o entendemos, sempre estivo aí. Que nunca deixou de haber peregrinos enchendo as rúas do Franco, Galicia foi sempre coñecida no exterior sobre todo polo Camiño e que mesmo boa parte da historia galega se debía a ese fenómeno relixioso. Pero isto non foi así. O Camiño de Santiago é unha eterna invención (do latín inventio, ‘descubrimento’), que renace (e decae) ciclicamente en circunstancias culturais e políticas distintas.

Esta intervención ten por obxectivo situar a Plácido Castro no berce da última reinvención do Camiño de Santiago: aquela na que un fenómeno relixioso se transformou nun proceso cultural e turístico de gran relevancia para a Galicia moderna. Para contextualizar esta idea, abondaremos na súa visión do desenvolvemento turístico de Galicia e o papel que debían xogar as tradicións, infraestruturas e patrimonio cultural e natural. Como pasou con outras das súas ideas sobre Galicia, Plácido Castro foi un adiantado ao seu tempo e, ao tempo e por desgraza, unha voz aínda hoxe singular de vez. Nesta conferencia exploraremos estas ideas nunha dimensión ampla: na súa relación co réxime político que lle tocou vivir a Plácido Castro na súa madurez e coa cultura galega da que el participou, observando como un tema cultural como o Camiño de Santiago pode contar, de maneira colateral, parte do mundo do que vimos e no que estamos.

É indubidable que a cultura galega actual ten unha relación incómoda co Camiño de Santiago. Esta problemática plásmase, por exemplo, na elección de temáticas da literatura: os temas xacobeos están ben ausentes dos argumentos e escenarios da ficción contemporánea en lingua galega. O contraste é enorme en calquera libraría da cidade vella compostelá, onde os escaparates están cheos dun tipo de literatura popular sobre o Camiño de Santiago en lingua castelá escrita por autores foráneos. Son novelas de ambientación histórica adobadas coas tendencias editoriais do momento (esoterismo, thriller, etc.).  Sen afirmar que unha parte significativa (non toda) da creación cultural galega vive de costas ao Camiño de Santiago, creo que cando menos podemos dicir que se coloca de perfil.

Este rexeitamento procede, en gran medida, da aposta dos sucesivos gobernos autonómicos desde a época de Manuel Fraga polo Xacobeo como motor turístico de Galicia e a enorme cantidade de investimento público destinado a potenciar a narrativa que o debe soster e alimentar. Uns orzamentos que son detraídos de outras accións limitando, a xuízo do sector, a atención a outros ámbitos culturais e construíndo certo relato monolítico de Galicia, vertebrado ao redor dun feito relixioso e coa Igrexa como axente central e protagonista da historia de Galicia.

Pero alén desta cuestión,  considero que esta reacción da cultura sobre o Xacobeo vai máis alá do conxuntural, e ten tamén que ver coa actitude histórica de determinados sectores fronte á institucionalidade autonómica. Como ten sinalado Ramón Villares en Cultura e política na Galicia do século XX (Galaxia, 2021), o nacionalismo de esquerdas rexeitou, en gran medida, o marco institucional autonómico, conforme se foi implementando. Esa desconfianza, coas lóxicas transformacións de corenta anos de autonomía, segue a continuar hoxe, aínda que de xeitos e dinámicas distintas. Xunto coas diferentes institucións culturais constituídas durante os primeiros gobernos autonómicos, non hai dúbida ningunha que a promoción e alento do Camiño de Santiago é o principal vector da política cultural do país desde a aposta de Manuel Fraga polo Xacobeo a partir do ano 1993.

