É este un tributo á súa memoria pero tamén quere expresar a reivindicación dunha maior conexión, dunha maior posta ao día, entre os pobos de Galicia e de Irlanda.
O relato, literario e fotográfico, que presentamos nesta edición inclúe as crónicas e algunhas das instantáneas que Plácido Castro, entón con 26 anos, chegou a publicar no diario El Pueblo Gallego entre o 24 de agosto e o 21 de setembro de 1928. No seu tempo foron moitos os galeguistas que evocaron a xesta irlandesa de comezos do século XX como paradigma do rexurdir do nacionalismo e do celtismo. Non obstante, de entre toda aquela xeración de notables sen volta, só Plácido Castro chegou a pisar realmente aquelas terras, adentrándose nela ata os seus mais afastados confíns.
As pezas que aquí reproducimos emanan transcendencia poética, filosófica, antropolóxica, paisaxística, histórica e, naturalmente, cultural. Ateigadas de profunda humanidade, amósannos os valores literarios e a sagacidade observadora dun humilde e culto Plácido Castro que xa apuntaba firmes maneiras. Esta viaxe contribuíu a solidificar a súa fonda admiración por Irlanda.
É este un tributo á súa memoria pero tamén quere expresar a reivindicación dunha maior conexión, dunha maior posta ao día, entre os pobos de Galicia e de Irlanda.