As palabras de Marta Dahlgren, gañadora do XV Premio Plácido Castro de Tradución

As palabras de Marta Dahlgren, gañadora do XV Premio Plácido Castro de Tradución

Marta Dahlgren

“En  primeiro lugar, quero expresar o meu agradecemento:

  • ao meu editor por deixarme traducir e confiar en  min
  • aos/as correctores,  porque como eu non son falante nativa de galego, tiveron un traballo moi duro cos meus textos, máis ca nada os primeiros, donde había moito que facer
  • ao profesorado do Departamento de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo – todos e todas que  me deixaron falar en galego, ou no que eu coidaba que era galego, daquela, e que me animaron sempre a seguir falando
  • a miña pensión, que me fai máis doada a miña adicación ás actividades que me gustan
  • á Fundación Plácido Castro e os membros do xurado por entender a valía da obra de Karin Boye.
  • á artista que fixo o “trofeo”,  que é unha obra nun estilo que me aprace moito.

Sobre a obra que gañou o premio teño que dicir unhas poucas cousas, breves porque xa se falou dela neste acto.

É unha novela que lin no Instituto de Bacharelato en Suecia, e que xa daquela me impresionou moito. Tamén limos a obra poética de Karin Boye, que é moi coñecida en Suecia, e que é maravillosa.

Kallocaína é unha obra que debe ler a xente que non se dá de conta dos perigos dunha dictadura, para que vexan os sinais que indican que está a chegar. Son: o desprezo polas ciencias “que non son útiles”, ou sexa as Humanidades, a Filosofía, e o estudo das linguas minoritarias.

Outro sinal é a chegada da censura. Nesta obra, hai unha frase que di: as asociacións, canto máis intelectuais, menos perigo teñen. O que non entende “o vulgo”, non ten perigo para os dirixentes dun estado dictatorial. Canto menos educación, mellor. Máis fútbol, máis tele, máis botellón, e menos pensar.

Karin Boye suicidouse no mesmo ano do meu nacemento. Foi o ano da entrada das tropas de Hitler en Dinamarca e en Noruega. No meu fogar, unha casa grande perto da fronteira de Noruega, tiñamos tropas aloxadas, agardando o peor. Teño unha fotografía dun soldado de uniforme e co fusil no ombro, levando o meu irmán dun ano de idade da man. Suecia salvouse, pero Boye, iso xa non o sabría.

Máis nada, moitas grazas.”

Susi Castro (presidenta da Fundación Plácido Castro), Fátima Abal (alcaldesa de Cambados), a gañadora Marta Dahlgren, Sonia Outón (concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa) e Xaquín Chaves (autor da peza escultórica que simboliza o premio.
Susi Castro (presidenta da Fundación Plácido Castro), Fátima Abal (alcaldesa de Cambados), a gañadora Marta Dahlgren, Sonia Outón (concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa) e Xaquín Chaves (autor da peza escultórica que simboliza o premio.