Nesta conferencia sinalarase que a nova ‘inventio’ do Camiño de Santiago non naceu como unha innovación autonómica, se ben o programa de fastos vinculados ao Ano Santo si puido ter xurdido na taberna O gato negro da compostelá rúa do Franco, como ten anotado nas súas memorias o que era de aquela conselleiro de cultura, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. O Camiño de Santiago xa estaba presente nas políticas de promoción turística promovidas por Fraga desde a súa etapa como ministro nos gobernos de Francisco Franco, como parte dunha operación máis ampla e que mesmo comezou antes ca el. Nese escenario dos primeiros anos 60 sumábanse as arelas de recoñecemento internacional do réxime franquista coa apertura de campo, máis ou  menos solapada, de determinados grupos, discursos e visións procedentes do mundo do rexionalismo e nacionalismo previo á propia ditadura. E aí onde imos situar a nosa argumentación.

Non quero, con todo, deixar de situar o Camiño de Santiago como un dos grandes temas para comprender a cultura galega contemporánea e a súa presenza do mundo, onde se desvelan as propias fracturas e contradicións do sector e da identidade cultural galega contemporánea. Como creador e participante do sistema cultural, son ben consciente destas fracturas. O Camiño de Santiago é sen dúbida ningunha o tema cultural máis coñecido de Galicia no exterior, presente con frecuencia nos espazos común de conversas con profesionais da cultura doutros países. Moitas veces fican sorprendidos co pouco interese que observan nos creadores galegos por esta historia, que moitas veces mesmo se sente como allea, e que pode dar lugar a certas críticas de desaproveitar un potencial enorme para a visibilidade internacional.

Porén, o Camiño de Santiago revela tamén a heteroxeneidade e pluralidade do sector. Fronte á indiferenza ou rexeitamento dos creadores ao universo do Camiño, observamos a participación intensa da industria cultural, que participa, como fornecedora de servizos para a administración autonómica, na creación dos imaxinarios do Camiño. O problema é que, en moitas veces, a súa calidade e discutible e o seu impacto, moi reducido. A contradición nace do indiscutible éxito do Camiño: exterior, pero tamén no interior, onde numerosos segmentos da sociedade perciben o seu impacto económico nas vilas e núcleos rurais inmediatos aos itinerarios máis concorridos. O rexeitamento do fenómeno por boa parte da cultura revela a súa distancia, ás veces crecente, co público ao que debera dirixirse e ten un efecto colateral: deixa, ao tempo, o campo libre para o perigoso camiño do monolitismo ou  a simplificación turística. Se a cultura ten precisamente capacidades é para apropiarse, resignificar e diversificar un relato determinado, outorgándolle viveza e complexidade, cuestionándoo nas súas bases para facelo vivo.

Porén, o Camiño de Santiago foi un tema relevante para o galeguismo desde o século XIX, que pouco a pouco foi moldeando unha idea de Galicia e da súa identidade vinculada á potencia cultural de Compostela dentro dunha Europa medieval vertebrada ao redor do cristianismo. Lembremos que, entre outras cousas, foi xa Manuel Murguía quen difundiu o Romance de Don Gaiferos de Mormaltán en 1888, escenificando no contexto do Camiño de Santiago a aparición dun dos escasos representantes do xénero dos romances de orixe medieval en lingua galega. A finais do século XIX os historiadores concedían gran relevancia ás fórmulas poéticas que remitían ao pasado, como vínculos simbólicos da identidade nacional a través do tempo.

A vinculación do galeguismo co Camiño de Santiago e, sobre todo ten a súa máxima expresión durante o tempo da Xeración Nós, onde observamos como na súa vinculación coa intelectualidade galega xa amosaba as posibilidades de conexión internacional. A primeira tradución do Códice Calixtino foi realizada polo estudoso norteamericano W. Muir Whitehill, quen descubriu esta xoia medieval en 1927 cando acompañaba a Kingsley Porter, o destacado experto en arte románica que acudira a Compostela. Whitehill traduciu o texto durante unha longa estancia en Compostela en 1932, segundo informou o profesor Manuel Díaz y Díaz, e entregouno en 1934 ao Seminario de Estudos Galegos, que iniciou a súa edición en latín e galego, conscientes do significativo valor non só do códice senón das súas implicacións culturais. O proceso de impresión, interrompida  pola Guerra civil e non extento de azarosas aventuras, non rematou ata 1944.

