Doazón á Fundación Penzol

Doazón á Fundación Penzol

A Presidenta da Fundación Castro, Susi Castro, fixo entrega esta mañá a Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, dun debuxo de Francisco Fernández del Riego, obra de Luís Seoane. No reverso do debuxo, figura outro, con case total certeza obra de Laxeiro.

A peza en cuestión, é propiedade da familia Plácido Castro quen preferiu facer esta doazón para que figure de forma permanente na Fundación Penzol.

Plácido Castro mantivo unha relación de moita amizade con Francisco Fernández del Riego dende os anos 30, cando ambos os dous formaron parte dun grupo a prol da autonomía galega que percorreu varios municipios da provincia de Lugo.

Trala guerra civil renovaron esa amizade en Vigo, onde Plácido, natural de Corcubión, chegou a residir varios anos tras ser condenado, entre outros, a pena de desterro a máis de 100 km de Muxía.

O debuxo en cuestión é probablemente desa etapa, cando ambos coincidían en diversas tertulias en Vigo, tamén cos irmáns Álvarez Blázquez.

Instalado no Reino Unido e colaborando na BBC, Plácido mantivo unha correspondencia activa con dl Riego, quen era un dos colaboradores principais dos programas en lingua galega da emisora británica. Neses anos, Plácido tamén colaborou activamente con Luís Seoane para facilitar a posibilidade de realizar exposicións da súa obra no Reino Unido.

Del Riego sería padriño dunha das fillas de Plácido, Carmen.

Tralo regreso de Londres, a amizade mutua mantívose ata o falecemento de Plácido Castro en 1967, colaborando ambos os dous en múltiples iniciativas culturais no Salnés e en Galicia. Del Riego mostrou sempre unha especial querencia pola súa figura e sempre estivo disposto a cooresponder aos requirimentos da fundación Plácido Castro.

(Texto Xulio Ríos)