A Fundación Plácido Castro presenta o libro “Verbas Atlánticas” este xoves en Cambados

A Fundación Plácido Castro presenta o libro “Verbas Atlánticas” este xoves en Cambados

O salón de actos de Exposalnés en Cambados acollerá este xoves ás oito da tarde a presentación de “Verbas Atlánticas”, o libro de poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducido por Plácido Castro. O acto contará coa presenza da editora do libro, Laura Linares Fernández, o concelleiro de Cultura, Victor Caamaño, e o presidente da Fundación Plácido Castro, Xulio Ríos.

O que atoparás no libro

Na primeira parte desta edición compílanse as traducións de poesía británica, escocesa e irlandesa realizadas por Plácido Castro ao longo da súa vida. Algúns destes poemas xa foron publicados con anterioridade noutras coleccións coma o libro “Poesía inglesa e francesa” vertido ao galego pola editorial Alborada (1949); en publicacións periódicas como a revista Grial ou mesmo como parte de artigos xornalísticos no Faro de Vigo, El Pueblo Gallego e outros. Xa na segunda parte, reprodúcese o texto das Rubáiyát seguindo o que foi publicado en Grial no ano 1965, coa diferenza de que neste caso preséntase a versión galega xunto á inglesa de FitzGerald.

Como conseguilo?

A versión impresa do libro é gratuíta ata fin de existencias, cun só gasto de envío de 3 euros. Tamén podes descargar o PDF íntegro que atoparás ao final desta mesma páxina.

Plácido tradutor

Os primeiros anos sesenta foron moi fecundos para Plácido Castro. Nos seus artigos xornalísticos trataba das máis variadas temáticas, con moi especial atención ás cuestións pedagóxicas, a promoción turística de Galicia e a difusión da cultura anglosaxona. En 1961 participou na xestación da Romería Vikinga de Catoira. En 1964 foi nomeado polo Ministerio de Educación como representante español na V Conferencia de Ministros Europeos de Educación, dedicada á ensinanza das linguas vivas, celebrada en Baden (Viena). A súa sensibilidade poética aflora en numerosas traducións, destacando, entre moitas, as de Christina Rossetti. Algunhas das súas traducións máis coñecidas son Seamus Cartan, Raftery, Egan O’Rahilly, Padraic Colum, W.B. Yeats, Thomas Moore, AE (George W. Russell).