O Galeuzca e Plácido Castro por Xosé Estévez Rodríguez
Rianxo, 25 de xaneiro de 2019
Presentación
Foi toda unha honra para o concello de Rianxo acoller a 20 Conferencia Anual organizada pola Fundación Plácido Castro e que nesta ocasión tivo ao investigador Xosé Estévez como poñente da palestra no Auditorio de Rianxo. Parabéns por escollerdes a vila natal dun Castelao tan próximo a Plácido desde o galeguismo profesado por ambas as figuras.
Da man de Xosé Estévez foi posíbel achegarnos a unha figura que merece a pena seguir afondando nela e que segue a sorprender. Baixo a pegada de persoeiros fulcrais como Castelao ou Bóveda surxe esta figura merecente tamén de ocupar un lugar de altura e que lega un pensamento e obra de calado con valores e ideiais de absoluta vixencia e modernidade: pacifismo, amor ao país, xustiza social, ética…
Nese senso, mencionar a praxe de Plácido Castro exercendo un nacionalismo galego relacionado co mundo, aberto, en diálogo coas outras nacións, co idioma galego para se comunicar con outras culturas entre elas as atlánticas, Portugal ou o Brasil. Non por acaso o galeguismo será quen traducirá o Ulises de Joyce na revista Nós por vez primeira a unha língua peninsular e, nese camiño, o propio Plácido Castros traducirá poesía irlandesa (Yeats), inglesa (Cristina Rossetti) e mesmo o Rubaiyat de Omar Khayyam, moita dela só accesíbel en inglés.
Na súa rigorosa ponencia salientou Xosé Estévez a súa participación no Galeuzka xunto Euskadi e Catalunya o que garantiu estarmos de partida coas citadas nacións do estado no primeiro nivel do autogoberno da República e no presente, pese ás súas eivas. Momentos para aprender e sinalar o protagonismo na Conferencia de Nacións con Plácido como representante do Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas de Berna en setembro de 1.933.
Non remata nesta andaina a achega a esta figura, seguirán outros concellos con esta xeira que ilustra ano a ano e evita que caia a escuridade sobre este persoeiro. Grazas Fundación Plácido Castro, a Xulio Ríos e a todos e todas os asistentes.
E ficarán tamén momentos para a curiosidade mais moi próxima a Rianxo, a súa colaboración no ano 1961 no Ateneo do Ullán cerne da Romaría Viquinga xunto a rianxeiros como Faustino Rey Romero ou Xesús Santos.
Adolfo Muíños,
Alcalde de Rianxo.