Pero para o sentido deste discurso, quero destacar as pelerinaxes levadas a cabo por destacados membros do grupo ourensán. Foron dúas camiñadas de Ourense a Santiago (1926) e de Ourense a Santo André de Teixido (1927), escollidos de xeito deliberado como cernas espirituais do país. Para o grupo Nós, a peregrinación era unha vía para o coñecemento profundo de Galicia e unha oportunidade para se deter no corazón mesmo do país, aquel que marcha a paso lento a través dos séculos. Non están pensando nun visitante foráneo.  Otero Pedrayo e Vicente Risco querían expresamente diferenciarse do turismo burgués e motorizado que estaba a prosperar xa nos anos 20 entre as clases medias.

Os ourensáns optaron por dúas premisas distintas: percorrer os camiños a pe, ao vello xeito dos peregrinos, e a escolla de destinos relixiosos como a catedral de Santiago ou o santuario de Santo André. O seu itinerario trazábase sobre o mapa de Domingo Fontán, seguindo as trazas dos vellos camiños. A súa opción xa era excéntrica no seu tempo, a xulgar polos comentarios dos paisanos ao seu paso, que non comprendían o sentido da viaxe destes señoritos.

É moi sintomático que no magnífico texto de Pelerinaxes I, Ramón Otero Pedrayo non bota man dos habituais topoi da literatura de viaxes ao redor das malas comunicacións, a hostalaría deficiente ou do descoñecemento inxusto dalgún fermoso monumento rural. Non parecen moi interesados en que ese mundo en aparencia -ou en crenza- ancestral se abra a un público máis amplo. Lembremos a aversión manifesta de Vicente Risco polos turistas expresada en Mitteleuropa.

Achegarse a estes textos de Otero no seu itinerario a San  Andrés de Teixido ou aos que publicou en A Nosa Terra Xavier Pardo entre 1926 e 1927 sobre o maratoniano itinerario de Ourense a Compostela de Vicente Risco e Otero Pedrayo entre outros, é un interesante exercicio para contrapoñer coa visión que tiña Plácido Castro sobre o Camiño de Santiago e a relación entre turismo e cultura. Esta comparación é sobre todo un xogo entre épocas distintas e diferentes contextos históricos. No seu artigo “Roncesvalles y Compostela”, publicado no Faro de Vigo o 25 de xullo de 1961, Castro realiza unha contraposición entre o tratamento que se lle concede ao Camiño de Santiago en Navarra e o que se lle presta en Galicia. En Roncesvalles “pode un -á vista dos próximos vales e montañas de Francia- experimentar coa maior intensidade e emoción íntima a sensación de atoparse no preciso e tradicional punto de unión de España -e naturalmente de Galicia- co resto de Europa, e comprender todo o significado desta histórica vía internacional creada pola devoción ó Apóstolo Santiago. Significado que unha ducia de axitados séculos non logrou desvirtuar”.

A data de publicación do artigo de Castro non é casual. Ese mesmo 25 de xullo estábase inaugurando en Santiago de Compostela unha das dúas sedes da Exposición Internacional de Arte Románico de 1961, comisariada localmente por Manuel Chamoso Lamas. E o día anterior abrírase a sede barcelonesa da mesma exposición, baixo a dirección do comisario xefe do proxecto, Joan Ainaud de Lasarte, directo dos Museos Municipais de Arte de Barcelona e antigo preso republicano en Betanzos trala Guerra civil. Plácido Castro menciona a atención prestada á arte románica e ao fenómeno cultural do Camiño porque lle “inspira unhas reflexións bastante menos gratas que as que quedan expresadas (…) Neste Ano Románico lemos noticias da atención que a Deputación Foral de Navarra dedicou ao Camiño de Santiago na súa provincia”. O escritor sinala que o románico e o Camiño teñen moita máis significación para Navarra que para Galicia. “Escasos son por agora -e para cando quedarán?- os signos de que Galicia aporte algo máis que obras de arte. Parece que non temos nada que ofrecer, ou que todo iso pouco nos importa. Nin a inspiración da nosa tradición, nin a actualización desa tradición na Europa de hoxe”.

