Conversamos con Isabel Soto, gañadora da XXIII edición do Premio de tradución Plácido Castro, sobre o traballo de tradución en Galicia e sobre a súa experiencia traducindo A herdanza Ferramonti para a editorial Hugin e Munin. O acto de entrega do galardón celebrarase o próximo sábado 27, ás 12:30 no Salón Nobre da Casa do Concello.
Que sentes ao ser premiada de novo? Algún sentimento especial ou diferente?
Síntome moi honrada e agradecida por ver o meu traballo recoñecido de novo co Premio Plácido Castro.
Como xa expresei en 2017, o ano no que fun galardoada por vez primeira, para min a figura de Plácido Castro é un referente. Valoro o seu carácter de home culto e cosmopolita nos duros tempos que, por desgraza, lle tocou vivir, así como a importancia que lle concedeu á tradución e o seu destacado traballo a prol de Galicia e da cultura galega.
Tamén admiro o papel da Fundación Plácido Castro, polo labor de divulgación que desenvolve, por manter vivo o legado deste persoeiro e por levar vinte e tres edicións esforzándose en que este premio exista.
Por último, agradezo dunha maneira moi especial que o galardón conte esta vez cunha dotación económica, ademais da bonita peza escultórica de Xaquín Chaves, unha mostra máis dos esforzos das persoas que compoñen esta Fundación por dignificar a tradución nos tempos convulsos que vivimos.
Cal foi a principal motivación á hora de traducir A herdanza Ferramonti?
Para explicar a motivación de verter ao galego A herdanza Ferramonti, cómpre que me refira á editorial que o publica, Hugin e Munin, da que formo parte canda o meu socio, Alejandro Tobar. Dende 2011, a data da súa creación, o propósito foi crear un catálogo de obras da literatura universal de calidade accesibles en galego, coa intención de encher as enormes lagoas que existen neste campo, na medida das posibilidades de dous autónomos. Grazas ao traballo dun conxunto de bos tradutores e tradutoras cos que contamos, e do noso labor como editores, e tamén como tradutores, a idea foi adquirindo corpo. Na actualidade, o catálogo acolle xa 112 obras só na colección principal, asinadas por case 40 profesionais.
Realizamos un labor de intensa esculca de textos literarios de todas as latitudes ás que podemos chegar, o cal implica ler moito e afondar na importancia das obras nos seus respectivos contextos culturais. Aínda que tamén nos interesan libros actuais, gústanos rescatar creacións de homes e mulleres do pasado que nos seguen a interpelar para que estean dispoñibles en galego.
Este é o caso de A herdanza Ferramonti, publicada en 1883. A novela aborda moitos temas interesantes. Trasládanos a Roma en 1880, unha época de cambios e feroz especulación, non moi diferente á que vivimos na actualidade. O ascenso social dun humilde panadeiro deriva en que amase unha gran fortuna. Detrás de todos eses cartos hai un conxunto de prácticas ruíns que definen o carácter do personaxe e fan certa a famosa frase de Balzac: «Detrás de toda gran fortuna sempre hai un crime». A falta de escrúpulos que demostra o patriarca, Gregorio Ferramonti, esténdese á súa familia. Desenganado porque ningún dos fillos quere continuar co negocio da «arte branca», vive só, amargado polo seu comportamento e co gozo de velos sufrir ante a posibilidade de que os desherde.
Pola súa parte, os fillos non son mellores ca o pai, sempre enleados en enfrontamentos e receos mutuos. A aparición de Irene Carelli nas súas vidas resulta decisiva: non só logra reconciliar os irmáns, senón que os fai partícipes dun plan para gañar a confianza do vello. Irene representa a figura da muller fatal, capaz de seducir a todos coa súa intelixencia e os seus manexos. Ela é a auténtica protagonista do relato, dotada dunha personalidade afastada do modelo de muller que adoita presentar a literatura burguesa do XIX. Hábil para recoñecer as debilidades das persoas que a rodean, autónoma e experta nos negocios, logra impoñerse nun contorno masculino, foxe da maternidade e de calquera sentimento de culpa, e móstrase capaz de agardar o tempo que faga falla para acometer a súa vinganza.
A novela desenvolve todo o proceso de descomposición da familia cunha intriga continua, e ilustra o comportamento e a moral humanos. Nuns tempos nos que asistimos a tramas de corrupción, calotes, argucias e especulacións de toda caste, e incluso nos asola a miseria humana, non cabe dúbida de que esta obra nos ilustra e interpela como lectores, como boa peza clásica que é.
Á parte da temática, o libro seduce pola súa calidade no que respecta ás técnicas narrativas e á profundidade no deseño dos personaxes, ademais de retratar con acerto a vida romana da época.

Que dificultades principais atopaches?
Traducir sempre supón un reto. Penso que, aínda que o pareza, non existe un traballo fácil; calquera que sexa o texto require tomar decisións e implica aprender.
No caso de A herdanza Ferramonti, foi un desafío lograr que a narración fluíse coma no orixinal. Coma gran parte das obras literarias do século XIX, a novela ten amplas descricións de espazos e ambientes cargadas de detalles específicos. Ademais, o estilo do autor caracterízase por períodos extensos, o uso recorrente de oracións subordinadas, unha abondosa adxectivación e un vocabulario rico e por veces elevado.
