16ª Conferencia Anual Plácido Castro: Plácido Castro e o humanismo, onte e hoxe

16ª Conferencia Anual Plácido Castro: Plácido Castro e o humanismo, onte e hoxe

Pronunciada por  África López SoutoMuxía, 23 de xaneiro de 2015

Quixera expresar en nome propio e da Fundación Plácido Castro o agradecemento ao Concello de Muxía e a Fundación López Abente pola súa colaboración para levar a cabo esta décimo sexta conferencia anual coa que pretendemos reivindicar a traxectoria e o pensamento de Plácido Castro, meu pai.

Nesa súa vida, os vínculos establecidos con Muxía son breves pero dunha gran intensidade e penso que constitúen unha base ben sólida para que no futuro poidamos levar cabo mais actividades en común.

Quixera agradecer tamén á África López Souto a súa dispoñibilidade para colaborar coa Fundación e contribuír coa súa reflexión a un mellor coñecemento do ideario do meu pai e tamén da súa xeración.

E grazas igualmente a todos aqueles que fixeron posible esta actividade e ao estimado público por asistir.

 


 

 

Moi boas noites a todos e todas e moitas grazas pola vosa presenza aquí. Grazas que se estenden ao Concello de Muxía pola súa acollida, á Fundación López Abente e á Fundación Plácido Castro pola súa invitación a participar nestas conferencias alusivas ao galeguista Plácido Ramón Castro del Río e que xa van, con esta, polo número 16.

O tema que me trae aquí é a reflexión en torno ao humanismo, antes e hoxe, e a Plácido Castro, o cal decote é cualificado -etiquetado- como “humanista liberal”.

Comezarei abordando as diversas facianas adoptadas polo humanismo ao longo da historia, para pasar logo a ver que trazos toma Plácido Castro das mesmas e en que sentido ou acepción (das múltiples que posúe) apelamos humanista a Castro. Finalmente, tratarei de reflexionar en torno ao humanismo e ás humanidades na actualidade e sobre os valores que nos pode aportar a figura de Plácido Castro.

Para que ninguén se sorprenda, aviso que ao ir construíndo este discurso, mentres pensaba no que ía a dicir hoxe aquí, e en concreto na parte máis referida á historia, cando trataba de afondar entre os múltiples significados do humanismo co obxectivo de discernir o que podería resultar de relevancia de cara á análise proposta, foi agromando un interese (por outra parte, nada novidoso no curso dos meus pensamentos e investigacións) en algo que en principio non parecía vir moi a conto. Refírome ao papel das mulleres nas manifestacións varias do humanismo. Mais por outra banda, pensei, ao fin e ao cabo se falamos de seres humanos, falamos tamén de mulleres… Como se pode deducir destas palabras, decidín deixalo, para así ir vendo o enriquecemento do humanismo co que elas contribúen. Veremos o que sae.

 

  1. Humanismo (un pouco de historia)

Significado de “Humanismo”

Tomamos como punto de partida, unha definición simple ou básica do humanismo:

Humanismo: sentimento individual e colectivo dunha civilización na que destaca de maneira prominente a admiración, exaltación e o eloxio do xénero humano, e na que florecen a cultura, o deporte, a arte e todo o  quefacer humano se volve transcendente. O seu obxectivo é enaltecer a dignidade humana.

O termo humanismo relaciónase coas concepcións filosóficas que colocan ao ser humano como centro do seu interese (antropocentrismo) e con el as súas diversas manifestacións ou expresións culturais.

O humanismo filosófico resalta a dignidade do ser humano, aínda que interpretada de distinto modo nas diferentes formas de humanismo (cristián, socialista, existencialista, científico, etc).1

Téndoa de fondo, pasamos a ver as formas que vai adoptando ao longo do tempo.

Un pouco de historia

Hai quen fala de humanismo retrotraéndose ata a antigüidade grecorromana (sinalando a Cicerón como primeiro humanista da historia, ou mesmo a Sócrates) e continuando logo no medievo co renacemento carolínxeo cando se realiza a clasificación de saberes en trivium e quadrivium (as nomeadas artes liberais).

a) Renacemento

Sen ir tan lonxe, para entender a palabra humanismo nós remontarémonos como punto de arranque ao Renacemento que dá inicio á modernidade (século XV) e a súa recuperación dos textos antigos, que aos comezos da modernidade consideraban como perdidos desde a Antigüidade. A época do humanismo por excelencia. Non obstante, hai que puntualizar que o termo “humanismo” é utilizado por primeira vez en alemán por F. J. Niethammer en 1784 para referirse á tendencia a destacar a importancia do estudo das linguas e dos autores “clásicos” (latín e grego)2 e empezou a utilizarse a principios do XIX.

Como é ben sabido, a centralidade do ser humano, antropocentrismo, fronte ao teocentrismo medieval, é a característica máis notable da nova época moderna. E da súa man, a entronización dos escritos (das letras) da antigüidade grecorromana. O humanismo italiano pode considerarse en gran parte un “ciceronismo”, no sentido de que en gran parte consistiu no estudo e imitación da forma de pensar de Cicerón.

Dise de Dante Alighieri  (1265-1321) que é o primeiro en situar á antigüidade no centro da vida cultural, e Francesco Petrarca (1304-1374) é recoñecido como o pai do humanismo pola súa insistencia en que para adquirir a verdadeira humanidade é indispensable o estudo das linguas e letras dos clásicos.

Para non perdernos na infinidade de nomes e aspectos do Renacemento, imos fixarnos nun dos ideais renacentistas, que pode simbolizarse mediante o nomeado “home de Vitrubio”, de Leonardo da Vinci. Este debuxo, realizado en torno a 1490 con lapis e tinta, (na actualidade atópase na Galerie dell’Academia de Venecia) está baseado nun
texto contido no Libro III Capítulo I do libro De architectura do arquitecto romano da época de Octavio Augusto, Marco Vitruvio Polion (s.I a.C.). No seu escrito, Vitruvio menciona diversas proporcións presentes no corpo humano, seguramente tomadas dos cánons gregos. E Da Vinci emprega estas proporcións de Vitrubio, engadíndolles algunha corrección e así propón o seu propio Home de Vitruvio, como expresión do seu ideal.

Nesta manida representación amósasenos o tópico renacentista da procura do ideal de ser humano (case sempre home varón, por suposto). Leonardo non estaba só nesa procura espiritual e física do ideal humano. Nos varios “Davides” da época pode reflectirse a mesma intención: no David de Miguelanxo Buonarroti (realizado entre 1501 e 1504), e antes no de  Donatello (1440), ou o de Verrocchio (1467-70).

En realidade, esa busca de harmonía e simetría no corpo humano serve de apoio á dignidade humana que en todos os ámbitos se constrúe no Renacemento. E o feito de que fose realizado por Leonardo, músico, escritor, matemático, urbanista, inventor, escultor, científico, enxeñeiro, arquitecto, pintor, lévanos a outro dos trazos prototípicos deste tempo.

