8ª Conferencia Anual: A poesía en Plácido Castro

8ª Conferencia Anual: A poesía en Plácido Castro

VIII Conferencia Anual Plácido Castro, pronunciada por María do Cebreiro Rábade Villar (Ourense, 25 de xaneiro de 2007).

Pronunciada por María do Cebreiro Rábade Villar (Ourense, 25 de xaneiro de 2007)

Quero comezar agradecendo á Fundación Plácido Castro o seu amable convite para participar neste acto de homenaxe a un autor tan digno de admiración e aprezo. Aquel “amor de lonxe” ao que se referira o trobador Jaufré Rudel nun dos seus poemas, cando tentaba falar da estima que chegara a sentir por quen non coñecía, é o que esperta a obra de Plácido Castro en todos os que temos a ocasión feliz de acceder a ela.

A relación de Plácido Castro coa poesía é moi fecunda, feito que semella paradoxal se temos en conta que o autor non foi prolífico como poeta. Por outra banda, as súas achegas maiores no ámbito da lírica permanecen inéditas, se ben gracias ao labor da Fundación Plácido Castro son actualmente accesibles en edición dixital. Con todo, a poesía foi sempre central na súa práctica como ensaísta, como xornalista e como tradutor. Esta centralidade ben se pode deber á consideración, herdada do romanticismo alemán, de que a poesía –ou, en sentido máis extensivo, a literatura– constitúe un dos elementos máis decisivos para a caracterización dun pobo. No seu artigo “A Inglaterra céltica”, Castro afirmará explicitamente “é na súa literatura onde un pobo demostra con máis claridade o seu verdadeiro temperamento. Os libros, ademais de revela-lo espírito dos seus autores, indican tamén o do pobo que os le”.

Comprender a importancia da poesía na obra de Plácido Castro fai preciso, xa que logo, ter en conta varias perspectivas. Dunha banda, está o seu labor como poeta lírico, nomeadamente no seu libro de poemas O Fillo e nunha serie de pezas que logo debullarei máis de vagar. Está ademais, o seu traballo como divulgador da literatura estranxeira, prioritariamente en lingua inglesa. Neste traballo, usa canles diversas como a tradución e edición de textos, tanto en volumes monográficos como en revistas, e tamén as célebres emisións radiofónicas da BBC. Por último, é importante referir tamén a súa faceta como pensador do feito literario, en artigos en prensa, ensaios monográficos como o estudo comparativo das obras de Rosalía de Castro e Christina Rossetti ou ao fío de traducións como as recollidas no volume colectivo Poesía inglesa e francesa vertida ao galego ou as Rubaiyát de Omar Kayyám.

As súas ideas sobre a poesía

As ideas literarias de Plácido Castro artéllanse arredor de tres grandes liñas de sentido, adscribíbeis a cadansúa tradición de pensamento sobre a poesía. Refírome ao romanticismo, ao esteticismo e ao intuicionismo. Do romanticismo, tradición crítica moi poderosa no contexto anglófono, Castro herdará a primacía concedida á imaxinación como cerne da creación poética. Na literatura inglesa, a teoría da imaxinación arrinca, sobre todo, da obra de Shelley e de Coleridge, e implica unha transformación do sentido atribuído ás obras de arte. Na concepción inmediatamente anterior ao romantismo, a arte adquiría valor na medida en que participaba dun propósito pedagóxico e dun principio de representación mimético. As ideas da orixinalidade e da individualidade do xenio creador eran completamente alleas ao paradigma neoclásico, onde a excelencia das obras literarias dependía da súa adecuación a unha herdanza secular. A poesía dos románticos ingleses, e nomeadamente a dos denominados poetas dos grandes lagos, revalorizou a creación contemporánea ao incidir na subxectividade como cerne do poema, e abriulle a entrada aos elementos imaxinativos, ao soño e á fantasía.