Por unha banda, está o discurso do narrador en terceira persoa, cun carácter sentencioso e unha visión descarnada sobre os personaxes e os seus actos. A ironía, o sarcasmo e mesmo a acritude están moi presentes no texto.
Por outra banda, a novela posúe unha dimensión coral, pois cada personaxe ten unha vida interior que o autor reflicte mediante a técnica do estilo indirecto libre, o cal requiriu prestar moita atención a cada un dos fragmentos.
Tamén presentaron dificultades o campo léxico da economía e a linguaxe xurídica, que ocupan un lugar importante na novela, e esixiron un labor de exactitude na procura das denominacións e de comprensión dos conceptos.
E, por último, non foi menor o esforzo por buscar solucións creativas na lingua meta co fin de non perder a expresividade das frases coloquiais e os modismos presentes no orixinal.
En canto ás dificultades a nivel pragmático e cultural, as alusións a nomes e acontecementos políticos da época que se retrata fixeron imprescindible un corpo de notas para aclarar a complexidade do momento histórico.
Cal é a relevancia do autor no mundo da literatura italiana?
Gaetano Carlo Chelli naceu en Toscana en 1847 e morreu en 1904. Está considerado como un dos grandes narradores italianos do século XIX, até o punto de ser cualificado por algúns críticos como o Zola italiano. A súa obra encádrase no movemento estético do verismo que lidera Giovanni Verga, e destacou por ser un dos primeiros narradores da súa xeración en se decantar pola ambientación romana. Na súa ampla obra, céntrase en describir o rápido e desordenado desenvolvemento da cidade, o ascenso da burguesía, o seu arribismo e, en particular, a falta de escrúpulos en cuestións de cartos.
Aínda que asinou moitos títulos, o seu labor caeu no esquecemento a partir de 1885, aínda que se redescubriría na segunda metade do século XX polo interese de figuras das letras como Italo Calvino, Pier Paolo Pasolini ou o crítico Roberto Bigazzi.
Que importancia ten a súa incorporación ao sistema literario galego?
É unha evidencia que o sistema literario galego precisa a tradución para competir en pé de igualdade cos demais. Os lectores e lectoras galegos temos o dereito de contar coas obras no idioma propio de Galicia, sexan clásicos ou obras recentes. Neste sentido, calquera incorporación ao corpus dun autor ou autora estranxeiros inéditos en galego ten un valor fundamental, sempre e cando se vele pola calidade na lingua meta e se aposte por edicións coidadas. Segue a ser unha inxustiza que existan tantos baleiros no noso corpus de obras traducidas, o cal se debe, sobre todo, á falta dunha política institucional, cada vez máis alarmante e dolorosa.
A nivel lingüístico, a tradución é esencial para a normalización e, ás veces, convértese nun lugar de resistencia e de loita contra os prexuízos que aínda existen. A estas alturas, non deberiamos topar con actitudes de estrañamento e mesmo de crítica ante calquera solución normativa en galego e axeitada para o texto orixinal, do mesmo modo que non nos estrañamos cando encontramos un termo en inglés, en francés ou en castelán que non comprendemos e imos consultar nun dicionario. A lingua, calquera que sexa, require unha aprendizaxe constante, tamén para os profesionais da tradución. O uso espontáneo non garante a comunicación literaria e estética. Non podemos renunciar á aprendizaxe nin ao perfeccionamento, nin tampouco rebaixar os niveis de uso se queremos que a lingua teña futuro. Non podemos renunciar a polbo para dicir pulpo; a fiestra ou a xanela para poñer sempre ventá, que se asemella máis a ventana; nin deixar de dicir ou de escribir á mantenta e substituílo por adrede. Isto é especialmente grave, e falo por experiencia persoal, cando se traballa con textos destinados ao público infantil e xuvenil, coa conivencia de empresas que editan libros de texto e dos responsables da prescrición lectora, que nin queren aprender nin cumprir o seu labor de ensinar.
Como observas o panorama da tradución en Galicia actualmente?
No panorama actual existen editoriais especializadas e bos profesionais que desenvolven un traballo rigoroso e meritorio, aínda que cómpre non perder de vista que a realidade ofrece resultados desiguais e queda moito camiño que percorrer.
Publícase moito –malia que a comunidade lectora en galego é reducida–, e non sempre o que se pon no mercado ten calidade tradutolóxica suficiente, en termos de modalización e de uso da lingua meta. Traducir literatura require ler moito e ter desenvolvido o sentido e os mecanismos literarios, ademais de coñecer ben os recursos e a expresividade da lingua meta. Talvez a formación que se lles ofrece aos futuros profesionais incida pouco en ambos os aspectos para se centrar máis no dominio das linguas estranxeiras. Existen, ademais, empresas e persoas con intereses espurios e unha considerable falta de ética profesional.
No aspecto económico, o ingrediente fundamental deste traballo segue a ser a precariedade. É difícil resistir en condicións económicas pouco dignas, tendo en conta as moitas horas de traballo e o desempeño intelectual que require unha tradución.