III Conferencia Anual Plácido Castro, pronunciada por Ramón Villares (Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2002).
Pronunciada por Ramón Villares (Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2002)
Limiar
Quixera expresar o meu agradecemento a todas as persoas que hoxe nos acompañan, tanto ao público, como aquí enriba, a Xulio Ríos, ao conferenciante Ramón Villares pola súa presencia aquí hoxe en Vilagarcía. Este, que é o primeiro acto que se celebra este ano recordando a figura de don Plácido. Dende a Fundación pretendemos que os méritos de Plácido Castro sexan recoñecidos cada vez máis, tanto como escritor, como traductor, como xornalista, como pintor, como en moitas outras facetas que el cultivou.
Por outra banda, este acto vai ser acompañado mañá pola entrega do Iº Premio de Traducción Plácido Castro, que se celebrará aquí, na Casa da Cultura, a partir das 12 e media da mañá. Son os primeiros foguetes dun ano que de verdade pretendemos sexa o do Centenario de Plácido Castro.
Roberto Araújo Cortegoso,
concelleiro de Cultura, Concello de Vilagarcía de Arousa.
Introducción
Benvidos todos a esta IIIº Conferencia Anual Plácido Castro, unha iniciativa como sabedes da Fundación Plácido Castro, coa que basicamente pretendemos dous obxectivos. Un primeiro, evidentemente, consiste en recuperar, en reivindicar, a figura, a vida, a obra, o pensamento, de Plácido Ramón Castro del Río, unha figura lamentablemente descoñecida no noso país a pesar de que, efectivamente, ten méritos dabondo como para figurar entre os ilustres da nosa terra. E en segundo lugar, o que pretendemos tamén con esta iniciativa que puxemos en marcha hai un par de anos, é tratar de reflexionar sobre algún tema que a Plácido, dunha maneira singular, dunha maneira especial, lle interesara en vida, procurando sempre afondar en materias que dalgunha maneira sexan actuais e de interese para a sociedade galega de hoxe.
Nese sentido, cómpre dicir que Portugal, que é o tema que hoxe nos convoca aquí a todos nesta IIIª Conferencia Anual, estivo presente de moi diversas formas na vida de Plácido Castro. Estivo presente, en primeiro lugar, polo seu compromiso político; todos sabemos que os galeguistas eran iberistas e eran tamén europeístas e, nese sentido, prestaban unha enorme importancia a Portugal. Plácido evidentemente participaba dese compromiso, participaba dese ideario, participaba desa visión, que compartía incluso desde unha responsabilidade tan importante como a de Secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, que desempeñou desde a IIª Asemblea Anual ata 1936.
Un feito, o de Portugal, tremendamente importante hoxe en día para o noso país. Unha idea que practicamente ninguén discute hoxe, pero que, sen embargo, cómpre salientar que foron os galeguistas naquel momento quen tiveron, fundamentalmente, a visión da importancia que Portugal podería ter para o futuro de Galicia. Pero ten importancia tamén desde o punto de vista físico, un país que el coñeceu porque, entre outras cousas, Hermitas, a súa irmá, viviu en Portugal, en Estoril, e el pasou un tempo nese Municipio antes de marchar a Londres para traballar na BBC, nese programa en lingua galega, en lingua castelá, e en lingua inglesa no que participou durante varios anos.
E, en terceiro lugar, un elemento moi importante na relación de Plácido con Portugal: os seus vínculos co “Jornal de Noticias” de Porto. Unha relación na que procuraremos afondar ao longo deste ano do Centenario, no que pretendemos desenvolver numerosas actividades que nos acheguen a diferentes aspectos, a diferentes facianas, desa complexa, desa rica, desa diversa personalidade que foi Plácido Ramón Castro del Río.
E para falar de Portugal e do galeguismo contamos con Ramón Villares, coma Plácido, outro constructor da identidade, que Plácido facía dende o fincapé na saudade, no celtismo, que Ramón Villares fai, fundamentalmente, a través da representación galega na interpretación dos acontecementos históricos. Pero os dous son, en esencia, constructores da identidade galega.
Ramón Villares é unha persoa ben coñecida de todos; foi rector da Universidade de Santiago de Compostela, hoxe éo da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia, e é, sen dúbida, unha das mentes máis claras da nosa Galicia actual, un nome, evidentemente, de referencia, tanto aquí, coma fóra de aquí, para aproximarse á historia do noso país. Conta no seu haber con numerosos premios, con numerosas obras, con numerosos galardóns, que dan conta dun traballo ben feito, un traballo sachado ata o fondo, cun rigor que sen dúbida comparte con figuras como Plácido Castro del Río. Con el quedamos.
Xulio Ríos
Portugal e o galeguismo
(III Conferencia Plácido Castro, Vilagarcía, 25 de xaneiro de 2002)
Ramón Villares.
Moitas gracias en primeiro lugar aos presentadores, que foron, como todos vostedes puideron comprobar, moi amables comigo, coa miña persoa e coa pequena historia ou vivencia persoal que teño. E tamén teño que manifestar a miña gratitude á Fundación Plácido Castro, e ós concellos de Vilagarcía e de Cambados, que acollen esta “III Conferencia Anual Plácido Castro”. O convite tamén me permite facer algunha confesión persoal. Eu comentaba, antes de entrar aquí, co señor alcalde de Vilagarcía, que había moito tempo que non viña “predicar” a esta cidade. Pero teño que dicir que a primeira vez que na miña vida falei en público dun modo extra escolar, é dicir, fóra do ámbito ou dos muros do seminario ou da universidade, foi xustamente neste concello, en Vilagarcía, no porto de Carril, na Sociedade Gato Negro en 1973. Alí dera unha unha conferencia (ou algo parecido) sobre a emigración galega, un tema que non marcou de vez a miña traxectoria de historiador, pero da que nunca me sentín totalmente afastado.
