O Concello de Cambados acollerá este venres 30 ás 12 da mañá o acto de entrega do premio Plácido Castro de Tradución, que chega á súa 15ª edición. Nesta ocasión, o galardón recae en mans dunha tradutora sueca afincada en Galicia, Marta Dahlgren Thorsell, pola obra Kallocaína, de Karin Boye.
O xurado destacou o feito de que sexa una tradución directa do sueco -una lingua pouco traducida ao galego- feita con mestría, rigor e viveza, trazos habituais dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución. O premio consiste nun diploma e unha obra escultórica de Xaquín Chaves.
Premio de Tradución
Entre os galardoados das anteriores edicións figuran autores como Lois Tobío, Pérez-Barreiro Nolla, Valentín Arias ou María Reimóndez, entre outros.
O galardón quere reivindicar a dimensión tradutora de Plácido Castro (1902-1967), significar a importancia da tradución no sistema literario galego e recoñecer o bo labor dos tradutores contemporáneos.
Fundación Plácido Castro
A Fundación Plácido Castro está integrada polos concellos de Cambados, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI. Plácido Castro foi un profesor, tradutor, xornalista e político galeguista, símbolo da universalidade do nacionalismo galego.