O artigo de Plácido Castro é unha ben chamativa testemuña de como o Camiño de Santiago estaba a vivir, ao longo dese século XX -e, desde logo, no anterior- un punto baixo dese ciclo flutuante aos que aludiamos ao principio da conferencia, pero tamén un indicador de que algo comezaba a cambiar nun sentido decisivo: o Camiño de Santiago comezaba a se converter de novo, centos de anos despois, nun vector da construción europea en datas ben temperás. A propia Exposición do Románico era, desde logo, parte dunha operación diplomática para aproximar o réxime franquista a Europa, e por iso non era casual que o Ministerio de Asuntos Exteriores participara canda o de Educación Nacional (que tiña as competencias de cultura) na organización do evento.

A exposición tratábase da sétima das grandes mostras promovidas polo Consello de Europa co obxectivo de “enaltecer e valorar as grandes creacións colectivas dos diferentes pobos europeos, cada unha no país que tivera desempeñado un papel relevante na xénese ou desenvolvemento do correspondente movemento cultural”, como ten sinalado Anselmo López Morais. Para comprender a relevancia desta operación cultural, abonda con repasar as mostras anteriores: o Humanismo en Bruxelas, o Manierismo en Amsterdam, o século XVIII en Roma, o Rococó en Múnic, o Romantismo en Londres e as Fontes do século XX-Artes en Europa no período de entreséculos en París. Barcelona e Santiago de Compostela foron as seguintes na lista.  De xeito bastante interesante e sintomático, o goberno franquista optou por dúas cidades periféricas para a realización da que sen dúbida é a primeira operación cultural de relevancia a nivel internacional do franquismo, se cadra aínda non ben estudada na súa xénese e desenvolvemento. Non é casual que o responsable de Exteriores fose o diplomático Fernando María Castiella, que conseguiu o ingreso de España na OCDE e no FMI e solicitou en 1962, por primeira vez, a entrada de España na Comunidade Europea. O Camiño comezaba a revelarse como un valioso activo para a diplomacia cultural. O interese viña tamén do sentido contrario: da Europa que buscaba elementos comúns tras un contexto de duro enfrontamento.

É inevitable non atopar os paralelos coa propia declaración, por parte do mesmo Consello de Europa, do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo, en 1987, pouco despois da entrada de España na Comunidade Económica Europea en 1985 e a integración plena en 1986. O apoio concedido desde as institucións europeas ao Camiño de Santiago como un elemento vertebrador da identidade europea está presente nas políticas culturais.

O interesante é como se cruzan nesta historia diferentes factores. Manuel Fraga Iribarne promoveu ao  chegar ao Ministerio de Información e Turismo en 1962 o Camiño de Santiago. Nese ano o Camiño Francés declarouse Conxunto Histórico Artístico, formouse o Padroado do Camiño e se acometeron a restauración de igrexas fundamentais como o Cebreiro, albergues, ou a apertura de infraestruturas de apoio como o Parador de San Marcos en León, o Monte do Gozo ou o Burgo das Nacións en Santiago de Compostela en 1965, a coincidir co Año Santo. En 1963 os ministerios de Vivenda e Turismo elaboraron unha destacada exposición, con fotografías, pezas orixinais e unha montaxe que aínda parece moderna, cun título revelador que non agachaba as intencións do goberno coa súa promoción do itinerario xacobeo: “Camino de Santiago. Camino hacia Europa”.