E 25 anos despois, aquí estou de novo e con moito gusto en Vilagarcía. E veño para falar dun tema que me parece algo distante daquel, pero tamén moi importante, como é o de avaliar a importancia que tivo Portugal na formación da identidade de Galicia. A razón de escoller este asunto é persoal, pero a figura que envolve estas actividades tamén favoreceu a miña decisión. Pois Plácido Castro, que fixo da súa executoria vital un compromiso a dobre banda entre manter a curiosidade polo exterior e construír o feito diferencial galego, é unha das figuras que mellor nos deben servir, na actualidade, para traballar desde Galicia cunha perspectiva global, como está a facer pola súa banda o IGADI, que dirixe Xulio Ríos.
Porque temos (e non nos acontece só a nós), unha tendencia ao ensimesmamento, a mirarnos cara dentro, a non pensar que é o que acontece fóra, e cando xorden figuras como a de Plácido Castro, estamos na obriga de recoñecer o seu esforzo persoal e súa capacidade para imaxinar porvires sen caer no fácil cosmopolitismo. Ben é verdade que Galicia deu no século XX algunhas outras figuras parellas, como foi Lois Tobío, felizmente vivo e residente en Madrid na actualidade ou, dende outra perspectiva, Lois Peña Novo, que durante un tempo foi, na miña opinión, un grande analista da política internacional, nas páxinas extraordinarias dun xornal de Vigo, El Pueblo Gallego, nos anos vinte-principios dos trinta. Neste pequeno ronsel de figuras que, tendo un compromiso claro con Galicia e co galeguismo, miraron cara a fóra, creo que Plácido Castro ten un papel esencial. Houbo moitos outros galegos que miraron cara a fóra, que andaron polo mundo, que fixeron, especialmente no ámbito do xornalismo, grandes traballos e grandes achegas, pero, por razóns que será longo de explicar, non os incorporamos a este pequeno Parnaso de autores galegos dos que aquí estamos a falar.
E agora imos ao noso asunto.
Eu queríalles falar basicamente de dúas cousas, ámbalas dúas cinguidas á cuestión central de Portugal e Galicia na época contemporánea. Unha primeira, por moi superficial que sexa, ten que ver coa tradición iberista que se forxou en todo o conxunto de España dende o século XIX. E logo acabarei, nunha segunda parte máis breve, coa análise desta tradición iberista nunha figura concreta que resume, en boa medida, gran parte das utopías da sociedade galega do século XX, que foi Castelao. Quen, adianto xa, no seu libro-río, (é un libro que culminou gran parte da súa obra, non só ideolóxica e política, senón tamén literaria e persoal), como foi Sempre en Galiza, lle presta, como logo direi, unha grande atención a Portugal e ao feito de integrar Portugal nunha proposta política nova para a ordenación da Península Ibérica.
Quero comezar por advertir que non vou referirme moito, ás relacións culturais, literarias, de Galicia e Portugal; ás relacións desde o punto de vista científico dos prehistoriadores e arqueólogos; ás relacións mantidas por persoeiros da chamada “Escola Médica Compostelana” con colegas lusitanos; ás relacións de autores como Emilia Pardo Bazán, Antonio Romero Ortiz e moitos outros, que estiveron en Portugal ou que tiveron algunha relación con e con literatos portugueses. Todo esto é interesante, pero sería materia doutra intervención. O meu obxectivo é, como xa adiantei, reflectir sobre a importancia que ten Portugal para a construcción dun discurso político en Galicia.
Hai que dicir que esto comeza a configurarse no século XIX e partindo dunha realidade relativamente adversa, porque a apreciación que, en Galicia e, en conxunto, en España, se tiña de Portugal , poñamos a fins do século XVIII e principios do século XIX, era unha percepción relativamente distante e, en boa medida, negativa.
As razóns de que se construíra esta imaxe negativa de Portugal, mesmo nunha Galicia na que historicamente advertira Murguía que houbera sempre unha “endecisión amorosa” entre Portugal e Castela nas preferencias dos galegos, son complexas. Algunhas teñen que ver coa construcción das propias monarquías, a monarquía española, básica e inicialmente castelá e logo hispana, e a monarquía portuguesa; teñen que ver tamén coa deriva producida pola construcción dos dous imperios ibéricos, tanto o castelán coma o portugués. Sobre todo, creo, ten que ver moito co proceso da Restauración da monarquía portuguesa na dinastía da Casa de Braganza, a partir de 1640. Na historiografía española, e as palabras non acostuman ser inocuas, dise constantemente que na época do Conde-Duque de Olivares houbera, (dicíase sobre todo nos textos de Historia de España que estudiabamos hai 30 ou 40 anos), unha tentativa de separatismo, de esgazamento da unidade de España. E víase, por unha parte, “a revolta dos cataláns” e, doutra banda, a revolta dos portugueses. Aqueles mapas da España de Olivares e FIlipe IV, con cachos da península en perigo de se arredaren de Castela eran como un arremedo dos reinos de taifas.
E a revolta dos portugueses defínese como a independencia de Portugal, como para contrapoñela a que quixera e non era a independencia de Cataluña. Estou falando de 1640, a época do Conde-Duque de Olivares. Moitos portugueses, creo que máis atinadamente, ven 1640 como o momento da Restauración; porque hai que recuperar a monarquía, aínda que fora baixo outra liñaxe, a monarquía que tiñan antigamente, a monarquía propia. Pero en 1640 hai unha guerra moi profunda entre a monarquía española e a que despois foi a Casa de Bragança, a monarquía portuguesa. Nesta confrontación bélica, a nobreza provincial e a fidalguía galega participaron moi activamente, mesmo achegando milicias e loitando na fronteira, e conseguindo favores dos Austrias para, en moitos casos, compoñer e acabar de configurar os seus morgados, as súas pequenas casas, non señoriais pero cuase, que se estaban constituíndo no século XVII.
