Liñas de Acción 2021-2025

Liñas de Acción 2021-2025

Introdución

No marco da “Estratexia 2016-2020”, a Fundación Plácido Castro experimentou un importante salto no seu desenvolvemento. Indubidablemente, nesa circunstancia influíu o feito de contar cunha sede propia en Cambados. Dispoñer dun espazo físico adecuado para organizar e expoñer a documentación relativa á obra, vida e pensamento de Plácido Castro ofrece unha garantía de perennidade e achega unha infraestrutura elemental para que a propia Fundación poida desenvolver o seu labor co máximo de eficacia. 

Tamén no precedente ciclo posibilitouse a culminación da edición da súa obra poética traducida ao completo, ou a realización de dúas novas exposicións, a irrupción de maneira máis sistemática nas redes sociais, o mantemento dos premios de tradución e das conferencias anuais, etc., accións todas elas que contribuíron a un maior dimensionamento da súa figura. 

Cómpre destacar igualmente a incorporación ao Padroado da Fundación da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), que reforza así un dos trazos esenciais de Plácido Castro, o relacionado coa súa vocación tradutora. E, así mesmo, a adaptación dos nosos Estatutos á normativa vixente, o cal confire un horizonte de estabilidade no plano xurídico-legal, sempre importante. 

Liñas de acción

De cara ao período 2021-2025, a Fundación Plácido Castro desenvolverá a súa actividade conforme ás seguintes liñas de acción.

Primeira: A dimensión tradutora de Plácido Castro 

Idea central: Converter a Plácido nun referente inequívoco da tradución en Galicia e as nosas instalacións en Cambados nun lugar para o encontro do mundo da tradución. 

Inclúe accións como:

  • O mantemento e impulso do Premio de Tradución.
  • A institucionalización do Congreso Galego de Tradución.
  • A creación dun Seminario Permanente de Tradución.
  • A organización de actividades específicas relacionadas coa obra tradutora de Plácido Castro, en especial coa versión de As Rubaiyat, en colaboración co Centro Persepolis. 
  • A realización de recitais de poesía traducida por Plácido Castro.
  • A difusión de “Verbas Atlánticas”
  • Habilitación dunha Cátedra Plácido Castro na Facultade de Filoloxía e Tradución da  Universidade de Vigo. 
  • O desenvolvemento do conxunto de actividades contempladas no punto 4 do Plan de dinamización de 21 de marzo de 2019, isto é: convidar a tradutores estranxeiros asentados en Galicia e organizar actividades con eles; tamén con autores estranxeiros traducidos ao galego (das diversas disciplinas, non só literatura); ídem de tradutores galegos a linguas estranxeiras; accións con editoriais especializadas en tradución; xornadas monográficas sobre a tradución a determinadas linguas; encontros orientados á abordaxe das cuestións técnicas relacionadas coa tradución; presentacións de obras traducidas e/ou relacionadas coa tradución; promover encontros sobre o estado da tradución de galego, euskera e catalán a outras linguas.

Segunda: Difusión e recoñecemento de Plácido Castro. 

Idea central: Perseverar na divulgación do ideario e a figura de Plácido Castro instando diversas formas de recoñecemento da súa auctoritas e singularidade. 

Inclúe accións como:

  • Presentación das exposicións no maior número posible de concellos de Galicia.
  • Organización dun roteiro turístico-cultural Galicia-Irlanda que evoque a súa viaxe de 1928.
  • Colocación de placas conmemorativas naqueles lugares relacionados coa traxectoria vital de Plácido Castro.
  • Elaboración de produtos divulgativos específicos para a súa difusión nas redes sociais, incluíndo un audiovisual biográfico.
  • Prosecución das conferencias anuais Plácido Castro.
  • Celebración do 90 aniversario (2023) da participación no Congreso de Nacionalidades Europeas. 
  • Incremento da proxección da súa figura no mundo británico e irlandés alentando a cooperación cos lectorados de galego. 
  • Conmemoración do 120 aniversario do seu nacemento (2022).
  • Conmemoración do 75 aniversario da presenza do galego nas ondas (2022, BBC).
  • Realización de xornadas relativas a aspectos clave do pensamento de Plácido como o celtismo ou a saudade. 
  • Reedición de publicacións: serie de artigos sobre a arte e a saudade nos pobos célticos (2021), colaboracións no programa en galego da BBC (2022), sobre a participación no Congreso de Nacionalidades Europeas (2023).
  • Levar á web todos os seus artigos xornalísticos.
  • Elaboración dun cómic biográfico.
  • Curso de formación de guías da figura de Plácido Castro.

Terceira: Promoción da investigación arredor de Plácido Castro. 

Idea central: Afondar no coñecemento da figura de Plácido Castro animando os estudos ao respecto e xerando unha comunidade de especialistas arredor da súa obra e pensamento. 

Inclúe accións como:

  • Potenciación dos convenios de colaboración coas universidades galegas.
  • Dixitalización dos fondos documentais.
  • Elaboración dun Catálogo dos principais recursos documentais.
  • Continuación da tarefa de compilación da súa obra.
  • Promover a realización de artigos sobre Plácido Castro a publicar en todo tipo de medios, académicos ou non. 
  • Estimular a elaboración dunha nova biografía actualizada e ampliada sobre Plácido Castro.
  • Preparación da edición das Obras Completas.

Cuarta: Fortalecemento institucional da Fundación. 

Idea central: Elevar as capacidades da Fundación en orde a facilitar a continuidade e ampliación das súas actividades dotándoa dos medios precisos para realzar a súa ambición.

Inclúe accións como:

  • Mellora das dotacións técnicas da sede da Fundación.
  • Profesionalización dos seus recursos humanos. 
  • Dinamización da sede conforme ao plan aprobado a 21 de marzo de 2019.
  • Incremento orzamentario.
  • Ampliación do Padroado.
  • Mellora da colaboración institucional con outros axentes públicos e privados relacionados coa cultura galega. 
  • Mellora permanente da transparencia no funcionamento da Fundación e as súas accións. 

Cambados, a 23 de Novembro, no ano da Covid-19.