Como é de todos coñecido, os principais facedores do Renacemento, sobre todo nos primeiros momentos son os artistas (literarios e plásticos) como os que vimos de mencionar. Mais estes homes non se limitaban á súa arte, senón que como sinala Leon Battista Alberti (1404-1472), arquitecto, pintor, matemático, poeta, lingüista, filósofo, músico e arqueólogo italiano, outro expoñente da polimatía antes mencionada, ao igual que Leonardo da Vinci: “…o artista neste contexto social non debe ser un simple artesán, senón un intelectual preparado en todas as disciplinas e en todos os terreos”.

Nun plano máis filosófico, do que non nos podemos esquecer, temos entre outras, como figuras destacadas a Pico della Mirándola, Erasmo de Rotterdam, Tomé Moro, Juan Luis Vives… En particular, o Discurso sobre a dignidade humana (Oratio de hominis dignitate, 1486), de Pico della Mirandola, convértese nun clásico deste período histórico. Nel, o seu autor exalta a capacidade intelectiva e dedutiva do ser humano, ligándoa á liberdade que nos diferenza dos demais animais. Tamén manifesta nel o respecto pola diversidades culturais e relixiosas e o dereito ao enriquecemento precisamente a partir da diferenza.

Antes de avanzar paso na nosa andaina, unha anotación sobre as mulleres no Renacemento. Falamos nesta época de antropocentrismo e dignidade do home. Inclúese nesa centralidade do ser humano ás mulleres? “Máis ben pouco” é a resposta esperada, claro. Non obstante, sempre hai nomes femininos cos que salpicar a historia. Neste caso, o máis relevante se cadra, é o de Cristina de Pizán (1364-1430), quen, a cabalo entre a Idade media e o Renacemento, pon os alicerces dunha xenealoxía feminina. Na súa obra máis nomeada, A cidade das mulleres” [escrita en francés, Le Livre de la Cité des Dames], de 1405, procura reescribir “unha historia que esqueceu ou terxiversou a presenza das mulleres nela. Por iso, esta cidade imaxinaria estará poboada polas mulleres ilustres, históricas ou míticas, de todos os tempos, mulleres que co seu exemplo desbaratan todos os prexuízos acerca da inferioridade feminina.”3 Neste escrito, Pizán constrúe -coa axuda da Razón, a Rectitude e a Xustiza- unha “cidade” para protexer as mulleres establecendo un paralelismo coa Cidade de Deus, na que dez séculos antes Agostiño de Hipona imaxinara acoller e protexer aos cristiáns durante a caída de Roma. Así mesmo, Pizán inspírase tamén neste empeño no De claris mulieribus, de Bocaccio, unha serie de biografías de máis de cen mulleres ilustres4 (tampouco está, pois, soa no seu empeño).

En España, e por un breve espazo de tempo, cobran certo protagonismo unha serie de mulleres arredor da corte de Isabel I que parecen absorber á perfección a espírito renacentista sobre todo no que atinxe ao amor ás letras clásicas. En concreto, temos a Beatriz Galindo, a Latina, e con ela unha pequena morea de mulleres aprendendo as linguas clásicas: Beatriz de Boadilla, Lucía (ou Luísa) de Medrano, Catalina de Aragón…, un limitado momento que esmorece coa morte da raíña5.

Cabería quizá deixar aquí apuntado para a reflexión que esta época de tan atractivos ideais, é tamén, e precisamente en Italia, unha época na que asasinatos e intrigas estaban a flor de pel, en que a aristocracia era a principal detentora do poder cunha ética egocéntrica máis ben pouco altruísta. Penso en Maquiavelo, e penso nas descricións  recollidas na novela Bomarzo, de Mújica Laínez.

b) Ilustración

Proseguindo agora o noso relato temporal, temos de facer unha parada importante no século XVIII, na Ilustración. Esta xunto co Renacemento do que acabamos de tratar constitúen etapas históricas decote explicadas como irmandadas, con razón en moitos aspectos, mais entre as que percibimos así mesmo notables diferenzas. A fundamental deriva da revolución científica, a cal ten lugar en parte en torno á época renacentista (Copérnico vive entre 1473 e 1543, pero Galileo e Képler xa no século XVII), pero a impregnación desta nos obxectivos e afáns do saber, arribará algo despois. Na Ilustración, no seu afán de levar a luz da razón a todos os ámbitos do coñecemento humano, van darlle unha gran importancia aos novos saberes, a esta nova ciencia (astronomía, mecánica, física, química). Un nutrido grupo de intelectuais vai centrar os seus esforzos en popularizar as ideas da revolución científica e xa non tanto na volta aos clásicos grecorromanos.

Neste século, os ilustrados volven as costas á ortodoxia cristiá (despois das numerosas guerras relixiosas do XVII), e tratan de espallar a razón a todos os eidos. En gran medida isto realizarase a través da Enciclopedia (1751-1766), a primeira gran obra colectiva na que interveñen máis dun centenar de colaboradores, ou sexa, case todos os científicos notables da época. Editada por Diderot e D’Alembert, nesta monumental obra de 28 volumes recóllense os aspectos máis característicos da Ilustración: o escepticismo relixioso, a confianza ilimitada no progreso, o rexeitamento da tradición, o enfrontamento constante entre ciencia e relixión etcétera. Logrou un éxito extraordinario en toda Europa e América (vendéronse 4.000 exemplares, e ata fixéronse copias baratas), divulgando así por unha ampla xeografía un gran valor polas novas ciencias.

A palabra “Enciclopedismo” utilízase como sinónimo de saber universal, múltiple; o que pode verse como unha continuación do polifacetismo que mencionabamos como característico de moitos dos humanistas renacentistas. E á vez ten unha clara concomitancia coa noción de divulgación, educación, ambas tamén relacionables cun Renacemento que é escenario da invención da imprenta e fomentador da alfabetización (en especial nos territorios nos que triunfou o protestantismo).

Ademais, da enciclopedia, e da cara ao tema que nos incumbe, penso que é preciso deterse noutro documento, desta volta moito máis breve: a Declaración de dereitos do home e o cidadán (1789), na que se recoñecen os dereitos naturais e imprescritibles como a liberdade, a propiedade, a seguridade e a resistencia á opresión. Defende a igualdade de todos os cidadáns ante a lei e a xustiza e a separación de poderes.

A modo de contrapunto, Olympe de Gouges redacta en 1791 unha Declaración de Dereitos da muller e a cidadá na que repite os 17 artigos da versión masculina cambiando as palabras referentes ao home polas mulleres -nais, fillas, irmás…-. (Unha nova voz incitando a ensanchar o concepto do humano).