De modo que de aí arrinca unha historia particular de desdén e descoñecemento entre Galicia e Portugal que logo ten moita tradición literaria, empezando polo propio Entremés do río Miño. Pero esta tradición foi en aumento. Recordo por exemplo un texto magnífico (que dá bastante ben a idea disto) da segunda metade do século XVIII debido a un clérigo que se chamaba Pedro González de Ulloa. Este clérigo era administrador do conde de Monterrei, e fíxolle un informe ao seu señor sobre a situación dos vasalos das súas terras, que case todas elas estaban no que hoxe é Xinzo de Limia, Verín e a zona fronteiriza con Portugal. E describe o modo de comportarse que tiñan aqueles vasalos, que moitas veces andaban agavillados, que se defendían colectivamente das extorsións, fose dos impostos, fose doutras gavelas, que lles impoñía o señor. Pero cando describe a vila de Feces distingue, naturalmente, que hai unha beirarrúa da vila que é do señor, e que a outra beirarrúa é portuguesa. E os epítetos máis desprezativos gárdaos para os que moraban na beirarrúa portuguesa, porque di que os vasalos poden ser bárbaros, godos, ostrogodos, todo o que se queira; pero cando se xuntan cos da beirarrúa portuguesa non hai quen os aguante, porque é cando os vasalos se volven “aportuguesados”.
Quizais sexa unha cita demasiado puntual, pero que da idea desta visión negativa que se fora construindo, desde o punto de vista cultural, de Portugal en Galicia. Naturalmente no século XIX foise intentando recuperar e combater esta idea, pero aínda no século XIX e mesmo no século XX hai moitísimas mencións de carácter popular que insistiron sobre esta idea negativa de Portugal. Só lles vou ler unha frase, tomada case por acaso dun xornal que actualmente está moi difundido. Era un xornal medio literario, medio humorístico que se publicou en Compostela a fins do século XIX, e por iso de que colaborou algunha vez Valle Inclán, ten agora moita sona. Chamábase Café con Gotas. Neste semanario case estudiantil e unha miga irónico, que se acaba de reeditar hai uns anos, hai nun dos seus números unha mención que define de forma moi ilustrativa que é o que se pensaba popularmente dos portugueses. Dicía un solto deste xornal:
“En Zanzíbar los naturales del país se insurreccionaron haciendo una horrible matanza de portugueses”; que bárbaros/…, e engade: “por más que al fin, eran portugueses”.
O primeiro paso para intentar superar esta situación foi dado, desde o punto de vista cultural e político, desde mediados do século XIX mediante a formulación e a aparición das primeiras correntes iberistas, correntes que tentaron resolver un problema económico, cultural e, sobre todo, político, na Península Ibérica durante o século XIX. As correntes iberistas nacen antes no conxunto de España que concretamente en Galicia, e o Iberismo é unha idea que, podemos dicir, que tomou un estado maduro ou polo menos que foi formulada xa cun certo rigor nun libro, escrito por un progresista madrileño chamado Sinibaldo de Mas, que se titulaba “Memorias sobre las ventajas de la unión de Portugal y España”, que foi publicado precisamente en Lisboa en 1853.
E o Iberismo significou moitas cousas, pero basicamente significaba tendencia ou doutrina favorable á unidade cultural e política da Península. Hai que dicir que esta definición de Iberismo vai ser frecuente nos diccionarios portugueses; a palabra non é mencionada con tanta profusión nos diccionarios españois, o cal xa dá idea do comportamento disímil ou desigual que hai desde unha parte e outra parte. En calquera caso, Iberismo foi unha corrente de opinión forxada a mediados do século XIX, que tendía a esta unidade política da Península, que derivaba dunha reflexión moito máis ampla, que era que nun momento onde tanto España como Portugal perderan os seus imperios, no que se estaban producindo procesos de unificacións nacionais, é dicir, de construccións de grandes Estados nacionais, para competir no concurso das grandes potencias europeas, era necesario xustamente facer confluír dous pobos decadentes que foran abatidos polos retos da Historia, que perderan todo o seu amplísimo e extensísimo imperio colonial e que tiñan eles mesmos, o pobo español e o pobo portugués, unha condición e unha perspectiva vista dende fóra de pobos atrasados, decadentes. Normalmente, na literatura francesa ou inglesa da época considerábase ao pobo portugués e ao pobo español, e en conxunto á Península Ibérica, case cos mesmos defectos que se lle reputaban ao imperio turco, xeralmente considerado atrasado e mesmo bárbaro, ademais de decadente. Cando se dicía nas chancelerías europeas ¿como está o enfermo?, a expresión quería dicir ¿como está o Imperio Otomano?, do que se dicía que era tan absoluto, tan absoluto que só a corrupción temperara o seu absolutismo. Pois ese imperio enfermo era o que estaba por debaixo, e a continuación viñan os pobos ibéricos. Por tanto, o modo de combater esa situación de decadencia, do desprezo, era fomentar unha unión política dos dous pobos peninsulares. E aí é de onde xurde todo o proceso iberista.
O iberismo tivo moitas variantes; houbo quen o defendeu por razóns puramente dinásticas de unión das dúas Coroas, houbo quen o defendeu por razóns aduaneiras, houbo quen o defendeu por razóns de construcción de infraestructuras de comunicacións. Por exemplo, cando se propón construír o telégrafo na Península, os enxeñeiros coma Macroartú, que é un dos enxeñeiros que deseña a construcción do telégrafo na Península, insisten moito na necesidade de que se camiñe cara a supresión de fronteiras. E pode ser tamén o Iberismo defendido por razóns ideolóxico-políticas, nunha perspectiva federal, ou máis democrática, cando se sostiña por parte dalgúns representantes do movemento republicano ou mesmo por parte de socialistas utópicos. En suma, o iberismo era un modo de combater a decadencia dos pobos peninsulares, pero o Iberismo non foi adiante. Podemos dicir que foi unha utopía con certas posibilidades durante o Bienio Progresista, con máis posibilidades durante o Sexenio Revolucionario, despois da Gloriosa revolución de 1868, que tivo un protagonismo moi importante na política española no ano 68-69 cando despois do destronamento de Isabel II se consideraba a posibilidade de que gobernara en España o rei consorte de Portugal, e daquela viúvo, Fernando de Coburgo, pero non foi posible, a pesar das embaixadas e dos esforzos diplomáticos, especialmente de Don Juan Prim e dos seus representantes para convenceren a Fernando de Coburgo de que aceptase a Coroa de España. É xa bastante complexo preguntar por que non puido aceptar pero dicíase que era un rei que comía allos, de modo que non podía traerse para Madrid.… en fin, todas aquelas cousas castizas que se dicían na época.
