Pronunciada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández en Allariz, 25 de xaneiro de 2022
Presentación
É un pracer acoller en Allariz esta XXIII Conferencia Anual Plácido Castro que versa sobre un feito tan importante como as emisións en lingua galega da BBC, das que se cumpren agora 75 anos. Sabemos que estas conferencias anuais son unha iniciativa da Fundación Plácido Castro e que con elas quer chamar a atención sobre esta insigne figura do galeguismo histórico, tan comprometida con esa outra Galiza afincada nun autogoberno plenamente inserido no mundo que nos rodea.
Plácido Castro foi unha figura clave para o éxito destes programas en lingua galega e a eles achegou a súa inmensa cultura, moi fortalecida pola súa vinculación co Reino Unido dende moi novo, cando a súa familia enviouno a estudar ao Scarborough College. Sen dúbida, na traxectoria Plácido Castro, especialmente na súa dimensión xornalística, este paso pola BBC, que lle abriu certa expectativa vital trala represión padecida polo franquismo, representa un fito singular que o relaciona con esa devoción na que sempre militou, a dun galego universalista.
Será o historiador Afonso Vázquez-Monxardín quen nos ilustre sobre os pormenores deste remarcado feito. Dende os anos 80 acompaña a investigación desta cuestión e ninguén mellor ca el para nos mergullar nos pormenores desta interesante historia.
Cristina Cid Fernández
Alcaldesa de Allariz