No que atinxe ao esteticismo, que constitúe a segunda liña de sentido aquí apuntada, os escritos críticos de Plácido Castro revelan un entendemento do poema como obxecto sensíbel. Neste sentido, o autor é debedor do crítico e poeta victoriano Mathew Arnold, moi vinculado ao círculo dos artistas prerrafaelitas, e a miúdo citado como fonte nos seus artigos. Precisamente ao círculo prerrafaelita pertencía Christina Rossetti, unha das poetas máis admiradas por Plácido Castro, e que fora irmá do poeta e pintor Dante Gabriel Rossetti. Pola vía do soño e da imaxinación, que os románticos, como vimos, fixeran accesible, os prerrafaelitas deciden regresar ás zonas máis remotas do pasado. Pero nas súas recreacións de etapas como a Idade Media, os prerrafaelitas non procuraban axustarse nin sequera minimamente ás regras instauradas polo positivismo histórico. Pola contra, o que observamos nas súas obras é unha actualización sublimada dos ideais previos á etapa da industrialización. Nas estampas pictóricas e literarias dos prerrafaelitas é doado aprezar o xeito no que a estética dos cabaleiros medievais instaura un código de honra chamado a restaurar valores que, no xuízo de críticos como John Ruskin, foran abolidos polos tempos modernos. É doado conectar o rexeitamento de Plácido Castro polo materialismo estético con esta doutrina. Orabén, lonxe de predicar un culto á forma, Castro entende a beleza como ponte de acceso a un coñecemento transcendente. Do mesmo xeito, a súa incidencia no celtismo como fundamento da arte galega pode entenderse como un mecanismo de regreso a unhas orixes na que determinados ideais permanecerían aínda vixentes.

De acordo co intuicionismo, a terceira das liñas apuntadas, o autor concibe o poema como un acto de coñecemento. Pero fronte aos procedementos racionais do siloxismo ou do método hipotético-deductivo, as revelacións achegadas pola poesía teñen máis que ver, para Castro, cos relampos da intuición. Con todo, en observacións moi adiantadas que fan lembrar a énfase contemporánea na necesidade de tender pontes entre a arte e a ciencia, o autor ten matinado na innegable comunidade de intereses que media entre dominios aparentemente afastados como a poesía e o coñecemento astronómico. No seu limiar á versión galega das Rubaiyát de Omar Kayyám (1965), Castro apunta:

Eu penso que a miña teima en soster que Omar o Poeta e Omar o Astrónomo foron unha mesma persoa cecáis proveñan en parte de que coido que a Astronomía é a máis poética manifestación dos nosos días –aquelo que arreda até máis lonxe os lindeiros da imaxinación e da fantasía, o que nos fai sentir a suprema saudade, o tremor dos máis videntes escritores do noso tempo, é maravillosa demais pra que poida espresarse en prosa, ó xeito do pretendido realismo dos tempos materialistas que nos precederon. O real somentes pode intuirse cando se ten concencia do que latexa tras as verbas lidas e ouvidas. A propia Cencia saléu do campo do mecanicismo pra adentrarse na especulación, na hipótesis, na valoración da intuición imaxinativa incruso do azar. Por eso, cecáis tan só un Astrónomo-Poeta como o de Naishápúr, un Omar Khayyám da era atómica, do Monte Palomar e Jodrell Bank, da humanidade xa en órbita, e pensamento na dispersión no espazo, sabería facernos sentir as cousas que andan a tremeren no ambente dos días que vivimos, as ideias que teñen un vago impacto no noso esprito e que tanto nos custa apreixar, inda que sexa parcialmente.

Plácido Castro, crítico literario

Xunto a outros intelectuais da denominada xeración de 1925, Plácido Castro fixo do coñecemento o cerne mesmo da súa procura literaria. Os intelectuais da xeración do 25 vían na literatura unha actividade crítica e recoñecían o seu potencial para incidir na sociedade. A elegancia expositiva da prosa de Plácido Castro non debería ocultar a forza do seu sentido crítico, capaz de someter a xuízo as teorías vixentes no seu tempo para, despois de analizalas, adoptar unha posición tan informada como persoal. Tense falado adoito da consideración de que, para Plácido Castro, a saudade constitúe un dos elementos máis nidios para a caracterización da identidade galega. Con todo, paréceme importante incidir no carácter polemista do seu ensaio sobre a saudade e a arte nos pobos célticos. Nel rebate con vigor a consideración de que a saudade é a manifestación dun “instinto de morte” –sostida, entre outros autores, por Nóvoa Santos–, para entendela como “o desexo do expatriado de voltar á súa terra”. A actividade poética sería froito, precisamente, desta conciencia da distancia, que o autor atribuía á cultura céltica.