En calquera caso o Iberismo non chegou a bo porto, dende o punto de vista da unión dinástica, da unión política ou da unión aduaneira. Non tivo un partido Iberista nin en Portugal nin en España, nin as potencias europeas autorizaron, nin vían cos bos ollos, a existencia desta unión ibérica. Portugal era retido como refén por parte de Inglaterra, e España era retida como refén por parte de Francia. E se un ve, por exemplo, os informes dos cónsules ou dos embaixadores en distintos lugares de Europa vese que, nada máis que apareza un simple pasquín, unha noticia nun xornal, que mencione directa ou indirectamente a posibilidade dunha unión ibérica, sae unha nota ao ministro dos negocios estranxeiros portugués que advirte, “oia señor ministro, pasa esto, esto procede de tal sitio, tal vez teña esta orientación e por tanto hai que ter coidado con esto, ollo!, etc, etc”. De modo que era unha posible utopía, pero esta posible utopía non puido concretarse cando se podía concretar. Cando o concepto máis xeral de construcción nacional en Europa era que os pobos que ían contar na Historia eran pobos que tiñan uns territorios amplos e que por tanto os Estados non eran só identificables cunha lingua senón que eran identificables con conceptos máis amplos, de eficacia, de liberdade, e dun mesmo monarca. Con independencia de que non tivesen todos nin a mesma lingua, nin a mesma cultura. Este é un problema que se formulara máis adiante, como veremos, pero que non era tan nítido na época centrosa do século XIX, cando o tamaño dos estados era prioritario á uniformidade lingüística e cultural.
Pero o Iberismo non foi adiante por estas razóns que acabo de dicir e porque sobre todo, dende o último tercio do século XIX, tanto en España como en Portugal, deuse un proceso de involución desta, podemos dicir, apertura iberista. En España coa crise do 98, a perda das colonias, reforzouse moito, por unha parte, o nacionalismo español, a relixión sobre o ser de España, o problema de España, a decadencia de España, ¿que somos e que podemos facer?. Por tanto, o que pasou a ser prioritario é a mensaxe de que había que rexenerar a raza española, e iso fíxose sobre todo con base no castelán. E en Portugal, coa crise do Ultimato de 1890, que foi unha crise producida por unha simple nota diplomática, unha nota diplomática do goberno inglés, que lle dicía ó goberno portugués que se en seis horas non abandonaban as súas posicións na zona de Mozambique, no Zanzíbar precisamente, o embaixador de Inglaterra partiría para Vigo onde o esperaba un buque con destino a Londres. Este ultimato provocou un terremoto político en Portugal e reforzou moitísimo o nacionalismo portugués. Por tanto, cerrou en boa medida a posibilidade de establecer unha unión iberista, no sentido progresista que dicían os progresistas máis ou menos sensibles ó ideario federal no século XIX.
E aquí é cando podemos dicir que Portugal empeza a ser motivo de maior interese, de maior preocupación, e de maior relación por parte, non dos iberistas españois clásicos, procedentes do ámbito do republicanismo e do federalismo político, senón doutro tipo de iberistas. Iberistas cataláns, valencianos, algúns iberistas forais, vasco-forais, e, sobre todo, iberistas galegos. É aquí cando Portugal comeza a ser visto, xa non coma un obxecto de unión, desde o punto de vista dinástico, económico, de unión aduaneira, senón coma un Estado e unha cultura, que pode contribuír a repensar a construcción política da Península sobre outras bases. Claro, esto tiña que ver coa crise do 98, coa afirmación dos nacionalismos de Estado, español e portugués, e coa aparición, sobre todo en España, duns movementos nacionalistas periféricos, que por primeira vez formularon un proxecto alternativo á propia nación española, ó Estado- nación español. Basicamente os cataláns, tamén os vascos, e nunha forma menos forte pero progresiva, tamén os galegos.
Isto que estou dicindo é facilmente rastrexable se vemos como na cultura política galega está presente Portugal. No século XIX a presencia de Portugal é relativamente menor, no direi mínima, pero menor. Está presente nos historiadores, por exemplo en Benito Vicetto, que é un dos historiadores románticos que máis referencias fai a Portugal, que mellor percibe a importancia que tivo Portugal, que máis se laia da escisión entre a Galicia lucense e a Galicia bracarense, producida xa no século XII. Pero por exemplo Murguía, que é o autor que con máis rigor construíu na idea de Galicia no século XIX, e que sitúa no século XII nos tempos de Xelmírez, a data-chave da frustrada nacionalidade galega, non integra claramente no seu discurso a formación do reino de Portugal. Nalgún momento do seu libro “Galicia”, publicado en 1888, di que “solo el cielo lo sabe”. Por tanto, é para Murguía máis importante facer fincapé na identificación de Galicia coa raza celta, e coa connotación cultural que supón o celtismo, en tanto que é un modo de defender “ a europeidade” de Galicia, que non mirarse cara Portugal. Só nos debates que en 1889, despois daquel famoso discurso, agresivo e desprezativo, que o académico Sánchez Moguel pronunciou na Real Academia Española contra os rexionalismos, que el consideraba que eran moito máis perigosos que os partidos de esquerda (vedes como nos soan algunhas cousas, mesmo actuais), é cando Murguía perfila mellor a súa posición sobre Portugal.
O académico Sánchez Moguel verbalizou unha posición ideolóxica que certamente non resulta afastada do que mesmo hoxe está a acontecer. Dicía este autor que os partidos republicanos e o mesmo partido socialista , que xa existía daquela, comparten unha idea de España unitaria e baseada na cultura castelá. Pero estes rexionalistas que están a aparecer en Cataluña, nas provincias vascongadas e Navarra, e incluso en Galicia, son moi perigosos, na opinión deste académico. A súa posición foi, ademais de desprezativa, claramente ferinte en especial cos rexionalistas galegos, sobre os que carga todaa súa carraxe centralista a conta do celtismo.