Na Ilustración, como se pode apreciar a través do seu máis importante filósofo, Inmanuel Kant, vaise explicitar a relación entre o uso da razón e a liberdade (e autonomía). Facémonos maiores de razón cando somos capaces de razoar por nós mesmos. Da man de Kant, e tamén de Rousseau, cobran relevancia, ligadas ás nocións indicadas, as ideas de cosmopolitismo e paz. En especial é de remarcar aquí o opúsculo de Kant A paz perpetua6, cuxo obxectivo manifesto é o de lograr a paz nunha Europa unida, algo similar a outro artigo de Kant “Idea dunha historia universal desde unha perspectiva cosmopolita” (1784), no que reflexiona acerca da noción dun Estado mundial, cosmopolita (weltbürgelich) sérvelle como principio regulativo no ámbito internacional en especial con relación á guerra, que debe ser eliminada.

Tanto un como outro, Rousseau e Kant, son cualificados como humanistas liberais, defendendo ambos que é a razón a que nos guía cara á emancipación total.

Non nos parece adecuado proseguir este percorrido sen realizar unha mención á Ilustración en Galicia, posto que podemos presumir dalgúns expoñentes ilustres como Frai Sarmiento ou Benito Xerónimo Feijóo. En particular, este último encarna os ideais dunha Ilustración divulgadora, pedagóxica e que ademais foi punto de referencia que as mulleres (e homes) que, en diversos momentos se posicionaron a prol dunha igualdade da humanidade en termos de sexo (ou xénero). A modo de exemplo, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán destacaron e exaltaron a súa figura a este respecto na súa participación nun concurso convocado en Ourense, a súa cidade natal, en ocasión da celebración do seu centenario. Será Emilia Pardo Bazán quen reciba o premio. En calquera caso, ambas recoñecen o legado de Feijoo na súas reflexións en torno á necesidade da educación das mulleres, un tema tamén moi polémico e debatido na segunda metade do XIX.

Así pois, na Ilustración déixase de lado a obsesión pola volta á cultura grecorromana, e creo que pode dicirse con certo coidado que o lugar que ocuparon os artistas no Renacemento (abrindo camiño), agora tómano os novos científicos. De tal maneira que mesmo o gran filósofo Kant recoñécese emulador do científico Isaac Newton. En fin, habería que matizar posto que nestes momentos non se poden ver como grandemente contrapostas a filosofía e a ciencia. Newton foi moi polifacético, segue denominándose “filósofo” e, como acabo de dicir, Kant pretende facer na filosofía o que Newton chegou a facer en Física: explicar as bases do saber de forma contundente e foron aceptadas con unanimidade.

A maiores dos tratados, hai outros novos conceptos que podemos sinalar como propiamente ilustrados, como o de Humanidade ou o de progreso sobre os que volveremos máis adiante.

c) Socialismo utópico

No XIX asistimos á continuación dos ideais ilustrados no denominado socialismo utópico. Son os tempos do nacemento das Ciencias Humanas, concomitante en grande medida coas grandes loitas obreiras e co sufraxismo feminino.

O socialismo (cualificado como “utópico” de forma crítica por Engels e logo por Marx, que o opoñen ao socialismo científico) pode definirse como unha corrente nacida da Ilustración e de Hegel. Nunha primeira fase encádrase nunha perspectiva de progreso e de fe no humano e na tecnoloxía. Acada o seu apoxeo en torno a 1870, e a partir de aí vese eclipsado polo marxismo.

Este socialismo caracterízase polo desexo de establecer comunidades ideais imaxinando diversos modelos, uns máis estritos, outros máis libertarios, con ou sen propiedade privada etc. Os máis nomeados representantes -Saint Simon, Charles Fourier, Proudhon, Robert Owen- teñen en común a busca dunha sociedade máis xusta. Este anceio idealista agroma da observación da situación desesperada e mísera na que se atopa a clase traballadora e proletaria nos países máis industrializados. Nestes pensadores priman os ideais de solidariedade, filantropía e amor fraternal.

Moi próxima a estes nomes de “utópicos” temos a figura de Flora Tristán (1803-1844)7, quen ademais de compartir activamente a loita pola difusión entre o proletariado dos ideais dunha sociedade en xeral máis xusta para todos, fai especial fincapé na loita polos dereitos da muller, e contra a pena de morte. Outras contemporáneas que poderían traerse a colación serían, por unha banda as sufraxistas inglesas, e por outra, moito máis perto de nós, Concepción Arenal con todo o seu pensamento xirando en torno á “cuestión social”.

Chegados a este punto, a nosa exposición histórica vive unha bifurcación en canto ao tema que nos toca, posto que é de lembrar que asistimos simultaneamente ao xerme do denominado antihumanismo con figuras como Marx (que fai o contrapunto ao antropocentrismo sacando á luz a forza da infraestrutura económica e a loita de clases), Nietzsche (que realiza o mesmo co instinto) e algo despois Freud (co seu subconsciente e inconsciente), os tamén denominados filósofos da sospeita por Michel Foucault. O cerne da súa crítica é o carácter abstracto e utópico e exclusivamente racional e consciente da “humanidade” ilustrada. Veremos como no XX vai ter continuidade esta tendencia crítica no Estruturalismo, sobre todo, e veremos tamén como esta crítica pode ser tida en conta e coadxuvar á ampliación e enriquecemento da noción do humanismo.

Apuntado isto, aínda ficamos por un momento no século XIX posto que non podemos deixar de remarcar a relevancia que cobran os Nacionalismos, contrastando dalgunha maneira co ímpeto englobador da humanidade ilustrada. Trátase, como lembrou Ramón Villares na III conferencia sobre Portugal e o galeguismo8, no XIX, dun nacionalismo dos grandes estados (Italia, Alemaña) a diferenza do que serán os nacionalismos no XX, en especial tras a Segunda Guerra Mundial cando se impoña o modelo wilsoniano e a tendencia pase a ser a da defensa da identidade entre unha nación e unha lingua, o que dalgunha maneira vai dar lugar á floración de múltiples nacionalidades na Europa de entreguerras. Neste marco haberá que entender o pensamento político de Irmandades da Fala, a xeración Nós e o partido Galeguista, polo que respecta á nosa terra.

(Deixamos apuntado que cando falemos de Plácido Castro será fundamental, este combinado de humanismo e nacionalismo).

 

  1. En que sentido dicimos que Plácido Castro é un humanista?

Detemos a perspectiva histórica a principios do XX -aínda que logo volveremos un pouquiño- para centrarnos un anaco na figura de Plácido Castro (1902-1967) e meditar acerca do seu talante humanista; unha tarefa que pode parecer doada de principio, pero que segundo nos adentramos en augas profundas corremos o risco de ir perdendo pé e claridade de ideas. En todo caso, mergullarémonos nunha maraña de conceptos da que espero logremos saír con algunha idea clara.

a) Antropocentrismo

Este sería o concepto clave, obviamente. Pois como sinalamos ao tratar do Renacemento, a fronteira co Medievo vén marcada pola postergación do teocentrismo para que o ser humano pase a ocupar o seu lugar. A relación deste trazo con Castro non é complicada, en tanto que os temas da súa reflexión a través de artigos e traducións encádranse case sempre no ámbito eido social, político e cultural, por máis que lle interesen aspectos científicos  -astronomía-.