Só un ano despois da columna de opinión de Plácido Castro, Álvaro Cunqueiro -tamén amigo do noso autor- emprendeu unha peregrinación polo tramo galego do Camiño Francés co fotógrafo Magar, levado por un Seat 600 ao que chamou sintomaticamente “Don Gaiferos”, dialogando coas teimas romancísticas dos galeguistas do XIX. As crónicas, que son excepcionais, foron publicadas entre o 14 e o 24 de outubro de 1962. Algunhas fontes afirman que o proxecto contou co apoio do Ministerio de Información e Turismo. Aínda que non puiden confirmar este extremo, do que non existe dúbida é que estamos nun contexto temporal coherente. Todo isto: o artigo de Plácido Castro, a chegada de Fraga Iribarne ao Ministerio, un certo aperturismo do réxime como mecanismo para se achegar ao mercado europeo, os vínculos de amizade entre o ministro Fraga e Álvaro Cunqueiro.

E aquí xorde un aspecto destacado da construción das identidades no século XX, a conexión entre determinados intereses políticos do franquismo, cun proceso de ‘renarrativización’ de Galicia a través do desenvolvemento de certa parte da historia cultural galega en novas direccións insospeitadas ata o momento, como podía ser a converxencia co turismo e a transformación desas narrativas do seu sentido, moitas veces relixioso, a un proceso cultural máis amplo ou, outras veces, na construción dun relato dun proceso cultural da vida cotiá. É moi interesante como ese proceso que xa intuían os homes da xeración Nós, e ao que se negaban seguindo un pouco a política da avestruz, se transforma xa notablemente nos homes de cultura de 40 anos despois, como Plácido Castro ou Álvaro Cunqueiro.

Esta renarrativización partiu de vectores novos de converxencia entre turismo, recursos económicos e os vellos relatos da cultura galega, dándolles un novo sentido e reinventándoos. Un exemplo claro foron as festas de exaltación gastronómica, centradas nun produto ou nunha elaboración, unha fórmula propia do ambiente dos anos 60 non só en Galicia, senón na Europa do momento, como teño rastrexado en Italia ou en Francia. Pero o caso galego achega certa peculiaridade: a profunda vinculación destas festas cos intelectuais do país e a incardinación dos seus discursos en certos relatos culturais de gran pouso no relato cultural do país.

Neste cambio participaron, dun xeito ou doutro, unha significativa parte da intelectualidade que ficara no interior do país durante a ditadura, e que interacciona de maneira directa ou indirecta con certos axentes políticos. Non é casual a converxencia de Manuel Fraga e Álvaro Cunqueiro na Festa do Albariño, pero tampouco un repaso á lista de pregoeiros desta festa e doutra coetánea, a Festa do Cocido de Lalín. No caso da Festa do Cocido, creada en 1969, participaron figuras como Álvaro Cunqueiro, Filgueira Valverde, Xosé Otero Abeledo ou Celso Emilio Ferreiro). Na do Albariño, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Filgueira, Manuel María, Antón Fraguas ou Fernández del Riego, entre moitos outros. Poderiamos seguir con outras festas senlleiras do calendario gastronómico do país: a festa do Salmón, inaugurada co pregón de Filgueira Valverde, ou a Feira do Viño do Ribeiro. Os nomes son significativos: as corporacións municipais escollían figuras referenciais da cultura do país pero moitos deles tiñan en común un destacado galeguismo que procedía de antes da Guerra civil e que agora converxía e convivía cos programas políticos turísticos. No caso de Plácido Castro, o seu apoio á Festa do Albariño é recoñecido e indiscutido, pero ademais participou noutro exemplo de renarrativización do país de maneira ben singular.