Murguía, que non era persoa que se deixase acovardar, escribiu un folleto de resposta e refutación destas posicións, que logo se convertiu nun texto de referencia, que foi “El Regionalismo”. Nese folleto é onde cita por primeira vez dun modo non agresivo, pero firme a idea de que Galicia pode entrar nunha “indecisión amorosa”; a indecisión amorosa de escoller ou ben Castela, ou ben Portugal. Por primeira vez en Murguía, creo, maniféstase dunha forma clara esta idea. A partir de aquí a presencia de Portugal na cultura política galega foi cada vez máis frecuente, pero sobre todo adquiriu carta de natureza a fins dos anos dez, principios dos vinte, tanto nos homes da Xeración Nós coma, sobre todo, nos homes das Irmandades da Fala, que en parte son o mesmo, en parte son diferentes. E poderiamos dicir que nestes momentos o contexto histórico mudara, dende o punto de vista interno de Galicia, pero tamén mudara o contexto internacional. Esto xa nos aproxima á segunda parte da conferencia, que rematará con Castelao.
Fronte aquela idea do século XIX de establecer propostas de construcción de Estados nacionais grandes, a I Guerra Mundial o que trouxo foi precisamente a idea contraria. E o que podemos chamar o modelo wilsoniano de nacionalismo do século XX, segundo o cal hai que defender a identidade entre unha nación e unha lingua. Isto é, entre outras razóns, o que explica a floración das nacionalidades da Europa de entreguerras. E neste contexto que colle moito máis pulo, xa non só o nacionalismo galego, senón os nacionalismos peninsulares, e tamén este achegamento a Portugal. Neste contexto prodúcese unha dobre aproximación a Portugal por parte da cultura galega, un achegamento máis político que é conducido por figuras que podemos englobar nas Irmandades da Fala. Estou pensando en Antonio Vilar Ponte, que mesmo estivera varios anos morando en Portugal coma correspondente de xornal, por tanto coñecía directamente a cultura portuguesa; estou pensando en Xoán Vicente Viqueira, que foi tal vez o autor, aínda que morto precozmente, que mellor definiu a necesidade de achegarse politicamente a Portugal para reforzar o nacionalismo galego daquela altura, e tamén, aínda que en menor medida, estou a pensar en Peña Novo.
E houbo, doutra banda, unha aproximación que tamén foi moi importante, de carácter basicamente cultural, que foi a sostida polos homes da Xeración Nós, especialmente por Vicente Risco, en menor medida por Otero Pedrayo e por Castelao e algúns outros. Vicente Risco, a través da revista Nós, fixo non só unha aproximación á cultura portuguesa, senón que procurou establecer unha permeabilidade entre ambas culturas dun modo sostido. Abonda ollar a revista Nós para decatarse, sobre todo nos primeiros anos, que a presencia de Portugal é constante. En case todos os números hai referencias á cultura portuguesa, a autores portugueses, a libros que se reseñan de Portugal, hai colaboracións de autores portugueses, e hai unha aproximación a un grupo cultural, ou intelectual, moi importante no Portugal daquela altura, que era o grupo de A Aguia que publicaba unha revista chamada Renascença. Este grupo da Aguia, que tiña a súa sede fundamental no Porto, no que colaboraban Raul Brandao, Leonardo Coímbra, Teixeira de Pascoais e moitos outros, foi sensible á chamada dos intelectuais galegos do grupo Nós.
A familiaridade entre estes dous grupos intelectuais manifestouse de moitas maneiras. Ademais do intercambio epistolar e de textos ou creacións literarias, tamén houbo trato humano directo. De feito naquela altura pódense documentar moitas visitas de autores galegos a Portugal, e de portugueses a Galicia. Cando vén, por exemplo, Leonardo Coimbra, que fora ministro de Educación da República portuguesa e un dos fundadores da Universidade do Porto, foi recibido incluso por grupos non estrictamente nacionalistas galegos dunha forma moi aberta e agarimosa, especialmente na cidade da Coruña. Ademais, entre os dous guieiros de ambos grupos, Pascoais e Risco, había unha proximidade ideolóxica moi notable, como se pode advertir nunha comparanza entre un texto de Pascoais como é Arte de ser portugués (1913) e a a Teoria do nazonalismo (1920) de Risco, por máis que os suxeitos nacionais de un e outro sexan ben diferentes.
É neste contexto histórico de fins dos anos dez e primeiros anos vinte, cando esa aproximación a Portugal adquire por tanto unha dobre vía. A vía cultural do grupo Nós ten moita similitude con este grupo da Renascença porque comparten unha mesma concepción do mundo; son en boa medida un pouco elitistas, un pouco aristócratas de espírito que diría Risco; son en boa medida desprezativos das masas, son antiparlamentarios; e teñen, mesmo desde o punto de vista estético un sentido bastante próximo, que poderamos dicir que son antifilisteos e que desprezan ou rexeitan iso que se chamaba daquela a “cultura hortera”, a cultura de todo o que depende do comercio, a cultura dos “Don Celidonio”, ese tipo ideal que definiu Vicente Risco coma O Porco de Pé, no coñecido romance risquián. Ou, dito de forma máis matizada, máis cariñosa, máis doce tal vez, é o que Otero Pedrayo chama en moitos dos seus textos O Castellano”. Ese “castellano” de orixe maragata ou camerana, que se establece na estrada, que vai entrando na aldea, que vai esnaquizando ou modificando o tecido social e cultural da aldea, tamén ese é filisteo, filisteo hortera que introduce novos valores. Ben, pois os portugueses, dalgunha forma, tamén tiñan esta cosmovisión. Invítolles a que lean un magnífico, desde este punto de vista, libro, non de poesía senón, de pensamento patriótico escrito nesta altura, por Teixeira de Pascuais, o grande poeta da rexión do Amarante, que se titula precisamente “Arte de ser Portugués”. É dicir, como se pode ser un bo portugués, e para ser un bo portugués fai fincapé na familia, na herdanza, na patria, na lingua e sobre todo, neste rexeitamento da , aínda que non sexa a palabra, cultura filistea.
