Estatutos

Estatutos

Título primeiro
Disposicións xerais

Artigo 1º – Denominación e natureza

Ó amparo do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española, e de acordo co artigo 27-26º do Estatuto de Autonomía para Galicia, coa denominación de “FUNDACIÓN PLÁCIDO CASTRO” constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese xeral galego, constituída sen ánimo de lucro, cun patrimonio afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da Institución.

Artigo 2º – Personalidade e capacidade

A Fundación constituida, unha vez inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo en consecuencia realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ó establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3º – Réxime

A Fundación rexerase pola Lei de Galicia 7/1983, de 22 de xuño, do Réxime das Fundacións de Interese Galego, pola Lei de Galicia 11/1991, de 8 de novembro, de reforma da anterior, polo Decreto 248/1992, de 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, pola Lei 30/1994, de 24 de novembro, de Fundacións e de Incentivos Fiscais á Participación Privada en Actividades de Interese Xeral, pola vontade do Fundador manifestada nestes Estatutos e demais lexislación de xeral aplicación.

Artigo 4º – Domicilio

A “FUNDACIÓN PLÁCIDO CASTRO” é de nacionalidade española e o seu domicilio social establécese en Baiona, Avenida Joselin, 7 portal 3-4ºB.

Artigo 5º – Ámbito de actuación

A Fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma Galega.

 

Título segundo
Obxecto da Fundación

Artigo 6º

O fin da Fundación é reivindicar a figura, a obra e o pensamento de Plácido Ramón Castro del Río, atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universalista do mundo. A Fundación adicará especial atención á difusión da súa obra artística e literaria, especialmente no campo da traducción, do pensamento e periodística.

Artigo 7º

Máis concretamente, a Fundación orientará os seus esforzos na consecución dos seguintes obxectivos:

a) Recuperar o seu legado bibliográfico e artístico e reconstruir algúns aspectos da súa vida, aínda ignorados, de xeito que poida quedar a disposición de investigadores e público en xeral.

b) Fomentar a investigación e divulgación da súa obra, promovendo a edición dos seus traballos.

c) Promover a realización de actividades que contribúan a unha maior coñecemento por parte da sociedade galega da súa obra e pensamento.

d) Incentivar a realización de debates e reflexións sobre temas internacionais, procurando a apertura dos horizontes exteriores de Galicia e a súa universalización.

e) Contribuir ó fomento dos estudios internacionais, especialmente os relacionados coa actualidade e coas grandes preocupacións manifestadas por Plácido Castro.

f) Favorecer as traduccións ó galego de textos e obras en lingua inglesa.

g) Apoiar as políticas de formación de xornalistas especializados en Galicia en materia internacional.

h) Fomentar os intercambios a todos os niveis, de Galicia co mundo británico e irlandés.

i) Afondar nas posibilidades de apoio ó desenvolvemento do teatro e as artes plásticas en Galicia.

k) Promover a edición de publicacións específicas arredor das actividades e preocupacións da Fundación e de Plácido Castro.

l) Apoio á radiodifusión en lingua galega, con independencia do lugar da súa emisión.

O Padroado terá plena liberdade para determinar a actividade da Fundación, dentro dos seus fins, cara aqueles obxectivos concretos que, a xuizo daquel, sexan os máis adecuados ou convintes en cada momento.

 

Título terceiro
Regras básicas para a aplicación dos recursos ó cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios

Artigo 8º – Destino de rendas e ingresos

1. Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, o oitenta por cento das rendas ou calquera outros ingresos netos que, previa deducción de impostos, obteña a Fundación, debéndose destinar o resto, deducidos os gastos de administración, a incrementar a dotación fundacional.

2. Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.

Artigo 9º

Serán beneficiarios da Fundación calquera persoa física ou xurídica, sen discriminación ningunha. A determinación concreta efectuarase polo Padroado con criterios de imparcialidade.