Ademais, podemos ver coincidencia co humanismo renacentismo e ilustrado na súa reserva ou distanciamento respecto á relixión. Como nos lembra Ríos9, “Plácido Castro confésase decididamente agnóstico e reservado coas relixións, que <<cos seus dogmas non son capaces de acompañar o que a ciencia nos revela>>”, xa desde a súa primeira colaboración no xornal El Pueblo Gallego (8/2/1927).

b) Retorno aos antigos

Polo que atinxe á recuperación da antigüidade grecorromana realizada no Renacemento, se ben Plácido Castro non regresa á antigüidade clásica, si que busca a forma de retrotraerse ás orixes e comparte o interese pola filoloxía (neste caso, a inglesa, as linguas célticas -gaélico, etc.- e o galego). Leva a cabo o seu particular retorno ás orixes, no cadro do galeguismo do seu tempo, tomando conceptos que estaban no ar nos ámbitos aos que el tende. Ao facelo neste marco sepárase do que sería unha tradición humanista pura, tendente case sempre ao universalismo, á racionalidade, á crítica das tradicións. A este respecto é máis fillo do nacionalismo e do romanticismo do XIX que dos humanismos previos.

Para el as orixes, que poderiamos considerar equiparables á antigüidade clásica, atópanse no celtismo. Na IX Conferencia, Xosé Luis Barreiro10 desmigallou o debate sobre o celtismo en Galicia ubicando a Plácido Castro nel. Logo de incidir no proceso de lexitimación do pobo galego mediante o recurso ás súas orixes, primeiramente (do século XVI ao XVIII) de forma apoloxética, e a partires da segunda metade do XIX mediante un discurso reivindicativo, que alberga no seu cerne a cuestión celta, vai situar a posición de Plácido Castro nun momento en que este discurso está en certo declive. Dinos Barreiro: “Na obra de Plácido Castro que coñecemos se pode constatar o seguinte fío argumental: saudade-arte-celtismo-identidade-nacionalismo; fío, ao noso ver, que se confirma en dúas etapas da súa vida: nos últimos anos da súa primeira estadía en Londres (1927-1930) e nos anos da súa militancia política nas filas do nacionalismo ata despois da guerra civil; dúas etapas que cualificaríamos como de fundamentación teórica (ou simplemente de teoría) e de praxe, ou de aplicación á praxe política.”

Barreiro analiza o tratamento do celtismo deténdose en catro significativos artigos de Castro. Lembramos aquí o primeiro “Galicia e a cultura clásica” (El pueblo gallego, 24/02/1927), no que Plácido Castro nos indica que “…non precisamos ir a Grecia. Abondaranos con estudar as de Escocia, Irlanda e Gales para descubrir unha cultura lendaria tan rica e tan marabillosa como a grega, e que posúe maior afinidade co noso carácter”. Ou sexa, o éthos do noso pobo esixe que nos liberemos do xugo latino, pero non para caer baixo a dominación de Grecia ou Alemaña, senón para crear un sistema cultural propio, sen illarnos do mundo actual. Castro refírese tamén á dicotomía, en voga naqueles anos entre ciencia e vida, ciencia e tradición, intelecto e ilusión. Manifestará en relación a isto: “Crer na ciencia e seguir soñando debe ser o noso lema. E os soños de hoxe resúmense nas múltiples manifestacións da arte”.

Barreiro sinala similitudes entre Plácido Castro e os filósofos de corte romántico-existencial que establecen unha dicotomía entre ciencia e vida, entre a dimensión científica e a dimensión ética. Pon de exemplo aos filósofos franceses Henry Bergson e  Gabriel Marcel. Ao meu ver, resoan así mesmo as dúas correntes filosóficas máis puxantes a fins do XIX, o positivismo (ou cientificismo) e o vitalismo. Ambas poden ser entendidas como respostas ao pesimismo intelectual que se extendera por Europa tras as críticas de Kant e Schopenpehauer [Lembro a contraposición entre Kant e Schopenhauer que realiza o protagonista de El árbol de la Ciencia de Pío Baroja (1911); e a Unamuno, e mesmo a resposta de Ortega y Gasset a esa dicotomía co seu raciovitalismo].

A importancia concedida ao celtismo, ademais de nos seus artigos, pode apreciarse no breve ensaio “La saudade y el arte en los pueblos célticos” (EPG, I-III, outubro-novembro, 1927; publicado posteriormente como folleto, no 1928).e na elección de varias traducións. Barreiro destaca a de “Dous dramas populares”, de W. B. Yeats, “Catuxa de Houlihan” e “O país da saudade”, en colaboración cos irmáns Villar Ponte. O mesmo Plácido Castro dirá que elixe esta tradución porque “o teatro irlandés identificouse nos seus comezos co espírito céltico e a súa incorporación ao arte mundial”. Yeats foi premio Nóbel en 1923 e é considerado como o iniciador do moderno movemento céltico na literatura irlandesa, o que deixou unha marcada pegada no nacionalismo irlandés.

Plácido Castro entende o celtismo como unha forza cultural que ha de complementar ao nacionalismo e, polo tanto, o eixo da política exterior de Galicia. Na súa vida, poden observarse numerosas actuacións interpretables neste sentido. Viaxou moito por Irlanda, a nación máis interesante do mundo para Galicia, segundo a súa opinión; colaborou con artigos na revista Céltiga (editada en Bos Aires entre 1924 e 1932; nela estiveron entre outros, Blanco Amor e Suárez Picallo) e tamén en El Pueblo Gallego (xornal que se editou en Vigo entre 1924 e 1979), publicacións ambas moi ligadas ás teses galeguistas.  Ademais, na súa volta a Galicia actuará como promocionador da Festa do Albariño, en Cambados, da recreación das incursións viquingas en Catoira, do Camiño de Santiago.

En toda esta temática do celtismo, fundamental para el, vemos que non é un puro humanista ao estilo clásico. Así como tampouco o será, na da saudade, un sentimento moi ligado ao celtismo no seu caso. Esta problemática foi tratada con profundidade e extensión na XIII conferencia por Miguel Ángel Quintanar11, quen afirma que na Galicia de finais dos anos 20 do pasado século, a saudade desenvolveu un importante papel no ámbito cultural e intelectual en tanto que era considerada como un dos trazos distintivos dunha nación. Lémbranos que aínda que xa estivera presente de xeito poético en escritores do Rexurdimento como Rosalía, Pondal ou Curros, nos anos dos que falamos tiña máis relación co saudosismo portugués a través de figuras como Teixeira de Pascoaes (1877-1952) e aínda máis de Carolina Michaelis de Vasconcelos (1851-1925). En calquera caso, Plácido Castro non é o único en tratar sobre este sentimento, polo que Quintanar nos indica algúns dos autores que a tratan en datas próximas: Luís Porteiro, Xaime Quintanilla, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Xoán Vicente Viqueira, Rafael Dieste, Novoa Santos. Precisamente este último, é a quen máis se refire Plácido Castro, para rebatilo, no seu principal escrito sobre este tema, o xa mentado “La saudade en los pueblos célticos”. Para o noso autor, a saudade vén sendo o miolo dun modelo ético de vida, unha forza inspiradora do noso progreso, tanto na vida material como artística e política. Este enfoque, inspirado en autores ingleses como Matthew Arnold e Havelock Ellis, posiciónase fronte a visión negativa e morbosa (relaciona a saudade coa morte) do médico e pensador coruñés Roberto Novoa Santos.