O aprezo de Plácido Castro pola obra literaria de T. S. Eliot, do que o autor deixa constancia en distintos artigos, traducirase na adopción dalgunhas das súas ideas sobre a literatura, centrais na constitución do movemento denominado Nova Crítica. Un dos fundamentos da crítica eliotiana era a “lectura pechada” (close reading), coa que tentaba conxurar a “falacia intencional”, que consistía en proxectar sobre os textos literarios determinadas prexuízos derivados da biografía dos autores. Para Eliot, pola contra, os poemas debían falar por si mesmos, e os críticos debían absterse, no posible, da tentación biografista, na medida en que non hai cousa máis difícil de probar textualmente que as intencións. Isto é o que, dun xeito excepcional, consegue facer Plácido Castro no seu traballo sobre a lírica Christina Rossetti e Rosalía de Castro, un dos primeiros ensaios galegos que transitan as canles da literatura comparada. Neste estudo, Plácido Castro avanza liñas de indagación sobre Rosalía que o tempo irá confirmando como extraordinariamente avanzadas. Cunha sutileza non sempre común no traballo crítico, o autor rexeita implicitamente o tópico dunha Rosalía iletrada, ao tempo que subliña a súa ascendencia fidalga, a importancia da figura materna na súa formación e a súa implicación nos acontecementos sociopolíticos máis relevantes do seu tempo. Dende o punto de vista metodolóxico, é aprezábel o seu afán por substentar empiricamente cada unha das súas consideracións, e o rexeitamento a calquera opinión non comprobábel. Este último feito déixase ver, por exemplo, cando amosa cautela con respecto á causa da tristeza rosaliana:

Por esta época, a que fora unha nena alegre malia non ter boa saúde, foise facendo triste e seria. Adoita atribuír esta transformación polos analistas da vida de Rosalía, a que entón tivo pleno coñecemento das circunstancias do seu nacemento, ensombrecendo con ese motivo o seu espírito xuvenil. Sen embargo, non hai constancia ningunha de que fose así.

Do mesmo xeito, refuta, partindo das interpretacións de Carballo Calero, o tópico de Rosalía como Santiña:

En diversos traballos, Ricardo Carballo Calero cala tan fondo no íntimo da personalidade de Rosalía como quizais non o fixera ningún outro crítico literario galego. El maniféstase decididamente discrepante coa visión dunha Rosalía tradicional, popular, a da “Santiña”, a Nai Galega, dolorosa e infinitamente boa, chorando sempre polos pesares dos seus fillos, a campesiña sentimental. E acláranos ben de qué maneira as cartas conservadas dela mostran un temperamento, certamente, ultrasensible, tenro, amoroso, pero tamén de tremenda enerxía diante das realidades da vida, cunha linguaxe directa sen choromicadas nin eufemismos de ningunha caste.

O seu rexeitamento aos xuízos de intencións advírtese tamén na súa ponderada análise da biografía de Christina Rossetti. Ao referir a incompatibilidade relixiosa entre a autora e Charles Cayley, que imposibilitaría posteriormente a súa unión, Castro apunta: “¿Tivo remorsos? ¿Lamentou o seu exceso de esixencias relixiosas? Algúns insinúano, pero ningún o poderá saber”.

No carácter respectuoso e sensíbel do enunciado “ningún o poderá saber” agóchase, condensada, unha lección de sabedoría crítica. Como pensador literario, Plácido Castro manifesta un grande sentido da escoita e unha receptividade pouco común. Esta fonda empatía, que está detrás de toda a súa obra, favorecerá nel o exercicio da tradución, entendida case como práctica poética.