 

Título cuarto
Goberno da Fundación

Artigo 10º – Natureza

A representación, o goberno e administración da Fundación están atribuídos de xeito exclusivo ó Padroado, sen máis limitacións que as establecidas nas leis.

Artigo 11º – Composición do Padroado

Integran o Padroado da Fundación un mínimo de catro persoas físicas ou xurídicas, designados na Acta Fundacional.

Artigo 12º – Duración do Mandato

Os membros do órgano do goberno desempeñarán as súas funcións durante catro anos, podendo ser ou non reelixidos.

Artigo 13º – Aceptación do cargo de patrono e substitución

Os membros do órgano de goberno entrarán a exercer as súas funcións despois de aceptar o cargo expresamente. esta aceptación poderá facerse constar no outorgamento da carta fundacional, en documento público independente ou en certificación do padroado, coas firmas do Secretario e Presidente e faranse constar no Rexistro de Fundacións.

Producida unha vacante, no prazo máximo de tres meses, o Padroado designará unha persoa para ocupala mesma.

Artigo 14º – Cesamento dos membros do órgano de goberno

1. O cesamento dos membros do órgano de goberno da fundación producirase nos supostos seguintes: por morte ou declaración de falecemento, asi como por extinción da persoa xurídica; renuncia comunicada coas debidas formalidades; por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, dacordo co establecido na lei; por cese no cargo por razón do cal foron nomeados membros do Padroado; resolución xudicial; polo transcurso do periodo do seu mandato, se foron nomeados por un determinado tempo.

2. A renuncia será efectiva dende que se notifique ó Protectorado e deberá facerse na forma prevista para a aceptación do cargo de membro do Padroado.

Artigo 15º – Organización do Padroado

Designarase de entre os membros do Padroado, un Presidente, un ou varios Vicepresidentes, un Secretario e un Tesoureiro.

Artigo 16º – O Presidente

Ó Presidente correspóndelle convocar as reunións do Padroado, presidilas, dirixir os seus debates e, no seu caso, executar os acordos, podendo para iso realizar toda clase de actois e asinar aqueles documentos necesarios a tal fin.

Artigo 17º – O Vicepresidente

Corresponderá ó Vicepresidente realizar as funcións de Presidente nos casos de estar vacante o posto por ausencia ou enfermidade, podendo actuar tamén en representación da Fundación, naqueles supostos que así se determine por acordo do Padroado. O Padroado poderá habilitar Vicepresidencias con contidos específicos que deberán detallarse minuciosamente no respectivo acordo.

Artigo 18º – O Secretario

Son funcións do Secretario a custodia de documentación pertencente á Fundación, levantar as actas correspondentes ás reunións do Padroado, expedir certificacións e os informes que sexan necesarios e, todas aquelas que expresamente lle deleguen. Nos casos de enfermidade, ausencia ou vacante, fará as funcións de Secretario o vocal de menor idade do Padroado.

Artigo 19º – O Tesoureiro

Son funcións do Tesoureiro levar os libros de contas e, en xeral, exercitar a administración económica da Fundación. O Tesoureiro ten a facultade de facer os cobros e pagos, previa orde do Presidente e responde da contabilidade e dos seus xustificantes. Previo acordo do Padroado, pode operar coa banca privada e oficial e coas caixas de aforro, realizando todas as actuacións que a lexislación e a práctica bancaria permite: manter, abrir, dispoñer e cancelar nas citadas institucións todo tipo de contas correntes, de aforro ou de creto e asinar cheques e outros documentos, solicitar saldos e confirmalos ou imputalos.

Artigo 20º – Facultades do Padroado

Correspóndelle ó Padroado o goberno, a representación e administración da Fundación, asi como a modificación dos presentes Estatutos, nos termos establecidos na lexislación vixente.