En cambio, o sector político das Irmandades da Fala, a relación que mantiñan con Portugal é unha relación que ten moito máis que ver coa creación dunha comunidade non só cultural e lingüística, senón tamén política que afortalara unha posible república ibérica, non explicitada coma tal, pero posible. Como se sabe, os nacionalistas das Irmandades da Fala, tamén os da Xeración Nós, que en moitos casos eran comúns, practicaron constantemente unha sorte de accidentalismo político. Non eran antimonárquicos profundos, tampouco eran prorrepublicanos firmes, senón que tiñan unha sorte de accidentalismo político porque, para dicilo nos termos que empregara Cambó en célebre sesión parlamentaria: ¿“Monarquía?, ¿República?, Cataluña”. Pois entre monarquía e república, aínda que ningún galego o dixo tan claramente e tan solemnemente como o dixo Cambó, a resposta sería tamén Galicia por riba de toda outra consideración de réxime político. E é xustamente nesta perspectiva, cando Portugal adquire un rango diferente ó que tiña antes, e intégrase por exemplo nas conclusións da Primeira Asemblea das Irmandades celebrada en Lugo en 1918. Nesta asemblea é onde os rexionalistas se declaran, de hoxe e para sempre, nacionalistas; tamén é aquí onde se reivindica, ou se declara coma obxectivo político, a consecución dunha autonomía integral para Galicia; onde se reivindica coma lingua oficial, como lingua propia de Galicia, o galego, cousa que aínda non estaba clara naquela altura. E, finalmente, tamén é o intre no que se incorpora un termo que é moi importante, que é o termo de pangaleguismo; este pangaleguismo introduce, incorpora a Portugal no deseño político futuro do nacionalismo galego.
Foi Villar Ponte quen, nesa Asemblea, presentou e fixo aprobar, iso que se chama precisamente Pangaleguismo, un breve texto dedicado á Academia das Ciencias de Portugal. Do seu parágrafo inicial está tomada unha frase que eu acostumo a repetir moito e que define a relación dos galeguistas, ou gran parte dos galeguistas, con Portugal no século XX. E di no artigo primeiro desta moción presentada por Villar Ponte na Asemblea luguesa, que “Galiza ten que considerar Portugal, pois elo é axiomático, coma o baluarte da súa independencia espiritual, namentres Portugal exista coma nazón independente Galiza non perdera endexamais as esencias de unha personalidade propia, que esvaída ou non, sempre terá virtude xermoladora nun senso irredentista. Galiza, en por iso debe ter sempre, latexando, no seu ideario nacionalista dende o principio, a liberdade e a independencia de Portugal, considerémola os galegos coma a nosa mesma liberdade e independencia, e estaremos dispostos de cote a erguérmonos violentamente contra os que quixesen esnaquizar aquela”. Nesta segunda parte da proposta non sei se os nacionalistas das Irmandades da Fala terían, por outra parte, capacidade para intervir nalgún dos conflictos e perigos que naquela altura estaba sufrindo a República portuguesa. En calquera caso, abóndanos, sobre todo, a primeira confesión de que namentres Portugal exista, Galiza terá vida espiritual.
Toda esta tradición iberista, en parte decimonónica, muda notablemente no primeiro tercio do século XX, que é cando se decante expresamente no ideario nacionalista galego. E o texto que mellor serve para rastrexar esta centralidade de Portugal na explicación non só histórica, senón futura, de Galicia é, como xa anunciei ao principio, o Sempre en Galiza de Castelao. Con referencias a este texto e ao seu autor, vou dar cabo á miña intervención.
Comecemos por situar o tempo no que se redacta e publica este libro. O contexto no que se escribe este libro é, naturalmente, moi distinto do tempo no que escribiron os seus textos, ou fixeron as súas propostas, ou defenderon as súas iniciativas, Villar Ponte, Viqueira, Risco, Otero, etc, nos anos dez e primeiros anos vinte, incluso durante a II República. Porque o tempo no que Castelao escribe o Sempre en Galiza é xa o da Guerra Civil e, logo, o do exilio. Por tanto, este libro é máis ben unha proposta de futuro, do que unha posibilidade de que se poda plasmar na práctica dunha forma directa. No obstante, creo que ten un valor moi importante en Castelao a presencia do Iberismo e da tradición de relación coa cultura portuguesa e coa política portuguesa, porque esto permítenos transportarnos, en poucas alancadas, desde os tempos da República e do primeiro exilio ate a actualidade, a partir das reflexións, unha miga utópicas, de Castelao. Desde logo, o que Castelao di de Portugal no Sempre en Galiza non é propiamente orixinal del, é unha suma de toda a tradición ilustrada e romántica, logo rexionalista e despois nacionalista. As fontes de Castelao son variadas. Bebe do historiador Vicceto e de Murguía; bebe de Vicente Risco e do Grupo Nós; e, naturalmente, bebe da tradición, entre federal e autonomista das Irmandades da Fala da Coruña. Tamén se lucra un pouco da súa propia experiencia persoal. Non hai que esquecer que Castelao coñecera Portugal, aínda que dunha forma un pouco á castiza, á antiga, como tuno, primeiro en Coimbra e logo xa como membro das Irmandades dun modo máis matizado. Ese famoso debuxo de Castelao de 1920 cando sitúa á beira do Miño un vello e un neno sentados nunha ventá, mirando para o río, mirando por tanto para Portugal, e pregunta o neno ó vello, ó seu probable avó, “na banda de ala, ¿que falan?…, a contestación é que “non se soubo que dixo o vello”. Por tanto a posición de Castelao, naquel tempo, estaba aínda no terreo da incerteza, da brétema galaica tan repetida no clixé, pero ás veces unha brétema útil, fecunda, porque queda aberta a posibilidade de que puidera dicir o vello calquera cousa: que eran irmáns, ou que eran primos ou que non eran nada. Pero creo que a interpretación máis lóxica creo que é que o vello lle diría ao neno: son coma nós. Pero non se atrevía a dicirllo.