Plácido Castro, tradutor de poesía

Do carácter pioneiro de Plácido Castro como adaptador de textos poéticos e do papel da tradución literaria como mecanismo de lexitimación da identidade galega falaron con rigor Valentín Arias e Alberto Álvarez Lugrís na VI Conferencia Anual, titulada “Significado e importancia de Plácido Castro no panorama da tradución en Galicia”. O atinado das súas consideracións eximirame aquí de afondar polo miúdo nesa relación tan fértil entre a creación literaria e a tradución lingüística. Con todo, é innegábel eludir a cuestión, pois a relación de Plácido Castro coa poesía non podería entenderse sen facer alusión ao seu labor como tradutor.

Son moitos os autores que defenden o carácter activo do labor de tradución poética. Recentemente, Ruiz Casanova falaba de “escrita do tradutor”, para subliñar que a mediación levada a cabo polo autor dunha versión literaria vai moito máis alá do traspaso literal dunha lingua a outra. Antoine Compagnon consideraba a cita literaria como a presenza, no texto, dunha “segunda man”, e é doado atopar trazos desta segunda man nos poemas traducidos por Plácido Castro. Con respecto ao orixinal, o texto que achega o tradutor constitúe un salto cualitativo, porque se trata dunha obra transformada en virtude dunha lectura.

Plácido Castro demostra ser un tradutor moi consciente. Para alén de que moitas das súas versións sexan froito do gusto persoal ou de determinadas continxencias, hai sempre unha vontade, se non programática en todos os casos, tampouco simplemente azarosa. É preciso, polo tanto, ler con moito coidado os autores e os textos elixidos e prestar atención ás resoancias simbólicas que se derivan de determinadas escollas. Do carácter consciente do seu traballo dá testemuño a seguinte pasaxe tirada do limiar da Poesía francesa e inglesa vertida ao galego (1949), presumiblemente de autoría compartida con Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán:

Longo sería facer a historia do influxo das traducións no desenvolvemento das literaturas. Unha literatura nova moitas vegadas trocou o rumbo e encetou ruta nova por mor deste influxo. Moitas literaturas teñen comezado, ou axudáronse no seu primeiro pulo, con versións, adaptacións ou paráfrases de obras estranxeiras.

A oportunidade das escollas de Plácido Castro é unha cuestión na que incidirá Carlos Lema na súa reedición da Poesía francesa e inglesa vertida ao galego (2005), cando pondera o papel desempeñado por algúns dos autores escolmados e traducidos na historia do nacionalismo literario irlandés:

A carón de autores coma Thomas Hardy (…) xorden outros coma AE (George William Russell), escritor irlandés que participou no Rexurdimento Céltico e foi membro do Teatro Nacional de Irlanda, ou o tamén irlandés Padraic Colum, poeta que se inspira nas baladas populares de Irlanda e na tópica da pastoral.

Plácido Castro, poeta

Na súa documentada biografía de Plácido Castro, Xulio Ríos (1997) fai referencia a unha anécdota que ilustra con precisión a estima do autor pola poesía:

Darío Alvarez Blazquez conta que, por aquel entón [arredor do ano 1949], un locutor da emisión galega preguntaba en antena a Plácido, que arte consideraba como a mais fermosa. A poesía, contestou Plácido sen dubidar.

Se a este aprezo manifesto pola lírica lle engadimos a curiosidade intelectual do autor, non resulta estraño que, ocasionalmente, se tivese dedicado el mesmo á escrita. A obra poética de Plácido Castro consta de dúas series de poemas. Á primeira serie pertencen un grupo de textos soltos, pero entre os que é doado atopar certas concorrencias formais e temáticas. Son os poemas titulados “Ouh, lúa inmerescida”, “Acuarela divina”, “Universo-Illa”, “Praia”, “Anti-Pigmalión” e “Cereixas vermellas”. A segunda serie constitúe un cancioneiro de sentido unitario, titulado xenericamente O Fillo, e integrado polos poemas “Cataclismo cósmico”, “Invasor querido”, “Meu ladrón”, “Ó verte así durmindo”, “Fror, Volvoreta, Home”, “Interrogacións”, “Tres nenos”, “O pequeno megalito”, “Tí-Tó”, “Ti e o Atlántico”, “Dúbida…” e “Brinquedos”.