De novo unha década despois reábrese un segundo debate en Galicia sobre a saudade no que interveñen Blanco Amor, Castelao (quen fai alusión á saudade en Plácido Castro na súa obra Sempre en Galiza), Ánxel Fole, Otero Pedrayo, Rof Carballo, e de maneira principal Ramón Piñeiro, con textos como a súa Filosofía da saúdade (1951), na que realiza unha formulación filosófica da saudade, relacionando por unha banda coas grandes correntes filosóficas da primeira metade do século XX e por outra, coa lírica galego-portuguesa da saudade. No referido ao eido filosófico Piñeiro fai equivalente o sentimento da saudade coa anguria existencial de Heidegger, a vivencia do fracaso de Jaspers, o engullo de Sartre, o enoxo de Jakelévitch, etc.12

En 1950 Plácido Castro publica un traballo titulado “Un tema de Galicia: la saudade y la poesía”, no que prosegue referíndose máis ou menos explicitamente a esta noción a través da poesía que compón, que traduce, que comenta, e de poetas con espírito celta, como Rosalía de Castro, Christina Rosetti a carón de Blake, Coleridge e, sobre todo e en primeiro plano, Shelley (1792-1822). Neses escritos vindica a imaxinación como trazo característico da saudade. Unha imaxinación poética que estea libre das ataduras da relixión e da concepción cientificista e mecanicista. E realiza unha chamada á renaturalización do ser humano e á humanización da natureza alén dos canons establecidos polo industrialismo e polo modelo de explotación capitalista, aínda incipientes.

Na miña opinión, a súa forma de entender a saudade ten similitudes ou influencias non só de pensadores próximos ao romanticismo e ao existencialismo, senón tamén de filósofos críticos como Nietzsche. Ten un aroma ao vitalismo e nihilismo positivo deste filósofo. Neste sentido, podemos atisbar, pois, que en Plácido Castro por veces humanismo e antihumanismo se arriman por momentos.

A modo de conclusión ou recapitulación deste apartado, ficamos con que celtismo e saudade son os principais elementos da énfase realizada por Castro no relativo á identidade orixinal dos pobos13, que o emparentan co afán renacentista de busca ou regreso ás orixes nas súas múltiples manifestacións culturais.

En todo caso, neste discorrer polo celtismo, a saudade e a identidade do pobo non deixamos de apreciar que se trata en principio dun aspecto difícil de encaixar co eixo da nosa reflexión -o humanismo na ampla gama de manifestacións en que se presenta-, que se aproxima mesmo ao antihumanismo nalgúns aspectos, como xa apuntabamos antes. De todas maneiras, seguiremos rizando o rizo.

c) Polimatía

Un dos trazos máis patentes do humanismo de Plácido Castro vén da súa vertente polifacética, unida á súa enorme cultura e erudición. Coñecido é que foi un gran amante do teatro (especialmente do irlandés e gaélico), da poesía, pintor de acuarelas, intérprete de piano, gran coñecedor da astronomía, locutor de radio, profesor, tradutor, político… É manifesto, pois, que este carácter multidisciplinar relaciónao co ideal humanista do Renacemento que vimos en Leonardo da Vinci por exemplo e co afán enciclopedista no que nos detivemos na época ilustrada. Se cadra, máis co Renacemento, posto que os seus gustos son na súa meirande parte do ámbito artístico literario, se ben tamén amaba e coñecía a astronomía (por outra parte, unha ciencia moi renacentista).

Este trazo compárteo Plácido Castro con outros galeguistas do seu tempo como Antón Vilar Ponte (poeta, orador, boticario, novelista, actor teatral –amateur-, tradutor e autor teatral, director de coro, xornalista) ou o propio Castelao (debuxante, político, escritor, médico, pintor).

d) Cosmopolitismo, pacifismo

O carácter aberto que vimos de mencionar nos seus heteroxéneas gustos e intereses liga ben co seu afán universalista ou internacionalista. Neste caso, a conexión estableceriámola cos ideais ilustrados do XVIII, particularmente con Rousseau e máis aínda con Kant.

Plácido Castro mantivo conviccións cosmopolitas claras, en base á racionalidade humana común. Isto pode verse por exemplo no seu artigo  “¿Cosmopolitas ou “casteláns de imitación?” (EPG, 19/09/1928), onde trata sobre un novo cosmopolitismo. Nel realiza afirmacións como as seguintes:  “Os que o senten teñen como ideal os Estados Unidos do mundo, pero estiman que só se chegará a establecer cando se estimule o verdadeiro patriotismo en cada nación, e cando estas nacións sexan xenuínas unidades raciais e sentimentais”. Ou, case ao final do escrito, en ton conclusivo: “Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, un contacto máis íntimo que o que manteriamos por medio das traducións de ideas europeas que nos presentan os pensadores madrileños. Os altofalantes transmítennos as noticias do rexurdimento de pequenas nacións e de idiomas case esquecidos. Escoitándoas aprenderemos a non ser o que Lloyd George chamaría “casteláns de imitación””.

É de lembrar que Antón Vilar Ponte ten unha obra titulada “Do cosmopolitismo” e outra “Do universalismo e da mansedume galega”e que o propio Plácido Castro polemizara con Johan Carballeira en torno á idea do cosmopolitismo, que para Castro era absurdo considerar como unificador (unha idea rancia, segundo el), senón que todos os países, en pé de igualdade, haberían de enriquecerse mutuamente a partir do propio14.

A idea de cosmopolitismo enlaza doadamente coa de humanidade. Unha relación que se establece na Ilustración, e que, entre outros, se expresa claramente nas primeiras décadas do XX. Nesta época, lembremos, créase a Sociedade das Nacións (1919), xusto ao remate da Primeira Guerra Mundial, e Plácido Castro chega a participar en 1933 no IX  Congreso de Nacionalidades Europeas, unha organización moi próxima á mencionada Sociedade das Nacións, e na que participaban diferentes grupos nacionais dos Estados europeos co obxectivo de protexer e defender os dereitos elementais das minorías nacionais. Desde o ano anterior Plácido Castro participaba na Secretaría Executiva do Partido Galeguista, e no 33 accedera ao cargo de Secretario de Relacións Internacionais.  Estando neste cargo representa ao Partido no IX, celebrado no Hotel Savoy de Berna os días 16,17 e 18 de setembro de 1933.

De novo vemos como o seu humanismo está intimamente vencellado ao sentimento nacionalista.