Hai que ter en conta que nos anos 19-20, a fronteira galego-portuguesa estaba inzada de “paivas”, esto é, daquelas xentes de filiación monárquica, que se refuxiaran en Galicia baixo a dirección do Paiva Couceiro, e que conspiraban seguido contra a república portuguesa. Dende o ano 1910 que se proclamou a República en Portugal, toda esta raia portuguesa estivo inzada de paivas, o que fixo das terras ourensás da raia seca un dos lugares predilectos de oposición ao réxime republicano portugués, coa complicidade de gobernantes e políticos de Galicia. Con todo, os éxitos destas tentativas non foron nada relevantes. Hai un relato dun xornalista, que pasa en parte por galego pero non o era, que se chamaba Luís Antón del Olmet. O libro titúlase “Abrazo a Portugal”. É un relato que el fai para o xornal ABC, que dirixía entón Torcuato Luca de Tena, que o manda de correspondente a Lisboa polos anos 1911 e 1912, para que dea conta de como evoluciona a República portuguesa. A imaxe que dá Antón del Olmet é moi negativa respecto da República. Fai un percorrido por Portugal e chega a Valença do Minho, e en Valença fala co xefe dos “guardiñas” e pregúntalle como foi a incursión dos “paivas”. A visión que dá é que estes “paivas” eran poucos, e por riba non ían moi ben armados, e con dous disparos de mosquetón parece que recuaron Miño arriba e outra vez para Galiza. Neste contexto de permeabilidade da fronteira, de interese polo que sucedía en Portugal pero non claridade respecto de que camiño seguía a vida política portuguesa, é no que se producía esa viñeta de Castelao, á que acabo de referirme.
Pero máis adiante, xa coa experiencia da dictadura de Primo de Rivera, da experiencia republicana, e da Guerra Civil, e coa existencia de dúas dictaduras na Península Ibérica, Castelao retoma, dunha forma decidida, a tradición iberista no seu libro Sempre en Galiza. De feito é un libro que está inzado de mencións a Portugal, sobre todo o libro terceiro, que é un libro redactado máis tardiamente e xa en Bos Aires, está inzado de referencias a Portugal. Ben sexa Portugal, ben sexa a política portuguesa, ben sexa a cultura portuguesa, ben sexan figuras portuguesas, son mencionadas nun tercio das páxinas de Sempre en Galiza. A pesar da importancia que tiña Castela no pensamento de Castelao, as referencias a Portugal son tan abondosas como á propia Castela, o que dá a medida da relevancia que ten para Castelao o referente portugués.
¿Que importancia ten Portugal no pensamento e na obra de Castelao? En primeiro lugar, nesta obra Sempre en Galiza, que é en boa medida unha obra resume de toda a tradición cultural precedente, desde os ilustrados e rexionalistas ata os propiamente nacionalistas, Portugal actúa como un referente positivo de Galicia, é dicir, como un mito fundador, en canto que representan a etnia de reintegración. Un lugar natural onde debería situarse Galicia no futuro, non para disolverse Portugal senón para conxuntamente con Portugal contribuír a construír dun modo distinto a Península Ibérica e a cultura ibérica. Nalgunhas páxinas, tanto do Sempre en Galiza coma dos Cadernos, aquel libriño de notas no que Castelao ía anotando e ía recollendo as súas lecturas, as súas ocorrencias ou o que lle parecía máis importante en cada momento e que foron editados nunha edición crítica do Sempre en Galiza da Universidade de Santiago e do Parlamento de Galicia no ano 1992, recolle en varios lugares todas esas mencións que antes citei e que Castelao integrará nunha proposta diferente de construcción do futuro político de España.
Porque eu o que quero subliñar é que Portugal debe ser visto como un Reino e unha cultura que se separou, xa non digo de Galicia, que non di iso Castelao, nin tampouco de España, que tampouco o di Castelao, senón de Castela. Por tanto Portugal é un anaco da Península Ibérica que se separou de Castela, que non se separou de España. Castelao recupera esa vella tradición, en parte iberista, e moito máis antiga, mesmo do século XVI, segundo a cal Portugal formaba parte de España. Pero España era diferente de Castela. Por tanto o que di un liberal e un escritor tan recoñecido actualmente como é Leopoldo Alas “Clarín” cando na galería de personaxes que aparecen en La Regenta, entre os máis librepensadores e os más carlistóns, tamén aparece un ilustrado un pouco librepensador que é Pompeyo Guimerán, que é o ateo oficial de Vetusta e o que expresa estas ideas. Pois resulta que P.Guimerán era de familia portuguesa e en materia de nacións considerábase tan español como un estremeño a un portugués, de modo que cada vez que se falaba do asunto acababa por facer unha defensa da nación ibérica…
Polo tanto, Castelao, en certo modo, integra esta idea de que Portugal é unha etnia de reintegración de Galicia, por unha parte, e por outra parte é un elemento fundamental para repensar a construcción da Península Ibérica. Para Castelao achegarse a Portugal e integrar Portugal significa combater o nacionalismo español. Pero un nacionalismo español que, para o noso autor, é basicamente castelán porque considera, con xustiza, que o nacionalismo español esta fundamentado fortemente no mito de Castela. Fronte a ese mito fundador de Castela como fundamento central de España, Castelao coma moitos outros (cataláns, vascos, mesmo algún dos republicanos españois) considera que España é moito máis que Castela. Acostúmase citar a Ortega y Gasset cando di aquela famosa frase que “Castilla hizo España y Castilla la deshizo”. Pero a frase é unha miga enganosa. Pois Ortega está a pensar en que Castela debe ser a sustancia fundamental de España, que despois en termos históricos afortalaron Claudio Sánchez Albornoz, Menéndez Pidal e moitos outros. Tal vez non estea de máis lembrar que o curso académico da Universidade de Valencia de 1937, en plena guerra civil, foi inaugurado cun discurso pronunciado por un ilustrísimo historiador, prehistoriador máis que nada, que daquela era conselleiro de Educación na Generalitat catalana, que se chamaba Pere Bosh i Gimpera. Este prehistoriador e político pronuncia un discurso que se chama “España”, e nese discurso denuncia o sistemático sesgo que sobre todo Menéndez Pidal estaba a facer da cultura española identificándoa coa cultura do centro e do sur de España, marxinado todo o que era a cultura da Tarraconense e, desde logo, a do occidente atlántico. Con todo esto quero dicir que na España dos anos trinta, había un interesante debate sobre o modo de se constituír historicamente España, con posicións dabondo encontradas, nas que as posicións de Bosch i Gimpera e de Menéndez Pidal poderían servirnos de fitos de dous modos de entender España.