Con independencia das funcións que lle outorgan os presentes Estatutos, e sen prexuizo de solicitar, no seu caso, as preceptivas autorizacións ó Protectorado, a título meramente enunciativo, serán facultades do Padroado:

a) A execución dos acordos.

b) Elaborar a memoria do exercicio e decidir as liñas de actuación.

c) Formalizar os oportunos contratos, convenios e demais actos necesarios para a actividade da Fundación.

d) Acordar a contratación e despido do personal laboral.

O órgano de goberno poderá delegar as súas facultades en un ou máis de un dos seus membros e nomear apoderados xerais ou especiais con funcións e responsabilidades mancomunadas ou solidarias. Non son delegables a aprobación das contas, a formulación de presupostos, o alleamento e o gravame dos bens inmobles, das obras de arte e dos bens patrimoniais histórico-artísticos e documentais, asi como os valores mobiliarios non cotizados en bolsa, nin calquera outro acto que precise a autorización ou aprobación do protectorado.

Artigo 21º – Reunións do Padroado e convocatoria

O Padroado reunirase, polo menos, dúas veces ó ano e tantas veces como sexa preciso para a boa marcha da Fundación. Correspóndelle ó Presidente convocar as reunións do mesmo.

A convocatoria farase chegar a cada un dos membros, polo menos, con cinco días de antelación á data da súa celebración, utilizando un medio que permita deixar constancia da súa recepción. Na mesma farase constar o lugar, día e hora de celebración da reunión, acompañándose, asi mesmo, a orde do día.

Non será preciso convocatoria previa cando se encontren presentes todos os membros do órgano de goberno e acorden por unanimidade a celebración da reunión.

Artigo 22º – Forma de deliberar e tomar acordos

As reunións do Padroado entenderanse válidamente constituídas cando concurran a elas, presentes ou representados na forma indicada no apartado 3 do artigo 6 do Decreto 248/1992, de 18 de xuño, polo menos, a metade máis un dos seus membros.

Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos asistentes, e será dirimente en caso de empate o voto do seu Presidente.

Será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes sempre que, ademais, supoña maioría absoluta do número dos seus membros, para a adopción dos acordos en que se así se estableza expresamente no Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

Das reunións do Padroado levantarase polo Secretario a correspondente Acta, que deberá ser subscrita e aprobada por todos os membros presentes na mesma. Transcribirase ó correspondente libro e será asinada polo Secretario co visto e parec do Presidente.

Artigo 23º – Obrigas do Padroado

Na súa actuación, o Padroado deberá axustarse ó preceptuado na lexislación vixente.

Correspondente ó Padroado cumprir os fins fundacionais e administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo plenamente o rendemento e utilidade dos mesmos.

O Padroado dará información suficiente dos fins e actividades da Fundación para que sexan coñecidos polos seus eventuais beneficiarios e demáis interesados.

Artigo 24º – Obrigas e responsabilidades dos membros do órgano de goberno

Entre outras, son orbigas dos membros do órgano de goberno facer que se cumpran os fins da Fundación, concorrer ás reunións ás que sexan convocados, desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal, manter en bó estado de conservación e producción os bens e valores da Fundación e cumprir nas súas actuacións co determinado nas disposicións legais vixentes e nos presentes Estatutos.

Os membros do órgano de goberno responderán fronte á Fundación dos danos e prexuizos que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados neglixentemente. Quedarán exentos de responsabilidade os que se opuxeran expresamente ós acordos determinantes da mesma ou non participaran na súa adopción.

Artigo 25º – Retribucións

Os membros do órgano de goberno exercerán o seu cargo de forma gratuita sen que en ningún caso poidan percibir retribución polo desempeño da súa función.

Os membros do órgano de goberno terán dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lle ocasione.

 

Título quinto
Réxime económico

Artigo 26º – Patrimonio fundacional

O capital da Fundación estará integrado por todos os bens e dereitos susceptibles de valoración económica, que constitúen a dotación inicial da Fundación e por aqueles outros que no sucesivo se aporten á mesma con ese carácter.