Outra característica a comentar é a do pacifismo que atopamos decote na Ilustración (xa apuntamos como en Kant ían unidas idea de cosmopolitismo ou internacionalismo coa ansia dunha “paz perpetua”). Xulio Ríos, no seu libro Plácido Ramón Castro del Río –significativamente subtitulado “Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego”- puntualiza que “Plácido mantivo sempre un posicionamento moi claro en contra do fascismo e posuía un coñecemento profundo da natureza ditatorial do nazismo. O nacionalismo galego é un nacionalismo de paz. Nada tiña que ver co nacionalismo de Hitler ou de Mussolini. Por riba de todo era un demócrata15. Foi un explícito pacifista e demanda responsabilidade aos políticos que provocan os conflitos armados, aínda que os suxeitos da paz han de ser os cidadáns, non os Estados, son os cidadáns quen a farán posible ao sentir firmemente esa necesidade.

e) Progreso

Este carácter, tanto na Ilustración como en Plácido Castro irían da man coa admiración polo progreso. No caso de Castro, polo progreso con identidade. E con matices, posto que Castro non ten unha confianza total na ciencia ou a tecnoloxía. Na introdución á súa tradución das Rubáiyat, de Omar Khayyám16 , di “Os enxeñosos sistemas filosóficos, as deslumbrantes construcións de ciencia pura, as promesas de incalculable benestar que nos ofrece a Técnica moderna… todo iso non abondou pra despexar as eternas incógnitas, nin para facernos encarar o porvir con un corazón ledo e desapremido”. Para Castro, a astronomía é a máis poética manifestación dos seus días.

Nesta introdución amosa a súa convicción da identidade do home da ciencia e do poeta. Unha vez máis expresa en voz “alta e clara” a non separación entre a literatura e a ciencia, entre letras e ciencias…

f) Utopía

Continuamos coa maraña de conceptos. Fícanos aínda sen tratar o floco das relacións co humanismo decimonónico, o dos nomeados socialistas utópicos. E algunha relación podemos atopar. En Castro, como nos nacionalistas da primeira metade do XX  (Castelao, os irmáns Villar Ponte, etc.) existe o soño, non sei se sería moito dicir, utopía dunha sociedade diferente, pero que describen e apuntan, unha Europa das nacións, na que cada pobo manteña a súa propia identidade17. E particularmente Galicia estaría orgullosa da súa identidade, celta e saudosa, relacionándose cos demais pobos do mundo, en especial cos atlánticos dos que se recoñecería como irmán (e non tanto dos pobos mediterráneos).

Vemos tamén referencias ou alusións á utopía mentres estuda a saudade. No xa mencionado artigo-ensaio La saudade y el arte en los pueblos célticos mentres intenta analizar o significado da saudade poñendo en relación ese sentimento que aparece en especial na poesía (na arte, dito doutro modo) dos pobos célticos (atlánticos, ou como se queiran chamar: Inglaterra, Escocia, Irlanda), Castro dinos: “Yo prefiero ver en la saudade el tipo más pleno y completo del “instinto de la vida”, de la vida cada vez más bella, más compleja, más espiritual, y la fuerza inspiradora de nuestra lucha eterna hacia la vida perfecta e ideal. La saudade del porvenir no es el “instinto de la muerte”, porque no es individual, egoísta, sino el sentimiento intuitivo de la colectividad humana. Ese bello porvenir que anhelamos, lo deseamos para la especie humana, o para nuestra patria, y no para cada uno de nosotros.” [negriñas miñas]

Trátase, penso eu, dun interesante texto no que máis alá da súa positiva e vital visión da saudade da que xa tratamos, relaciónaa coa “vida perfecta e ideal” e coa “saudade do porvir”. Fálanos claramente unha vez máis dese ideal polo cal loita, e que o fai sentir ligado ao que el denomina “pobos celtas”.

Cambiando de plano, mais seguindo coas semellanzas cos socialismos decimonónicos, pode lembrarse nun ton máis ben anecdótico, que do pai de Plácido Castro dise que foi un filántropo, o que sería un exemplo familiar para Castro de valores tipicamente humanistas do Dezanove18.  [Como non estamos moi lonxe, tamén se podería relacionar coa figura de Fernando Blanco de Lema (1796-1875) quen constitúe un paradigma do talante filantrópico, posto que logo de pasar a maior parte da súa vida en Cuba, onde acumulou unha considerable fortuna, decide no seu testamento deixar o groso da mesma (750.000 pesos de ouro) para a construción e mantemento dun Colexio de primeira e segunda ensinanza na súa vila natal Cee, onde actualmente un dos IES leva o seu nome19].

Por outra banda, habería que comentar que non todas son semellanzas, posto que en Plácido Castro non centra tanto o seu discurso na loita contra da miseria social (é máis visible en Castelao).

g) Ata aquí os conceptos destacados. Quedarían máis por analizar, pero non nos imos a perder máis no vasto océano… Deixamos apuntado que sería interesante tratar o compromiso ético e político que soe acompañar ao humanismo, a tolerancia, a educación e divulgación etc.

 

  1. O Humanismo e o desprestixio das humanidades no século XX e no momento actual

            Mulleres galeguistas

Metémonos no terceiro apartado no que nos introducimos de cheo no século XX e achegámonos á actualidade, dando continuidade a esa filiación de mulleres que comezamos no Renacemento. Así, temos que facer referencia ás mulleres galeguistas e republicanas da primeira metade do XX. Se ben é certo que Plácido Castro non trata directamente sobre este aspecto, por máis que entre os seus poetas de cabeceira se inclúa a mulleres como Rosalía de Castro ou Christina Rosetti, si que o galeguismo da época da República (do que el foi unha figura importante) foi nutrido con contribucións de mulleres como María Miramontes ou Rita Amparo López Jean20, con definidas conviccións sufraxistas. Deténdonos por un momento nesta última , pódese comentar dela que, ademais de ser a primeira muller con título de bacharelato na Coruña, chegou a ser presidenta da Agrupación republicana da Coruña (desde 1934) e do grupo de “mujeres al servicio de la República” e que en 1935 se adheriu ao Partido galeguista, co que colaborou economicamente en varias campañas. Foi tamén socia das Irmandades da fala da Coruña e durante a guerra civil formou parte, en Barcelona, do Grupo de mulleres galeguistas. Faleceu no exilio en París, onde está soterrada xunto co seu home, o xornalista e político republicano César Alvajar (que nunca foi galeguista nin estaba, nese tema, cerca das posicións da súa dona).