No que atinxe á primeira serie, o poema “Ouh, lúa inmerescida” –subtitulado, non sen certa ironía, “poema lunático”– adopta unha posición crítica con respecto ás conquistas das potencias enfrontadas durante a guerra fría. A peza constitúe un interesante exercicio de compromiso entre o clasicismo métrico e a actualidade do tema tratado. A lúa é un dos temas maiores da poesía lírica de todos os tempos e lugares. A tradición conta que o poeta chinés Li Po perdeu a vida ao tentar bicala e a lenda deu lugar, na poesía occidental, a procuras tan singulares como as de Ezra Pound, bo coñecedor e antólogo da lírica chinesa. Por non falar, moito antes, dos nocturnos barrocos ou do poema romántico Endymion, onde Keats refire a historia do pastor grego roubado pola lúa e que comeza co fermoso verso: “Un anaco de beleza é unha alegría eterna”. Pero o poema de Castro demostra até que punto a pretensión de ocupar o espazo exterior obriga a unha mudanza de perspectiva. A que fora “namoro dos poetas, amada dos amantes” converteuse nun espazo de conflito no que se libran, simbolicamente, as batallas humanas:

Xa non lles chega ós Homes o seu mundo anguriado,
bébedo do seu sangue: queren deixar cravados,
nisas cinzas arxénteas,
seus farrapos de cores –cecais os devanceiros,
como o foron na Terra,
das hordas que han matarse por isto ou por aquelo,
tinxindo a túa prata de sinistro vermello.

Pola súa banda, o poema “Acuarela divina” fai lembrar a dedicación de Plácido Castro ás artes plásticas, e conecta no espírito e na letra con aquel “Acolá están as illas” de Álvaro Cunqueiro (Herba aquí ou acolá). O texto participa da idea clásica da natureza como obra mestra de Deus, fonte de ideas estéticas sobre a relación entre orixinal e copia e os principios de imitación na práctica creativa. Neste punto o autor arrédase do hilozoísmo, movemento poético que facía da natureza un escenario panteísta, para ofrecer unha paisaxe insular dotada dos atributos dun lenzo. De feito, Castro recorre ao procedemento retórico que os gregos denominaban ékphrase, e os latinos ut pictura poiesis, e que consiste na descrición verbal dunha obra de arte. Se este poema fose un cadro, sería unha mariña, pero non ao modo costumista do peirao con dornas, senón ao modo das paisaxes de Turner, onde as manchas de cor esborrallan calquera pretensión de realismo. Unha vez máis, o autor antepón a fantasía, o mito e a ensoñación ás esixencias da lóxica e da figuración:

Uns fantasmas de illas, unhas illas de fadas,
esvaidas remotas, míticas, ensoñadas,
disolución de illas nos azules do mar,
transparencia de illas nos azules do ar…

Ao tempo que procura pintar unha paisaxe con palabras, o autor recoñece explicitamente a dificultade de reducir a termos cromáticos o carácter fuxidío e cambiante daquilo que desexa describir. É de notar, neste sentido, a contraposición entre os tecnicismos que fan referencia ao nome das cores e dos matices e a conciencia da imposibilidade de nomear os seus efectos sobre a mirada humana:

¿Azules de Cobalto, de Prusia, Cianino,
Alizarín, Amberes, Cerúleo, Ultramarino?
¿Viridiano, Esmeralda, nos verdes da ribeira?
¿E que? Nomes de cores, de terra de poeira,
pra pintar un ensoño, un feitizo amatista.