Uns e outros deberán figurar a nome da Fundación e constar no seu Inventario e no Rexistro de Fundacións. Os que sexan susceptibles de inscripción, inscribiranse nos rexistros correspondentes.

Artigo 27º – Constitución do patrimonio

O patrimonio da Fundación pode estar constituido por toda clase de bens e dereitos.

Artigo 28º – Adscripción do patrimonio fundacional

Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, asi como as rendas que produzan, quedarán vinculados dunha maneira directa e inmediata ó cumprimento dos fins que a Fundación persigue.

Artigo 29º – Do financiamento

A Fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio e, no seu caso, con aqueles outros procedentes das axudas, subvencións ou donacións que reciba de persoas ou entidades, tanto públicas como privadas.

A Fundación poderá percibir cantidades derivadas de actividades e servicios directamente prestadas por ela ós seus beneficiarios na forma e cos requisitos establecidos no artigo 21.2 do Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego. As cantidades que excepcionalmente poida percibir a Fundación do conxunto dos seus beneficiarios non poderán exceder do custe real do servicio ou da prestación, sen marxe comercial de ningunha clase.

Artigo 30º – Réxime financeiro

Na xestión económico-financeira, a Fundación rexerase polos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente.

A Fundación levará aqueles libros que sexan convintes para a boa orde e desenvolvemento das súas actividades, asi como para o adecuado control da súa contabilidade. Será en todo caso necesario formular e levar os seguintes libros e documentación:

a) Inventario-balance.

b) Memoria.

c) Presupostos e a súa liquidación.

d) Libro diario.

e) Libro de actas.

Artigo 31º – Confección de Presupostos, Rendición de contas e Memoria social de Actividades

Confeccionarase o presuposto correspondente ó ano seguinte, no que se recollerán, con claridade, os ingresos e os gastos, que deberá ser aprobado polo Padroado e remitido ó Protectorado, xunto coa memoria explicativa, nos tres últimos meses do ano anterior.

Un exemplar do inventario-balance, a memoria anual e a liquidación do presuposto do ano precedente serán enviados anualmente ó Protectorado, dentro do prazo de seis meses seguintes á data de peche do exercicio, acompañados de certificación expresiva de que todos eles son fiel reflexo da contabilidade.

 

Título sexto
Da modificación, agregación ou extinción

Artigo 32º – Modificación de Estatutos

1. Por acordo do Padroado, poderán ser modificados os presentes Estatutos, sempre que resulte convinte ós intereses da Fundación e se cumpran os requisitos esixidos no artigo 38 do Regulamento de Organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego.

2. A modificación ou nova redacción dos Estatutos acordada polo Padroado comunicarase ó Protectorado.

Artigo 33º – Fusión con outra Fundación

O Padroado poderá propoñer ó Protectorado a fusión da Fundación con outra, previo acordo concertado ó efecto con esta última.

O acordo de fusión esixirá o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 38.2 do Regulamento de Organización e funcionamento do Protectorado de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 34º – Extinción da Fundación

A Fundación extinguirase polas causas e dacordo cos procedementos establecidos pola lexislación vixente. Son de aplicación os artigos 29 da Lei 30/1994 do 24 de novembro (BOE do 25) de Fundacións e de Incentivos Fiscais á Participación Privada nas actividades de interese xeral; artigo 24 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de Réxime das Fundacións de Interese Galego; e artigo 39 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das Fundacións de interese galego.

Artigo 35º – Liquidación e adxudicación do Patrimonio

En caso de extinción, ós bens daraselle o destino que o Padroado determine, dacordo co ordenado na lexislación vixente.

 

Cláusula adicional

En todo caso, o previsto nos presentes Estatutos non implica limitación ou substitución nas competencias que ó Protectorado atribúe a lexislación vixente, e moi especialmente en relación coas autorizacións, ou limitacións, ás que a Fundación expresamente se somete.