É de destacar que a Agrupación Feminina Republicana da que formaba parte López Jean, celebrou durante varios anos actividades culturais e políticas constantes. Case todos os xoves celebraban conferencias e nelas participaron Víctor Casas, presidente das Irmandades da Fala, o xornalista Roberto Blanco Torres, Antón Vilar Ponte (que disertou sobre “La mujer gallega”,21). Amparo López Jean tivo ocasión de presentar nestas sesións, entre outros, ao crítico musical Emilio Pita Robledo, á mestra e pedagoga María Barbeito e a Plácido Ramón Castro del Río. A súa conferencia versa en torno a “Galicia ideal” (A Nosa Terra, 15/6/1935), e parece ser que Amparo presentouno “en verbas elocuentes e afervoadas de galeguidade”. Plácido Castro dedicouse a contrastar o estado de Galicia no plano material e espiritual co que sería nun réxime no que se lle permitise desenvolver todas as súas posibilidades. Fixo referencias a varios puntos do programa galeguista no que se presentaban solucións para os problemas galegos.

Estas e moitas outras aínda en zona de sombra (non son de esquecer ás mulleres na posguerra, as exiliadas, as milicianas, etc.22 así como os homes nas mesmas situacións) contribuíron notablemente a realizar uns ideais de humanidade máis realistas e coherentes que os que esquecen a gran parte da mesma.

            Humanismos no XX

Proseguindo cos fíos que unen a diversos humanismos ata a actualidade, asistimos no século XX, a unha multiplicidade de humanismos, de entre os que destacariamos o humanismo existencialista, o humanismo cristián, o humanismo marxista… Procuraremos  ver se estes humanismos nos aportan luces sobre o pensamento de Plácido Castro.

De entre os múltiples humanismos do XX, gran parte cun elevado nivel filosófico, eliximos deternos brevemente no existencialista, un dos que deu lugar a un maior número de debates e controversias. Na súa obriña “O existencialismo é un humanismo”23, Jean Paul Sartre (1905-1980) distingue entre dous tipos de humanismo: un primeiro que toma ao home como fin e como valor superior, do que el se separa porque considera que rende culto a un humanismo pechado que toma ao home como fin, como algo dado (pon como exemplo a A. Comte); e outro sentido do humanismo no que se entende que o home é proxecto e, por conseguinte, pérdese fóra de si, co que Sartre identifica ao seu propio pensamento existencialista. Trátase dun humanismo ateo que coloca ao home como único lexislador cunha absoluta liberdade e responsabilidade en todos os seus actos. En todo caso, e tentando sintetizar ao máximo, en relación ao existencialismo podemos falar dun antropocentrismo existencial que entende que o home non é ningunha substancia obxectiva senón que é un ser que se constitúe a si mesmo.

Aquí de novo, temos que falar dunha filósofa existencialista, Simone de Beauvoir, que, con alto nivel teórico, debeu loitar -como antes Cristina de Pizán, Olympe de Gouges, Mary Wollstonecraft, Flora Tristán, as sufraxistas…- porque unha vez máis os grandes pensadores non proseguiran a manter na sombra ou na penumbra á metade feminina da humanidade. Neste respecto podemos dicir que as obras de Simone de Beauvoir supoñen unha contribución ou mellora ao pensamento sartriano.

Polo que se refire a Plácido Castro, podemos atopar como xa se foi indicando algunhas conexións con autores próximos ao existencialismo como Gabriel Marcel ou Karl Jarpers  en especial no relativo ás súas reflexións en torno á saudade. Non obstante, penso que el non continuou as súas meditacións nestes aspectos. E por outra banda, para os anos do divulgación forte do existencialismo (anos 40) Castro estaba máis afastado de reflexións filosóficas deste cariz.

A bifurcación do XIX entre humanismo e antihumanismo anteriormente mencionada esténdese, perdura e afóndase no XX, co Estruturalismo, principalmente. Con este vocábulo facemos referencia ás investigacións e ideas de autores, especialmente franceses, como Lévi-Strauss, Jacques Lacan, Louis Althusser (e quizais tamén Michel Foucault, Roland Barthes ou mesmo Jean Piaget ou Noam Chomsky), os cales van conceder maior importancia ás estruturas entendidas como un sistema ou conxunto de sistemas  (xa sexan lingüísticos, psicolóxicos, económicos, culturais, sociais) que actúan como principios explicativos -non posúen carácter metafísico- da realidade. Deste modo, eliminan a referencia ao ser humano como suxeito e ás súas circunstancias na historia. Para eles os humanos están sometidos á historia e non á inversa.

Anotado isto coa intención de presentar a panorámica máis completa posible (a sabendas da imposibilidade da tarefa) do marco no que se insire o pensamento de Plácido Castro, non nos interesa insistir máis nesta deriva do pensamento filosófico. De paso, aproveitamos para aclarar que considero que constitúe máis ben unha profundización e complementación do “espírito” dos humanismos históricos aquí lembrados. Penso, ademais, que as críticas ao humanismo, que o denuncian por non chegar ao inconsciente, ao lado non visible do humano, poden aportar interesantes vías de debate e profundización nas reflexións que eviten caer en abstraccións, excesos de racionalidade ou en utopías baleiras.

            Valoración actual do humanismo

Nun plano diverxente a este, si que me gustaría destacar que, aparte do antihumanismo filosófico, habería que falar dun “contrahumanismo” (por denominalo dalgunha maneira sen confundilo en absoluto co antihumanismo estruturalista ou outros antihumanismos filosóficos) que flota na sociedade e contra o que se alzan voces desde hai tempo e ás que en gran medida quixera unirme (neste aspecto pode ser de boa axuda coñecer e recoñecer figuras como a de Plácido Castro). Estou a referirme a que na actualidade e desde hai xa bastante tempo asistimos a un crecente desprezo polas humanidades (polas letras clásicas -o latín e o grego- e tamén as modernas -as denostadas “letras”, exceptuando a lingua inglesa-) e máis aínda por canto soe a autonomía do pensamento (normalmente ligada á crítica, á temida crítica).  De feito, a lei de educación que se está a implantar, a LOMCE, ataca fundamentalmente aquelas humanidades que non coinciden coa orientación tecnocrática e proletarizante da educación: as que desenvolven os aspectos reflexivos, expresivos e artísticos do ser humano.

Por outra banda, podemos observar outro ataque ao humanismo pola súa asociación ao carácter xeral, ou polifacetismo, que se entende como equivalente de superficialidade, de falta de coñecemento profundo e profesional, de falta de especialización. Se ben é certo que a fragmentación do coñecemento é ás veces o prezo que hai que pagar pola profundización en determinados aspectos do saber, isto non é óbice para impedir unha ampla educación cultural básica, nin para frear a necesaria interdisciplinariedade e enriquecemento dos ámbitos máis diversos e dispersos da inventiva humana. Na actualidade, coñecemos ben tamén os riscos e consecuencias da excesiva especialización e da falta de interdisciplinariedade, que non conducen precisamente a unha maior profundización dos saberes. En todo caso, resulta por demais sospeitoso o desprezo por parte do neoliberalismo dos saberes humanísticos e artísticos, a causa da súa suposta improdutividade.

Dise que actualmente vivimos na “sociedade do coñecemento”; ata hai moi pouco en cambio cualificábase á nosa como unha “sociedade da información e a comunicación”. Mais, en realidade, por coñecemento enténdese a contabilidade da información, é dicir, unha especie de mercadoría. Non se trata dun coñecemento profundo, por máis que todo se profesionalice.