Foi no caso da Romaría Vikinga, na que Plácido Castro participou de xeito moi directo como membro do interesantísimo colectivo Ateneo do Ullán, que se reunía na cantina da estación do tren de Catoira. A súa conexión con figuras tan excéntricas como interesantes como Faustino Rey Romero e a vinculación de personalidades como Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Luís Bouza Brey e membros da cultura local do Salnés permítenos entender que nos estamos a mover nun universo similar: o de aqueles homes cultos, herdeiros de certa visión do pasado de Galicia, que contribúen moitas veces desde o humor á ironía á conformación dun novo tipo de evento lúdico con carácter identitario baseado na  historia e na tradición. Non é casual que o primeiro xantar que se celebra nas torres inclúa unha misa en memoria do arcebispo Diego Xelmírez e remate cun “auto sacramental” no que o bispo Cresconio -en realidade o crego Faustino Rey Romero- se enfrontaba aos viquingos -en realidade un pescador excéntrico e un tanto marxinal de Catoira, Pedro “O Montañés”. A historia remataba co bispo gañando e convertendo ao pedestre (ou máis ben marestre) viquingo. Coma no Camiño de Santiago, a compoñente relixiosa desta narrativa é fundamental: parece natural, pero non o é, responde a unha cosmovisión de Galicia construída por estas elites culturais e coa que se fundaran os referentes culturais da autonomía, en exposicións como Galicia no tempo (1991). Tampouco é casual o ano de celebración desta romaría vikinga: 1961. Todo implosiona neses primeiros anos da década dos 60, como se o legado de coñecemento do pasado se entrecruzara cun novo tempo dentro dunha ditadura que mudaba para sobrevivir.

Considero que Plácido Castro era ben consciente do mundo novo que, de algún xeito, abría o turismo, e este é un dos aspectos que máis me interesa da súa visión sobre o turismo. “Non se pode no mundo de hoxe restaurar un ‘folclorismo’ simulado que sería un tanto falso (…) Recibir o que o mundo exterior nos ofrece, pero brindarlle tamén o noso. Contribuíra que non se vaia a crear un mundo monótono habitado por seres uniformes nos seus gustos e manifestacións”, afirmará nunha columna do Faro de Vigo (19/08/1962). Uns meses antes, en abril, xa abondara na necesidade de crear e construír algo novo, sen medo, a partir da tradición, para ofrecerllo aos foráneos: “É aconsellable ofrecerlle o typical Galician no aspecto folclórico, a música, traxes, festas, romarías e acontecementos, como a festa do Albariño ou outras similares que xa existen ou poderían organizarse (…) tamén ten o seu atractivo maior, quizá para eles que para nós-, as lendas e tradicións, o romántico. Sen que teñamos que ser demasiado puritanos en canto ao que iso puidera ter de artificial, sempre dentro de certos límites, posto que o realmente ‘vivo’ no folclore xa desapareceu, por desgraza, case en todas partes’. Creo interesante lembrar esa “actualización da tradición” á que se refería Plácido Castro no seu artigo sobre o Camiño de Santiago, e que ao meu ver son ponlas do mesmo pensamento: a idea de que non é problemático construír novas tradicións adaptadas ao mundo contemporáneo, se estas son coherentes coa antiga tradición e cultura.

Sen dúbida movémonos nun territorio de certezas e discursos compartidos, dun universo que pasa da evocación dos libros a unha certa industrialización, á conversión nun produto turístico, e á converxencia entre as antigas identidades culturais, os imaxinarios, e os servizos ao visitante foráneo que precisa un discurso diferencial. Estes intelectuais dos 60 xa pertencen a unha xeración que é consciente da importancia económica do turismo, senón como este turismo se basea sobre todo nunha experiencia identitaria. E que este diálogo cultural entre foráneos e locais precisa de interfaces que ás veces é preciso construír. Este debate continúa, ben o sabemos, vixente hoxendía.  Precisamente nestes días o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas argumenta no seu novo libro Imperios e danzas: as Españas plurais do franquismo, como a actitude do réxime ante a diversidade cultural de España foi evolucionando cos anos e pasando dun centralismo imperial a unha paulatina incorporación de certa diversidade folclórica e da idea de rexións, para o que botou man destes discursos previos sobre a paisaxe ou a cultura.