Tamén no poema “Universo-Illa” queda patente o interese de Plácido Castro polo tema marítimo. Neste caso, o autor recorre á “alegoría náutica”, unha das imaxes máis utilizadas na poesía barroca europea. Co propósito de subliñar a insignificancia do ser humano no contexto da creación, a voz lírica é comparada cun barco perdido na inmensidade do océano. Con todo, os seus coñecementos científicos permítenlle actualizar unha vez máis este vello tópico literario. En virtude da inversión do axis mundo, o mar convértese en ceo, e a alegoría náutica tenta reflectir a consciencia da infinitude do universo. Ao mesmo tempo, esa indistinción entre o mar e o ceo fai pensar nalgúns poemas de De catro a catro, de Manuel Antonio. A poderosa visión do “universo-illa” devén, en último termo, un testemuño da soidade existencial, nun tempo no que o antropocentrismo se ve inevitablemente ameazado polas descubertas astronómicas:

O mundo enteiro esváise…
maxínome no centro das galaxias,
como si navegara
na interestelar friaxe, infinda:
e, por un curto instante,
soño que son un universo illa.

A composición “Praia”, de xinea neotrobadoresca, pecha a tríada de poemas mariños. Esta peza dá testemuño do interese de Plácido Castro polas correntes poéticas xurdidas na preguerra e continuadas por algúns autores nos anos corenta e cincuenta do pasado século. O neotrobadorismo foi unha corrente de imitación da poesía dos Cancioneiros galego-portugueses onde, como neste caso, a recreación métrica da lírica dos trovadores podía convivir con imaxes abertamente rupturistas:

Voume embebedar coas vagas,
bebendo champán do mar
en copa verde esmeralda.
Voume enxabronar coas vagas,
para logo me afeitar
co agudo fío da iauga.

O desexo amoroso, que constitúe sen dúbida o tema máis transitado polos poetas líricos, constitúe o eixo das pezas “Anti-Pigmalión” e “Cereixas vermellas”. En “Anti-Pigmalión” o autor deixa constancia do seu interese en actualizar, e mesmo en invertir, os referentes da mitoloxía clásica. Pola súa banda, “Cereixas vermellas” pode lerse como un breviario rimado das bondades e perxuízos do desexo, afín ás ideas ovidianas do amor como concordancia de opostos.

Dedicarei agora algunhas palabras ao poemario O Fillo, concibido, en palabras de Xulio Ríos, “diante do seu primeiro fillo, Pacho”. A centralidade do tema da saudade no pensamento de Plácido Castro explica que, sendo un libro celebratorio, agoche un marcado ton elexíaco. Cavilemos que, fronte a outras concepcións menos vitalistas, a saudade era para o autor un “instinto de vida”.

Os poemas que integran esta serie van avanzando temporalmente, até conformar unha caste de diario poético, que se estende dende a transformación vital que supón o nacemento (“Invasor querido”, “Cataclismo cósmico”) até os rituais de pasaxe asociados ás distintas etapas do crecemento. Como contrapunto, algúns poemas de ton meditativo operan como elementos transicionais, onde se expoñen as dúbidas e incertezas que invaden ao suxeito ante a paternidade. Algúns destes poemas, como “Interrogacións” ou “Dúbida…” convirten significativamente as interrogativas en elementos estruturais.

Malia a ser reacio, nos seus artigos críticos, ao experimentalismo literario, tanto os poemas soltos como os textos recollidos n’O Fillo participan de certos elementos propios da vangarda poética. Son elementos clave, neste contexto, o uso de tecnicismos e neoloxismos (moitos deles tirados da linguaxe científica), o afán de cuestionar as metáforas fosilizadas, e o uso dalgunhas imaxes audaces que testemuñan unha vontade de distanciamento propia da modernidade lírica. Véxase, como exemplo disto último, a terceira e última estrofa do poema “Flor, Bolboreta, Home”, onde a voz se afasta da concepción sacralizadora da paternidade nun esforzo por anticiparse aos efectos da vellez:

Mais iste neno,
non ha ser, de home,
máis belo que hoxe:
e xa de vello,
cheo de rugas…
caricatura.