Neste debate intelectual entra a obra de Castelao. Cando o ilustre rianxeiro defende, ao modo de Cambó, a necesidade de construír no futuro unha España grande, pero unha España con “hache”, está a traducir en termos políticos esta posición máis próxima a Bosch Gimpera, de que esa “Hespana” debe ser o expresión dun pluralidade cultural, na que fose posible a integración pacífica de Catalunya, do País Vasco, de Galicia, de Castela e, naturalmente, de Portugal. Por iso di Castelao con frecuencia que Camoês debe ser considerado tanto ou máis español do que Cervantes. E o Brasil e toda a cultura brasileira debe ser incorporada á cultura española.Que non se debe considerar, por tanto, coma unha república que é distinta de Arxentina, ou de Venezuela ou de Costa Rica. Esta posición de Castelao, que por veces define como “hispanismo” mellor que como iberismo, tropeza co rexeitamento de gran parte dos republicanos españois, que teñen unha educación castelanista, que se enfronta decote coa concepción castelaoniá do hispanismo. E o seu hispanismo era, en boa medida, este Iberismo ao que antes aludía.
A proposta de Castelao, como é ben sabido, quedou no libro, e ficou coma unha proposta en parte utópica e en parte testamentaria. Pero tamén ten a virtude ser un lugar de referencia que puido servir para moitas cousas. Creo que de Castelao e deste Sempre en Galiza téñense “sorbido” augas moi diferentes, porque cada quen vai procurar a Castelao para aquelo que lle interesa, e logo esconde parte do que non lle interesa ou o usa para combater. Pero se hai algo que está constantemente presente en Castelao é, non tanto se é máis ou menos separatista ou non separatista, se é máis ou menos lusitanista ou non lusitanista; o que está en Castelao, é a idea de que o futuro de Galicia como nación autónoma, con Estatuto, só é posible dentro da República, dentro do sistema político democrático federal e que inclúe a Portugal dentro da Confederación Ibérica. Por tanto creo que foi, en certo modo, Castelao o que mellor entendeu, aínda que non sei se con toda a consecuencia que isto ten, aquela famosa boutade de José Calvo Sotelo cando manifestou, no ano 36, aquelo de que el prefería unha “España roja a una España rota”. No fondo estaba expresando o medo e o problema central de moitos políticos dos anos trinta, con independencia das súas propias posicións ideolóxicas, para os que a confrontación nacional era tan decisiva como a propia confrontación social. Tense visto a guerra civil como un froito case exclusivo da oposición dereita-esquerda, ou de pobres contra ricos, o que en parte é verdade, pero tamén tivo unha alta compoñente de confrontación nacional. Un libro recente dun frade da abadía de Monserrat, Hilari Raguer, que estudia a Igrexa española durante a guerra e a posguerra, da abondosas referencias sobre esta compoñente nacional na confrontación bélica do 36. Pois ben, nos propios textos de Castelao aparece unha aguda reflexión sobre a famosa frase de Calvo Sotelo, porque dálle a volta dicindo: Só nunha “España rota”, subsistiría unha “España roja” ou, dito de modo máis preciso, só nunha República que recoñecese as nacións internas de España sería inviable o trunfo dos militares e da reacción. E só nunha república de cuño federal sería posible tamén integrar a Portugal no proxecto ibérico.
De modo que, para terminar con todo este periplo pola cultura portuguesa e a súa influencia en Galicia, podemos dicir que Portugal, (tan cerca e tan lonxe, di o refrán), foi un punto de referencia, dende o punto de vista humano, probablemente moi próximo para a sociedade galega. Os traballadores galegos ían a Portugal e os traballadores portugueses viñan a Galicia, facían folgas uns cos outros, chamábanse crebafolgas, ás veces fixeron congresos obreiros; ían as tunas de Santiago a Coímbra e as de Coímbra viñan a Santiago, había unha certa relación cultural, pero dende o punto de vista político isto non se manifestou dunha forma sistemática ata a época na que o rexionalismo se converte en nacionalismo e se expresa a través das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, e do que despois foi o Partido Galeguista.
E todas estas referencias a Portugal foron moi plurais e moi diversas; unhas veces de carácter cultural, outras de carácter lingüístico, outras de carácter político, e creo que o autor que mellor sistematizou isto foi, precisamente Castelao no Sempre en Galiza. E esta é a ensinanza que creo que nos queda para hoxe. Porque non podemos bosquexar, como o facían Castelao, Villar Ponte ou Viqueira, unha reformulación da península ibérica desde unha perspectiva iberista. Pero podemos reter o fundamental, e é que Galicia só vivirá e só se manterá con identidade propia se establece unha relación privilexiada co sistema cultural, lingüístico, político, depende das circunstancias, que significa Portugal. Porque iso non só resolverá, como dicía Castelao, o problema da Península Ibérica, senón que tamén o resolverá no conxunto de Latinoamérica, de América Latina, onde Brasil, insisto, e hoxe estase vendo desde un punto de vista político, debe ser visto como unha República tan próxima, tan achegada a nós, como poden ser Arxentina, Perú ou Costa Rica, por máis que fale unha lingua distinta.
Esta é a principal ensinanza que, en materia cultural e mesmo política, encontro útil e mesmo actual, no pensamento de Castelao. Pensar desde Galicia unha “Hespaña” plural cultural e politicamente, na que Portugal se poida concibir como unha das súas partes, é un legado de Castelao que nin o nacionalismo galego actual máis radical ten asumido de forma cabal. Porque unha cousa é clara no pensamento de Castelao: o porvir de Galicia non se pode pensar illadamente, porque non está separado do porvir da península ibérica. E esta é unha utopía política, coa que soñaron moitos dos nosos devanceiros, que aínda segue a ser utopía. Tal Vez por eso é polo que segue a cativar os nosos corazóns. Pero tamén é un mandato político que debería obrigarnos, a principios do século XXI, a seguir pensando Galicia en termos globais, como ao seu modo quixeron Castelao, Viqueira, Peña Novo ou o mesmo Plácido Castro.
Moitas gracias.
Ramón Villares Paz