O universo do Camiño de Santiago subxacía, con todo, en calquera circunstancia, alleo no seu fondo a estas circunstancias históricas particulares. Estaba no ambiente, nas referencias das que botar man. En abril de 1947 emitiuse desde os estudos da BBC en Londres o primeiro “Galician Programme” que permitiría levar unha voz en lingua galega a todo o mundo, comandado por Alejandro Reimúndez. Nel participaría con once guións Plácido Castro, que se incorporou á BBC, na súa emigración, en 1949. O primeiro colaborador e convidado, Felipe Fernández Armesto, tamén coñecido como  Augusto Assía, o outro culto galego-británico do século XX, achegouse ás relacións culturais entre Galicia e Gran Bretaña. E no seu texto aludiu tamén ao Camiño de Santiago como un deses elos de conexión entre países ao longo de Europa.

Plácido Castro consideraba que era o Camiño de Santiago un dos vínculos tanxibles máis fortes con Europa. Nese mesmo tempo, as autoridades franquistas tamén comezaran a explorar as antigas conexións célticas a través de diferentes actos de irmandamento cultural e empresarial coa Bretaña francesa, tirando proveito das antigas narrativas construídas polo galeguismo desde o século XIX, en parte polo propio Plácido Castro, que vía no celtismo unha oportunidade para a conexión internacional de Galicia e no que se revelou cunha mentalidade moi avanzada que aínda hoxe custa entender. Así o desenvolve recentemente Carlos Calvo nun artigo sobre a ‘diplomacia céltica’ do franquismo na revista Mazarelos. Pero na súa aposta polo turismo deses anos 60, cando se dedica sobre todo a artigos amables e evocadores, observamos tamén a consciencia do novo mundo que se abre e o papel que xoga non só a infraestrutura, senón a necesidade de adaptar e construír unha identidade compatible coas necesidades dos visitantes foráneos. Reclamará unha maior presenza da gastronomía tipicamente galega nos restaurantes -de aquela aínda moi influenciados polos receitarios burgueses-, e mesmo nun interesantísimo artigo, argumentará que a paisaxe e os recursos naturais son activos económicos tan importantes como as novas industrias que están nacendo nese ambiente de desarrollismo.

A historia fai estrañas converxencias: o vello discurso identitario de varias xeracións de galeguistas remataría sendo asumido -de algún xeito- por un goberno que o empregou para tentar fortalecer a súa axenda internacional, e para construír un desenvolvemento económico amable a través do turismo. Pero tamén as elites franquistas locais propiciaron o nacemento dun importante número de festas gastronómicas e de celebración do produto, nos que situaron á cabeza simbólica a aqueles intelectuais capaces de dotar dun universo simbólico e narrativo os produtos da terra. Nós temos agora a capacidade de ver en perspectiva e panorámica esta estraña alianza da que hoxe participa o conxunto da sociedade galega. Desafía en certo xeito os relatos monolíticos e maniqueos do mundo e fainos ver como a realidade se desenvolve de xeito complexo.

E aquel conxunto de intelectuais participaron na invención -nese dobre sentido, entre o latín e o galego, entre o redescubrimento e a creación orixinal, dun núcleo de tradicións que funcionaron como unha consecuencia -ou produto- popular dun século de pensamento sobre o país plasmado en ensaios, literaturas, crónicas xornalísticas divulgativas dunha elite intelectual moitas veces galeguista. Pero, a xulgar polo masivo número de visitantes e asistentes acadados polo Camiño de Santiago, das festas gastronómicas senlleiras ou da Romaría Vikinga, non hai dúbida ningunha de que non ían errados no seu desenvolvemento. O Plácido Castro da mocidade soñaba cun universo compartido de referencias cos países célticos. Con independencia de canto mantivese as ideas da súa mocidade na vellez, o que non hai dúbida é que o autor non se equivocou ao pensar que parte do futuro turístico de Galicia estaría nese Camiño de Santiago.

Fisterra, xullo de 2021