Esta sociedade do coñecemento non quere deixar espazo ao debate, nin á crítica, nin á curiosidade que non leve o apelido de produtiva.

            Palabras de peche

Recapitulando o dito, ficamos con que Plácido Castro é definido como un “humanista liberal”, o que quere dicir que apostou por unha humanidade con identidade, que pode aportar os produtos da súa creatividade orixinal a unha especie de confederación mundial de culturas en pé de igualdade e dignidade. Comparte cos humanismos históricos, do Renacemento ao XX, unha serie de valores que continúan a ser inspiradores na actualidade,  como a recuperación e valoración das nosas orixes e manifestacións culturais, a procura por tender pontes entre as máis diversas disciplinas a fin de que se retroalimenten nos infinitos campos da creatividade da mente humana, a idea de cosmopolitismo multicultural (non unificador e rancio, que diría el) e de paz mundial, de apertura e progreso sen separacións tallantes entre vida e pensamento, ou entre poesía e ciencia, de curiosidade sen fronteiras.

En Galicia non deberíamos permitirnos descoñecer, ignorar ou desprezar as relevantes e suxestivas reflexións e accións de homes e mulleres que, como Plácido Castro, expresan un auténtico e vivo pensamento en acción, digno de ser utilizado para interpretar e orientar a nosa comprensión da realidade no noso momento presente. Por suposto, sen  caer nunha morriña ou nostalxia morbosa do pasado, pois cada época ha de construírse a si mesma, tendo en conta de onde vén, así como tamén onde está e cara a que lugar soña chegar.

 


 

1Definición extraída do sitio web taringa.net

2FERRATER MORA, J. Diccionario de Filosofía, entrada “Humanismo”.

3FERNÁNDEZ BUJÁN,  I., As mulleres na filosofía, de. Baía, 2006. p. 41

4Podería continuarse longamente esta reflexión… Entre outras curiosidades podería resultar interesante a referencia a Álvaro Luna, que escribiu o “libro delas claras e virtuosas muggeres”, escrito 73 anos despois do de Bocaccio. E case 50 despois de A cidade das mulleres, de Cristina de Pizán.

5MÁRQUEZ DE LA PLATA Y FERNÁNDEZ, V.,  Mujeres renacentistas en la Corte de Isabel la Católica, ed. Castalia, 2005.

6KANT, A paz perpetua, 1795. En torno a el pode verse o seguinte artigo de SANTIAGO OROPEZA, T.   http://www.revista.unam.mx/vol.5/num11/art77/dic_art77.pdf

7Unha forma amena de adentrarse na vida de Flora Tristán e nas súas relacións co socialismo utópico da época é a novela El paraíso en la otra esquina, de M. VARGAS LLOSA, onde se combina a narración das peripecias de Flora Tristán coas do seu neto o pintor Paul Gauguin.

8III Conferencia Anual Plácido Castro, pronunciada por Ramón Villares (Vilargarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2002)

9RÍOS, X., Plácido Castro, Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego, ed. Ir Indo, Vigo 1997, p. 23

10IX Conferencia Anual Plácido Castro, pronunciada por Xosé Luís Barreiro Barreiro (Baiona, 25 de xaneiro de 2008), co título: “Plácido Castro e o debate do celtismo en Galicia”.  http://www.igadi.org/web/fundacion-placido-castro/conferencia-anual-placido-castro/placido-castro-e-o-debate-sobre-o-celtismo-en-galicia.

11XIII Conferencia Anual Plácido Castro, pronunciada por Miguel Ángel  Martínez Quintanar (Lugo , 25 de xaneiro de 2012), co título “Galeguismo e saudade: A visión de Plácido Castro”  http://www.igadi.org/web/fundacion-placido-castro/conferencia-anual-placido-castro/galeguismo-e-saudade-a-vision-de-placido-castro#_ftnref48

12En diversas conferencias sobre Plácido Castro fíxose mención deste tema. Menciónase que Castelao en Sempre en Galiza ao tratar sobre a saudade refírese a Plácido Castro. Na actualidade non é unha temática de primeira liña de interese, mais non é un tema esquecido. Como mostra, o libro do profesor GARCÍA SOTO, L., O labirinto da saudade, ed. Laiovento.

13A preocupación pola propia identidade foi interiorizado por Plácido Castro desde moi novo nas súas estadías nas Illas Británicas. Defendía que a singularización dos pobos parte “do cultivo e defensa da súa identidade, que proxectan no mundo de forma xenuína. E se Galicia aspira a ser, a contar no concerto dos pobos, debe recoñecerse a si mesma, recuperar e proxectar a súa identidade” (RÍOS, P, “Plácido Castro no Centenario”, p. 10).

14RÍOS, X., Plácido Castro, Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego, ed. Ir Indo, Vigo 1997. p. 37

15RÍOS, X., Plácido Castro, Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego, ed. Ir Indo, Vigo 1997. pp. 43 e para o seguinte pp. 43-25.

16RÍOS, X., Plácido Castro, Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade do nacionalismo galego, ed. Ir Indo, Vigo 1997. pp. 43 e para o seguinte pp. 43-25.

17Plácido Castro pronuncia na Agrupación republicana feminina de Coruña unha conferencia titulada “Galicia ideal”. Con este título parece corroborar o argumento que propoñemos.

18  No sitio web do IGADI infórmasenos de que “O pai de Plácido era un home liberal (foi deputado pola Coruña) e filántropo, que dedicou unha grande parte da súa considerable fortuna á realización de obras benéficas. Coa condición de que fosen destinados a usos sociais, en 1928 doou varios inmobles á Asociación de Periodistas de Madrid, entre os que se atopan as casonas e a finca denominada “Castelo do Príncipe”, unha fortificación do s. XVII, sita na parroquia de Ameixenda en Cee, hoxe convertida en residencia privada. En memoria do seu pai, en 1942, os fillos, Plácido e Hermitas, a súa irmán, oito anos maior ca él, preferiron doar o Castelo de San Carlos para ser convertido en Museo local, antes que ceder á chantaxe expropiadora do alcalde franquista de Fisterra. Naceu pois nun entorno familiar acomodado pero igualmente culto e humanista, aberto e sensible tanto no plano cultural como social”.

19www.museofernandoblanco.org

20Baséome en toda esta parte sobre Amparo López Jean no artigo de Carlos Martínez Pereira, “Mulleres e República. Aproximación ás asociacións de mulleres progresistas na Coruña republicana”, Anuario Brigantino, 1998, nº 21.

21A Nosa Terra, 370 (15-6-1935)

22Véxase”As mulleres nas primeiras décadas do século XX”, por Aurora Marco: http://www.culturagalega.org/album/mulleres_e_a_memoria_historica.php

23SARTRE, J.P., El existencialismo es un humanismo, ediciones del 80, Buenos Aires, 1985.