Esta “caricatura” en epifonema, que ten moito de expresionista, quere incidir na irreversibilidade do tempo, verdadeiro eixe temático de todo o poemario, e motivo explícito de poemas como “Tres nenos” ou “Ó verte así durmindo”. Con todo, a conciencia da fugacidade convive con momentos de tenro humorismo. Por exemplo, no texto titulado “O pequeno megalito”, o celtismo devén poema de ocasión para conmemorar o primeiro dente do cativo. Este poema ilustra con claridade a coexistencia do mito e da realidade na práctica poética de Plácido Castro. A adopción dun estilo realista na descrición dalgunhas escenas da vida cotiá non está presidido por un afán testemuñal, senón polo entendemento da literatura como campo de probas. Como levamos visto, o humor desempeña un papel importante na poesía do autor, e ás veces a atención ao detalle agocha unha vontade de opoñerse ao ton solemne e á transcendencia, como cando no poema “Ti e o Atlántico” a voz lírica lembra ao neno que pide “un vaso de Mondariz”.

Un risco definidor da lírica de Plácido Castro, asemade presente na súa condición de prosista, é a habilidade para unha exposición clara dos contidos intelectuais complexos. No poema “Ti-To” –que lembra no título o poemario Sing-Song de Christina Rossetti, tamén de temática infantil–, o poeta alude a ese fenómeno que Jacques Lacan denominara “estadio do espello”, ao describir a conmoción que provoca nos cativos a descuberta da súa propia imaxe refletida:

Ti chegábaste ó espello
e petabas coa man,
pra que saíse o neno
xunto de ti a brincar.

Significativamente, o poema titulado “Brinquedos” é o elixido para pechar a serie. Fronte ao neopopularismo métrico dalgunhas composicións anteriores, Castro adapta aquí, en endecasílabo rimado, os metros longos da lírica elexíaca. O poeta volve recorrer algúns tópicos da poesía clásica (nomeadamente o carpe diem), nunha exhortación ao goce das alegrías da infancia que non pode agochar a súa prevención ante futuros desenganos:

¡Goza, meu neno, agora da presencia
de ídolos de madeira e de cartón,
o cabalo de carne, cando o teñas,
vai ser menos real que ista ilusión!
¡Goza, goza a ledicia, meu pequeno,
diste ceo fuxitivo de brinquedo!

Para pechar esta aproximación á poesía de Plácido Castro, quixera lembrar unhas palabras do seu admirado Yeats, onde evoca a Isseult Gonne, a filla de Maud Gonne (“Unha Visión”):

Lembro unha rapaza fermosa que cantaba na beira do mar, en Normandía, cantigas que ela mesma compuxera. Soa, en pé, descalza entre o mar e a area; cantaba coa cabeza ergueita cara a todas as nacións que foran aparecendo e desaparecerando ao longo do tempo, e remataba cada verso pregándolles aos ceos: “Permitide que algo permaneza”.

Plácido Castro, que consideraba a poesía a máis fermosa das artes e que definira os poetas como persoas “capaces de lle dar expresión material ao que todos sentimos”, ten un lugar de excelencia nesa comunidade de traballadores da palabra que seguen facendo posible que algo permaneza.

María do Cebreiro Rábade Villar

Referencias:

BLOOM, Harold (1970): Romanticism and consciousness, New York: W.W. Norton.

CASTRO, Plácido (1927): “A Inglaterra céltica”, El Pueblo Gallego, xoves 10 de marzo de 1927.

CASTRO, Plácido (1965): “As Rubaiyát de Omar Kayyám, O Astrónomo-Poeta de Persia”, Grial. Revista Galega de Cultura.

CASTRO, Plácido (1928): La saudade y el arte en los pueblos célticos, Vigo: Imp. El Pueblo Gallego.

CASTRO, Plácido, Lois Tobío e F. M. Delgado Gurriarán (2005), Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, Bos Aires: Editorial Alborada (2ª ed. Vigo: Editorial Galaxia. Limiar de Carlos Lema).

COMPAGNON, Antoine (1079), La Seconde main ou Le Travail de la citation, Paris: Seuil.

PARTZSCH, Henriette, Florence Pennone e José Francisco Ruiz Casanova (2005), De poesía y traducción, Madrid: Biblioteca Nueva.

RÍOS, Xulio (1997): Plácido Ramón Castro del Río: humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego, Vigo: Ir Indo.